A Partir da Música de Cámara



musicadecamara
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 LISTADO DE ARTIGOS

Manifesto e sinaturas polo recoñecemento do traballo coas TIC
» Leer la entrada en castellano
Leo na portada de aulablog e escrito por Lourdes Barroso que o Portal quere manifestar o seu apoio e solicitar o dos seus visitantes e usuarios, á campaña que promove o recoñecemento por parte da administración educativa do traballo que moitos profesores e profesoras están a desenvolver pola integración das TIC.

Non se pode expresar mellor e máis claramente as necesidades que o sector demanda para que o recoñecemento de tantos compañeiros con iniciativas, con clara vocación docente, dirixida a acompañar o traballo dos nosos alumnos sexa en breve unha realidade.

A continuación paso a transcribir o documento. Quen o desexe pode facelo directamente no propio Portal aulablog.com, onde poderá apoiar esta magnífica iniciativa.


Polo recoñecemento oficial do traballo TIC

Os abaixo asinantes, docentes e membros da comunidade educativa, manifestan a nosa preocupación ante o menosprezo institucional que as administracións educativas, tanto do ámbito estatal como autonómico, mostran á hora de recoñecer os méritos de todos aqueles que realizan actividades académicas coa intervención das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), así como aqueles que confeccionan materiais en formato dixital ou albergados en Internet ou redes locais.

Por iso, solicitamos que nos procesos de selección, acreditación, mobilidade e promoción do persoal docente se teñan en consideración os seguintes puntos:

1. Que se valoren axeitadamente as actividades profesionais realizadas a través dos distintos medios e formatos propios da sociedade da información e da comunicación. A devandita valoración ha de aplicarse en polo menos dous ámbitos: a creación de materiais para a ensinanza-aprendizaxe do alumnado dentro do ámbito escolar, por un lado, e as achegas realizadas aos procesos de formación permanente do profesorado, en todas as súas modalidades (formal, informal, regulada, non regulada, individual, colectiva, colaborativa, etc.), por outro.

2. Que se inclúan entre os méritos valorables os materiais de carácter educativo publicados nos diferentes formatos que definen a sociedade da información e da comunicación: sitios e páxinas web, blog, wikis, aulas e plataformas de formación online, ámbitos colaborativos de ensinanza-aprendizaxe, materiais e obxectos dixitais educativos, etc. Neste sentido, é necesario que se dea carta de natureza ás publicacións dixitais de calidade contrastada e interese educativo indiscutible, mesmo aínda que carezan de ISBN ou ISSN, e que se promova o uso dun sistema de identificación dixital dos devanditos materiais.

3. Que se inclúan nos tribunais de selección, comisións baremadoras e outros órganos semellantes a expertos capaces de avaliar a calidade e pertinencia educativa das propostas e materiais anteditos. Os tribunais de valoración de méritos haberán de ser capaces de utilizar técnicas obxectivas de avaliación naqueles casos en que sexan aplicables.

4. Que os tribunais de selección, comisións baremadoras e outros órganos semellantes teñan en especial consideración os traballos e recursos publicados baixo licenzas Creative Commons ou similares que permitan a súa libre distribución e uso coas condicións esixidas en cada caso, pois con elas se favorece o intercambio de información e a construción compartida da aprendizaxe e o coñecemento..

5. Que, de acordo coas formulacións e previsións do actual marco curricular, e en particular daqueles epígrafes relacionados co tratamento da información e a competencia dixital, os procesos de selección, acreditación, mobilidade e promoción do persoal docente inclúan sistemas de acreditación para asegurar que os docentes están en posesión dun nivel de competencia abonda no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).


[Enviar o artigo por email]

Blogalaxia Tags:


Technorati Tags:



Categoría: Novas - Publicado o 19-05-2008 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
 
Ligazóns dende outras webs
© by Abertal