JOHANNES BRAHMS, Sonata para clarinete e piano en fa menor, Op. 120 nº 1
I. Allegro appassionato (8:22) - K. Leister & F. Bognár
Unha vez máis, Brahms aborda un xénero novo comezando nunha tonalidade menor, ata na súa época tardía. O seu appassionato non é un rescoldo, pero arde a lume lento, e a súa economía nalgunhas partes da escritura, na que os anos reforzaron a súa predisposición a non escribir dúas notas onde unha soa é suficiente, confire á música unha austeridade máis ben consumida, especialmente ao principio. Aínda que os motivos da exposición aparecen cada un como personaxes novos, as relacións entre eles despréganse sutilmente a medida que a música avanza. O sostenuto ed espressivo da coda resume o movemento nunha emoción concentrada, e con todo tamén aquí segue derivando dun material anterior.
No andante os suaves roulades teñen unha vea de fantasía peculiar. Aínda que a forma sonata a penas se distingue, a elaboración densamente integrada dos motivos equilibra as amplas harmonías dando a impresión dunha continua canción ao estilo nocturno.
O carácter principal do seguinte movemento é como un suave Ländler. A súa contrastante sección central constitúe a última visita de Brahms á tonalidade de Fa menor, unha tonalidade que desde a súa primeira Sonata para piano, Op. 5, evocou a paixón turbulenta. Aquí por fin é docemente melancólica, e aproveita as notas graves do clarinete.
O último movemento é un alegre e extravertido rondó (ABACBA). A sección C deste esquema está na tonalidade menor; tendo en conta a densidade coa que está tecida o resto da sonata, esta sección distínguese curiosamente, quizá como deliberado contraste ao omnipresente motivo de tres notas repetidas.
WITOLD LUTOSLAWSKI, Cinco Preludios de danza
III. Allegro giocoso (1:11)
Estas cinco pezas, de 1953, mesturan influencia de Bartók, o estudo de vellas danzas polacas e a experiencia na escritura para instrumentos de lingüeta. Por outra banda, este ciclo é contemporáneo de A cadea de palla, suite de melodías campesiñas para mezzo-soprano acompañada por frauta, óboe, clarinete e fagot. A primeira versión dos Preludios de danza foi para clarinete e piano, e propuxo unha estilización das fujarka, polka, piosenka, etc., postas en escena coa Pequena Suite para cordas (1950-1951)- Os cinco Preludios son: 1. Allegro molto; 2. Andantino; 3- Allegro giocoso; 4. Andante; 5. Allegro molto. Lutoslavski transcribió estes Preludios, a partir de finais de 1955, para pequeno conxunto de cámara que acompaña ao clarinete -mestre de baile-, con cordas, arpa, piano e percusión. Esta suite de preludios segundo cantos populares polacos foi estendida, en 1959, a un pequeno conxunto formado por quinteto de ventos (frauta, óboe, corno inglés, clarinete e fagot) e violín, viola, violoncello e contrabaixo.
ROBERT SCHUMANN, Phantasiestücke para clarinete e piano, op. 73
III. Rasch, mit Feuer - M. Maisky & M. Argerich
Segundo o diario de Schumann, estes tres fragmentos curtos foron escritos o 11 e 12 de febreiro de 1849. tras unha execución privada o día 18 (Clara acompañou a un músico da Hofkapell de Dresde), a estrea pública tivo lugar en Leipzig, o 14 de xaneiro de 1850. A partitura foi editada en xullo de 1849 por Luckhardt, en Kassel. O manuscrito (conservado na Biblioteca Nacional de París) presenta traza de abundantes retoques. En balde buscarase aquí o clima fantástico das Phantasiestücke op. 12 para piano de 1837 (o título primitivo de Soiréestücke adecuábase case mellor). Cada páxina, construída en forma de Lied con coda, é intensamente lírica e explota ao máximo as sonoridades nostálxicas do clarinete en la, de timbre aveludado, elegante (os románticos con frecuencia preferíano ao clarinete en si bemol). A interpretación ao violín ou ao violoncello, máis ben prexudica a esta música que liga a Weber co Brahms das últimas obras para clarinete. De peza en peza, o tempo acelérase, pero o compás de 4/4 e os tresillos do acompañamento pianístico permanecen. Obsérvanse melodías asimétricas e piano e clarinete frecuentemente dóbranse, o que son características do último Schumann. Os tres fragmentos sucédense sen interrupción (attaca).
1. Zart und mit Ausdruck ("Tenro e con expresión", la menor): a primeira páxina do ciclo establece un clima elegíaco: a tenra melodía do clarinete dialoga cos tresillos do piano. Na sección central, os dous instrumentos intercambian arpexios por movemento contrario.
2. Lebhaft, Leich ("Vivo e lixeiro", la maior): este lixeiro scherzo, en modo maior, utiliza un xogo dialogado máis animado. O episodio central (unha vez máis, en fa maior), baséase nun intercambio de escalas en tresillos.
3. Rasch, mit Feuer ("Rápido e con lume", la maior): unha especie de variación conclusiva que retoma os elementos precedentes: o primeiro fragmento no trío (en modo menor) e o segundo na coda. A escritura é brillantemente arpexiada, na máis pura tradición do clarinete.
Fontes:
* P.-E. Barbier & J.-A. Ménétrier; Guía de la música de cámara, pp. 812 & 1264-1265 - Dirixida por Françoix-René Tranchefort - Alianza Dicionarios, Madrid 1995
* Keys, Ivor; Brahms. Música de Cámara; BBC Music Guides; Idea Books S. A., 2004