diario dun gato galego


ESTE SON EU...
Un gato do país,o protagonista desta historia...Ireivos relatando, día a día,o que acontece no mundo dos humanos, visto cos meus ollos gatunos

MONCHO E...
 CATEGORIAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UNHAS PALABRIÑAS DE NADA...

Psssst!... ei!... hai alguén?...Non, non son o creído de Moncho. Son a Safa. Sí, aproveitei que Moncho está de "vacas no millo" para colarme no seu blog e facervos saber que non son tan lercha coma el dí, somentes lle deixo claro a eses seres inferiores de duas patas que a que manda SON EU!...Aínda que me dán un medo!!!. A miña Humana non é tan mala, polo menos me caza unhas cantas boliñas de penso e às veces ate deixo que me acariñe un pouco somentes, non se vaia crer que todo o monte é orego! Ademais, para facerlle a pelota xa está o loiro da casa, menuda empanada me ten!!veña a ronronearlle no colo, veña a frotarlle co bigodiño o nariz e ela toda enmeigallada co seu gatiño guapo...Humanos, que manipulables son!!Algún día a raza felina dominará o planeta e eles serán os nosos escravos, botarán todo o día tirándonos pelotiñas para cazar e peiteándonos, subiremos nas camas soltando todo o pelo que nos pete, faremos pis nos labavos e comeremos comida humana en pratos humanos. Toma castaña!!!.
Teño que dicirvos tamén que Moncho, cando volte do Caribe, andará algo a tope de chollo e cecais non vos escrebe tanto como antes, pero de cando en vez botará unhas cantas letras para que saibades que segue no candelero... Aigh!Non hai quen lle ature eses aires!
Ala, mordiscos sañentos para todos vós!
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-01-2008 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
VOLTAREI EN XANEIRO

Botádeme moooooito en falla, de acordo?...
Lametóns de amor
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-12-2007 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DE CANDO FUN ARTISTA DE CINE

CAPITULO IX

26 maio

A televisión sempre foi algo que me deu moita curiosidade; sendo unha minchiña reparei nun paxaro (= comida con plumas; é que se non, non me entendedes) que había dentro dunha ventá que deixa parvos ós humanos que a miran, máis aínda, me refiro… fiquei tolo, puxéronseme os ollos coma dous pratos, pero de caldo, eh?, lanzeime en prancha dende a mesa à ventá- de -facer -humanos- parvos e velaí que me estampei de fuciños sen poder atrapar o paxaro de merda aquel (¿por que me pasan estas cousas a min, por que?). Despois decateime de que o bicho en cuestión tampouco cheiraba a nada, perdín o interese e o meu fuciño deixou de sufrir eses accidentes… Pois ben, os Humanos chaman a este trasto a televisión e como che son moi afecionados argallei o xeito de pasar ó outro lado, así os humanos poderían admirar a miña beleza innata e o meu talento.
A miña primeira peli foi Sreck, un tipiño verde coma un fento e o seu burro, na peli eu era un perigoso asasino a soldo pero facíame colega deles; na escea principal paralizaba os enemigos poñendo olliños tenros e botando as orelliñas para atrás, ¡foi todo un éxito!. Lanzoume dereito à fama, as gatas me pedian patígrafos e outras cousas que estando castrado non podía facer (aigh!...esa veterinaria de Marín vaimas pagar algún día, díghovolo en serio…) e dende aquela cando quero saírme ca miña na casa somentes teño que poñer esa cara e a miña Humana derrétese coma un flan: ¡viva a manipulación emocional!.
Logo tamén levei a cabo un gran traballo facendo de Gardfield. “gran traballo, Moncho!”, díxome S. Spilberg, penso que na realidade o personaxe é unha autogatigrafía miña, agás que eu prefiro o lacón con grelos à lasaña. Porque non temos can, pero aquel tontaina da veciña era mesmiño igual a Oddie, jajajajajaja!.
De certo que algúns tamén sodes afecionados à miña serie de tele, son un gato que leva un diário a un humano, pero é o do día seguinte, e xuntos temos que trocar as malas novas antes de que ocorran, alí o guión éravos pero moi complicado, porque tiña que maullarlle ó humano o que había que facer e el non entendía ben o gatuno.
Ben… Puidera ser que o conto este me pasara polo maxín namentres botaba unha soneca diante da tele, ¿non?...zzzzzzzzz.....
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2007 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Formando manada

