POR UNHA MAREA GALEGA


Moción para a “revisión de oficio” da resolución do tribunal cualificador do concurso de provisión de prazas de auxiliares administrativos de agosto de 2007
Que o pasado xoves, 21 de febreiro de 2008, foille entregado, na súa calidade de portavoz do GM do BNG de Cambre, o informe do xefe da área de Urbanismo e Réxime interior sobre a convocatoria do concurso para a provisión de prazas interinas de auxiliares administrativos, celebrado no mes de agosto de 2007. Isto, en cumprimento da resolución do Pleno ordinario de 31 de xaneiro deste ano.

Analizado o informe mencionado e, comprobado que, segundo corrobora o informe técnico, as bases do concurso foron vulneradas de maneira sistemática, presentamos a seguinte moción para o seu debate e aprobación polo Pleno do concello de Cambre. Isto sen menoscabo das outras actuacións decididas polo mencionado Pleno da Corporación de 31 de xaneiro.

Moción para a “revisión de oficio” da resolución do tribunal cualificador do concurso de provisión de prazas de auxiliares administrativos de agosto de 2007

A análise do informe da Área de Urbanismo e Réxime Interior do Concello de Cambre, a instancias da decisión adoptada polo Pleno, non ven senón a confirmar a denuncia exposta polo BNG, e os demais grupos municipais, excepto o socialista, sobre graves irregularidades cometidas na resolución e adxudicación de prazas deste concurso.

Confirma que se produciu unha vulneración das bases da convocatoria, das regras de xogo, totalmente inadmisíbel nunha sociedade como a nosa.

Como xa quedou demostrado no Pleno de xaneiro, unha tras outra, as bases, as normas establecidas para puntuar os méritos das persoas concursantes foron “papel mollado” ao que non se lle prestou a máis mínima atención. Pasouse por alto todo rigor e ecuanimidade e, froito diso, foron nomeadas persoas como funcionarias sen ter os méritos necesarios e, pola contra, persoas que si contaban con eles, víronse relegadas e discriminadas no acceso a un posto de traballo público. Curiosamente, como explicamos no seu momento, foron tres persoas do contorno político e persoal do goberno socialista as beneficiadas deste cúmulo de irregularidades.

A desmesura desta decisión, supera os límites admisíbeis do erro ou do descoñecemento. Mesmo, para quen tivemos, en cumprimento da nosa función e obriga, que analizar este expediente, pode alcanzar a cualificación de fantástico, de impropio dun estado de dereito como no que vivimos. Observando as contestacións do tribunal ás tímidas reclamacións presentadas por algunha das concursantes, á vista dos resultados, estamos máis convencidos aínda de que este concurso estaba resolto antes do seu final e que, algunha das persoas nomeadas funcionarias interinas, estaban designadas “de facto” antes do inicio do expediente.

Pero vivimos nun estado de dereito, como antes diciamos, e existen mecanismos para facer respectar os dereitos das persoas.

Dereitos fundamentais das persoas, recoñecidos pola Constitución e o ordenamento xurídico foron vulnerados neste proceso. Non se aplicaron as bases do concurso á hora de baremar os méritos aportados polas persoas concursantes. Desta maneira adquiriron a condición de funcionarios interinos persoas que non reunían requisitos necesarios e, foron rexeitadas outras que tiñan méritos suficientes. Rompeuse, polo tanto, o principio de igualdade e mérito no acceso á función pública. E iso queda demostrado no informe aportado polo departamento de réxime interior cando confirma que a aplicación das bases do concurso, nomeadamente a 6ª e a 7ª (valoración de méritos e entrevista), non teñen posibilidade de interpretación. Isto é, que os cursos de formación teñen que ser certificados por organismos oficiais, e explica que é e que se entende por organismo oficial, ou que a vida laboral se demostra con copia compulsada de contrato de traballo e, xunto con ela, por certificación da tesourería da Seguridade social, exclusivamente. Ou, en referencia a base 7ª, a referida a entrevista, e ás preguntas sobre coñecementos que nela se formularon, evidentemente fora de lugar nun concurso como este.

Estamos, pois, diante dun acto con graves vicios que, nos aspectos penais será a administración de xustiza quen teña que determinar as responsabilidades, como así decidimos en xaneiro, pero que, nos aspectos administrativos corresponde a este Pleno corrixir a situación.
Neste sentido propoñemos ao Pleno do Concello a adopción dos seguintes acordos:

1- Que se inicie a revisión de oficio da resolución deste expediente, consonte ás disposicións legais vixentes: Lei 30/92 de Réxime xurídico das administracións públicas e, Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da administración xeral do Estado. E que se proceda a iniciar todos os trámites necesarios para a nulidade deste acto.

2- Que se declare lesivo para o interese público a resolución de nomeamento de funcionarios interinos deste concurso.

3- Que se proceda, no prazo máximo de dez días, á convocatoria urxente mediante oposición, das cinco prazas de auxiliares administrativos obxecto do concurso de interinaxe.


Cambre, 23 de febreiro de 2008
Categoría: Mocións - Publicado o 22-02-2008 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Moción urxente polas irregularidades na contratación de 5 auxiliares administrativos no Concello de Cambre
Os grupos municipais do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida-Izquierda Unida e Partido Galeguista presentan unha moción conxunta

A moción foi aprobada por 14 votos a favor e 6 en contra, o concelleiro sr. Varela Tejedor non volveu ao pleno despois de ausentarse para o debate da súa compatibilidade co posto de xefe do gabinete no concello de Culleredo



MOCIÓN



A situación de alarma xerada polos indicios de malas prácticas e irregularidades en procedimentos de selección de persoal funcionario no concello de Cambre, baixo a responsabilidade do 1º tenente de Alcalde, D Javier Varela Tejedor, como concelleiro delegado de Presidencia, Planificación e Réxime Interior e, do Alcalde, D. Antonio Varela Saavedra, como xefe nato de persoal e, máximo responsábel do goberno, non foi debidamente esclarecida con motivo da comparecencia do Sr. Varela Tejedor á iniciativa dos grupos municipais do PP, BNG, EU e PG, no Pleno ordinario do concello de Cambre de 31 de xaneiro de 2008.

As preguntas e esixencia de explicacións dos diferentes grupos políticos non obtiveron respostas satisfactorias por parte dos responsábeis políticos citados. Antes ben, este debate en Pleno, só contribuíu a acrecentar e fortalecer as sospeitas de irregularidades e de vicios que, supuxeron unha vulneración dos dereitos das persoas que concursaron no proceso selección de auxiliares administrativos do pasado mes de agosto de 2007, na medida en que non se seguiron os principios de mérito e capacidade á hora da selección final.

Por estes motivos o Pleno do Concello de Cambre, despois de sometido a votación, aproba as seguintes resolucións:

1º Remitir unha copia do expediente completo deste proceso de selección de persoal ao Fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Incluirá toda a documentación do expediente deste Pleno relacionada co asunto.

2º Remitir, así mesmo, outra copia ao Valedor do Pobo.

3º Encargar ao departamento de persoal do Concello de Cambre que emita un informe sobre os trámites, xestión e conclusión deste expediente de selección de persoal, que terá que ser entregado aos portavoces dos grupos municipais antes do seguinte Pleno Ordinario. Nunca despois do vindeiro xoves, 21 de febreiro. Neste informe daráselle especial atención a responder ás preguntas formuladas polos distintos GGMM nesta sesión plenaria.

4º Así mesmo, seralles remitida, Ao Fiscal e ao Valedor do Pobo, a acta deste pleno unha vez sexa aprobada




Cambre, 31 de xaneiro de 2008
Categoría: Mocións - Publicado o 01-02-2008 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
O servizo de correos
2ª MOCIÓN: PARA A PRESTACIÓN EFICAZ DO SERVIZO DE CORREOS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En Galiza o servizo postal é un dos grandes medios de cohesión socio económica, sobre todo neste medio rural e metropolitano caracterizado pola dispersión e, por engadido, un dos garantes da información e a comunicación, e tamén da xestión económica a través do xiro postal; unhas positivas virtualidades que agora se están a poñer en grave risco.
Dende hai máis de dez anos, o modelo deseñado polos Gobernos do Estado para o servizo postal foi o de procurar no longo prazo unha privatización do Servizo de Correos: alleamento de servizos concretos, creación de empresas de reparto de paquetería e progresiva supresión dos postos de persoal funcionario, para transformalos en postos de persoal laboral adscritos a unha sociedade anónima, e non directamente á Administración do Estado.
Os/As funcionarios/as de correos xa non son corpo especial, o que pode favorecer a súa marcha: mobilidade para poder trasladarse a outras administracións. O propósito é eliminar funcionarios/as. Fanse repetidas reducións de persoal, as xubilacións non son substituídas por novos traballadores/as, as condicións laborais sofren un deterioro paulatino, engadidas as presións que sofren os/as traballadores/as; e a calidade do servizo vaise empobrecendo.
Preténdese así facer de Correos unha entidade rendíbel, fronte ao modelo de servizo público destinado a atender as necesidades cidadáns.
Esta tendencia veu provocando moito dano ao servizo e ao seu persoal, dano aínda máis notábel en Galiza, e que o noso concello está a sufrir, polas súas peculiaridades de asentamento poboacional disperso. . Lembramos as periódicas chamadas de atención a Correos nos últimos anos, os xa incontábeis pronunciamentos plenarios sobre problemas no Polígono do Espírito Santo, no Temple, Cambre, etc, sobre horarios de atención, sobre retrasos nas entregas. Non estaría demais que recordaramos, tamén, que os servizos de correos en Cambre utilizan locais municipais emprestados para os seus labores. O concello, e polo tanto, a cidadanía, están a investir para que este servizo funcione.

