A Partir da Música de Cámara



musicadecamara
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 LISTADO DE ARTIGOS

Notas ao programa de 'Proposta de Escoita' de Darío Mariño
» Leer la entrada en castellano
Salón de Actos do Museo de Belas Artes da Coruña
Sábado 26 de maio de 2007
12:00 horas

» Descargar o programa

Darío Mariño, clarinete
Helena Satué, violín
Rafael Muñoz-Torreno, violín
Luigi Mazzucato, viola
Blanca López, violoncello
Todd Williamson, contrabaixo
J. Vicente Castelló,trompa
Manoel Veiga, fagot

» W. A. MOZART (1756-1791) Quinteto para clarinete, K. 581

» L. van BEETHOVEN (1770-1827) Septeto en mib maior, Op. 20


» W. A. MOZART (1756-1791) - Quinteto para clarinete e cordas, en la maior, K. 581

I. Allegro (12:13)

O Quinteto "a Stadler", primeira obra na historia da música que xunta ao clarinete e ao cuarteto de cordas, coñeceu unha magnífica descendencia: Weber, Brahms e Reger. No entanto, a perfección da obra mozartiana permanece insuperada, pois, o mesmo que o Concerto terminado en setembro de 1791, explota a fondo todas as posibilidades tímbricas e expresivas do instrumento, especialmente o seu rexistro grave que Stadler cultivaba con predilección.
O Quinteto é tamén de inspiración puramente masónica, e J. e B. Massin recordan moi á propósito que a tonalidade en la maior era a mesma no Cuarteto K. 464, primeira obra composta por Mozart logo da súa iniciación. É unha obra feliz, tenra e moi vibrante de doce calor humana. Máis brillante sen dúbida, máis ambiciosa, máis elaborada e máis vasta que o Trío, por outra banda non é menos rica en espiritualidade e vida interior. O clarinete intégrase milagrosamente no conxunto instrumental sen relegar nunca aos arcos ao papel de acompañantes, como máis tarde sucederá no Quinteto de Weber. Polo demais, estes son quen expoñen o tema lírico e apracible do Allegro inicial. Nesta forma sonata concisa, onde o desenvolvemento dos temas, segundo o costume en Mozart, non ocupa máis que un lugar limitado, pódense distinguir ata cinco ideas melódicas. Non hai coda.

II. Larghetto (6:13)

2. O Larghetto en re, sublime efusión de esencia puramente melódica, é equiparable ao Adagio do futuro Concerto. A súa atmosfera de refinado nocturno é subliñada polo veo das sordinas imposto aos arcos durante todo o seu curso.

III. Menuetto (7:05)

3. A esta cima expresiva da obra segue un Minuetto de encanto bucólico e popular á vez, cun desenvolvemento pouco común e dous tríos. O primeiro deles, en la menor, reservado ás cordas soas, tende unha sombra pasaxeira sobre esta obra serena, pero o segundo (la maior) ofrécenos un verdadeiro Ländler alpino, onde o clarinete reencontra as súas orixes ao transformarse pasaxeiramente en alegre chalumeau de pastor tirolés.

IV. Allegretto con variazioni (9:05)

4. O Finale (Allegretto) coroa a obra cun tema con variacións onde Mozart logra admirablemente sacar as consecuencias máis imprevistas dun tema dunha simplicidade case inxenua. Na primeira variación, o clarinete canta un contrasuxeito que case fai as veces de segundo tema (vólveselle a atopar nas variacións 2 e 5), e que, á súa vez, estaba claramente anunciado no segundo trío do Minuetto. As dúas variacións seguintes reservan a primacía respectivamente ao primeiro violín e a viola, contentándose o instrumento de vento cun papel máis esfumado. A cuarta variación reencontra, tralo veo melancólico da precedente, o gozo e o bo humor, co clarinete prodigándose en exuberantes figuracións. Unha breve transición, que desemboca nun caldeirón, introduce entón a quinta variación, un Adagio moi coñecido, dunha limpidez e unha tenrura marabillosas. Unha nova detención precede á viva e arrebatadora coda coa que o Quinteto termina nun gran estalido de alegría e de luz.


