| XA QUE CHORANDO NACÍN |
|
O folque, os libros, o jazz, o baile, a tradición, o que a min me gusta, en galego, segundo me pete... por que me peta!!
MORROCANTANDO...
"Todolos que cantan ben
cantan unha vez ó ano
eu como canto normale
pásome a vida cantando..."

ESCOITA A MIÑA MÚSICA!
|
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Animador vs. animación |
|
Para botar unhas risas en Flash MX. A animación xa esta farta do animador e plántalle cara... Eu sempre que o vexo boto uns risos...
|
|
|
|
|
| Como aprender a decir quérote en galego |
|
“Cando vise o seu debuxo sobre a Inmaculada Concepción…”
“Non, Antón, é, cando vexa o seu debuxo…”?
“Ah, ok, Ana”
Cando, fai uns meses Anthony B., natural de Barrow-in-Furness, a fría cidade inglesa que ve nacer os submarinos atómicos da súa graciosa maxestade, tívose que ir vivir a Galiza por traballo, decidiu que quería aprender o idioma porque bastante pouco se parecía Vigo á súa cidade natal. Así coñeceu a Ana, a profesora, da que se namorou desde a primeira palabra de Galego.
“Entón Ana, estaría ben dito: despois irei ao Cafete a tomar algo. Se pasases por alí, deixaríasme que che invitase?” |
|
|
|
|
| Ela saberao |
|
Cando vise o seu debuxo sobre a Inmaculada Concepción, colgado na parede, ao carón un cadro de Murillo, ao outro un de Velázquez, non poderá pechar a boca durante un intre porque recoñecerá en cada un dos querubíns aos pés da virxe, en cada pregues da súa roupa o paso dos seus propios dedos, dos seus pinceis. Saberá inmediatamente que é a súa falsificación!
Non dubido en absoluto que sorría, que saiba que fun eu o artífice do cambio. Pensará “estás tolo, Paulo” Seino. Admirarame?... estráñame, porque agora, para que non me encadee, non sei que cona contarlle ao xuíz.
|
|
|
|
|
| Requiem en galego: a carta 2 |
|
| Pronto tiven que marchar a traballar fóra porque en Aranza estabamos a pasar moita fame, e só había unha solución, que era unha terra á que se chegaba tan só tras cruzar un océano inmenso, interminable. Mira, marchei no corenta e seis, un ano despois de que rematara a Gran Guerra. Agora que o penso… á Primeira Guerra Mundial tamén se lle chamaba así: ninguén pensaba que fora haber outra aínda peor. Na Arxentina pasei meses traballando nos peores traballos que eu nunca antes pensara que existiran, pero eses malos traballos ían pasando e eran cada vez mellores pero aínda así había que traballar duro, moi duro.e gañei cartos, pero o prezo foi moi alto... |  | Traballei e traballei durante vinte anos, sen pensar noutra cousa. De chatarreiro, de carboeiro, de pescador, eu que era campesiño, de carpinteiro, de albanel, de xoieiro, de xerente e de promotor… Non pensaba noutra cousa máis que en gañar cartos e os máis dos que gañaba enviábaos á naiciña que quedara na Galiza… pero un día fartei, penso que foi o día que morreu a nai. De súpeto eu non sabía quen era. Deixei de falar galego e empecei a renegar da miña terra. Falaba mal dos exiliados políticos, do goberno no exilio, dos galeguistas, de todos eles…e dicía que era español a todo o mundo.
Que parviño fun! Por moito que o intentaba o meu acento galego delatábame e os españois que non eran galegos rexeitábanme e burlábanse de min como se fora unha merda calquera. Eu quería que me aceptasen como un deles pero era o seu divertimento, o seu bufón, e ao final empeceille a falar á única cousa que non me facía burla, ao alcohol. Polo día traballaba e pola noite andaba de esmorga con alemáns, italianos… cantas cancións deles aprendín! Aínda hoxe non sei como aguantei!
|
Segue
Requiem en galego: a carta |
|
|
|
|
| Como po no ceo |
|
Os humanos considerámonos a punta do proceso evolutivo, a cousa máis importante do universo enteiro e non somos máis que pulguiñas. E con esa fachenda que nos temos, consideramos ao noso fogar, A Terra, o máis grande de todos!
