MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Trasalba: visitas culturais
O domingo 14 de decembro participamos nunha camiñada -a ruta pode consultarse en Wikiloc: http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=8393440- que nos permitiu achegarnos a distintos puntos de interese cultural da parroquia de Trasalba (Amoeiro). Para aquelas persoas que quixesen afondar no tema, deixamos a seguir algunhas informacións útiles sobre os lugares visitados (na mesma orde en que se atopaban no noso itinerario):


FONTE E PETO DE ÁNIMAS DE TRASALBA

En Trasalba, na estrada que une Sta. Cruz de Arrabaldo con Parada de Amoeiro, encóntrase unha fonte que exhibe aínda o símbolo franquista do xugo e as frechas, herdanza da época dos Reis Católicos, que o usaron como emblema de amor (a palabra yugo presenta a mesma inicial do nome de Ysabel e a palabra flecha, a de Fernando) e signo da unión dos reinos de Castela e Aragón. Neste ano 2014, o Concello de Amoeiro colocou, sobre esta e outras fontes do municipio con idéntica simboloxía, unha placa en contra da ditadura e a favor da memoria histórica; nela lese o seguinte texto: “MEMORIA HISTÓRICA. Estas imaxes pertencen á propaganda dunha ditadura que ocupou cos seus símbolos os espazos públicos máis emblemáticos. Permanecen aquí como denuncia histórica daquel réxime opresor”.

Moi preto da fonte, na mesma estrada pero á man contraria, pode verse tamén un peto de ánimas, que, presidido por unha cruz, inclúe unha representación das almiñas do purgatorio e mais o habitual oco, tallado na rocha e na actualidade descuberto, para as esmolas.

CAPELA DO FORMIGUEIRO

De estilo románico, esta pequena construción caracterízase pola sinxeleza decorativa do exterior e pola irregularidade da súa planta, cos catro lados de lonxitudes diferentes. A edificación orixinaria contaba cun pórtico que posteriormente foi tapiado. A fachada coróase cunha espadana rematada nunha cruz cun Cristo de vulto redondo. Na capela venéranse dúas imaxes, S. Sebastián e a Virxe das Candeas, cuxas festividades se celebran, respectivamente, o 20 de xaneiro e o 2 de febreiro.

Con motivo dunha remodelación levada a cabo no ano 1988, os veciños/as decatáronse, ao desmontar o altar, de que a pedra que formaba o mesado estaba decorada pola súa cara posterior, e decidiron colocala na fachada, por riba da porta de entrada, para que todo o mundo puidese vela. Esta placa pétrea ostenta unha decoración en baixorrelevo diferenciada en tres planos horizontais:

a) No plano superior, a decoración preséntase incompleta pero aprécianse semicírculos concéntricos enlazados, que formarían “888” deitados (segundo unha reconstrución elaborada tendo en conta outros fragmentos dispersos polas casas dos arredores).

b) O plano intermedio recolle unha decoración de “SS” opostas que se xuntan de xeito alterno na parte superior e inferior, para conformar un triángulo ou punta de frecha.

c) No plano inferior, o relevo amosa un grupo de équidos en movemento, dispostos de perfil e mirando cara á esquerda. Sobre o cuarto dos cinco animais representados, pode verse un xinete cos brazos abertos, cuxa imaxe constitúe na actualidade o símbolo de identidade corporativa do concello de Amoeiro.

Os motivos incluídos nos tres planos da lousa son frecuentes na arte castrexa, ben en pedra, ben en xoiaría ou cerámica, razón pola cal os investigadores/as coidan que a peza pode proceder dun castro e, máis concretamente, ser parte dunha das chamadas pedras formosas, monólitos que, nos balnearios ou termas dos castros romanizados, os únicos en que se ten rexistrado este tipo de monumento, permitían o acceso á sauna (ou compartimento dos baños e vapores quentes) a través dunha pequena abertura, sistema que reducía a perda de calor.

