MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Para a fin do trimestre
Algunhas músicas para a fin do trimestre.
Para saudar a primavera e comezar con bo pé as vacacións, que ben cómpre...

Tedes aquí os vídeos e as letras, por se vos animades a cantar.

TERRA (Utopias emergentes-Dakidarría)

Baixar da furgoneta no cabo de Ortegal
lembrando aquel vello poema xusto antes de tocar,
ou no Bierzo galego, coa xente do lugar
ceando xuntos nas pallozas na noite de San Xoán,
Verbas de mariñeiro na praia de Massó
mentres o sol quenta con raiba os guindastres de Teis,
revolta no Berbés, mantendo Vigo en pé,
cidade proletaria.

Historias dunha terra de cuncas e de mar
que xuntos coñecemos nas voltas que a música nos dá.
Camiñar é facer camiño
Escoitar, aprender e compartir.

As dornas de Combarro loitando contra o mar
ou as gamelas de Ares que nunca naufragarán.
Tractorada en Chantada cun frío que nin dios,
resistencia en Montealto e umha nova okupación,
mencer no Carballiño, coma sempre "senuncan",
ir vendo crecer a Iñaki a golpes de Rock&Roll,
a mocidade activa, do noso Val Miñor
BERRA para facerse oír.

Historias dunha terra de cuncas e de mar
que xuntos coñecemos nas voltas que a música nos dá.
Camiñar é facer camiño
Escoitar, aprender e compartir.

Facendo camiño ao andar nas voltas que a música nos dá na cabeza;
amizade, xente ceibe como o vento ou as ondas do mar.
un vento rebelde que vén de lonxe, agora en nós nomeámolo furacán.
E agora que soe a música da colectividade
coas súas historias de cuncas, terra, dignidade e mar.
Salvaterra do Miño, Riotorto, Pardiñas, Cangas, Ordes,
Poulo, Manselle, Montealto, Monteferro, O Courel...
A nosa música é do pobo e é para o pobo!!

Historias dunha terra de cuncas e de mar
que xuntos coñecemos nas voltas que a música nos da.
Camiñar é facer camiño
Escoitar, aprender e compartir.





Coplas de estrelas, aCadaCanto

Tes a luz que precisas, aquela que lembra o marco do soño.
Mares de arpexios en roda de cordas que colgan acordes que soan.

Tes a voz que namora na terra que fala a lingua que canta.
Coplas de estrelas que guían amores errantes nos cantos de antes.



O tequetengo, Sonoro Maxín

Baila comigo o tequetengo / Baila con todo o corazón / Teño unha bomba no meu peito / Que estalla cando sae o sol.
Baila comigo o tequetengo / Baila con todo o corazón / Teño unha bomba no meu peito / Que estalla cando estamos sós.
Ponte romana, ponte como queiras / Para ir ao baile, para ir á feira / 7 e 17, martes de feira / Quedei durmido, roubáronme a carteira.
Teño unha pena, que eu non olvido / Se eu marcho só, sáeme ao camiño. / É como a chuvia, é como a festa / Pode comigo, non fica quieta.




1(1) A asociación Senuncan é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que organiza diversas actividades entre as cales destaca o festival Senuncan que nace no Carballiño un día de agosto de 2003. Trátase dun festival autofinanciado e autoxestionado por Senuncan (Asociación Cultural). ^
Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 23-03-2013 17:58
# Ligazón permanente a este artigo
Unha paisaxe natural

Esta é unha foto da miña aldea, Constanza. A min está imaxe gústame moito xa que se observan as paisaxes que se poden ver con moita frecuencia por alí.
Nesta foto pódense observar lameiros onde a xente costuma levar o seu gando como as vacas,ovellas,burros,cabalos...Tamén se pode observar un bosque no fondo no que podemos distinguir eucaliptos e tamén carballos.
Esta última é unha árbore autóctona galega, mentres que o eucalipto non. Este estase apoderando de todas as nosas paisaxes cando terían que abundar os castiñeiros,os carballos,os amieiros e os bidueiros, xa que son árbores autóctonas de Galiza. Pero, como se pode comprobar, hai cada vez menos porque os estamos cambiando por piñeiros e eucaliptos e, se seguimos así, van acabar desaparecendo e quedaremos sen árbores autóctonas.
E por último tamén podemos distinguir un pequeno regato. Antes usábase para regar as plantacións dos terreos e agora úsase máis para que o gando poida beber.


Arlet Nogueira Castro,1ºESO
Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 23-03-2013 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
O Miño

Esta imaxe mostra unha paisaxe na que hai un río (o Miño)e tamén unas estradas que pasan polo lado, a pesar de que as estradas estean na paisaxe natural non fan que deixe de ser bonita.
Esta fotografía saqueina no couto xunto da capela en San Amaro.
Gústame moito ese lugar porque é unha zona natural na que estás relaxad@ cunha paisaxe moi bonita.

Yolanda González Vázquez (3º ESO)
Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 23-03-2013 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Casares d'ACidá (O Irixo)

Casares de Cidá é un lugar que despois de 30 anos consérvase case como era antes. Isto foi posible pola emigración ao estranxeiro dos mozos. Isto fixo que quedasen só os vellos e hoxe en día atópase case deshabitado.
Era un pobo que se adicaba á gandería e ao campo. Todas as casas concéntranse no medio da aldea e arredor atópanse as fincas e os lameiros. As casas son de pedra con tellados de lousa. Ten moitos hórreos nas fincas ao pé das casas. Os camiños estreitos teñen parras de vide que van dunha a outra facendo sombra no verán. Unha das cousas que máis lle gustan á miña nai é que os lameiros preto das casas fan posible que as anduriñas volvan todos os veráns coma cando era pequena.
A vivenda familiar do meu avó ten un curro interior coas cortes en baixo e a vivenda enriba e o balcón todo ao longo da fachada. Miña tía rehabilitouna, pero respectando a estrutura orixinal. Na Hortiña fixo un xardín con piscina que parece o paraíso. Gústanos moito ir disfrutar dun lugar tan bonito e especial.