Xa o dixen máis veces, non somos máis que piollos na pel do universo. E como piollos que somos, como lle toquemos moito as narices, ó universo vai usar un insecticida de proporcións galácticas para desfacerse de nos.
Imaxinade por un momento que empezásedes a crecer desmesuradamente minuto a minuto, tanto que vos saísedes da atmósfera, tanto que vos fixéchedes máis grandes que a terra mesma... e que ao mesmo tempo non necesitárades respirar no espacio negro e frío... que veríades? |  | En primeiro lugar, á Terra, á Lua, a Mercurio e Venus, e a Marte. Mirade esta primeira imaxe. É a terra e os seus compañeiro do interior do Sistema Solar (de dentro do cinturón de asteroides) máis Plutón, que é unha pedra que o sol atrapou ca súa man gravitatoria en algún momento. A Terra e Venus son os máis grandes con diferencia.
Aquí, nos levamos un galardón: temos o satélite máis grande do Sistema Solar, casi tanto como Plutón. |  | | Logo veríades aos catro xigantes gasosos do exterior do Sistema, dos cales Xúpiter e Saturno son os máis grandes con diferencia. Ao seu lado, os planetas interiores serían cagadiñas de coello. |  | | Algo máis grandes e unha vista do Sistema Solar ao completo, os nove planetas e o pai Sol. Ao lado del, os xigantes Xúpiter e Saturno levarían o mesmo galardón que se lle deu antes á Terra e compañía: cagaditas de coello. |  | Imaxinade que seguides medrando. Pasados uns meses empezaríades a ver que os puntiños do negro ceo fanse máis grandes e grandes ata ser como boliñas de billar.
Nese momento poderíades ver á estrela laranxa Arcturus, e preto dela a Pollux, tamén laranxa e na constelación dos xemelgos, e á branca Sirius, que é unha das estrelas que máis preto están do sol. A nosa estrela, en comparación pasaría a ser a cagada do coello, e Xúpiter un invisible pixel da foto que poderíades tirar... |  | Poderíades dar unha volta e atoparíades máis estrelas, como Antares, unha superxigante vermella, 700 veces máis grande que o sol, atoparíades a Betelgeuse, outra superxigante vermella, a Aldebarán, unha xigante laranxa 44 veces maior que o sol, e Riguel, unha superxigante branca. Se poidésedes comparar estas estrelas cas anteriores, Arcturux sería a cagadiña de coello, Pollux e Sirius, graniños de arroz, e a Terra... un pixel dunha foto.
Así que digo eu: comparados con todo esto, que carallo somos nos? Nada. Nin cagadas de coellos: seríamos os microbios das cagadas das moscas. Uns ananos imperceptibles aos ollos de quen fixo todo isto, ou como escribíu Isaac Asimov "como po no ceo". E por iso, engado... e que son as nosas teimas, os nosos traballos, as nosas tolemias, as nosas disputas e guerras... aínda menos que nada... Os humanos deberíamos empezar a pensar en todo iso... |
|
|
|
|
|
| Moqui e os outros gatiños |
|
Xa sabedes que agora en casa temos tres gatos. O mangallón de Moqui, que xa é un gatazo de catro quilos e pico e dous anos de edade, e os pequerrechos, Poporrocha e Mecha, esas cousiñas que non paran de xogar, de comer, de durmir... Despois dunhas semanas de incertidumbre, por fin parece que a Moqui estanlle gustando os seus novos compañeiros. Agora xa xoga con eles, vai buscalos, empeza a lamelos... onte, durante un par de horas, ata durmiron os tres xuntos con nos. Non sei o que faremos cando sexan grandes os outros dous... Velai vai o que debe pensar Moqui...
