|
|
|
Préstamo de Música Galega |
|
Se che gusta a música galega e queres escoitala na túa casa, nós deixámoscha por uns días.
Comezamos un servizo de préstamo que funcionará durante os recreos de mañá no Outeiro.
Os encargados e encargadas forman parte do Equipo de Normalización:
Luns: Manuel (4º ESO)
Martes: Andrea Conde (3º ESO)
Mércores: Jessica Nogueira (4º ESO)
Xoves: Lorena (4º ESO)
Venres: Katia (3º ESO)
Só teredes que cubrir unha ficha e, durante unha semana que podes ampliar a dúas, levar os vosos discos (dous por persoa).
Aquí tedes A LISTA DE DISCOS que podedes levar neste momento. |
|
|
|
VODAS NA CASA |
|

Naqueles tempos, podíanse facer importantes relacións sociais nas grandes vodas con moitos convidados onde o viño non podía faltar (igual que agora, só que agora xa non é con viño da casa).
Antes celebrábanse moitas cerimonias en casas particulares con amplos corredores que se adornaban para a ocasión (normalmente na casa das noivas das que tamén aos seus pais lles tocaba pagar o convite e demais ?menesteres?).
As dúas mulleres maiores da foto visten de negro, cor de moda para as ocasións e tamén para algunha noiva que xa traía ?un pan debaixo do brazo?. Casarse de curto, con traxe de chaqueta ou de cores escuras era a solución para un peto que non podía pagar ?noivas de branco? nunha modista.
María Cruz Pereira Iglesias
(mestra)
|
|
|
|
A FESTA DE SANTA ÁGUEDA |
|
 Esta foto representa unha verdadeira reunión familiar ao completo no campo da festa denominado ?Santa Águeda? (aínda que nomeado por todos como ?Santádega?) sito no lugar de Reádegos, concello de Vilamarín, cerca dunha aldea chamada A Pena da que precisamente eu nunca entendín como se lle podía chamar así, que nome tan triste!
Esta festa celebrábase a primeira fin de semana do mes de febreiro. Nestas datas, tódolos veciños de Gustei, Cambeo, Bouzas e demais lugares limítrofes, acercábanse ao campo levando un becerro vivo para matar alí ou un xa morto e listo para cocer e disfrutar entre todos coméndoo.
Nesta foto vese en primeiro plano a miña propia familia hai máis de trinta anos. Os avós Eliseo e María Luz (sentados os dous ben xuntiños no centro da foto, el con boina e manducando) levaban ben contentos as súas dúas fillas casadas (unha a cada lado) cos seus maridos e fillos (eu son o bebé de branco que está no colo da nai tamén vestida de branco) e no chan botaban unha manta ou cobertor para comer ata fartar sen medo a que algún insecto ?aterrara de súpeto nos menús?. E ao final, todos a bailar coa orquestra.
María Cruz Pereira Iglesias
(mestra) |
|
|
|
REUNIÓN FAMILIAR |
|
 Estes son os meus bisavós e a miña avoa. Están reunidos nunha comida familiar.
Andrea Campo González (1º de Primaria) |
|
|
|
NAS FESTAS DO LAGO |
|

O meu avó Benito e miña avoa Maruja nas festas do lago coa miña tía no colo.
Brais Pérez González (1º de Primaria) |
|
|
|
FOTOS INSTANTÁNEAS COA POLAROID |
|
640.jpg) Aquí estamos miña nai (esquerda), miña irmá (no medio) e eu (á dereita.
Ese día miña irmá e eu xogabamos mentres miña nai estaba vendo a tele. Recordo que levei un golpe no queixo por culpa da miña irmá e miña nai enfadouse moito con ela.
Tamén recordo que outro día, xogando, volvín levar un golpe e miña nai volveuse enfadar coa miña irmá.
A foto está sacada cunha Polaroid. Unha máquina da que, despois de esperar un pouco, saían as fotos xa feitas. Non había que levalas a revelar.
Fátima Rodríguez Ogando, 1º ESO |
|
|
|
A VODA DA MIÑA TÍA |
|
640.jpg)
Aquí estou eu no colo da miña tía Ana o día da súa voda. Á dereita están o meu tío e miña nai e á esquerda, meu pai.
Non me acordo de nada porque era moi pequena, pero miña nai contoume algo:
Eu sempre fun moi tímida e nunca me gustaron as celebracións con xente que non coñezo. Ese día andaba só coa miña nai e coas miñas tres tías (a que casaba e outras dúas) paseando por alí.
Pero, con quen máis andaba era coa miña avoa, pois cando era pequena non me separaba dela nin un minuto (e sígoo facendo agora).
Vouvos contar algo do me acordei agora mesmo: eses día bailei cos meus avós, a miña nai, meu pai, miñas tías,...
con todos bailei nunha pista negra e brillante, era precioso...
Fátima Rodríguez Ogando (1º ESO)
|
|
|
|
SEMANA GALEGA DAS CURTAS |
|
 Durante a próxima semana e, se cadra durante máis tempo, participaremos en maside da ?SEMANA DAS CURTAS?, unha iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Audiovisual de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL),
Será unha especie de ciclo ou festival virtual simultáneo no que se proxectarán curtametraxes, videoclips e algunhas desas breves reportaxes documentais de eufalo.tv nas que os falantes toman a palabra para falar da súa experiencia máis persoal e íntima coa lingua.
Se queredes ir coñecendo os traballos que se proxectarán podedes entrar na web que se habilitou para a actividade, onde aparecen separados en catro sesións ou tomas dunha hora aproximada de duración.
Poderemos tamén intercambiar as nosas opinións sobre as proxeccións con moitos alumnos e alumnas que participarán neste ?festival audiovisual galego? (xa son 80 centros) no blogue da actividade. |
|
|
|
A VISITA DE SÉCHU SENDE |
|
 O luns 21 de febreiro visitounos no Outeiro o escritor Séchu Sende, autor de libros tan coñecidos e galardoados como Orixe (premio Blanco Amor), Made in Galiza (premio Ánxel Casal) ou a súa última publicación Animais ( na que combina uns fermosos debuxos con textos sobre as consecuencias do ?progreso? para a nosa natureza).
Na súa intervención contounos anécdotas da súa vida e da súa relación co galego, xa que el, igual que moitos galegos e galegas da súa xeración, foi educado en castelán por uns pais que falaban galego. Foi aos 17 anos que decidiu ?dar o paso? e desde entón fala sempre na nosa lingua.
Tamén nos leu textos moi divertidos, como un que falaba da relación da lingua co sexo, e nos sorprendeu con trucos de telepatía e hipnose, adiviñando as palabras dos alumnos que se atrevían a desafialo.
Aínda tivo tempo para contarnos do seu circo de pulgas, de facernos un debuxo dun ourizo cacho que regalou aos rapaces e rapazas de Maside e de asinar os exemplares de Made in Galiza e Animais que hai na biblioteca.
Foi un pracer que estivese con nós. Aquí podedes consultar o seu blogue-caderno de traballo.
Roberto (4º ESO) |
|
|
|
A PLANTA |
|

Esta é a irmá do meu avó.
Está en Cenlle, ao lado do Concello no ano 1963 e
o que ten nas mans é unha planta.
Nese día houbera un rastro no que a xente se reunía para vender cousas.
A irmá do meu avó ía vender a planta e outras cousas que non se ven na imaxe.
Ao acabar o rastro, vendera moitas cousas, pero a planta non a vendeu. Outro día será!
NEREA GARCÍA VELOSO, 1º ESO |
|
|
|
|
|
|