MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Pradolongo: a defensa dunha explotación racional da natureza?*
“Que país de perdedores”. A idea apoderouse de min cando comezaron a aparecer na pantalla grande os títulos de crédito, no intre mesmo en que a luz veu ferir sen piedade os ollos aínda húmidos. O desencanto xurdía, posiblemente, do choque entre as expectativas que eu chegara a albergar sobre o filme e a realidade que a propia cinta ofrecía.

Unha película de produción galega, rodada integramente na nosa lingua, con escenarios tan galegos como as aldeas e os montes de Valdeorras e que, ademais, toca de preto unha problemática que afecta a Galiza rural dos nosos días, debera implicarse máis firmemente na causa do seu protagonista, Martiño. Por que, en cambio, tantas concesións? Por que un personaxe aparentemente favorable á gandeiría e a agricultura ecolóxicas, o propietario dunha rede de casas rurais da zona, subliña o importante papel que as canteiras desempeñaron como medio de sacar da pobreza a numerosas familias? Por que se minimiza o impacto ambiental que as louseiras provocan e se fai fincapé na posibilidade de recuperación dos terreos por elas afectados? Por que ese intento de contentar a ecoloxistas e a empresarios? Había que devolver o favor aos directivos que permitiron gravar nas propias explotacións mineiras? Ou alguén cre realmente que sobre esa indefinición ideolóxica é posible construír a Galiza do futuro?

Ningún personaxe se salva. Nin Martiño, o amante protagonista de ollos gazos; nin Raquel, a amiga-amada; nin Armando, o amigo-rival.

Armando, fillo do dono da louseira, encarna todo o peor dos novos ricos, dos que esqueceron as súas raíces e buscan afastarse ostentosamente da sinxeleza do pobo (vivenda de grande superficie pero dubidoso gusto, sauna privada na que mamá mata o aburrimento, coches de luxo que resultan absolutamente grotescos sobre as corredoiras que acotío transitan...). Indisciplinado cos seus estudos —non ten necesidade—, Armando consome as súas enerxías perseguindo sexo doado, e remata cometendo a única falta que Martiño non poderá perdoarlle, ao romper o pacto feito con este e procurar unha relación con Raquel.

Raquel é unha moza fermosa, doce nas súas verbas e sa nas súas diversións, que pasa as tardes na lagoa cun libro entre as mans e mira con distancia as obsesións sexuais de Armando e outros compañeiros e compañeiras. Alumna brillante —obtén un 9 en selectividade—, admiradora do románico e posuidora dun forte sentido da amizade, do que ela representa ben podería vir a salvación para a comarca. Pero non. Porque Raquel e súa nai, profesora e investigadora apaixonada, non acaban de mesturarse co pobo, de participar dos seus gozos e das súas sombras. Teñen unha situación económica desafogada e viven no rural, si, mais nunha casiña primorosamente rehabilitada e dotada de todas as comodidades, tan distinta do fogar que coñece o seu amigo protagonista; ata a fonética de Raquel resulta aséptica e pouco enxebre ao lado da de Martiño, en cuxos beizos soan puras as sete vogais do galego. E a todo isto vén sumarse a principal “traizón” de Raquel: á volta do verán, ten pensado marchar a Barcelona estudar arquitectura. Non importa que sexa esa unha licenciatura que se pode cursar na Galiza, porque en determinados sectores sociais, por desgraza con demasiada frecuencia, o de fóra sempre foi mellor ca o do país. Raquel, como lle recrimina Martiño, terminará por olvidarse da terra e dos seres que a habitan.

Martiño, por último, simboliza o esforzo constante por facer realidade os seus desexos. Compaxina, non sen éxito, traballo e estudos, e non dubida en sacrificar as súas horas de ocio para coidar o gando, instalar un pastor eléctrico ou convencer os veciños da necesidade de unirse fronte ao inimigo común, aínda que todo iso lle custe o afastamento da rapaza que ama. Pero tampouco hai redención para el, que si a merecía. Seus irmáns prefiren cartos e pisos na vila, os seus amigos non sempre comprenden os seus motivos e, finalmente, os labregos danlle as costas e asinan a venda das fincas. Convertido en Ícaro galaico, Martiño fica sen ás antes aínda de aproximarse á calor do sol.

Perde Armando, perde Raquel e perde Martiño. Perde a terra e perde o espectador, ao que non lle queda moito lugar á esperanza. Vaia país de perdedores!

Leo nunha entrevista a Ignacio Vilar, director de Pradolongo, que a longametraxe é “a defensa dunha explotación racional da natureza”. Mais, se se frustran os plans de Martiño e gañan as louseiras, se se acaban as tardes de verán en Pradolongo e se imposibilita a posta en marcha de actividades de gandeiría ecolóxica, onde está a defensa da explotación racional da natureza? Que sería, entón, explotación irracional?

Algún lector informado podería dicirme agora que o triunfo de Martiño resultaría inverosímil no desenvolvemento da trama. O protagonista só é un rapaz de dezaoito anos con escasa marxe para cambiar as cousas. De acordo. Pero ás veces é preciso soñar. Se se dá cabida no filme a outras circunstancias certamente pouco cribles ou, cando menos, non xeneralizables (adolescentes que frecuentan prostíbulos ou que proxectan románticas viaxes a Europa co “lóxico” consentimento dos seus proxenitores), por que non permitir que Martiño poida acadar as súas aspiracións de vivir dignamente na aldea, en comuñón coa natureza e cos seus conxéneres?

O cinema galego tivo poucas oportunidades no período comprendido entre Chano Piñeiro e a actualidade. Dende Sempre Xonxa ata hoxe pasaron vinte anos. Serán precisas dúas décadas máis para que o audiovisual galego se comprometa decididamente co medio, a cultura e as xentes que retrata?


Ana Rodríguez Barreiro


* Este artigo contén detalles sobre o argumento e o desenlace da película.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2008 14:06
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player