|  | Eses son os novos gatiños, Mecha o da esquerda e Poporrocha (menudo nome, só á miña humana se lle podía ter ocurrido) á da dereita. A que son pequenos?
|  | Son a cousa máis rara que vin na miña vida. O Mecha é máis ben gordiño e ten ese mechón no lombo de cor branco tan sinpático... penso que lle ven de aí o nome. Ten o pelo longo como o meu pero nunca o vai ter tan bonito (non o digo eu, e o que di a miña humana)!! Non pasa tantas horas peiteándose como paso eu. Évos un descuidado.
|  | A Poporrocha tamén é rara: ten as orellas grandísimas e os ollos grandísimos. Ademais parece como si tivera feito como fai a miña humana: ten marcado o nariz, os beizos e os ollos cunha liña negra, como se botase maquillaxe... non lle queda mal, non. Ao contrario do seu irmán é delgadiña.
|  | Aí os tendes os dous posando nesta foto. El con esa pose que ten así de macarrilla gatuno, de chulería, e ela toda revirada, toda coqueta. Se vos son sinceiro, antes non os podía ver diante, os novos, usurpadores de espazos e de humanos, pero agora... bon, xa é outra cousa. O certo é que é bo ter compañeiros cos que xogar na casa propia.
|  | Claro que ás veces son un pouco pesadiños. Claro, son tan novos que non dan aprendido por máis que eu trato de lles ensinar.
Nesta foto xa saio eu: estou seguíndolle a pista a un escarabello que collín varios días despois. Que ben sabía!!!
|  | O problema é que son un pouco pesadiños. Sempre queren xogar co meu fermoso rabo e claro, iso é algo polo que non paso.
Nesta foto teño a clásica pose de mirada perdida no horizonte... nela podedes apreciar o meu perfil gatuno clásico, a miña cabeza de proporcións perfectas, a miña nariciña e as orellas nen grandes nen pequenas de máis.
|  | Logo o Mecha é un ansioso, sempre correndo dun lado para outro, sempre querendo xogar, sempre indo a comer na miña comida ou querendo comer as larpeiradas que me dan os meus humanos...
Nesta foto xa non poso, estou a ollar para un pardal por si se da a ocasión de poder collelo. Están de morte despois de xogar un ratiño con eles.
|  | Sabedes o que me saca de quicio? Cando non aprende-las normas establecidas (por min). Entón eu cabréome e trato de ensinarlle pero el nada, pensa que estamos a xogar.
Outra foto miña, ese día o meu humano cansou de tiralas. Primeiro plano da miña fermosa cariña e detrás podedes apreciar o meu rabo. Non hai gato cun rabo comparable ao meu.
|  | Eu corro detrás del e sáltolle ao lombo. Logo trábolle a cabeza e o colo para que vexa quen é o que manda pero el é rabudo e pensa que estou xogando e tamén fai o mesmo. Menudo que é... vou ter que me por serio porque ese de maior váiseme subir ós bigotes.
Outro primeiro plano no que podedes apreciar os meus bonitiños ollos cor mel.
|  | Ela é moito máis agradable e aunque tamén ten o maldito costume de xogar co meu rabo, ela en canto lle ensino os dentes ou levanto unha pata xa deixa o rabo tranquilo.
Esta foto é para que apreciedes as miñas patas traseiras e o rabo, claro. A que non víchedes nada igual?
|  | Eu penso que en realidade ela está coladiña polo meu pelo. Só hai que ver como ven a cheirarme, como se achega a min tímidamente... Non é cousa rara, co pedazo de gato que son. Aquí estou na típica pose contemplativa.
|  | En realidade son bos gatos. Un pouco pesadiños, bon, bastante pesadiños ás veces e por iso necesito desconectar deles (sobre todo pola noite, que Mecha non me deixa tranquilo na miña cama cos meus humanos), pero no fondo estou empezando a encariñarme con eles.
