MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CARTA ABERTA A ANXO LORENZO
COORDINADORA GALEGA DE ENDL
26/06/2010 -Xornal de Galicia
Desde a coordinadora galega de ENDL, como docentes e moitos tamén como nais e pais, dirixímonos a vostede para amosarlle a nosa enorme preocupación e o noso abraio sobre o que vai ocorrer coa lingua galega no ensino, especialmente na etapa de infantil, onde non se garante a súa aprendizaxe, máis ben o contrario.

Nós, que interpretamos a riqueza lingüística de Galicia como unha vantaxe, porque cremos que as linguas realmente suman, asistimos con perplexidade ao feito de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística que vostede dirixe, creada para impulsar a normalización da lingua galega, non faga nada para conseguir este obxectivo. En realidade, as medidas artelladas ata o momento, levan –e vostede como sociolingüista sábeo moi ben e así o ten manifestado– á castelanización dos galegofalantes e a seguir convertendo o galego nunha lingua estranxeira para os nenos de contextos castelanfalantes.

Todos os docentes sabemos que o que está redactado no Decreto 79/2010 referido a esta cuestión: “Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, ben que deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo” é imposible de levar á práctica en contextos castelanfalantes.

Deixando á marxe o pouco rigor do termo “lingua materna” e o pésimo sistema que se propón para dictaminala, como sociolingüista, sabe que o peso social do castelán na nosa sociedade e a presión que exerce o grupo nestas idades, require a posta en práctica de medidas concretas e activas que garantan a aprendizaxe da lingua minorizada en todos os contextos pero especialmente nos castelanfalantes, onde –se non é así– resulta imposible que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas por igual nesta etapa tal e como establece a LOE.

Como docentes coñecedores da realidade diaria dos centros, informámolo de que nos resulta máis imposisible aínda atender “de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna” con ratios de 25 nenos e nenas por aula, o que leva a unha clara marxinación lingüística do alumnado galegofalante, que deixa de selo na primeira semana en que asiste ás clases.

Esta filosofía de atender o alumnado segundo a lingua materna xa rexía o Decreto 247/1995, tendo como consecuencia unha clara e masiva desgaleguización da poboación máis nova durante os últimos anos, tal e como se aprecia en todos os estudos e informes existentes... ou simplemente escoitando o que se fala na rúa.

Non atopamos por ningures as medidas de apoio á lingua galega que vostede anunciou, polo momento, a única medida tomada foi en sentido contrario: a eliminación dos Proxectos de Innovación Educativa para as aulas de Infantil en galego en contextos castelanfalantes, programados no PXNLG, plan que axudou vostede a redactar e que foi aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, co voto do actual presidente do Goberno. Estes Proxectos de Innovación Educativa, denominados “liñas de galego”, foron avaliados moi positivamente porque se mostraron eficaces na aprendizaxe do galego por alumnado de contornos castelanfalantes, sen que se resentise nada a adquisición de castelán presente de maneira permanente no seu contorno habitual.



Dada a gravidade deste asunto, pedímoslle, señor Lorenzo:

a) Que se permita a permanencia das “ liñas de galego” en contextos castelanfalantes nos máis de 40 centros da nosa comunidade que están funcionando sen custo ningún para a administración. Facer isto non sería outra cousa que aplicar unha medida normalizadora e mais –de paso– cumprir o prometido por vostede e mais polo señor conselleiro de Educación na reunión mantida connosco hai escasamente un ano.

b) Que se teña en conta a situación de desprotección e debilidade en que se atopan os nenos e nenas galegofalantes, aínda en contextos de uso habitual do galego, pois a presión social do castelán é cada vez maior. Solicitamos, por tanto, medidas concretas para a súa protección.

Como responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística está na súa man demostrar que esta institución traballa para os fins para os que foi creada e que a Consellería da que forma parte realmente busca a igualdade das dúas linguas existentes na nosa comunidade, feito que pasa –e vostede ben o sabe– por axudar á minorizada.