Neste contexto cómpre salientar a aprobación polo Goberno do Estado do Regulamento reitor da prestación dos servizos postais. Mentres que coa anterior normativa estabelecíase a obriga de entregar correspondencia cinco días laborábeis á semana, o novo decreto reduce esa obriga, e crea os chamados “contornos especiais”, nos que se elimina a entrega domiciliaria. Nestes “contornos” a entrega dos envíos postais ordinarios realizarase a través de “buzóns individuais non domiciliarios” e de “casilleiros concentrados pluridomiciliarios”. E a entrega dos envíos a través de tales buzóns será -dise- “todos os días laborábeis e, polo menos, cinco días á semana”.
Prevese, ao propio tempo, que a entidade prestadora do servizo postal universal poderá “acordar cos usuarios, os concellos, así como os promotores o establecemento, situación e financiamento de instalacións apropiadas para a entrega dos envíos postais ordinarios”.
Prevese asemade que “se as vivendas ou edificacións do entorno afectado non dispuxesen das instalacións apropiadas para a entrega dos envíos postais ou estas non se atopasen en condicións de uso adecuadas, o operador universal facilitará a entrega dos envíos postais na oficina postal máis próxima, previa comunicación escrita aos/ás destinatarios/as de dita circunstancia e do horario no que poderán ser retirados”. É dicir, se non hai buzón, a xente terá que desprazarse á oficina máis próxima.
A isto cómpre engadir que, segundo o novo regulamento, a consideración de “contornos especiais” é amplísima. Abonda con ter en conta, por exemplo, que terán esa consideración (e é un só suposto) “as vivendas illadas ou situadas en contornos cualificados como diseminados e que estean situadas a máis de 250 metros da vía pública habitualmente utilizada por calquera dos servizos públicos”.
Xa se ve, polo dito, que practicamente todo o rural galego queda baixo estas condicións. Non se esqueza que Galiza non só ten 32.000 núcleos de poboación (a metade do Estado), senón tamén máis do 50 por cento dos carteiros de España.
Atopámonos así nunha situación que é nomeadamente grave en Galiza, que minora a condición de servizo público dos correos, que non ofrece garantías de inviolabilidade da correspondencia, que obedece a criterios puramente economicistas e non de seguridade e eficacia do servizo, e que, a mais de todo iso, pode supor, de se implantar, a perda de máis de 400 postos de traballo en Galiza, sobre todo no deprimido medio rural; todo iso, por non insistir na perda de calidade, o trastorno dos usuarios e un incumprimento do espírito da Lei.
Esta situación estámola xa a sufrir no noso concello, polo que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego insta ao Pleno da Corporación Municipal, a adoptar o seguinte

ACORDO

1.Dirixirse ao Goberno Galego para que inste ao Ministerio de Fomento do Goberno do Estado a garantir, sen detrimento das condicións laborais do persoal, a prestación eficaz do servizo postal universal no termo municipal en condicións de igualdade e non discriminación polo lugar de residencia, revocando, asemade, calquera medida que poida menoscabar o dereito cidadán á inviolabilidade da comunicación postal.
2.Enviar o presente acordo ao Presidente e ao Vicepresidente da Xunta de Galiza e, ao presidente do Goberno do Estado e á ministra de Fomento.
Categoría: Mocións - Publicado o 28-01-2008 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Tarifa nocturna
3ª MOCIÓN: SOBRE A SUPRESIÓN DA TARIFA ELÉCTRICA NOCTURNA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Dende o ano 1983 estabeleceuse, no Estado Español, a denominada Tarifa Eléctrica 2.0N (coñecida como Tarifa Nocturna). Esta tarifa baséase na filosofía de primar o consumo nas horas nocturnas, onde a potencia consumida no conxunto do sistema eléctrico é menor.
Esta tarifa ten un desconto do 55% nas horas nocturnas e un recargo do 3% nas horas centrais do día. E favorece o consumo de determinados electrodomésticos, como son: acumuladores, lavadoras, lavalouzas, quentadores de auga, etc, que se poden usar de noite.
A tarifa nocturna busca un consumo enerxético máis responsábel e solidario, e obrigou a instalación nos fogares de determinados equipamentos, cun elevado custe de investimento, como foron os acumuladores eléctricos.
O termo de potencia contratada, que é un concepto fixo, na factura eléctrica, estímase en 5,3 Kw de media para os clientes desta tarifa.
Actualmente no Estado hai, aproximadamente, 1 millón de clientes desta tarifa; no caso de Galiza, debido a súa climatoloxía que obriga ao uso dun sistema de calefacción eficiente, temos uns 160.000 usuarios/as, é dicir, o 16% do conxunto do Estado.
A tarifa nocturna mantívose sen modificacións dende o ano 1983 até o ano 2006, no que xa non permitiu novas altas baixo esta tarifa, mais o cambio fundamental está en que ‘Os/As consumidores/as acollidos/as a esta tarifa (tarifa nocturna) deberán comunicar á empresa distribuidora, antes do 1 de xullo de 2008, a nova tarifa á que desexen acollerse. Unha vez transcorrido o prazo, sen que o/a cliente solicite as novas condicións do contrato, a compañía distribuidora aplicará automaticamente outras tarifas de acordo coa potencia contratada”.
É dicir, a partires do 1 de xullo do 2008, desaparece a Tarifa Nocturna.
Con este Real Decreto obrígase aos/ás clientes con esta tarifa a contratar unha nova potencia, superior á que tiñan no consumo das horas punta e a un incremento do prezo sobre o consumo que tiñan nas horas punta, xa que pasan dun recargo do 3% a un 35%. En conxunto o incremento que poden padecer, na factura eléctrica, pode chegar ao 49%.
Na nova Orde de Tarifas Eléctricas existe a nova Tarifa de Discriminación Horaria, mais, para acollerse a esta nova tarifa, os/as usuarios/as de Tarifa Nocturna deben asumir integramente os custes do cambio, que son cantidades importantes e que están estimadas entre 400 e 500 €uros por cliente. Uns 200 €uros se gastarán no cambio de limitadores de potencia e outros 200 ou 300 €uros, na adaptación dos sistemas de calefacción, que deberán cambiar as actuais resistencias por outras de menor potencia, ou ben, estabelecer dous circuítos de calefacción independentes entre si.
Asemade, unha vez realizadas as modificacións precisas, na nova Tarifa de Discriminación Horaria, haberá que pagar por un maior incremento da potencia contratada, que é unha parte fixa da factura eléctrica. Isto terá un efecto especialmente negativo en Galiza, pois haberá que contratar unha potencia que se emprega fundamentalmente no inverno (polos acumuladores eléctricos), e se continúa pagando na primavera e no verán, cando non se necesita tanta potencia; isto coa Tarifa Nocturna non pasaba.
Como vemos, esta nova regulación das tarifas eléctricas, vai supor un importante gasto nas economías familiares, se temos en conta a media salarial e de pensións en Galiza; asemade o Goberno do Estado non contempla, na nova regulación, ningunha medida de compensación, nin reparte cargas entre usuarios/as e empresas distribuidoras que, en definitiva, serán as grandes beneficiarias.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG solicita a aprobación polo Pleno da Corporación do seguinte
ACORDO

1-Instar á Xunta de Galiza a que demande do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio o mantemento dunha tarifa con características semellantes á nocturna e a gratuidade do cambio de limitadores, así como a creación de liñas de subvención para os custes de adaptación dos equipamentos das vivendas de usuarios/as de Tarifa Nocturna que desexen acollerse á Tarifa con Discriminación Horaria.
2-Comunicar este acordo á Presidencia da Xunta de Galiza e á Consellaría de Innovación e Industria.
Categoría: Mocións - Publicado o 28-01-2008 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Apoio ao pobo Saharaui
4ª MOCIÓN: DE APOIO AO POBO SAHARAUI


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O vindeiro 27 de febreiro celébrase o 32º aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática. Sen embargo, nestes trinta e dous anos, nin a comunidade internacional a través das Nacións Unidas, nin o Estado español como responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental, foron quen de garantir o respecto do dereito internacional e o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas que recoñecen o dereito de autodeterminación do pobo saharaui.