Última foto: eu rascando o lombo. Ata así son fermoso... Unha aperta gatuna! |
|
|
|
|
|
| Ninguén!!! |
|
Cada vez que escoito este tema de Quempallou saeme unha carraxe... ten un puntiño de morriña, de dor, de tristura, pero tamén de mala baba... "parece mentira porque aquí hai de todo e aínda así emigramos".
Canta verdade nunha frase...
Por que temos que odiar tanto esa terra, tanto a nosa cultura... a nosa lingua? Por que ten que ser tan bo o dos casteláns e o dos andaluces? Non será mellor defender o propio e logo poder disfrutar tamén do que é alleo?
Cando nos virá, os humanos, o sentidiño?
Veña rapaces, saquemos á rúa os nosos altoparlantes, os do ordenador e os 5.1 e que non pare de soar esta canción ata que as conciencias poñanse a ferver!!!
Sabedes?, a veces penso que é unha mágoa que non se acabase o petróleo dun carallo dunha vez, que a nosa civilización se fose á merda de golpe, e que viñeran tempos nos que todo o que teñen os ricos non valese un can, nos que ter que empezar a construir outra nova dende cero, partindo todos da mesma posición de saída...
Imaxinade por un momento que de súpeto ven unha crise tan gorda que afunde o sisema capitalista, que os cartos, os coches, as grandes casas deixan de ter valor, que só vale o traballo das propias mans...
Música: "Ninguén (Quempahop)" de Quempallou (atopado no blog Made in Galiza). |
|
|
|
|
| A interpretación dos soños |
|
Non podo resistirme a por no blog este texto que resume moitas das ideas que teño blandido eu contra os asasinos do noso idioma.
A interpretación dos soños
COLEXIO OFICIAL DE PSICÓLOGOS DE GALICIA
O galego é meu, o galego é noso, é de todos e todas. O galego é do que o fala, e é tamén do que aínda non o fala, ou do que xa non o fala... O galego é daquel que o ama e mesmo daquel que o odia, se é que hai algunha persoa que tal sinta polo seu patrimonio herdado... Porque, ao final, o que é o galego?
O galego é o maís valioso dos noso tesouros inmateriais, xunto coa música que tamén é outro tesouro. Realmente é difícil ver o valor de certas cousas até que sentimos a súa carencia, a súa falta, cando xa é tarde... Hoxe é talvez tarde para recuperar a lagoa de Antela, a lagoa que hoxe a ninguén se lle ocorrería desprotexer, mais iso nos anos 50 non se viu. Hoxe é tarde para recuperar o que foi destruído, mais non é tarde para aprender deses erros e protexer o que nos resta.
A ninguén, no seu san xuízo, se lle ocorrería desprotexer a catedral de Santiago, e sen ir tan lonxe, a ninguén se lle ocorrrería desprotexer a arte e arquitectura da cidade de pedra compostelá... Mesmo indo contra a suposta liberdade individual dos propietarios e propietarias dos inmóbeis da zona histórica, todos e todas concordamos en que hai que protexer o que é patrimonio común... E a lingua? Acaso a nosa lingua non merece o mesmo que as nosas pedras? Ela é patrimonio de todos e todas nós e non só... ela é tamén patrimonio de todo o Estado, e da humanidade enteira... Daquela, non merece o mesmo esforzo de protección?