CAPITULO VIII


17 maio

Hoxe é un día deses que fican para lembranza gatuna, ¿nunca tivéchedes a sensación de que o tempo ía apresa de máis e de súpeto, cando queredes facer memoria, lembrades somentes aqueles intres máis bonitos ou os piores?. No noso caso isto é ben certo, porque botamos caseque todo o tempo durmindo a pata solta, así que estando espertos todo é interesante, masticable ou cazable... Pois neste Día das Letras Galegas a nosa manada de tres medrou: ¡Logo de tanto tempo, a miña Humana ten un Humano!. Non vos entendo demasiado de machos humanos, pero sendo de cotío a miña Humana tan revirada con eles, este debeu cazarlle uns ratos ben fermosos para facerlle as beiras, que a miña Humana seica lle quere un moito de verdade. Gústame ollala así, é que os Humanos precisan que os acariñen e eu xa boto tempo dabondo no colo dela, ronroneando e frotándolle cos bigodiños o seu nariz, logo ando apurado atrapando as pelusas, ¡ que estrés, meu Deus, que estrés!...
Compartir territorio con outro macho non é doado, este ten ollar de boa xente e estou certo de que rematará por darme mimos, entrementres nos imos coñecendo semella que anda algo ciumento de min, que rosma porque a miña Humana me ten todo consentido e me achucha e me deixa deitarme no sofá a ver a tele. Síntoo, Humano, eu cheguei antes, je!.
Entrando a semana a miña Humana bota moito en falla ó seu Humano, el é dunha terra do sur na que bota todo o día protestando, debe ser no que traballa, que protesta porque o Concello non arranxa o Casco Vello, porque os traballadores non teñen boas condicións… É un presidente protestador… E chegando a fin da semana a miña Humana fica máis animada, fai unha viaxe e bota alí uns días de festa, tocando pandeireta e bailando e comendo ben, que lle está a medrar o cú estes días… Este Humano está acariñando de máis à nosa Humana, penso. Às veces ven el ate eiquí para visitarme, xa sei que ten debilidade por mín, aínda que non queira recoñecelo, jeje. ¡Gústame a nosa nova manada!.
Comentarios (9) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-12-2007 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
EMIGRANDO ÀS TERRAS DO NORTE

CAPITULO VII


1 maio

Adiviñade…trocamos de casa. Aigh!
Resulta que a miña Humana deulle un arrebato deses e foi montar un sitio onde os humanos van a poñerse guapos. Parécenme uns inxenuos, nunca poderán ser tan elegantes e bonitiños coma nós, ademais que teima teñen de sacar os pelos, fixádevos que eu, tan peludiño, son un auténtico “sex simbol” , ate me piden patígrafos e todo.
Ó principio ficabamos na casa co Humano Grandón, porque a miña Humana botaba toda a semana lonxe(¡crin morrer de falta de mimos!) así que este humano nos daba o penso, nos acariñaba e cantaba para nós, non nos foramos depremir, que somos moi sensibleiros. Collinlle moito agarimo, así que falei con un compañeiro meu, o Moqui, e díxenlle que o adoptara, que un Humano así non podía estar orfo de gato.
Despois imaxinade que tivemos que emigrar ás terras de norte, non me gustan pero nadiña nadiña!!. A miña Humana, mala ela, deunos unha pírula a Safa e outra a min, entón todo escomezou a poñerse dunhas cores moooooi curiosas, e a dar voltas, ja!, e ….yupiiii!, ¡que colocón!... ¡Podo voar!…hip!... Entón tivemos que entrar na gaiola de viaxes, Safa e máis eu, é unha caixa que serve para que a miña Humana me empurre polo cú dentro e eu tente sair, (cabezona se pon, de verdade). Coitadiña, cando conquería que entrara Safa saía eu, e así estivemos a mareala un bo anaco, ate que a pírula esa máxica xa nos deixou fóra de xogo. Despois non teño moito recordo, penso que estabamos no coche (esto é un trasto que se move de máis pró meu gusto, dame un medo!!). Eu non soltaba prenda, estaba demasiado cabreado ca Humana e retireille o maullido, pero Safa veña a protestar, ate que ficou parva de todo pola menciña… Ben, tampouco che me era moi espabilada antes, miña xoia.
Rematada a viaxe, entramos no noso novo territorio, este é moi grande e alto, dende a xanela podo ver os Humanos tan pequechos que podería cazalos coma a ratonciños. Pero non penso que estexan moi ricos de masticar, porque as veces que xogo a cazar os dedos dos pés da miña Humana roín algo neles e fáltalles condimento…Eiquí non hai árbores nen comida con plumas, ate teño morriña do can tontaina da veciña…buf!. Nin unha miserable araña para atrapar, voltei a perseguir pelusas, ¡que tristura!.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-12-2007 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
SOBRE CRENZAS HUMANAS E HORÓSCOPOS