Hoxe, os territorios do Sáhara Occidental, repartidos en primeira instancia e co beneplácito e complicidade do Goberno español, en 1975, entre Marrocos e Mauritania, continúan ocupados de maneira ilegal polo Estado de Marrocos, unha ocupación non recoñecida a nível internacional por supoñer unha vulneración flagrante do dereito internacional. Neses territorios ocupados, miles de saharauis sofren habitualmente a represión e a violación dos dereitos humanos por parte das autoridades de Marrocos, tal e como teñen denunciado non só o Fronte Polisario, senón tamén organizacións de defensa dos dereitos humanos tanto de Marrocos como internacionais, o que ten provocado declaracións de condena e rexeitamento en ámbitos como as Nacións Unidas ou o Parlamento Europeo.

Outra parte da poboación saharaui, aproximadamente 150.000 persoas, vive refuxiada en condicións infrahumanas desde hai máis de trinta anos, no deserto arxelino, un dos lugares máis inhóspitos e inhabitábeis do planeta, perto da cidade de Tinduf. Nos últimos anos, e coa pretensión de dobregar ao pobo saharaui, tense reducido de maneira alarmante a axuda humanitaria e o programa de alimentos, imprescindíbeis para a subsistencia dos refuxiados e refuxiadas.

Desde o alto o fogo acordado a principios dos anos 90 teñen transcorrido case 20 anos caracterizados pola oposición sistemática de Marrocos aos diferentes plans de paz formulados por Nacións Unidas que sempre, de maneira inequívoca, recoñeceron o dereito de autodeterminación do pobo saharaui para decidir o seu futuro.

Ao longo destas tres décadas, case un centenar de países de todos os continentes teñen recoñecido oficialmente á República Árabe Saharaui Democrática, que ademais forma parte da Unión Africana.

Por outra banda, tamén, neste período de tempo teñen sido numerosas as mostras de solidariedade do pobo galego co pobo saharaui traducidas especialmente nos centos de familias que todos os veráns acollen a cativos e cativas procedentes dos campos de refuxiados de Tinduf.

Por todo o dito, o BNG propón que o Pleno da Corporación Municipal, facéndose eco do sentir da maioría dos veciños e veciñas e desde a defensa da legalidade internacional e da solidariedade entre os pobos, adopte os seguintes

ACORDOS

1.- Manifestar o apoio do noso concello ao pobo saharaui, expresando a condena pola ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental e reclamando a súa descolonización definitiva a través do exercicio do dereito á autodeterminación recoñecido polas Nacións Unidas. Así mesmo, condenar a represión e a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental por parte das autoridades de Marrocos.

2.- Levar a cabo as seguintes accións:
a)Estudar o irmanamento cunha daira saharaui, dotando a dito irmanamento solidario de contido político, cultural e económico.
b)Desenvolver campañas de información e sensibilización social en todo o concello.

3.- Reclamar ao goberno galego e ao goberno español a condena da ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental, o apoio explícito á celebración dun referendo de autodeterminación do pobo saharaui e a exixencia de cumprimento por parte de Marrocos das resolucións de Nacións Unidas.

4.- Reclamar do goberno español o recoñecemento oficial da República Árabe Saharaui Democrática e, así mesmo, o impulso no ámbito internacional do incremento da axuda humanitaria dirixida aos campos de refuxiados de Tinduf.

5.- Acórdase dar traslado destes acordos ao Presidente e Vicepresidente da Xunta de Galiza, Presidente do goberno español, Ministro de Asuntos Exteriores, Portavoces dos Grupos Parlamentarios do Parlamento Galego e do Congreso dos Deputados, Embaixada de Marrocos en España, representante do Fronte Polisario en Galiza e Presidente de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Categoría: Mocións - Publicado o 28-01-2008 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
Moción 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é unha data para a denuncia, para a concienciación social, e para avaliar os avances que se teñan dado e anticipar novas liñas de actuación.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra este fenómeno. A Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero é un instrumento para unha nova abordaxe desta temática no ámbito galego, co fin de conseguir unha verdadeira realización do principio de igualdade entre mulleres e homes,
A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que tomar consciencia e responsabilizarse na tarefa de eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Tomar consciencia é un paso que hai que dar de modo colectivo, desde o mundo laboral, as institucións, os medios de comunicación, o ensino, etc, mas tamén é un paso que se debe dar de modo persoal e individual.

Para construír unha sociedade baseada nos valores democráticos de igualdade necesitamos de medidas lexislativas, pero tamén é necesario o compromiso social. Este compromiso social constrúese desde a solidariedade persoal á hora de condenar sen paliativos as accións de violencia contra as mulleres, de denuncialas e facer visíbeis esas denuncias.

Por iso o BNG quere chamar tamén á responsabilidade e ao compromiso persoal de cadaquén. Os agresores non deben achar respaldo para continuar con “normalidade” a súa vida mentres as mulleres agredidas pasan auténticas dificultades para recuperar as súas. Estas dificultades son moitas e teñen que ver co aspecto económico, laboral, familiar e social.
No momento en que vivimos, onde as mulleres seguen a ser obxecto de maos tratos e moitas perden a vida a mans da súa parella ou ex-parella, non cabe ollar para outro lado, debemos dar a cara todos e todas, e asumir homes e mulleres que coa violencia de xénero non caben medias tintas.

O papel que teñen os concellos nesta loita común é fundamental, xa que poden actuar como ponte de conexión entre as políticas deseñadas a nivel nacional polo goberno galego e a cidadanía, e poden constituírse nun modelo de repulsa para todos os veciños e veciñas, manifestando a súa total condena e proclamando a súa corresponsabilidade na prevención, persecución e denuncia dos casos de violencia machista, así como a atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

As cifras de denuncias e de mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano, poñen de manifesto dunha maneira brutal, que aínda non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindíbel a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas. Sabemos que nos enfrontamos a un problema estrutural, pero este feito non pode converterse nunha escusa para non actuar.

Cómpre pois unha implicación real de todas as administracións no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación.
Unha das medidas fundamentais é apoiar as mulleres para que poidan iniciar unha nova vida en liberdade e protexida dos agresores.
En consecuencia, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

O Pleno do Concello de Cambre aproba a creación dun fondo de emerxencia, contemplando no orzamento unha partida específica, que sirva para atender os casos de mulleres do noso concello que de maneira urxente necesiten recursos por padecer situacións de violencia de xénero.
Categoría: Mocións - Publicado o 26-11-2007 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
Moción de recoñecemento de Sementeira

O pasado 23 de novembro - véspera de Sta. Cecilia-, a Escola e Banda de Música Sementeira, participou no Iº Certame Galego de Bandas Populares, dentro da terceira categoría.

O resultado desta participación non puido ser mellor. Sementeira acadou os dous primeiros premios en disputa na súa categoría: A mellor banda e, a mellor banda intérprete de música galega.

Este resultado non é unha casualidade. E froito do traballo constante e da ilusión de moitas persoas durante moito tempo. Debemos destacar, sen esquecer as orixes que fundamentaron os alicerces sobre os que hoxe traballa Sementeira, o esforzo da dirección da entidade, do Director da Banda e do cadro de mestres e mestras, pero tamén dun alumnado e músicos afeccionados que, sobre todo este último ano, teñen amosado unha capacidade de entrega e de sacrificio fora do común.

Nesta ocasión o recoñecemento chegou en forma de premio. Acadouse un agasallo merecido e labrado co traballo. Por iso cremos que un momento especial no que o pobo de Cambre debe sumarse a ese recoñecemento e expresalo da mellor maneira posíbel: manifestándoo oficialmente a través da súa representación democrática.

Neste sentido o GM do BNG propón ao Pleno a adopción do seguinte

acordo:


A Corporación municipal de Cambre exprésalle á Escola e Banda e Música Sementeira a súa máis sincera felicitación polo éxito acadado no Iº Certame Galego de Bandas Populares e, solicita ao seu Presidente e Xunta Directiva, que expresen esta felicitación ao Director da Banda, ao cadro de mestres, aos alumnos e compoñentes da Banda e, como non podía ser menos, ás familias dos rapaces e rapazas que foron imprescindíbeis para acadar este obxectivo.

A Corporación Municipal manifesta a súa satisfacción por este novo fito acadado por sementeira, poñendo o nome de Cambre nun lugar de honra da Cultura Galega.