Se a xente fose así preguntada non hai dúbida de que os resultados serían positivos, tanto na Galiza como no resto do Estado; ninguén, agás algún trastornado, desexaría que o galego, a lingua de Rosalía, a lingua na que foran escritos os primeiros poemas na península, dos primeiros tamén da Europa, morrese. Daquela a que van as preguntas do noso Goberno ás nais e aos pais de rapaces e raparigas en idade escolar? Alguén imaxina que preguntasen aos propietarios e propietarias das casas da zona monumental de Santiago se prefiren restaurar a súa casa, coidala e protexela para as xeracións futuras, ou derru- bala? Protexer o patrimonio é responsabilidade de quen foi escollido para gobernar. Arriscámonos a que a sociedade galega, que sempre se soubo manter unida por encima das diferenzas, se fraccione, cun grande custo para a harmonía social dun pobo tan pacífico como é o pobo galego. Se se vai facer esa pregunta, que é tentar colocar a responsabilidade en quen non a ten, que polo menos se informe e se digan as consecuencias que iso vai ter para a lingua. Porque estón a xente tería información para saber o que implica unha e outra resposta... Se a pregunta fose: quere que o seu fillo ou filla aprenda a ler e escribir en galego e así contribuír á conservación do noso patrimonio lingüístico? Mais, como xa se dixo, esea pregunta sería innecesaria porque a xente conscientemente non deixaría nunca que se danase o seu idioma.
O multilingüismo, mesmo que negativo cando se trata de diglosia e non do manexo da persoa en máis dunha lingua, pode ser beneficioso para as persoas. Numerosos estudos mostran como a xente que desde a infancia se manexou en dúas linguas ten máis facilidades para aprender unha terceira. Iso é algo que o estudantado galego comproba por exemplo ao estudaren inglés no estranxeiro con outros colegas do Estado que son monolingües. Mais para que a xente aprenda a se manexar en dúas linguas elas teñen que existir, e tal e como vai a tendencia do uso do galego coa convivencia das políticas exercidas ao longo da historia, non tardará en se deixar de usar. cando iso aconteza a perda vai ser para todos e todas, falemos ou non galego agora. Galego e castelán non están en igualdade de condicións, o galego non está no cine, a súa presenza é mínima nas TV, non está na inmensa maioría dos xornais, nas radios, na xustiza... etc. etc. Daquela que lle queda ao galego para se fortalecer? Porque el ten sido danado ao longo do tempo. O galego ten case só a escola, se aí se desportexe, o galego vai sufrir aínda máis retroceso do que xa padece. Estamos a tempo de tentar evitar danos a unha lingua que sempre foi de paz e de acollemento. De nada nos vai servir lamentarnos despois da nosa perda, e que imaxe se vai ter de si un pobo que deixou apagar, que deixou morrer, o máis valioso do seu patrimonio inmaterial? Esta pregunta vale non só para o pobo galego, esta pregunta deberá ser feita tamén ao Estado español no seu conxunto, e será tamén preguntada á unión europea, mesmo que as institucións europeas xa teñan asesorado sobre esa materia, recomendando a inmersión lingüística. Esa é tamén a pregunta que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia nos facemos, e queremos transmitir á sociedade e ás institucións. Porque nós como profesionais sabemos da importancia da memoria e a identidade na vida das persoas e da comunidade. Non atopamos xustificación ningunha en que as institucións gobernamentais se descarguen así da súa responsabilidade e carguen con ela aos que teñen fillos e fillas en idade escolar.
Desde o Colexio Porfesional queremos tamén advertir da importnacia que a integración do pasado ten para o benestar presente e futuro das persoas. Un pobo que, non por vontade, porque se algo demsotrou o pobo galego foi aprecio e lealdade á súa lingua ao longo dos tempos, bos e malos, senón por desleixo dos seus gobernantes, perde a súa lingua é un pobo condenado a non saber quen é... E un pobo, ou unha persoa, que non sabe quen é, non pode contribuír con nada de orixinal ao destino da humanidade. Porque a universalidade do saber non vén da maior ou menor extensión dese coñecemento, senón da profundidade á que somos capaces de chegar co noso saber.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, coñecedores dos sentimentos de aprecio que a xente ten pola lingua, e non só no territorio galego, queremos facer un chamamento ás institucións responsábeis para tomar as axeitadas medidas protectoras para o tesouro máis valioso da nos cultura inmaterial. Se iso non é feito as consecuencias van ser irreversíbeis para todos e todas nós, como o serían se hoxe se permitise que os propietarios das casas con valor históroico nas cidades as destruísen, e non nos podemos permitir iso, pois non... E acaso podemos permitir que iso lle pase á lingua galega?