---

* Carta asinada pola Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística, da que o ENDL do centro forma parte e, por tanto, subscribe.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-06-2010 01:47
# Ligazón permanente a este artigo
Carta da Coordinadora de Mestres/as de Educación Infantil de Ourense
Estimados/as compañeiros/as:
Ante o inminente último intento, por agora, de retroceso da presenza do galego no ensino facemos a seguinte reflexión:
1º.- Onde van contabilizar os inmigrantes: senegaleses, marroquís, romaneses, portugueses, que deben responder? , descoñece a consellería a sociedade e os colexios galegos?
Sería necesaria a resposta outras ?
2º.- Cal é a lingua materna dun neno ou nena que escoita falar aos seus pais entre eles en galego,
que comparte horas e días cos avós e que ás veces se dirixen a el en castelán?, podemos pensar que
a súa lingua materna é o castelán?
Sería necesaria a resposta as dúas ?
3º.- Por que teima tanto a Consellería en escorar a resposta cara o castelán?
4º.- Teñen dereito os pais, nais e titores a coñecer a realidade das nosas aulas?, saben que se a lingua maioritaria é o castelán non terán ningunha competencia nin oral nin escrita en galego? Saben que se a lingua maioritaria é o galego acadarán competencia en galego e en castelán ? (aínda que superior en castelán)
5º.- Temos e teñen dereito pais e nais a pedir que os seus fillos e fillas sexan ignorantes na lingua propia do país? Teñen dereito a afastar aos seus fillos e fillas dunha lingua moi próxima (o portugués, a lingua dun país emerxente, o Brasil) con 240 millóns de falantes, a que sen apenas esforzo poden aprender? Saben que os emigrantes galegos acceden a postos en empresas por ter coñecemento de portugués, pasando por diante de outros que non o teñan?
6º.- Como se defenderá un neno/a de 6 anos que debe estudar Coñecemento do Medio e Lingua en
galego, se non tivo antes clases no noso idioma? Ou do que se trata é que se aborreza o galego
desde os primeiros cursos de primaria?
Por todo iso pensamos que non podemos quedarnos de brazos cruzados vendo como se trata de
quitarlle a unha xeración o dereito a coñecer unha parte fundamental de nós mesmos como é a
lingua.
En definitiva, podemos e debemos convocar os pais a unha reunión informativa , a que soemos
facer ou en xuño ou en setembro, pero que é máis efectiva en xuño, (pois hai aspectos como o da
roupa, zapatos, hábitos que non deberían esperar a uns poucos días de empezar o curso, senón que é
mellor conciencialos agora); e entón explicarlles as vantaxes do bilingüismo; bilingüismo é o máis
parecido a clases en galego, e clases en castelán supón saber só castelán. Témolo ben comprobado
nos colexios onde tivemos a oportunidade de dar as clases en galego, aínda que só fose durante tres
ou catro anos. Ter competencia nas dúas linguas só é posible se escollen o galego como “lingua
materna”.
Animámosvos a todos/as a que faledes cos pais e lle expliquedes as nosas experiencias, e os
motivedes de forma positiva a que pidan as clases en galego, e principalmente os que xa as tiñamos;
nós somos os que mellor sabemos que os nenos non perden ningunha competencia en castelán.
CMEI - MEDRAR EN GALEGO
Coordinadora provincial de mestres de Educación Infantil da provincia de Ourense
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-06-2010 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
ADEUS A JOSÉ SARAMAGO
Escoitaremos nestes días moitas historias sobre Saramago.
Comunismo, ateísmo, iberismo, compromiso, crítica reflexiva, desasosego,...
Non é a miña intención analizar a súa obra, outros fano mellor ca min. A obra aí fica, entre as mellores, para que a devoredes á vontade.
Se aínda sodes moi novos, xa chegará o momento en que a encontredes. Oxalá ese encontro sexa frutífero, como ten sido para tantos. Oxalá vos produza ese desasosego que acompaña as conciencias. Oxalá o fagades en portugués porque entón demostraredes ser máis sabios e respeitosos.
Encanto non chega ese momento, podedes escoitar a Saramago contándovos esta historia que el escribiu para vós.
Beatriz Fernández


Tiñamos colocada aquí a ligazón a flocos.tv, pero resulta que PECHOU A PÁXINA! Pocuco nos durou a iniciativa...

Colocamos o vídeo do youtube:

Comentarios (0) - Categoría: Lusofonía - Publicado o 19-06-2010 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
O que vai supor o decreto
Un folleto informativo elaborado pola Coordinadora Xeral de ENDL

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2010 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
En GALEGO TAMÈN SE FAI CIENCIA
Excelente campaña na que falan os propios ciencíficos e científicas que usan o galego no seu traballo diario. Isto non supón para eles ningún atranco, máis ben todo o contario, unha vantaxe. (A pesar de que algúns queiran desterar o galego destes ámbitos e desposuír o alumnado galego dun ben engadido).