A Corporación, ademais, amosa a súa intención de que este recoñecemento se exprese de maneira concreta nunha colaboración coa entidade que premie nunha actividade de lecer este bo facer, para o que establecerá conversacións coa Xunta Directiva de Sementeira.


Cambre, 25 de novembro de 2007
Escola de Música e Banda Sementeira
Categoría: Mocións - Publicado o 26-11-2007 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
MOCION SOBRE O CAMPO DE FUTBOL DE LENDOIRO-A BARCALA
O club de fútbol Once Caballeros, que ten a súa sé na parroquia do TEMPLE (CAMBRE), ven utilizando, desde fai anos, o campo de fútbol de Lendoiro-A Barcala (Cambre), de titularidade municipal.

Na tempada pasada 06/07 o devandito club non puido utilizar as instalacións debido ó deterioro das mesmas, procedéndose no mes de setembro de 2006 a iniciar os trámites necesarios para o seu arranxo (proxecto de obra, permiso de augas de galicia e licitación, esta última en abril do 2007). Coménzase a obra en xuño do dous mil sete

O campo debía estar rematado o día 28 de agosto de 2007, data na que o Club de Fútbol Once Caballeros comenza a campaña 2007/2008.

O devandito club está a utilizar instalacións en SIGRAS, CAMBRE e noutros concellos límitrofes para poder levar a cabo as súas actividades ,e neste intre conta coas seguintes categorías e deportistas:

CATEGORIA EQUIPO DEPORTISTAS
VETERANOS A 25
2ªAutómicaA 24
ALEVIN A 11
ALEVIN B 11
BENXAMIN A 12
BENXAMIN B 16
PREBENXAMIN A 11
PREBENXAMIN B 11
ESCOLA DE FUTBOL (NENAS E NENOS DE 4 E 5 ANOS) NON COMPITE 14



Do mesmo xeito, ten catorce xogadores, de categoría infantíl que, xogan no equipo TORRE da Coruña debido a unha decisión da FEDERACION que se atopa recurrida perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, motivada por un posible erro administrativo.

Este número de deportistas fai que sexa complicado que leven a cabo o seu labor por non ter unhas instalacións axeitadas e, a lentidude coa que se están a levar a cabo as obras causa danos e perxuizos, que aínda que non son irreparables si producen sensación de malestar en todas aquelas persoas que forman parte do club, o que repercute nas distintas actividades que realiza

POLO QUE A TRAVÉS DA PRESENTE MOCIÓN QUE PRESENTAMOS CONXUNTAMENTE TODOOS GRUPOS POLITICOS DO CONCELLO DE CAMBRE INSTAMOS O EQUIPO DE GOBERNO A:


1)Que se rematen estas obras que están comenzadas antes do 1 de xaneiro de 2008
2)Que se inclúan no proxecto, de xeito definitivo, tódalas actuacións necesarias co obxecto de acadar unhas condicións mínimas para a práctica do fútbol (peche perimetral, recollida de augas residuais, equipamento e instalación eléctrica)
3)A incluir no Plan Especial de Herba Artificial da Deputación Provincial, (Boletín Nº 252. Mércores, 31 de outubre de 2007)Anuncio Pág. 11775 Reg. 07/12405-x.). Pleno da Deputación 26-10-07, ou na vindeira convocatoria da Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia o devandito campo.
4)Que se habilite unha linea de subvencións, ben través dun convenio específico, ou dunha partida presupostaria, tamén específica, para as categorías de veteranos.


Categoría: Mocións - Publicado o 23-11-2007 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Medios para o grupos municipais

MOCIÓN PARA QUE SE HABILITEN DE MANEIRA INMEDIATA AS OFICINAS DO CENTRO SOCIOCULTURAL DA BARCALA PARA O USO DOS GRUPOS
POLÍTICOS MUNICIPAIS EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O Regulamento Orgánico Municipal vixente, no seu art. Artigo 11 di:

1.-Os grupos políticos disporán, na Casa do Concello ou nun inmoble próximo pertencente ó Concello, dun local ou despacho para se reunir de
maneira independente e recibir visitas dos cidadáns. Os devanditos locais estarán dotados dunha infraestrutura en medios materiais, informáticos e de comunicación necesarios, en consonancia coa capacidade económica e
técnica do Concello.

A pesar desta disposición de obrigado cumprimento, o goberno local non ten dado un só paso para dotar dos medios de traballo mínimos aos grupos municipais. En diversas ocasións, tanto o BNG como outros grupos, temos plantexado esta irregularidade demandando unha urxente solución. O certo é que pasados máis de tres meses nada se ten feito e continuamos na mesma situación de precariedade de medios para podermos desenvolver o traballo para o que estamos elexidos pola
cidadanía de Cambre.

Chegados a este punto e, visto o nulo interése do actual goberno por ofrecer unha solución debe ser o conxunto da Corporación quen tome as decisións. Seguir ao pé da letra a disposición regulamentaria podemos entender que resulte difícil no curto
prazo pero, como non podía ser doutra maneira, con boa vontade podemos adoptar solucións factíbeis de maneira inmediata, coa encomenda dunha solución definitiva nun prazo adecuado.

Non ten xustificación desde unha concepción democrática e de tolerancia que uns ocupen todo e a outros se lles negue o máis elemental. Debemos, pois, proceder a un reparto equilibrado de medios en consonancia con este espírito de boas prácticas
que está, ademais, ordenado por lei.

Neste sentido, e de maneira provisional, as oficinas actuais do Centro Sociocultural
da Barcala son o lugar adecuado para cumprir esta función. Contamos con tres despachos preparados máis unha pequena sala de reunións, que tamén se pode converter en despacho, que serían suficientes nun primeiro momento sen necesidade de maiores inversións. Desta maneira os catro grupos municipais na oposición poderemos contar cunha infraestrutura mínima para traballar.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG de Cambre somete á consideración e aprobación do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1- As oficinas do Centro Socio cultural da Barcala, na Rúa Río Brexa, serán distribuídas entre os grupos municipais da oposición. Concretamente os tres despachos existentes e a sala de reunións anexa que se habilitará como despacho.
Ademais distribuiranse os armarios do corredor para poder ser utilizados como
arquivo por cada grupo.

2- Os grupos municipais acordaran entre eles o reparto das salas, ben de común acordo, ben escollendo cada grupo en razón da súa maior representatividade.

3- A dotación mínima de medios deberá estar composta por telefono directo, ordenador con conexión de banda ancha e correo electrónico, impresora, fax e outro material de oficina necesario.

4- Así mesmo dispoñerán de fotocopiadora podendo, este equipamento, ser común para todos.

5- O Alcalde arbitrará as medidas necesarias para que os grupos municipais podan ocupar estas oficinas nun prazo máximo de quince días.

6- Está medida terá carácter provisorio. Encoméndaselle ao goberno municipal a facer as xestións necesarias para que, a medio prazo, dotar de instalacións, mediante adquisición ou alugueiro, aos grupos municipais na casa consistorial ou nas súas inmediacións, tal como se recolle no Regulamento Orgánico Municipal.



Setembro 07
Comentario (0) - Categoría: Mocións - Publicado o 26-09-2007 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Máis seguridade vial para o alumnado que acoden ao Instituto de Sigrás
Beirarrúas Instituto de Sigrás
MOCIÓN PARA A CONSTRUCCIÓN DUNHA BEIRA RÚA OU SENDA PEONIL ENTRE A NOVA PONTE DAS INSUAS E O ACCESO AO IES “DAVID´BUJÁN” EN SIGRÁS


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Son moitas as necesidades de investimento en obras de seguridade vial e accesibilidade no noso Concello. Estarmos atravesados por un sin fin de estradas de diferentes titularidades (provincial, autonómica ou estatal) tense convertido nun grave problema que supera os beneficios de comunicación que aporta. Sobre todo cando os titulares de ditas
estradas teñen esquecido o seu deber de mantemento e mellora pensando na poboación que vive nas súas beiras. Moitas delas son hoxe auténticas travesías urbanas e forman parte, en realidade, da rede de comunicacións locais. En moitas ocasións ten sido por iniciativa municipal, con impostos pagados polos veciños e veciñas de Cambre, como se teñen abordado arranxos ou melloras nestas estradas, suplindo así, a deixación ou abandono ao que estabamos condenados. É certo, tamé, que nos últimos tempos cambiou algo a situación con actuacións do goberno galego ou provincial coas que recuperamos algo de atención. Pero non é dabondo e, os representantes electos de Cambre
temos a obriga de actuar para, en primeiro lugar, coidar a seguridade das persoas. Iso obriga a priorizar e tomar decisións posto que é evidente que os recursos non son ilimitados.