E como di a poeta e psicóloga Concha Rousia, "Quando morre o último falante de uma língua morre un soño da Humanidade". Porque as linguas son todas obras marabillosas da humanidade, dignas de seren protexidas, e a nosa non pode ser menos. Polo tanto de nós, dos nosos gobernos, depende pois que ese soño non esmoreza. |
|
|
|
|
| Les Trompettes du Mozambique |
|
Escoiteinos por primera e única vez en Pardiñas o ano pasado, un día que estaba molido por ter dormido pouco e mal... e o certo é que non parei de bailar e de pasalo ben con eles...
Unha mestura entre festa rachada, rirse de todo e deles mesmos, moitas gañas de pasalo ben, paiasadas todo o rato, e moita música mesturada: jazz, ska, funky, reague, hip-hop, música tradicional bretona... unha potente sección de metal xunto con un bo grupo (sete se mal non lembro) bombardas que se van mesturando continuamente. E perrucas e disfraces varios... e como non un porco-teixo.
Aquí volos deixo para que vos tamén o pasedes ben con eles... a ver si algún día podemos velos por Vigo...
|
|
|
|
|
| Carta aberta á organización do festival de Ortigueira, ás xentes da vila de Ortigueira e a quen lle poida interesar |
|
 Co galo de que xa queda menos dun mes para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e que aínda non se fixo a presentación, ocorreuseme facer unha nova carta aberta para tratar de que a organización entenda que é necesario por, entre outras medidas, o cobro dunha entrada para o acceso á zona de acampada de Morouzos, logrando así dous obxectivos. Un deles, parar a decadencia do festival que está a levalo á súa desaparición. O outro, tratar de conseguir un público menor en cantidade pero maior en calidade, para lograr así que o Festival de Ortigueira sexa realmente o mellor festival de toda a península Ibérica.
A quen máis lle interesa que o festival non desapareza e que gañe calidade? aos mesmos veciños de Ortigueira, así que a eles, principalmente, vai dirixida:
A todos aqueles interesados pero especialmente aos cidadáns de Ortigueira:
Ano tras ano, por estas datas, o meu corazón vai latindo cada vez máis animado segundo vaise achegando o día en que comece o festival de Ortigueira. É para min algo moi especial poder ir aló a disfrutar dos concertos, das vistas, da festa, da vila, das xentes. Son catro días marabillosos nos que logro esquecer ao resto do mundo.
Máis hai algo que, tamén ano tras ano, vai facendo que agrome en min unha dúbida: si deixar de ir ou non ao festival, porque cada ano que pasa, o festival de Ortigueira vaise parecendo menos a aquela pequena idea que fai xa trinta anos levaron adiante os rapaces da Banda de Gaitas de Ortigueira. E así, este festival, pouco a pouco, é cada vez máis un macrobotellón e unha macrofesta das drogas. Non estou en contra nin do un nin do outro, por mais que eu non probe máis droga que o viño, a cervexa, xa saben, cousas desas, ou algún cigarriño con herba aromática de cando en vez. Non estou en contra de todo o que se fai no festival actual porque cada un é libre de facer ca súa capa un saio, pero iso non quere dicir que me pareza ben o que está a acontecer no festival.
Explícome. Eu considero, que a vista do que é o festival nestes últimos anos e do que xa aconteceu fai vinte tantos anos, que o festival está condenado a deixar de facerse.
Actualmente, segundo a organización van ao festival unhas cen mil persoas. Cantas desas persoas van realmente aos concertos? Botando contas e sendo xeneroso, eu diría que a ver os concertos van unhas corenta mil persoas por día de concerto. Polo tanto… onde están as outras sesenta mil? Pois a maior parte da xente que ven o festival queda na zona de acampada de Morouzos e só pisa o pobo si se lles esgotan as provisións ou a bebida. Morouzos, un lugar público e protexido, énchese de tendas e de chiringuitos onde non deixa de soar a música nin de pasar drogas de todo tipo en todas as noites do festival, como se fora unha macrodiscoteca tecno calquera.
