MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Opinións sobre a nosa lingua
O GALEGO E O ENSINO DA CIENCIA

A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:

 Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGA desenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.

 Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores de ciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.

 Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ao ensino das ciencias na secundaria.

 Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado unhas 800 comunicacións, cuxa inmensa maioría se expuxeron en galego.

 Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos de todo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.

 Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.

Por todo isto, MANIFESTAMOS que:

Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-06-2009 15:38
# Ligazón permanente a este artigo
Opinións sobre a nosa lingua
"As organizacións abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3.O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía ao centros o mantemento desta porcentaxe só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”, pois esta opción non fai referencia á totalidade do ensino, senón soamente ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%-, xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.

4. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

5. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes a que expresamos a continuación:

Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa. Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego. Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos."

A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato dos/as traballadores/as do Ensino de Galicia), Federación de ANPAS de Ferrolterra.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-06-2009 15:35
# Ligazón permanente a este artigo
Triste noticia para Galiza
En Vieiros podemos ler a noticia do cambio de rumbo de "Aberto por reformas", o programa que Xurxo Souto levaba, ata o de agora, na Radio Galega.

Soaba "Quedamos nesa Praza", de Som do Galpom, a derradeira canción do "Aberto por Reformas" de Xurxo Souto, e un convite para o futuro, para seguir traballando, seguir loitando pola música galega. O luns 1 de xuño os novos xestores da radio pública de Galiza, a Radio Galega, decidían que Xurxo Souto non continuaría á fronte do programa. Souto finalizou esta última emisión despedíndose dos oíntes, dando as grazas, e reivindicando a riqueza e o valor da música galega: "Chega o momento da despedida. Hai máis de tres anos principiabamos esta aventura. E agora chega o momento de dicir adeus, e dicir grazas [...]. Grazas a tantos artistas galegos, a tanto talento. Somos un pobo de artistas. Cando chegamos houbo certas dúbidas. Había quen dicía que non había música galega dabondo para encher unha hora de programación diaria. E a verdade, e dígoo sen ningún pudor, é que botamos por fóra. A aventura continúa. Agora chega o tempo de que veñan outros compañeiros para manter aceso este facho sonoro. Ata logho amigos, tres, dous, un, partiu".

A noticia enteira en www.vieiros.com/nova/74534/a-musica-galega-pechada-por-reformas
vieiros
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2009 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player