A estrada provincial que une Cambre con Sigrás é un dos puntos negros recoñecidos. Mesmo estes días líamos informes da Policía Local nos que se salientaba que esta estrada era un dos lugares onde estaban a centrar os dispositivos de control de velocidade, precisamente pola densidade do tránsito e a cantidade de infraccións detectadas. Coincide ademais como lugar de paso para centos de rapaces e rapazas que a diario acoden ao IES
de Sigrás ou a Escola de música de Sementeira. Por non estendernos coa relación de cidadáns que a usan para dirixirse a Cambre. Precisamente entre o cruce de acceso ao instituto e a nova ponte das Insuas está o peor tramo. Pouco máis de trecentos metros, en curva, e o único sen ningún tipo de arcén ou beira-rúa na que protexerse de toda a
estrada. A isto hai que lle sumar un deficiente alumeado público, sobre todo no cruce, e
unhas gabias cheas de augas negras permanentemente.

Desde o BNG cremos que é un punto negro prioritario para eliminar e que debe acometerse con toda urxencia.

Nos pasados días chegou a circular da Deputación coas instrucións para cumprimentar a solicitude do POS (plan de obras e servizos). Nesta comunicación infórmase que a Cambre correspóndenlle algo máis de 365.000€ no vindeiro plan e que, os proxectos
deben estar presentados antes do 30 de novembro.
Entendemos que por responsabilidade cos nosos cidadáns debe ser esta unha obra a incluír neste plan e poder así, ser executado na primeira parte do vindeiro ano. Por este motivo desde o Grupo Municipal do BNG de Cambre facemos unha chamada á
responsabilidade e, tamén, á sensibilidade de toda a Corporación, tanto de quen goberna como dos grupos da oposición a que consideremos a importancia desta proposta.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG de Cambre somete á consideración e aprobación do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1- O Pleno de Cambre encoméndalle ao goberno local acometer con toda urxencia un proxecto de beira-rúa ou senda peonil entre a ponte das Insuas e o acceso ao IES “David Buján”. Incluído o proxecto de expropiación de non ser posíbel as
cesións de terreos necesarias.

2- Este proxecto deberá incluír a mellora no alumeado publico, sobre todo no cruce
co instituto e, a reforma de dito cruce, tanto na entrada escolar como no acceso a vía local en dirección ao Souto, e o saneamento dos verquidos existentes.

3- Incluír este proxecto dentro dos que se enviaran coa solicitude do POS deste ano.


Setembro 07
Comentario (0) - Categoría: Mocións - Publicado o 26-09-2007 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
IMPUGNACIÓN SOBRE A CONSTITUCIÓN E COMPOSICIÓN DAS COMISIÓNS INFORMATIVAS
MOCIÓN PARA O PLENO DE 30 DE AGOSTO


Impugnación e proposta de rectificación do acordo plenario de 13 de xuño de 2007 de organización polo que se decidiu a creación dos órganos colexiados municipais, a súa composición e o réxime de reunións.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.


No punto 4º da orde do día do pleno extraordinario de 13 de xullo debatíuse e aprobouse a proposta de Alcaldía sobre “creación e composición das comisións informativas permanentes, da comisión especial de contas e das comisións especiais”.

Este punto foi un dos máis debatidos no mencionado Pleno en consonancia coa importancia do asunto. Lembremos que, segundo explicou este portavoz, o que se estaba a dirimir eran os instrumentos de participación política dos grupos municipais e dos concelleiros e concellerias para o resto da lexislatura.

No transcurso do debate, por parte do BNG, expuséronse varias razóns polas que se consideraba a proposta da Alcaldía como un paso atrás nos dereitos de participación política en Cambre e, mesmo, irregular desde o punto da vista das normas legais de funcionamento da Corporación. Punto de vista que como é sabido, chocou coa postura intransixente e inamobíbel de quen formulaba a proposta e, co apoio explicito do PP, quen coa súa abstención facilitou a aprobación dunha proposta que recorta os dereitos de participación dos concelleiros e concelleiras que non forman parte do goberno. Postura, esta, que máis aló de consideracións éticas ou políticas, destaca por sorprendente, pois sorpresa é o que provoca que un grupo político apoie a aprobación dunha norma que diminue e recorta os seus dereitos de participación e os dos seus membros.

O BNG formulou no Pleno de organización, ademaís da súa oposición a esta proposta, unha serie de dúbidas sobre a legalidade dos acordos que se ían adoptar, e que, ao cabo, foron adoptados. Nese sentido manifestaba que lle parecía insuficiente, desde o punto de vista da xustificación xurídica, a relación e interpretación de disposicións legais presentes na propia proposta da Alcaldía e , botaba en falla, un informe asinado por técnico competente, que garantira e xustificara a legalidade da proposta. Por iso, dias despois, o 20 de xullo, este portavoz do GM do BNG, presentou por rexistro de entrada un documento con varias preguntas que pretendía botar luz sobre as dúbidas plantexadas. As preguntas formuladas na solicitude de informe á Secretaría Xeral do Concello, foron contestadas por escrito o pasado 20 de agosto, en documento asinado pola Sra. Secretaria Xeral do Concello e, cun anexo asinado pola Sra. Interventora.

Debemos, neste punto, manifestar o noso agradecimento pola elaboración deste informe, sabedores de que o RD 1174/87 de 18 de setembro que regula o réxime xurídico dos Funcionarios de Habilitación Nacional, no seu art. 3-a, contempla a obriga de elaborar ditos informes entre outras razóns , á solicitude dun terzo dos concelleiros da Corporación e, neste caso, a solicitude presentada polo BNG pódese entender respaldada por catro e non polos sete que, en rigor, define a norma.

Lamentabelmente o informe no contesta satisfactoriamente ás dúbidas do BNG. Probabelmente porque non soubemos, quen as formulamos, acertar coa redacción máis clara. É, pois, un erro propio o non saber transmitir correctamente as cuestións a informar que solicitabamos. Outra cousa son as consideracións de tipo defensivo ou, nalgún caso, valoracións políticas sobre os debates e posturas adoptadas polos GGMM, e nomeadamente polo BNG, que sorprenden vindo de funcionarios municipais e polas que, sen compartilas, manifestamos o noso respecto, como non podería ser doutro xeito, polos seus contidos e polo exercicio de liberdade de expresión que supón, máis aló de que se poda discutir sobre a súa ideonidade no tempo e no lugar nos que se formulan.

Outra cuestión, xa dixemos que con seguridade debido a unha formulación incorrecta das nosas preguntas, é que as repostas aclaren as dúbidas e satisfagan e, polo tanto, den por pechado o asunto.

Con referencia ao número de Comisións Informativas Permanentes, coñecemos o estipulado na LALG e no ROM. Estamos dacordo, xa que logo, con que a creación dunha soa comisión permanente, máis a Especial de contas sería suficiente para cumprir cos preceptos legais e normativos vixentes. Neste caso só cumpre destacar que o único incumprimento que se produce é o da vontade política da maioría que aprobou o ROM en abril de 2000, que redactou no art. 79.2 a recomendación de que o número de comisións se correspondese, no posíbel, co número e denominación das grandes áreas de goberno. Digamos que o que se trasgrede no é a lei pero sí a vontade de existencia de instrumentos de participación. Non estamos a falar de que a realidade non faga posíbel igualar as comisións ás áreas de goberno. Iso sería se a proposta aprobada contemplara seis, ou cinco, pero cando son tres as aprobadas o único que indica é a intención de limitar os dereitos de participación por parte deste goberno e da maioría que o apoia. Ignorando a letra e o espíritu do ROM. Iso sí, coa legalidade da súa parte.

Respeito da composición das Comisións o asunto é outro e imos tentar explicalo. Hai varios puntos e referencias na resposta que son certos. Pero hai outros que non se indican e que, por non estar informados previamente (á celebración da sesión do Pleno) poden dar lugar a que os concelleiros e concelleiras que tomamos as decisións non contaramos con todos os elementos de xuizo necesarios para formar a nosa vontade e poideramos decidir, ao fin, pola posición máis adecuada. A decisión adoptada polo Pleno supuxo a creación de tres comisións informativas permanentes. A composición de ditas comisións estableceuse mediante un representante de cada grupo político formalmente constituido (cinco) aplicandose o sistema de voto ponderado para a toma de decisións.

Desde o noso punto de vista con esta decisión vulneráronse varios preceptos, tanto de forma, de procedimento, como de fondo que deben dar lugar a que o acordo adoptado sexa considerado nulo. O Artigo 15 do Regulamento Orgánico Municipal vixente establece:

1.-Os concelleiros terán o dereito de asistir con voz e voto ás sesións do Pleno da Corporación e ás das comisións das que formen parte. Así mesmo, poderán asistir, sen dereito a voto, ás sesións das comisións das que non formen parte, do xeito que se regula no artigo 139.1 do presente Regulamento.