Así tan só unha pequena parte dos cen mil van ao pobo a ver os concertos e a facer gasto nos bares, nos supermercados, nas tendas.
Eu explícolles todo isto porque quero propoñerlles dúas posibilidades do que vai acontecer no festival no futuro e vostedes terán que escoller unha.
Nunha delas as cousas seguen como están. A zona de Morouzos segue a ser unha macrodiscoteca, chea de alcohol, drogas e xente que vai ás carpas onde só poñen música dance ou grandes éxitos pop. As tendas están pegadas unhas ás outras e os rapaces desas tendas, para poder comer algo quente ou para poder ver de noite mentres beben, fan fogueiras, con ramas arrincadas das árbores ou incluso árbores novos enteiros. Segue a haber roubos e problemas. O ano que ven, ou o seguinte, ou mesmo este, haberá unha pelexa grande e morrerán un ou dous rapaces. Batalla campal no piñeiral de Morouzos.
A cousa pode non rematar aí. Imaxinen que no medio da pelexa, ou símplemente por culpa dun borracho, prende lume unha tenda e o lume pasa rapidamente dunha tenda a outra sen control e sen bombeiros que paren rápido a emerxencia, e o lume esténdese por todo o bosque… cantas persoas poderían morrer?
Mentras aos concertos só van as mesmas persoas que ían os anos anteriores, ou menos porque xa non soportan o ambiente de Morouzos e non tendo outra alternativa para aloxarse deciden deixar de ir.
A outra opción que lles plantexo e poñer entrada para poder acampar. Doce, quince, vinte euros por persoa máis outros tantos por tenda. Nesta situación seguramente de cen mil persoas tan só irán ao festival a metade, unhas cincuenta mil, pero todas esas serán persoas que queiran ver os concertos, que vaian á vila a pasear, que fagan gasto nos bares, tendas e restaurantes da vila… Deixaran de ir aqueles aos que o festival ben pouco lles importa, os que pasan catro días borrachísimos ou postos ata arriba de pastillas en Morouzos entre música tecno e que non pisan a vila máis que ó baixar do tren.
Por que agora xa non van familias a acampar como antes? simplemente porque o ambente de Morouzos xa non é familiar!!!
Que prefiren entón, que desapareza o festival e así tamén eses cartos que tan ben lle veñen ás xentes da vila, ou facer que o festival dure outros trinta anos máis poñendo unha entrada, para que só vaia xente interesada nos concertos, na vila de Ortigueira e seguir facendo caixa verán tras verán?
Así que, se prefiren a primeira opción, pois adiante, non teñen que facer nada e todo chegará. Se prefiren a segunda opción, está nas súas mans, xentes de Ortigueira, lograr o cambio, porque a min, un pobre rapaz do sur de Galicia, o alcalde de Ortigueira, a organización do festival, non me coñecen e tanto lles ten a miña opinión. Pero vostedes son persoas que poden protestarlle na porta do fermoso concello que teñen, persoas que eles coñecen, que poden presionalos directamente para que este ano o festival cobre entrada para acampar en Morouzos e que chegue a ser o grandioso festival folk galego tal como o é o festival de Lorient na bretaña francesa. Mobilícense, protesten, falen con quen teñan que falar, únanse para que o festival de Ortigueira non desapareza.
Aínda están a tempo de facer que este ano a organización cobre entrada para acampar!!!
Moitas grazas a TODOS!
|
|
|
|
|
| Baixo a choiva |
|
Chovía fóra e eu sen paraugas. Non me importaba que se empapase a miña roupa, que o paraugas roto estivese nunha papeleira, porque a choiva facía desaparecer as bágoas. E o medo.
