A vida de Galileo Galilei (Pisa, 1564 - Florencia, 1642) foi impresionante tanto polos seus descubrimentos como polos seus estudos sobre a caída dos corpos, entre outras cousas. Tamén polos seus inventos e o perfeccionamento doutros que non eran del, como é o caso do telescopio e do microscopio, os cales, aínda que eran inventos flamengos, perfeccionou engadindo lentes para aumentar a súa capacidade de visión.
A súa ambición non é algo de ocultar. Galileo preocupouse máis por gañar diñeiro a través dos seus aparellos que por intentar inventar cousas útiles para o avance científico.
Tamén me gustaría comentar o comportamento que tivo cara aos seus familiares, xa que, aínda que nunca os deixou de lado por completo, afastouse algo deles. Outro momento importante é cando humilla a Ludovico delle Colombe, que o cuestionaba. Destacable tamén é a crítica de Galileo ao reloxo para a navegación proposto por Kepler, xa que el di que é máis práctico fixarse nas lúas de Xúpiter. A pesar das diferencias que tivo con moitas persoas, foi un home de máis amigos ca inimigos.
Un comportamento que si é censurable é o do Papa Urbano VIII polo que lle fixo a Galileo sendo amigo del, ao deixarlle publicar un seu libro para posteriormente prohibilo e condenar a Galileo a cadea perpetua. Neste caso vese a importancia e poderío da Igrexa na época.
O papel da Igrexa inflúe nas decisións e mais nas formas de pensar de Galileo, como tamén na súa traxectoria científica e na súa vida social e familiar; estes dous últimos aspectos vense reflectidos cando Galileo interna as súas dúas fillas para que sirvan a Deus, facéndoas monxas case en contra da súa vontade.
Na biografía do inventor obsérvase a influencia da igrexa en dúas grandes ocasións. A primeira, polo medo que ten á Inquisición á hora de apoiar a Copérnico na idea do movemento terrestre e non do sol, cando recibe a noticia de que o científico Giordano Bruno fora queimado vivo en Roma por apoialo (a terra xa non é o centro do Universo, senón que está xirando arredor do sol). A segunda ocasión é cando o condenan a cadea perpetua polo seu libro
Diálogos. Isto ten ocorrido así en numerosas ocasións tanto na vida de Galileo como en toda a historia.
Na miña opinión, se a Igrexa non tivese encadeado ou condenado os científicos en moitas ocasións innecesarias, os avances científicos e tecnolóxicos actuais estarían moito máis desenvolvidos.
Víctor Manuel Pérez Preciado (4º ESO A)