2.-Os concelleiros terán dereito a formar parte, polo menos, dunha comisión, e a exerce-las facultades e desempeña-las funcións que este Regulamento lles atribúe.

Da leitura deste artigo e da súa comparación coa decisión adoptada polo Pleno resulta incontestábel que se ten producido unha vulneración desta disposición do ROM. Un ou unha edil nacionalista (como mínimo), catro populares e catro socialistas( tamén como mínimo) non formarán parte de ningunha comisión. Transgredíndose así o establecido no ROM. E fáise nada menos que contradecindo un artigo (o 15) situado no comenzo do Título II do ROM que fala do Estatuto dos membros da Corporación e que ademais é o segundo artigo do seu Capítulo 1º, nen máis nen menos que o que regula os Dereitos dos membros da Corporación. Dereitos que, como se vé, foron recortados. E aquí non se fala de “se é posíbel ou de que se procurará”. O ROM é rotundo e non deixa lugar nen a interpretacións nen a equívocos: Os concelleiros e concelleiras teñen dereito a formar parte, cando menos, dunha comisión.”

A decisión tomada polo goberno e pola maioría que o apoia ou consinte, vulnera as normas de funcionamento e a lexislación vixente e condena a un recorte de dereitos ilícito a, cando menos, nove concelleiros ou concelleiras desta Corporación.

Poderase argüir que a aprobación desta proposta conlevaba de maneira implicita unha reforma do ROM. É evidente que o Pleno ten competencia para aprobar e, naturalmente, modificar o ROM. Mesmo non temos dúbidadas en que o actual goberno co respaldo maioritario que ten no Pleno vai a facelo pero, para isto, é necesario que se cumpra a lei, que se respecten as regras de xogo e polo tanto os procedimentos. Se se quere modificar o ROM á baixa que se faga, pero con transparencia, con luz e taquígrafos. E a lei dí que o Regulamento Orgánico necesita para a súa aprobación, derogación ou modificación da maioría absoluta da Corporación. Así se fai constar no 47/2/f da Lei 7/85 reguladora das Bases de réxime local.

2. Requírese o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros das corporacións para a adopción de acordos nas seguintes materias:

f. Aprobación e modificación do regulamento orgánico propio da corporación
Deducimos, segundo o visto, que o procedimento seguido non sustentaría a modificación do ROM. Lembremos que foron sete os votos a favor, os mesmos que en contra e os mesmos que as abstencións populares. Empate que se solucionou co voto de calidade do Alcalde pero lonxe dos once votos que, hoxe por hoxe, constituen a maioría absoluta nesta Corporación. Ao noso entender isto, por sí só, debería bastar para considerar nulo o acordo adoptado.

Pero hai máis, o sistema de votación adoptado é o do voto ponderado –denominado “sistema catalán” segundo acabamos de ser ilustrados polo informe emitido pola Sra. Secretaria o día 20 deste mes- consolidando desta maneira a restricción á participación efectiva de todas e todos os membros da corporación na fase de estudio e dictamen das decisións.

Sería arduo e complexo para un grupo municipal estudiar e poder argumentar con completo fundamento todos os factores de tipo legal ou xurídico implicados neste asunto. Estudiar e dirimir, por exemplo, se os casos nos que se emprega o voto ponderado por algunha institución, sexa local ou autonómica, nalgún órgano de representación e participación dos seus cargos eleitos, anula a participación proporcional en todos os demais ou, como pode ser caso, se a aplicación dun representante por agrupación con voto ponderado só se fai logo de garantir que todos e todas as representantes eleitas teñen asegurada a súa participación nalgún dos órgaos colexiados permanentes creados. Ou, mesmo, gustaríanos que estivese ao noso alcance o acometermos un estudio comparado das prácticas organizativo-xuridicas das institucións locais galegas e, así, podermos formar unha idea máis fundamentada. Pero é evidente que cos medios postos por este goberno á disposición da oposición e sen o asesoramento necesario é tarefa inviábel.
Aínda así, este GM, preocupado e dubidoso con este asunto –lembro máis unha vez que estamos a falar dunha presunta limitación de dereitos das persoas eleitas- encontróuse con fundamentos xurídicos que, ao noso entender, deixan sen defensa ás argumentacións que sustentan a decisión adoptada polo Pleno de 13 de xullo respecto da creación e composición das comisións informativas permanentes.

Se ben é certo que a LALG recolle a posibilidade do sistema do voto ponderado para o funcionamento da Comisión Especial de Contas –de constitución obrigatoria en todos os concellos- e, ao tempo contempla a posibilidade de facer extensivas as súas regras de funcionamento a outras comisións informativas, non é menos certo que en ningún caso explicita que o sistema de voto ponderado permita que algun dos cargos eleitos poida quedar sen participación nalgunha comisión. Supoñemos que desta mesma Lei é da que se fixo transposición ao ROM de Cambre, recollendo de modo literal estes preceptos pero, coa matización sobre os dereitos de concelleiras e concelleiros recollida no art.15.2 do Capítulo I do Título II do vixente ROM como ficou explicado anteriormente. E era lóxico e, mesmo, un motivo de orgullo para Cambre. Porqué no fondo o que se fai no Rom vixente e asegurar de maneira inequívoca o precepto constitucional de participación dos representantes do pobo. Garantíndolles a súa presenza aló para onde foron elexidos por veciños e veciñas: en todos os órganos de debate, información e decisión que conforman a institución municipal. O contrario podería considerarse como unha perversión da vontade popular. Estamos elexidos e elexidas para velar polos intereses da cidanía que nos vota, en todos os órganos de participación da institución da que somos representantes, iso sí, coa representatividade que nos dan os votos, coa súa proporción. Pero que se respecte a proporcionalidade,- e o voto ponderado faino-, non é suficiente porqué prescinde da participación directa dos cargos eleitos en fases fundamentais para a toma de decisións que afectan a cidadanía depositaria da soberanía popular.

E hai que ter moito coidado con tal liña de pensamento xa que podería levarnos a unha transgresión do sistema político do que nos temos dotado. Habería, mesmo, quen poidera interpretar que ademais de contradecir o ordenamento xurídico estariamos saltándonos piares básicos dos fundamentos filosóficos e éticos do sistema democrático de noso.

Imaxinemos, porqué non?, que tamén se podería interpretar que o resultado das eleccións en Cambre e o desenvolvemento dos acontecimentos posteriores, nos deixan unha foto fixa para catro anos e, apartires dela, partindo da representsatividade acadada, o máis importante principio de actuación deberá ser o de “eficacia e eficiencia”. Poderiamos chegar a extremos máis exóticos na interpretación do que vai ocorrer: os sete votos socialistas serían abondo para sacar calquer tema adiante que non precise maioría absoluta, semella que a abstención popular estaría asegurada para garantir maiorías simples e, probabelmente o voto popular, nun exercicio de responsabilidade institucional, sumaríase ao voto socialista cando se requerira maioría absoluta por imperativo das normas. Conclusións: suprimamos os órganos colexiados, mesmo o Pleno que como moito podería ficar reducido a un representante por grupo –con voto ponderado 7+7+4+2+1-. Sobramos 16 concelleiros e concelleiras dos 21 que formamos a Corporación. Desde logo conseguiriamos uns órganos máis axiles e, grande argumento¡ , máis económicos e menos gravosos. Sen dúbida. O erario público podería aforrar importantes fondos reducindo o gasto que tanta comisión e Pleno xeran. Pero ollo co lugar a onde nos levan tales liñas argumentais. As democracias invisten en democracia, non “gastan” en democracia. Para aforrar xa foron os tempos de antes, de antes de 1975 referímonos, e desde o BNG non lles arrendamos a ganancia dese aforro. Nos apostamos por investir en democracia e por seguir a consolidar entre todos e todas un sistema no que acreditamos. Precisamente a democracia non consiste en consolidar os privilexios das maiorías, se non, con todo o respecto á vontade maioritaria, asegurar de maneira estricta os dereitos das minorías. Supoñemos que todo o mundo sabe do que se fala cando se cita que vivimos nun estado de dereito. Pois desde o BNG invocamos o respecto ás normas, as regras de xogo, á lei para que poidamos, todos e todas, confirmar que, efectivamente é o estado de Dereito o que rixe o funcionamento da nosa sociedade.

Estabamos, deciamos antes, preocupados por este asunto e concluimos que nos parecía moi raro que este mesmo debate non se tivese producido nalgún outro lugar con anterioridade. Sabemos que non é un tema que preocupe aos cidadáns e cidadás de Cambre, seguro que non, pero é responsabilidade nosa, dos que somos os seus representantes, asegurarmonos de nos dotar dos mellores instrumentos para defender os intereses de quen nos votaron. Parécenos que o esforzo paga a pena.