Rubén González Roo (1º ESO)

Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 23-03-2013 17:00
# Ligazón permanente a este artigo
A ponte

Esta ponte encóntrase en Maside, nun lugar coñecido como Os Muíños do Lebre.
No verán, despois de ir á piscina, ía pasear por aquí en bicicleta e paraba na beira do río para merendar.

Pablo Caride Alonso (1º ESO)






Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 16-03-2013 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
A nena e o grilo nun barquiño

Xa temos no cole A nena e o grilo nun barquiño, a segunda entrega do proxecto musical de Magín Blanco para o público máis peque.
O libro disco, lanzado en marzo de 2013 por Fol Música, está ilustrado polo xenial Leandro Lamas e contén trece músicas, trece historias e algunha que outra actividade.
Estas son as cancións:
01 Don Ramón
02 Voga Voga
03 Todos Somos Capitáns
04 A Formiga Lúa
05 Meu Amor Estoupa
06 María e a Poesía
07 Happy
08 O Rocanrol Dragón
09 Adiviña
10 Tris Tras Tres
11 Nomes, Verbos e Adxectivos
12 A Nana da Avoa
13 Soñar

O espectáculo estará en Ourense o 16 de xuño. Podedes comprar a entrada aquí.
Deixámosvos un vídeo, realizado por Daniel Alonso, da música A nana da avoa, con letra de Carmen Santos e a voz de Uxía acompañando a Magín Blanco.

Comentarios (2) - Categoría: Música - Publicado o 16-03-2013 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
VITA FLUMEN

(Detalle da portada occidental, románica, da igrexa de Sta. María de Mesego, O Carballiño)


Adoraba a liña curva. Os arcos de medio punto, as bóvedas de canón, as ábsidas semicirculares de tantas igrexas e catedrais como axudara a levantar. Sempre coidara que a curva suxería máis cá recta: volume, fluidez, dondura.

O mestre canteiro pousou por última vez os ollos sobre o sinxelo capitel que viñan de tallar as súas mans, aparentemente adornado con volutas de inspiración clásica. Mais nin por un instante deixou de evocar os misteriosos motivos gravados en pedra que descubrira naquelas terras da fin do mundo. Serían os aneis concéntricos, as espirais e os labirintos símbolo do movemento constante da vida? Alguén, quizais moito despois do século XIII que o vira nacer a el, volvería contemplar as formas redondeadas daquel capitel e amaría, como o seu autor, a finitude da rocha e a eternidade do círculo? Era posible que todo mudase e que todo permanecese igual, que corresen sempre as mesmas augas pero sempre distintas no río da vida?

Suspirou o pedreiro, arredou os seus pensamentos e, coa trémula intuición de que algún día regresaría, abandonou con paso firme o lugar.


Ana R. Barreiro (adultas)

Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 16-03-2013 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
Vilela

Esta é a escola antiga (primeira imaxe) á que asistía meu pai cando era un meniño. Atópase xusto enfronte da miña casa, en Vilela. Está moi deteriorada xa que ten máis de cen anos.
Sempre asistiron a esa escola os nenos de Vilela e máis aldeas de cerca, pero agora xa non se emprega con ese fin, senón que nós, os poucos veciños que quedamos, empregamos a parte de abaixo da escola como palleiro (segunda imaxe) e a zona do patio para ter a leña como se aprecia na primeira imaxe.
Na terceira imaxe vese a parte de atrás da escola. É parte do patio, por onde xogaban os nenos. Eu de vez en cando vou por aló observar as preciosas vistas que hai.

Verónica González Morgade 3º ESO
Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 16-03-2013 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
Outeiro Grande

Escollín este lugar porque o coñece pouca xente e porque,aínda que en época de caer as follas non se ve moi bonito e parece algo abandonado,na primavera e no verán está todo precioso e coa sombra das árbores estase moi ben.
Se me gusta tanto o sitio é porque hai moita paz,tranquilidade e silencio. É o perfecto lugar para relaxarse en momentos de moita tensión.
A foto saqueilla á árbore porque ten unha forma pouco frecuente.
Ao lado da árbore puxen unha foto dunhas mimosas que estaban alí preto. As mimosas son unha especie de fóra; non son propias de Galicia e son invasoras porque se reproducen con moita facilidade inzando todo.
O lugar atópase no Outeiro Grande. Pero tampouco vou dar máis pistas para que continúe sendo un lugar tranquilo...

Weena Raffaele Fernández (3º ESO)
Comentarios (0) - Categoría: Os nosos lugares - Publicado o 16-03-2013 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Nova música
Para a semana que vén, nova música para lle engadir ás outras dúas da Galeokada: Rapás, rapás, de Xoán Curiel.
Para ver as letras anteriores, ide á categoría da Galeokada. Podes premer aquí
Deixamos un vídeo onde xa podedes ver a letra:

Comentarios (0) - Categoría: Galeokada - Publicado o 14-03-2013 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player