CAPITULO VI


4 abril

Resulta que os Humanos parecen precisar dunha crenza que lle de significado á vida… Nós os gatos non podemos seguir esa filosofía, adicamos demasiada enerxía a comer, durmir e xogar, e a ser tan bonitiños, claro, a ver se pensades que tanto “glamoure” non require esforzo (¡ai, que guapo son!).
Esto das crenzas humanas é bastante curioso, persoalmente estou certo de que os exipcios eran os Humanos máis listos que houbo: adoraban ós gatos. Pois sí, ¡eramos deuses! A nosa deidade exipcia, Bastet, era a que protexía o fogar, e cando un gato morría o cubrían de lenzos e o soterraban co seu Humano, fixádevos se eramos imprescindibles… Por certo, de aí veu o chiste ese de “-te vendo un gato.- ¿E eu para que quero un gato vendado?” (juajuajuajua, un gato vendado, que bo!!). Pois logo, ser un gato exipcio era un chollo. O que non remato de entender é porque tamén lle tiñan tanto aprecio a un can de palleiro chamado Anubis, todo o mundo sabe que os cans son criaturas tontiñas, sempre tentando cazar gatos e nós a rirnos deles dende a nosa árbore, jeje…

8 abril

Unha crenza que me dá moita risa é que os gatos negros dan mala sorte; cando estexa no tribunal de dereitos gatunos ( son candidato nas próximas gatoeleccións, ¿sabedes?...Segundo o CIS gañarei por ampla maioría… o meu carisma, xa vos imaxinades… suspiro…) levarei este tema para que sexa considerado racismo felino; é que Safa é meio negra , ¿dará a metade de mala sorte?, e por moi pécora que sexa quérolle un moito; onte regaleille unha pata de araña e todo, pra que xogase. Retomando, seica un galego esqueceu no día de fin de ano poñer cirolas vermellas despois de erguerse co pé esquerdo; estando no baño rompeu un espello, co cabreo non soplou as velas do seu aniversario e saiu ben apurado à rúa onde, ó pasares por baixo unha escalera atopou un gato negro, para non tropezar con el torceu por un cruceiro onde non se presignou pasando a Santa Compaña nese mesmo intre; en chegando à vila traboulle un lobisome estando a lúa cheia… ¿E que lle aconteceu? :¡Pois que escomezou a orballar!. Así que entrou no furancho a tomar uns viños e xa non saiu daló. Así nacen algunhas das crenzas humanas, ¡jejejejeje!.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui


20 abril

A outra crenza da que me gustaría falar son os horóscopos. Seica segundo a data na que nazan os Humanos pensan que teñen un tipo ou outro de personalidade… A pesares de que todo isto non me dá moita confianza, o que sí teño comprobado nos Humanos do meu entorno é que os Acuarios son para darlles de comer aparte. Por suposto, a miña Humana é unha acuariana típica:
• Amantes dos gatos, fican fascinados pola nosa elegancia e misterio, e a nosa independencia… a nós tamén nos caen simpáticos, por iso soemos coller un Acuario como mascota.
• Raros, aínda que agora hai unha palabra que os define moi ben, a miña Humana dí que é unha “friki”: pelis de fantasía e ciencia ficción (¡encántame Spock, de verdade!), roupa diferente, moito acuariano hippie ou pop.
• Artistas: Mira que teñen imaxinación, veña a pintar, escrebir e compoñer música, o que saia, o caso é que só o vai comprender outro acuario.
• Idealistas: Ecoloxistas, solidarios, viven noutro mundo…
Se entras nunha casa de acuarios, ¡coidado!: No chan terá un cadro dunha fada a meio confeccionar, a canle de documentais da natureza posta todo o día, os libros sosteñen a tv, atoparás o gato durmindo no sofá, entre a arpa céltica e fotos antigas de Rosalía, e algún humano que non tiña onde durmir e atopou na rúa esa mesma tarde, coas zapatillas de peluche do acuario postas, tomando un té moro na cociña.
Todo esto ven ó caso porque eu, por nacemento…¡son Acuario!.
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
INCISO

Hai un par de semanas o Humano Que Sopla Por Un Pau Con Buraquiños encargoume unha listaxe das 8 cousas que máis me gustan… Estiven a darlle voltas na cabeciña ó asunto: ¿as 8 para mín ou as 8 da miña Humana?, e finalmente decidín que pagaba a pena poñer ambalas dúas, ¿a que son enxenioso?. Non van por orde de preferencia, iso xa me resultaría demasiado complicado, ¡ai, que traballos me dás, Humano de Tina!.

Moncho:
1. Comer…Non vos son moi exquisito, tanto me gusta o xamón coma o marisco...necoriñas, mmmmmh!!.
2. Escorrerme baixo as sabas, polas noites, e facerme un oviliño no colo da miña Humana, ¡que cómodo e quentiño se está aló!.
3. Espreitar a Safa, e cando anda algo despistada, saltarlle enriba e arrincarlle cos dentes un bo par de anacos de pelo…jajajajajaja!
4. As gatiñas de ollos verdes, pelo suave e patas longas. Que lle vou facer, sonvos un amante da beleza.
5. Xogar a perseguir bichos. Canto máis grandes, mellor.
6. Frotar cos bigodiños a cara da miña Humana polas mañás, pra que esperte e me bote unha cunca de penso: ¿non sabe que o almorzo é a comida máis importante?...Desnutrido, estou…
7. Agocharme en tódolos recunchos que atopo: a lavadora, o microondas, entre os sapatos da Humana… ¡Que sustos leva às veces, a pobriña!.
8. Ollar pola xanela todo o que acontece fóra do meu territorio, ¡os Humanos son tan primitivos e divertidos!.

A miña Humana:
1. Eu.
2. Cantar, tocar e bailar cos amigos nalgunha festiña ou serán…cantos bos momentos ficaron no último ano para lembrar!!.
3. Ver unha boa peli deitada no sofá, agarradiña ao seu Humano.
4. Cociñar algo rico para o xantar na finde e, vindo a conto, almorzar os domingos cunhas torradas de manteiga e marmelada.
5. Ir de cafetes con algún amigo ou amiga e botar un par de horas charlando, sempre hai moito que contar.
6. Ler coa noite moi entrada, cunha pequena lampariña, case a escuras, cando non se escoita ningún ruido (agás eu, pelexando con Safa).
7. Pasear por algunha paraxe sen xente, reparando en tódolos bichos e as prantas, cogumelos que vai atopando.
8. Pasar, de cando en vez, un día de tendas ao máis puro estilo Maruxa.

¡Penso que con isto xa cumplín de máis, Humano Que Sopla Por Un Pau Con Buraquiños! Agora dame o teléfono de Tina.

Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2007 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
¡QUE TRABALLIÑOS!
CAPITULO V



5 marzal

Ó escomeza-la primaveira a miña Humana fai unha limpeza xeral… Consiste en recoller tódolos pelos que fomos soltando Safa e eu, é moi gracioso cando xa leva xuntado como para tecer unha manta, realmente non sei como facemos para producir tanto pelo, ¡pero que suaviños que somos…!
Para limpar a miña Humana emprega un dos meus xoguetes favoritos, é un pau que remata nuns flecos que move moi rápido (ALA!) dun lado ó outro para que eu tente atrapalos…Cando consigo engancharme deles cas uñas e cos dentes xa non me quero soltar, e a pobre rapaza acaba fregando o chan coa miña barriguiña. Non debe ser doado limpar, cun gato de 4 Kg prendido, non…

Outra parte importante desta tarefa é a Recuperación de Xoguetes de Moncho. Consiste en mover o sofá e sacar de embaixo tódolos bolígrafos, mecheros, gomas do pelo, pendientes, etc, que Safa e eu imos tirando dende a mesa ó chan para despois empurralos coa patiña ate alí. Quen mete gol na portería-sofá gaña o xogo. Esta parte da limpeza pon moi leda à miña Humana porque atopa cousas que levaba meses procurando. Este xogo aínda lle fai algo de gracia, o que non lle gusta nadiña é ese no que agarro un papel e vou facendo anaquiños pequerrechos con el. Ás veces emprégome a fondo co papel do baño e fica todo en titiñas pola casa adiante, jeje, pero á miña Humana ponse moi inqueda cando me achego ós billetes de 50…aínda non conquerín atrapar ningún, pero tempo ó tempo, jejeje…
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-11-2007 15:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A VIDA NO CAMPO


20 marzal

Non deixa de chover…Ás veces tento cazar as pinguiñas de auga que esvaran polo vidro da xanela (dunha vez tomei velocidade, crendo que estaba aberta, e estampeime de morros conta ela… ¡ai, que dano, que dano!), pero non hai xeito de atrapalas…que ¡frustración!. A miña Humana pon unhas caras moi raras cando fago iso, non sei se as pegadas que deixo marcadas na ventá teñen algo que ver, je, pero esto é unha loita de poder, e como a cabezón non me gana ninguén remato por facer o que me peta (outra pinguiña, toma castaña !!). É divertido ollar coma o can “matagatos” da veciña fica todo mollado, alí na finca, namentres eu estou eiquí deitado, cómodo e quentiño; cando a miña Humana non olla fago burla del, amósolle a pata e saco a uña do medio para fóra, o que nos rimos Safa e eu cando comeza a ladrar, ¡agárrase uns mosqueos…!



28 marzal

Os gatos na Idade Media
Por mor do Entroido faleivos un algo das nosas queridas meiguiñas (“habelas hailas”). Como son un gato leído hoxe gustaríame compartir con vós un anaco de Historia, agardando que lle sirva de lección a algún deses ós que lle caemos antipáticos os gatos (non trabo a ese tipo de xente porque teño medo de ficar envelenado, que si non…).
En fin, o meu relato comeza cunha bonita amizade entre as meigas e os gatos: Nós lle cazabamos os ratos para que os usaran nas pócimas e elas nos puñan un pratiño de callos e un viño do país… Eran moi limpas, as meigas, sempre daquí pralá ca vasoira . Pero o resto dos humanos eran uns porcos, botaban todo á rúa, que daquela era un camiño enchoupado de lodo. Pasou que às ratas atoparon naquelo un sitio estupendo para criar e cada vez había máis. Esto para nós sería estupendo (máis ratas= máis callos) pero ós humanos entroulles entón a teima que queimar às pobriñas meigas polos seus tratos co diaño ( que brutos, eu non tentei cargarme ao humano do bigode cando fixo tratos co yanqui para ir a outra terra a matar aquela xente…Vaaale, sí que lle mandei ó yanqui unha caixa de galletas saladas, jeje…esa é outra historia) e alí fomos nós tamén ó lume, case desaparecimos completamente en Europa. E por iso as ratas proliferaron transmitindo a peste, que matou a milleiros de persoas. Cando por fin os humanos se decataron comezaron a ter as rúas limpas e os gatos fomos admitidos de novo nas casas como guardiáns anti-ratas. Chúpate esa!!


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-11-2007 15:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2]
© by Abertal






weblogs

weblogs