Buscando, pois, antecedentes sobre este asunto atopamos que o Tribunal Supremo, en sentencia da Sala Terceira da Sección 4ª do Contencioso Administrativo, de 8 de febreiro de 1999, diante do recurso de casación 3744/1993 e, invocando mesmo preceptos constitucionis, estamos a falar de dereitos fundamentais recollidos entre outros no art 23.2 da Constitución, falla en contra do establecimento do voto ponderado como sistema de exercicio da representación municipal através das comisións informativas. Nesta sentencia, a Sala lembra a doctrina establecida noutra sentencia de 28 de novembro de 1995, na que tivo ocasión de sinalar que o establecimento do voto ponderado nas Comisións informativas desborda a potestade de autoorganización dos concellos, posto que perxudica o estatuto individual dos concelleiros, ademais do principio de proporcionalidade. Pois se ben é certo que os acordos municipais que establezan o voto poderado, posibelmente, permitan acadar dita proporcionalidade, iso sería só no aspecto funcional da adopción de acordos polas comisións, pero non na súa estrutura ou composición.

Transcribimos a continuación un amplo extracto da setencia citada que, por economia, non leremos na súa totalidade, pero da que repetiremos un breve párrafo:




Sentencia TS, de 8 de febreiro de 1999
Recurso de Casación 3744/1993
Sala Terceira da Sección 4ª CONTENCIOSO ADMINISTRATIVA


Na Vila de Madrid, a oito de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Visto pola Sección Cuarta da Sala Terceira do Tribunal Supremo o recurso de casación núm. 3744/1993 interposto polo Letrado do Servizo Xurídico da Deputación Provincial de Sevilla, en representación e defensa do Concello de Castilleja de la Cuesta, contra a Sentenza, de data 3 de febreiro de 1993, ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, con sede en Sevilla, no recurso de devandita orde xurisdiccional núm. 5272/1991, no que se impugnaba acordo municipal adoptado en sesión extraordinaria, sobre creación de catro Comisións Informativas establecendo o «voto ponderado» dos seus membros, sen que se acudiu parte recorrida algunha.


FUNDAMENTOS DE DEREITO

PRIMEIRO.-O recurso de casación formúlase por único motivo, ao amparo do artigo 95.1.4º Lei da Xurisdición de 1956 por infracción das normas do ordenamento xurídico e da xurisprudencia aplicable que se concreta na vulneración dos artigos 4.1 c) e 20.1 c) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local (LBRL), en canto recoñecen aos municipios potestades regulamentaria e de autoorganización en relación aos órganos complementarios.
Devandito motivo arguméntase, por unha banda, mantendo a prevalencia ou aplicación preferente do regulamento orgánico adoptado por cada corporación local sobre calquera norma legal ou regulamentaria da Comunidade Autónoma que puidese contemplar unha regulación relativa a aspectos organizativos e de funcionamento interno das Entidades locais. Sobre esta base entende que a sentenza de instancia infrinxe dita normativa ao anular o acordo sobre o voto ponderado das Comisións Informativas que se crean, xa que o correspondente Acordo de creación ten un rango normativo equivalente ao do Regulamento orgánico. Por outra, sostense que o voto ponderado responde ao criterio de proporcionalidade dos distintos grupos do Pleno municipal; de maneira que a sentenza de instancia ao negar a observancia de tal criterio incorpora unha interpretación ríxida e excesivamente formalista do mesmo, invocando en apoio da súa tese a Sentenza do Tribunal Constitucional 30/1993, de 25 de xaneiro.
SEGUNDO.-Os artigos 137 e 140 da Constitución garanten a autonomía dos municipios para a xestión dos seus intereses e deseñan os trazos esenciais da súa organización sobre a que se pronunciou o Tribunal Constitucional (SSTC 4/1981, 32/1981, 84/1982, 32/1985, 27/1987, 259/1988 e 214/1989, entre outras). Tanto a doutrina destas sentenzas do supremo intérprete da Constitución, como a xurisprudencia desta Sala sinalaron que, en materia de organización municipal, a orde constitucional de distribución de competencias fúndase na existencia de tres ámbitos normativos diferentes correspondentes á lexislación básica do Estado (art. 149.1.18 CE), a lexislación de desenvolvemento das Comunidades Autónomas, segundo os respectivos Estatutos, e a potestade regulamentaria dos municipios inherente á autonomía que a Constitución garántelles no citado artigo 140. É claro, que a potestade de autoorganización [art. 4.1 a) LBRL], ha de exercitarse no marco dos límites establecidos na lexislación estatal e nas lexislacións de desenvolvemento das Comunidades Autónomas que non poden, no entanto, invadir nin descoñecer a potestade de autoorganización que a Constitución garante á instancia municipal. Consecuentemente, o artigo 20 LBRL establece no seu apartado 1 os órganos municipais de carácter necesario, recoñecendo o parágrafo c) deste mesmo apartado a potestade de autoorganización complementaria que corresponde aos propios municipios. Potestade esta, singularizada respecto da potestade regulamentaria local, que comprende o establecemento e regulación da organización e das relacións no ámbito interno, funcionalmente requiridas para o desenvolvimiento da actividade cuxa xestión autónoma encoméndase ao Ente local, dentro do marco que deseñan os principios de competencia, reserva de lei, legalidade e xerarquía normativa que articulan o carácter plural e complexo do noso ordenamento.
Neste sentido, o lexislador estatal establece un modelo organizativo común e uniforme para as entidades municipais, a partir do cal, e con pleno respecto ao mesmo, as propias Entidades locais poden dotarse dunha organización complementaria en virtude dos correspondentes Regulamentos Orgánicos (SSTS 9 de febreiro de 1993 e 11 de maio de 1998, entre outras).
TERCEIRO.-A STC 214/1989, de 21 de decembro declarou inconstitucionais, entre outros, o artigo 5 da LRBRL, singularmente polo seu carácter interpretativo, pero levou a cabo unha interpretación do sistema de fontes que lle conduciu a declarar inconstitucionais os incisos finais do artigo 20.1.c) e 20.2 LBRL. A razón de decidir é que os preceptos citados viñan eliminar a posibilidade dun espazo normativo para a lexislación autonómica de desenvolvemento en materia de organización ao dicir, por unha banda [art. 20.1.c)] que o Regulamento Orgánico municipal non ten máis límites que os que derivan da indicada LBRL, e, por outra (art. 20.2) que as normas autonómicas en materia de organización complementaria non poden contradicir aos regulamentos orgánicos municipais. Esta previsión legal violaba a orde constitucional de distribución de competencias nesta materia que se funda no recoñecemento dos tres ámbitos normativos antes sinalado. O Regulamento orgánico municipal non prima sobre a normativa autonómica no espazo que a esta corresponde. Pero é certo que o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF), aprobado por RD 2568/1986, de 28 de novembro, é norma supletoria en determinados aspectos organizativos dos Regulamentos orgánicos municipais.
CUARTO.-O punto de partida da tese da recorrente é que os acordos impugnados que establecen o voto ponderado nas Comisións Informativas, adoptados dentro dos 30 días seguintes ao da sesión constitutiva do Concello ten rango equivalente ao do Regulamento Orgánico. Pero aínda que pode resultar discutible que se trate de acto administrativo singular do Pleno, en canto a decisión afecta á Corporación na propia esencia da súa organización e funcionamento en forma tal que pode sosterse que non cabe asimilarlle ao resultado da vontade ordenada dun acto singular do Ente senón a unha vontade ordenante de organización do Concello, resulta tamén difícil, atendidos o contido e elaboración de devanditos acordos, a pretendida asimilación ao Regulamento de Organización da Corporación que prevaleza sobre o establecido no artigo 125 ROF, na interpretación dada por Sentenza desta Sala de data 30 de novembro de 1995, precisamente, sobre a admisibilidad dunha composición das Comisións Informativas que trataba de respectar a proporcionalidade mediante o recurso ao mecanismo do voto ponderado. Pero, en todo caso, calquera que sexa a natureza dos acordos do Pleno que se discuten resulta incuestionable que non poden vulnerar o principio que se deduce dos artigos 20.3, 46 e 47 LBRL e do réxime de funcionamento da propia norma legal que impide que na Comisión Informativa, como no Pleno, os Concelleiros poidan estar representados por outros para poder computar os «quorum» necesarios para a constitución ou decisión posto que o voto dos Concelleiros é persoal e indelegable, e iso é así, ata desde a propia perspectiva do artigo 23.2 CE. Así o Tribunal Constitucional, precisamente na STC 30/1993 que a parte recorrente invoca, sinala que non é admisible constitucionalmente unha composición non proporcional das Comisións Informativas xa que, ao ser divisións internas do Pleno, deben reproducir en canto sexa posible a estrutura política deste, para evitar que se elimine a participación dos Concelleiros da minoría na fase de estudo e elaboración de proposta, que é de transcendental importancia, e para evitar que se furte á minoría da posibilidade de participar con plena eficacia no estudo final da decisión. E, como tivo ocasión de sinalar esta Sala na mencionada Sentenza de 28 de novembro de 1995, o establecemento do voto ponderado en devanditas Comisións desborda a potestade de autoorganización do Concello en cuxa representación e defensa recórrese, posto que prexudica o estatuto individual dos concelleiros, ademais de ao principio de proporcionalidade que se xustifica nos principios constitucionais sinalados. Pois aínda que é certo que os Acordos municipais, que establecen o voto ponderado, posiblemente permitirían alcanzar devandita proporcionalidade, iso sería só no aspecto funcional da adopción dos Acordos polas Comisións, pero non na súa estrutura ou composición.
QUINTO.-As razóns expostas xustifican que non se estime procedente o único motivo aducido, e, polo tanto, que non haxa lugar ao recurso de casación, sendo obrigada a imposición das costas por imperativo da LJCA.