» L. van BEETHOVEN (1770-1827) - Septimino ou Septeto para ventos e cordas, en mi bemol maior (op. 20)

A obra, dedicada á emperatriz María Teresa, está escrita para tres instrumentos de vento (clarinete, fagot, trompa) e catro de corda (violín, viola, violoncello e contrabaixo). Escribía Beethoven ao editor Hofmeister en decembro de 1800 que «á vista dos hábitos, poderíanse transcribir os tres instrumentos de vento (...) para un violín, unha viola e un violoncello máis». Isto era en función dos «amateurs» que, segundo todos os indicios, eran numerosos: desde a súa aparición, o Septeto obtivo, en efecto, un gran éxito. Desta cálida acolleita é testemuño, entre outros, a opinión do Allgemeine Musikalische Zeitung. «Un septeto escrito con moitísimo gusto e imaxinación». Tal entusiasmo acabou por exasperar ao compositor quen, máis tarde, declararía: «Hai nel moita imaxinación, pero pouca arte... Naquela época eu non sabía compoñer, e agora creo que si sé». Esbozado en 1799 (ao mesmo tempo que o Cuarteto nº 2), a partitura foi terminada en 1800. O compositor deuna a coñecer nun concerto público, no National Hoftheater de Viena, á vez que a Sinfonía nº 1. Todo parece indicar que a obra xa fora interpretada en privado, en casa do príncipe de Schwarzenberg. Foi publicada en 1802, por Hofmeister e Kühnel, en Leipzig (naquel momento, e sen dúbida por erro, como op. 21). Tamén en 1802, Beethoven realizou unha transcrición para trío (piano e cordas) que dedicou ao doutor Schmidt.
A obra adopta a forma antiga do divertimento ou a serenata, en seis movementos, da que evoca tanto o espírito como a liberdade de realización, mostrándose, a final de contas, moi próximo ao estilo de Mozart e Haydn. No que segue reproduciremos tres exemplos musicais perfectamente explícitos deste estilo e que, polo demais, alcanzaron popularidade. Un Adagio de dezaoito compases constitúe o preámbulo e dá paso ao Allegro con brío ou primeiro movemento, o cal constrúese a partir dun tema condutor pimpante, en corcheas picadas repetitivas, en deseño lineal que evita calquera complicación polifónica e vive do seu propio dinamismo. O segundo movemento (Adagio cantabile) utiliza un tema en 9/8, presentado dolce, de moi íntimo fervor:

O Tempo di minuetto en 3/4, con trío, fai aparecer un tema sincopado de extremado vigor:

En canto ao cuarto movemento, trátase dun Tema con variazioni (cinco variacións e coda). O tema, Andante en 2/4, é de aire popular (tomado dunha canción de bateleiros renana), e é presentado polo primeiro violín ao que se une o clarinete:

Co quinto movemento temos un Scherzo indicado Allegro molto e vivace, con trío. O tema deste scherzo en 3/4 fai unha entrada case cómica, en acorde descomposto á oitava descendente (coa trompa); é repetida en notas conxuntas, sempre descendentes, nun rexistro agudo, antes de ser retomada literalmente polo fagot. O carácter é o de música galante sen máis pretensións, aínda que marcado por un ton afirmativo xa moi «beethoveniano». Por fin, o movemento conclusivo organízase mediante un Andante con moto alla Marcia que introduce a un Presto (en 2/2) cuxo tema principal preséntase ao xeito dun perpetuum mobile, sempre en notas breves e rápidas. Así, a obra concluirá no virtuosismo máis brillante.

Fontes:
- F.-R. Tranchefort, H. Halbreich, Guía de la música de cámara; pp. 169,170 & 1012,1013 - Dirixida por Françoix-René Tranchefort, Alianza Dicionarios, Madrid 1995
- Charles Neidich, clarinete di bassetto; L'Archibudelli - SK 53 366


Temas relacionados:
» Concertos de Mediodía- "Proposta de Escoita" a cargo de Darío Mariño
» W. A. MOZART: Quinteto para clarinete e cordas, KV 581
[Enviar o artigo por email][Contactar co autor]
» Leer la entrada en castellano
Categoría: Concertos - Publicado o 26-05-2007 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
 
Ligazóns dende outras webs
© by Abertal