En galego tamén se fai ciencia é unha campaña promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: Ciencia en galego - Publicado o 10-06-2010 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Escoita e propón a mellor música galega
blog das gabarras
O Blog GABARRAS puxo a andar unha iniciativa interesante: facer unha recomplicaión das mellores músicas galegas, de calquera estilo, dos últimos anos.
Propoñémosche que entres na páxina (tes a ligazón á dereita), escoites algunhas ou propoñas outras.
LIGAZÓN AS GABARRAS
Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 10-06-2010 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
A CIENCIA MÓLLASE DE NOVO. GRAZAS.
Comunicado da Asemblea de ENCIGA sobre o decreto de plurilingüismo
A Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), na Asemblea celebrada o 7-V-2010, aprobou por unanimidade transmitir á Consellería de Educación e aos medios de comunicación a seguinte resolución.
ENCIGA manifesta a súa oposición ao decreto de plurilinguismo presentado pola Consellería de Educación baseándose nos seguintes argumentos:
1º.- A nosa asociación, con máis de 650 socios, leva vinte e dous anos de funcionamento e trátase da asociación de profesorado máis numerosa de Galicia. Entre as asociacións de profesorado de Ciencias é a máis veterana do Estado español e das máis veteranas de Europa. Ao longo destes anos non tivo coñecemento de que ningún dos seus membros recibise ningunha reclamación nin queixa polo feito de ter empregado o galego na aula. Por iso non comprende o interese da Xunta de Galicia en aprobar un decreto que impón o uso do castelán de xeito obrigatorio en materias de Ciencias como a Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía, véndose afectados con esta decisión moitos dos socios da nosa Asociación.
2º.- Ao longo destes anos, nos case 70 números publicados da nosa revista e próximos a realizar o XXIII congreso da nosa Asociación, a maioría das publicacións e comunicacións foron presentadas en galego, probando que é unha lingua tan natural coma outras para transmitir e divulgar ideas científicas. Ningunha razón científica pode argumentar unha chata ou deficiencia por usar o galego para falar de Ciencia.
3º.- Unha parte importante das actividades da nosa Asociación están relacionadas co estudo, divulgación e investigación de métodos que acheguen a ciencia á sociedade e ao alumnado das distintas idades, o que, xunto co apartado anterior, amosa que o profesorado de Ciencias ten un interese especial por conseguir a máxima competencia do alumnado galego nas materias das súas áreas e promover o uso común do galego na aula é unha mostra dese achegamento á sociedade galega. O contrario sería continuar a longuísima etapa de imposición do castelán, procurando que o galego estea practicamente fóra do sistema educativo, polo menos de moitas materias de Ciencias, o que vai en contra de todo argumento pedagóxico e lembra os tempos escuros de “la letra con sangre entra”, máxima antipedagóxica por excelencia que hoxe todos rexeitamos.
4º.- Diversos informes científicos coñecidos pola Consellería de Educación proban que a competencia xeral do alumnado é menor en galego que en castelán. Dado que necesariamente o obxectivo educativo neste tema é o de acadar unha boa competencia tamén en galego, a Consellería debería tomar decisións para conseguir ese obxectivo. Sorprende que, no seu lugar, apunten ao contrario, ao reducir as materias a impartir en galego e decidir que a maioría das de Ciencias sexan impartidas en castelán contradicindo no caso do galego o que a propia Consellería promove no inglés.
5º.- O decreto supón unha imposición aos profesores, moitos da nosa Asociación, do uso do castelán. En vez de promover o uso do galego como sería razoable nunha comunidade cunha lingua propia, promóvense leis que o desprotexen, involucrando nesta tarefa ao profesorado das áreas de Ciencias. Isto é malo para o país, para os centros, para a docencia das ciencias, para o profesorado implicado nestas áreas e, por suposto, malo para o alumnado e para toda a sociedade galega.
6º.- Por todo isto, consideramos razoable e apoiamos a decisión do profesorado que se ten manifestado publicamente no sentido de non aceptar a substitución do galego polo castelán nas súas aulas.
Santiago de Compostela a vinte e sete de maio de 2010
PREME AQUÍ PARA ACCEDER A ENCIGA
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2010 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
NOVA INICIATIVA: GalegoLab
Xa está en marcha GalegoLab, unha plataforma para o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega na que todas as persoas interesadas poden participar presentando ideas, valorando as das demais, transformándoas en proxectos, axudando a melloralas, colaborando no seu desenvolvemento, etc.


Organizar festas con música en galego; crear un grupo de lingüísticas que resolveran na rede dúbidas lingüísticas puntuais e urxentes; facer unha edición dixital de música en galego para practicar fitness; un concurso de vídeos no que se resuman as 24 horas dun ou dunha falante; etc.

Pinchadas da música, pero da boa ;-), Galego express: lingüista a domicilio, Galegogym ou 24 horas galego fullscreen son algunhas das propostas que se poden atopar xa no web de GalegoLab, e que todas as persoas que queiran poden xa valorar, comentar, transformar en proxectos, colaborar con recursos materiais ou económicos ou con tempo e ideas, etc. E se non che gusta ningunha destas propostas, pois podes facer a túa!

En GalegoLab podes dar ideas, botar unha man e colaborar en accións a prol do galego

Mais, que é isto de GalegoLab?
GalegoLab é unha organización sen fin de lucro que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega.
GalegoLab é unha nova forma de organizarse e de colaborar en proxectos que teñan por obxectivo a promoción da lingua galega.

GalegoLab baséase no crowdsourcing. E iso que vén sendo?
O crowdsourcing é a organización de grupos informais de xente para conseguir obxectivos reais e concretos.

A Wikipedia ou Linux son exemplos coñecidos de crowdsourcing, onde moitos e moitas se teñen xuntado para cooperar na medida das súas posibilidades, e de xeito electrónico.

Vale, pero eu, que podo facer?
En GalegoLab podes facer cinco cousas principais:
•Presentar ideas de accións concretas para a promoción da lingua galega


•Transformar ideas en proxectos


•Axudar a mellorar as ideas doutras usuarias


•Priorizar cos teus votos as propostas prioritarias


•Colaborar na realización de proxectos
Infórmate na ligazón á dereita
LIGAZÓN de GALEGOLAB
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2010 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player