Polo exposto, en nome da súa Maxestade o Rei, e pola potestade que nos confire o pobo español,

FALLAMOS

Que debemos declarar e declaramos non haber lugar ao recurso de casación interposto polo Letrado do Servizo Xurídico da Deputación Provincial de Sevilla, en representación e defensa do Concello de Castilleja de la Cuesta, contra a Sentenza, de data 3 de febreiro de 1993, ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, con sede en Sevilla, no recurso de devandita orde xurisdiccional núm. 5272/1991. E impomos expresamente a dita recorrente as costas do presente recurso.

Así por esta nosa sentenza, que deberá inserirse na Colección Lexislativa, definitivamente xulgando, pronunciámolo, mandamos e asinamos.

PUBLICACION.-Lida e publicada foi a anterior sentenza polo Excmo. Sr. D. Rafael Fernández Montalvo, Maxistrado Relator da mesma, estando celebrando audiencia pública a Sala Terceira (Sección Cuarta) do Tribunal Supremo o mesmo día da súa data, o que certifico.



Por todo o exposto e diante dos antecedentes legais ennumerasdos, o Grupo Municipal do BNG de Cambre, ao aveiro do artigo 216-b da LALG impugna os acordos adoptados no punto 4º da orde do día do Pleno Extraordinario de 13 de xullo, dando por citados os principios legais vulnerados, a criterio deste GM. E somete á consideración e aprobación do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:


1. Declarar nulos os acordos do Pleno extraordinario de 13 de xullo, no punto 4º sobre creación e composición das comisións informativas permanentes.

2. Instar ao Sr. Alcalde a convocar urxentemente a xunta de portavoces co fin de negociar unha proposta de estrutura de comisións informativas, acorde co ordenamento xurídico e regulamentario e en consonancia co respecto ao pluralismo e á representatividade da actual Corporación municipal e que respecte os dereitos de representación dos GGMM e dos seus concelleiros e concelleiras.


Cambre, 27 de agosto de 2007
Comentario (0) - Categoría: Mocións - Publicado o 29-08-2007 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG impulsa a elaboración dunha ordenanza municipal de antenas de telefonía

Desterrar a “alarma social” e garantir a saúde pública son os obxectivos


O GM do BNG de Cambre presentas para o seu debate e aprobación unha iniciativa para a elaboración dunha ordenanza municipal sobre a instalación de antenas de telecomunicacións. Esta Moción será tratada no Pleno Ordinario da corporación do vindeiro xoves, 26 de xullo.

No texto proposto incídese en dóus aspectos fundamentais de interese xeral. Por un lado na protección das persoas e a as dúbidas existentes sobre a posíbel afección das ondas radio-eléctricas na saúde e, en segundo lugar, na necesaria regulación dos aspectos urbanísticos, paisaxísticos, medio-ambientais e, tamén económicos desta actividade.“Debemos intervir para evitar a alarma e preocupación social que xeneran estas instalacións e, isto, é unha competencia municipal”, “non somos acaso, os representantes dos veciños”, comentou o portavoz municipal do BNG, xabier Iglesias, logo da presentación desta moción no rexistro municipal. Recordou a fonda preocupación esistente entre os veciños e veciñas do contorno da Costa da Tapia, que debe ser atendida sen máis dilacción e, tamén, a proliferación deste tipo de instalacións por todo o territorio municipal sen as esixibeis licencias. “As compañioas de telefonía mobil, sobre todo, realizan unha actividade importante e imprescindíbel na sociedade actual, pero están obrigadas, como calquera cidadán, a cumprir as normas e a someterse aos regulamentos municipais”. “Non pode ser que un veciño esté sometido a estritos controis urbanísticos, a pagar impostos para beneficio do interese xeral e, determinadas compañias fagan o que lles pete, sen regulación e sen pagar impostos por unha actividade económica que rinde beneficios incalculabeis”, declarou o portavoz nacionalista. “Todos sabemos o que nos custan estes servizos e non está demais que parte deles revirtan no territorio que os fan posibeis”.

A iniciativa nacionalista inclue, para que este asunto non quede no esquecemento, a creación dunha Comisión Especial non permanente que tería como misión elaborar a ordenanza e presentarlla ao Pleno. Esta comisión debería constituirse antes dun mes e, rematar os seus traballos nun prazo de tres. A súa composición, que deberá contar con apoio de técnicos municipais, será representativa de todos os grupos municipais da Corporación.


Cambre, 23 de xullo de 2007

Texto da moción para o Pleno ordinário de 26 de xullo de 2007



MOCIÓN PARA A CREACIÓN DA ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS CONDICIÓNS URBANÍSTICAS PARA A INSTALACIÓN E FUNCIONAMENTO DE ELEMENTOS E EQUIPOS UTILIZADOS NA PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE RADIOCOMUNICACIÓN NO CONCELLO DE CAMBRE


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

A liberalización do mercado das telecomunicacións e a evolución das novas tecnoloxías supuxo, nos últimos anos, unha proliferación das instalacións de servizos que utilizan as radiocomunicacións, en especial das relativas á telefonía móbil e radiotelevisión. Este feito, unido ao forte impacto que moitas delas teñen na paisaxe urbana, rural e natural e á carencia de normativa específica municipal, determinan a necesidade de regular as condicións de localización, instalación e funcionamento destas e dos demais elementos e equipos de radiocomunicación dentro do que é competencia municipal, sen esquecer a adopción de certas cautelas en relación coa saúde dos/as cidadáns/ás.

Ademais destas consideracións de tipo xeral, en Cambre téñense producido circunstancias especiais de alarma social que nos obrigan a dar resposta urxente a esta problemática. Aí está a problemática das antenas de telefonía móbil na Costa da Tapia do Temple, que provocou a mobilización dos veciños e veciñas do Temple pola ubicación da estación e a súa proximidade ao centro escolar. Tamén se pode comprobar na existencia de varias solicitudes de licencia, en anuncios publicados no Bolentín Oficial da Provincia, para varias antenas que xa levan algúns anos funcionando sen a mesma, irregularmente.

Ademais esta ordenanza tería por obxecto regular as condicións urbanísticas ás que debe someterse a localización, instalación e funcionamento dos elementos de equipos de telecomunicación no termo municipal de Cambre a fin de compatibilizar a funcionalidade de tales elementos e equipos e a utilización polos/as usuarios/as dos servizos de telecomunicacións cos niveis de calidade requeridos coas exixencias de preservación da paisaxe urbana e natural e de minimización da ocupación e o impacto que a súa implantación poida producir e preserve o dereito dos/as cidadáns/ás a manter unhas condicións de vida sen perigo para a súa saúde.

Tamén sería a finalidade desta Ordenanza: a protección da saúde ante posíbeis consecuencias que as ondas electromagnéticas podan ocasionar sobre a mesma; a harmonización do despregue das redes de radiocomunicación con finalidade de protección medioambiental; a integración das estacións base de telefonía móbil e outras instalacións de radiocomunicacións no entorno urbanístico e territorial.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG de Cambre somete á consideración e aprobación do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:


1. A creación da ordenanza municipal reguladora das condicións urbanísticas para a instalación e funcionamento de elementos e equipos utilizados na prestación de servizos de radiocomunicación no concello de Cambre.
2. A constitución dunha Comisión Especial non permanente, con representación de todos os grupos municipais e coa asistencia de técnicos municipais para a elaboración e redacción desta ordenanza.
3. Que esta comisión se constitua no prazo dun mes desde a súa creación e que se lle fixe un prazo máximo de tres meses desde a súa constitución para presentar a proposta de ordenanza ao Pleno da Corporación.


Outras novos:

O Concello de Oleiros esíxelles ás operadoras a retirada inmediata das antenas de Os Regos e Perillo 28/08/2007
Comentario (0) - Categoría: Mocións - Publicado o 23-07-2007 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal