» Leer la entrada en castellano Parafraseando a cabeceira dunha noticia que saía publicada na prensa nacional por mor do que os amantes do deporte de elite viviron o pasado fin de semana, cunha substancial distancia pero, baixo o meu punto de vista, dunha forma parella, este fin de semana na Coruña vivimos na abundancia e calidade das citas camerísticas. Se onte gozabamos dun “doce” concerto acorde co novo espírito que o Festival Mozart herculino pretende transmitir na edición hodierna, no que o novo e xa reputado Cuarteto Belcea acompañado pola súa coetánea Natalie Clein encandearon ao público presente nas butacas do apropiado recinto, para este tipo de concertos, Rosalía Castro. O programa facía presaxiar o éxito: Cuarteto op. 59 Nº 1 de L. van Beethoven e unha obra grandiosa e profunda como é o Quinteto de cordas en do maior D. 956 de F. Schubert. Intérpretes novos de formación inglesa, para un repertorio camerístico de diferente concepción estilística.
E mañá domingo dúas citas. Unha dentro da sección do Festival Mozart denominado “As Matinées do Festival” (Salón de Actos do Museo de Belas Artes ás 12:00 horas) no límite do comunmente aceptado como música de cámara, cunha obra de A. Schoenberg, o Pierrot lunaire, op. 21 para cinco instrumentistas e voz falada (Sprechgesang). Esta -en palabras de Pierre Boulez- especie de “Cabaret negro” será interpretada polo sopranista Flavio Oliver xunto a integrantes do Grupo Instrumental Século XX, todos eles baixo a dirección de José Luís Temes. No mesmo programa obras de Manuel Balboa, das que unha –“Quasi nocturno”- será estrea absoluta.
Para concluír pola tarde (Igrexa de Santo Domingo ás 19:00 horas) cun concerto camerístico académico. Sección “Música de Cámara” sempre do Festival Mozart, Massimo Spadano, violín e Luca Guglielmi, cravo, que interpretarán 3 das seis sonatas que o cantor de Leipzig na súa época pasada en Cöthen dedicou a esta formación expresamente indicada polo autor.
Aínda teremos en datas posteriores algunha cita máis co mundo da música de cámara na cidade coruñesa e non só dentro do Festival. Que as gocemos.
Temas e enderezos relacionados:
» Festival Mozart
» Entrada Festival Mozart 2007 - Ano de transición
» Entrada "A lúa ese queixo..."
» A. SCHOENBERG: Pierrot lunaire, op. 21 para voz falada e cinco instrumentistas» Leer la entrada en castellano [Enviar o artigo por email] • [Contactar co autor]
|