A Partir da Música de Cámara



musicadecamara
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 LISTADO DE ARTIGOS

Notas ao Programa do I Ciclo de Novos Intérpretes na UDC

I Ciclo de Novos Intérpretes na UDC – Mércores 2 de maio de 2007 - 20:30 horas
Paraninfo da Reitoría na Maestranza.


Dúo Gallego-Valls
Alexandre Gallego, saxofón
Miguel Valls, piano

» J. DURÁN (n.1960) Concertino para saxofón e piano

» P. CRESTON (1906-1985) Sonata para saxofón alto en mib e piano
I. With rigor
II. With tranquility
III. With Gaiety

Trío Opus 40
Laura Balboa, violín
Antonio Lagares, trompa
Manuel López, piano

» J. BRAHMS (1833-1897) Trío para piano, violín e trompa, en mi bemol maior, op. 40
I. Andante – Poco più animato
II. Scherzo. Allegro
III. Adagio mesto
IV. Finale: Allegro con brio
Documentos:
» I CICLO NOVOS-PROGRAMA.doc
» Cartel

Entre os obxectivos da disciplina da música de cámara cómpre destacar o de asumir, por parte do alumnado, iniciativas propias e amosar autonomía nos seus proxectos e traballo en conxunto. Neste curso, varios grupos de cámara propuxéronse autonomamente como agrupacións camerísticas para o traballo do ano académico. Dous destes grupos celebran hoxe este concerto de cámara, paradigmas deste espírito. Sempre con entusiasmo, dedicación e excelente disposición, o traballo camerístico trae unha serie de gratificacións e resultados que, sen dúbida, hoxe poderemos comprobar e das cales poderemos gozar.

JUAN DURÁN Concertino para saxofón y piano
Juan Durán (Vigo 1960) gañou o Premio de Composición pola Universidade Carlos III de Madrid no ano 2000, é o autor de máis de medio centenar de obras e cultiva preferentemente o xénero liederístico e a música de cámara, un apartado este último que abarca todo tipo de combinacións instrumentais, entre as que destaca o Concertino para saxofón y piano, de escritura harmónica de tons cromáticos e sedutores.

PAUL CRESTON , Sonata para saxofón alto en Mi bemol y piano
Giuseppe Guttoveggio, máis coñecido como Paul Creston (1906-1985), de pais italianos, naceu en Nova York. Podería ser considerado como un dos compositores máis prominentes de Estados Unidos. As súas máis de 150 composicións inclúen pezas para piano, cancións, obras de cámara para varios instrumentos, obras corais, composicións para banda sinfónica, obras orquestrais e sinfonías. Moita da súa música foi interpretada polas mellores orquestras e artistas por todo o mundo. Creston é particularmente recoñecido polas súas contribucións á literatura dos instrumentos “abandonados”. As súas obras para arpa, acordeón, marimba, trombón e saxofón continúan a ser moi coñecidas tanto polos intérpretes como polo público. As cartas presentes na colección de Creston corroboran que moitos músicos foron profundamente recoñecedores do traballo que Creston fixo para promover os seus instrumentos. Durante os anos 30 da pasada centuria, cando o saxofón era principalmente asociado coas bandas militares, espectáculos de variedades e co movemento crecente do jazz, as composicións para o saxofón contralto de Creston xogaron un papel importante no desenvolvemento da literatura para o saxofón de concerto. As súas catro obras para o saxofón (a Suite para saxofón contralto en Mi bemol y piano, Op. 6, a Sonata para saxofón contralto en Mi bemol y piano, Op. 19, o Concierto para saxofón contralto en Mi bemol y orquesta, Op. 26 e a Rapsodie para saxofón contralto en Mi bemol y órgano, Op. 108) estúdanse e interprétanse asiduamente na actualidade. As súas tres primeiras composicións para o saxofón foron escritas para o saxofonista Cecil Leeson. Esas composicións serviron como un catalizador para compositores americanos como Antón Billoti, Burnet Tuthill, Bernard Brindel e Bernard Heiden, quen tamén escribiron para este instrumento. A música de Creston (e a sonata que escoitaremos hoxe é un fiel reflexo) está chea de excitación rapsódica e de enerxía rítmica. A súa harmonía é moderna e sen ostentación.

JOHANNES BRAHMS, Trío para piano, violín y trompa en Mi bemol mayor, Op. 40

I. Andante - Poco più animato (7:30)

Á parte da súa inusual combinación instrumental, o Trío para piano, violín y trompa en Mi bemol mayor, Op. 40 de Johannes Brahms (1833-1897) é único dentro das obras de cámara porque non ten un primeiro movemento en forma de sonata. A asociación da trompa co ambiente dos bosques inspirou en Brahms un lirismo meditativo que non se presta á procura do dramático e as dúas primeiras seccións andante comezan e rematan na tonalidade principal –a antítese dos procedementos da sonata-. Estas secciós alternan con partes un pouco máis rápidas na tonalidade menor que, non obstante, non son tan dramáticas como para desequilibrar a meditación pastoral; e o último andante, en contraste co seu conservadurismo anterior, realza o efecto estático comezando cun pianissimo nunha tonalidade afastada –verdadeiramente o eco de un eco, que retorna á “casa” mediante un extenso despregamento de melodía e de modulación- .

II. Scherzo: Allegro - Molto meno Allegro (7:37)

A faceta máis robusta da trompa reflíctese no amplo scherzo, cuxa sección central, moito máis lenta e con sete bemoles, presaxia o extasiado e aflixido movemento lento.

III. Adagio mesto (7:09)

Este á súa vez anuncia, como nunha fanfarria lenta e afastada (compases 59-60) o tema principal do finale, que deixa o campo libre, en compás de 6/8 e nunha ampla forma sonata, aos instintos de caza da trompa.

IV. Finale: Allegro con brio (6:25)


Fontes:
- Asociación Galega de Compositores (ASGAC)
- UMK Nichols Library
- KEYS, I, Brahms: Música de Cámara, BBC Music Guides 2004, Idea Books, S.A.
- Arthur Grumiaux, violín, Francis Orval, trompa, Gyorgy Sebok, piano – CD PHILIPS 438 365-2

[Enviar o artigo por email][Contactar co autor]

Ler o artigo orixinal na bitácora do aula de música de cámara da Coruña:

Categoría: Concertos - Publicado o 30-04-2007 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
 
Ligazóns dende outras webs
© by Abertal