Non lembras como marchaches chamándome tola, como me ameazabas co rabo entre as pernas, como a túa amiguiña de taconciños e camiseta de tiras axustada, tiraba de ti para non mollarse? Esa fulana dáme mágoa, aínda non sabe que algún día será ela a que che rompa un paraugas na cabeza.
Así que quedarvos con todo. Eu xa non necesito paraugas baixo a choiva. Xa non che necesito ao meu carón.
|
|
|
|
|
| Morrocantando apoia á lingua galega |
|
Morrocantando xa é un blog que apoia á lingua galega... fai que o teu blog tamén o sexa entrando en Bloguespolalingua!!!
 |
|
|
|
|
| O segundo enterro de Castelao |
|
Levo un tempiño desilusionado, mais non moito, dende as eleccións á xunta. Será por ver como este goberno está a nos levar a unha longa noite de pedra que ás veces penso que vai ser moi longa? Pode ser… pero esperemos que teña razón Manuel Rivas cando di que a Galiza estase enchendo de buracos negros por todos lados, buracos que atopa á xunta e que foron producidos polo colapso da estrela da anterior xunta, un sistema binario, porque os buracos negros tragan con todo, ata a luz, e quen sabe?, ao mellor tanto buraco negro acaba por tragar a este goberno de feixóns. Teñan vo tino os da oposición de afastarse dos buracos negros a unha distancia segura.
Pero o certo é que si que teño unha certa amargura por todo: ver a corrupción duns políticos, a falta de capacidade de outros, o egoísmo e o deixamento das xentes desta terra… e como non, a avaricia de moitos empresarios faime pensar que a humanidade non ten solución, que estamos condenados a unha escuridade que nos impedirá esquivar o cantil.
Na Galiza é aínda peor. A intención clara dos que nos gobernan, de certos grupos, de acabar ca nosa identidade, de parar a visión de Pondal para que os galegos quedemos aínda máis durmidos se cadra ponme enfermo. Por que non hai sitio nesta terra para todos? Por que non poden deixarme vivir como eu quero, en liberdade? Por que temos que facer a vida aínda máis complicada do que xa é? Non podo entendelo.
Pero onte, trebellando un pouquiño co Youtube, mirei un par de vídeos que me fixeron reflexionar. Un deles vouno por hoxe, o outro irá outro día ca segunda parte desta reflexión.
O primeiro vídeo é a chegada dos restos de Castelao a San Domingos de Bonaval. Vexo as protestas pola apropiación indebida do cadáver do ilustre rianxeiro que non quería ser enterrado na Galiza ata que non fora libre… Vexo aos grises (si, os terribles grises de cando eu era neno, eses que fan parecer nenos de berce aos antidisturbios de hoxe en día), e vexo aos políticos, posiblemente os de UCD e AP, promotores daquela instrumentalizaron do acto para maior gloria propia. Para entender mellor o que aquel 28 de xuño de 1984 é mellor que leades este artigo de Galicia Hoxe.
En calquera caso só sei que escoitar aqueles berros, “Galiza ceibe, poder popular”, escoitar á locutora daquela TVE de Galiza, Tareixa Navaza, falar da liberdade do pobo galego, da súa opresión, citar ós versos de Noboneyra, que logo sería represaliada, ver os militantes do BNG tratan de mostrar a súa vontade de enterrar o legado do rianxeiro, faime pensar que non podemos deixarnos levar pola corrente, que temos que levantar o noso puño en alto, protestar, ensinar, loitar!!! Que non podemos parar agora!!!
|
|
|
|
|
| Solpor na Area da Secada 2 |
|
Música: "Más allá (Beyond)" de Pat Metheny |
|
|
|
|
| Instruccións para facer ben a maleta |
|
| Sentada nunha cama que xa non era súa, a muller choraba sobre as instrucións para facer ben a maleta porque non viña explicado como meter dentro toda a súa vida. | |  |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|