No tocante ao xacemento castrexo de procedencia, tanto do baixorrelevo da capela como doutros fragmentos decorados reaproveitados en vivendas privadas do Formigueiro, estímase moi probable que os distintos bloques foran atopados nun outeiro, próximo á aldea, coñecido co nome de Coto do Castelo, lugar en que se situaría a desaparecida fortaleza medieval de Alba de Búbal e, con anterioridade, un asentamento castrexo con niveis de ocupación romana, como testemuñan os diversos restos materiais achados en superficie.

Sexa como for, o feito é que o baixorrelevo da capela foi reutilizado xa dúas veces, primeiro na mesa do altar e agora na fachada. O cambio de ubicación operado a finais dos anos oitenta resulta altamente significativo e ilustrativo da función simbólica —alén de práctica, nalgúns outros casos— do reaproveitamento da cultura material na sociedade rural tradicional. A pedra castrexa, antes no interior do templo e coa decoración oculta, pasou a ter unha exhibición pública como elemento da portada, exterior e moi visible. Ademais de ser unha forma de reivindicar a propiedade comunal da peza, a integración do relevo na fachada pode considerarse un caso único de “paganización” contemporánea dun santuario cristián.

Por último, cómpre salientar a posible existencia, nas inmediacións da capela, dunha necrópole medieval, á que pertencerían os restos dalgunha sepultura antropomorfa aínda visible.

O CHAN DA FERRADURA

O Chan da Ferradura é unha chaira en altura ou pequena meseta, ben delimitada de forma natural e desprovista de poboación histórica e prehistórica no seu amplo sector central, onde os únicos xacementos arqueolóxicos son gravados rupestres que, espallados por unhas trinta rochas, poderían provir da Idade do Ferro (pois semellan diferentes aos tradicionalmente datados na Idade do Bronce) e sinalar espazos de orde ritual.

Non obstante, esta teoría non é compartida por toda a comunidade científica, e ten recibido críticas por parte de especialistas que consideran que se alicerza en argumentos febles e apriorísticos, así como en procedementos pouco rigorosos, fundamentalmente en relación coa utilización das fontes documentais (escritas ou orais) e do método comparativo.

De entre os petróglifos do Chan da Ferradura, destacan os encontrados na pedra homónima da Ferradura e no abeiro do Raposo.

A pedra da Ferradura

Trátase dun penedo exento ateigado de insculturas: figuras en “U” ou ferraduras, cruces, cazoletas e, sobre todo, pegadas ou sinais podomorfos. Estas marcas de pés rebaixadas na pedra foron interpretadas por algúns autores como posibles lugares de investidura de xefes castrexos partícipes da cultura celta. A cerimonia de toma de posesión dos dirixentes locais, consistente en poñer os pés sobre as pegadas da rocha, tería por obxecto garantir a fecundidade máxica dos territorios sometidos ao seu poder, que se estenderían por todo o val do baixo Barbantiño.

A Ferradura, por outra parte, posúe, segundo esta mesma liña de investigación, un gran valor para a arqueoastronomía galaica, por estar aliñada co sol en momentos clave do ciclo da estrela. De feito, o penedo presenta, na súa parte superior, unha fenda que é atravesada polos raios solares os primeiros días dos meses de febreiro e maio, datas que coinciden con dúas das chamadas festas celtas de media estación, en concreto Imbolc e Beltaine, respectivamente.

O abeiro do Raposo

O gravado do Raposo constitúe o segundo petróglifo central do Chan da Ferradura. Está situado no interior dun abeiro rochoso natural, sobre un bloque desprendido doutro maior e lixeiramente desprazado del, de xeito que o motivo representado fica orientado cara a unha abertura triangular do abrigo. Esta disposición permite que o día do solsticio de inverno (21 de decembro), minutos antes do solpor, se produza unha aliñación arqueoastronómica entre o sol, o cume do monte S. Trocado (ubicación dun castro e dunha capela vinculados cun rico folclore), o abeiro do Raposo (co petróglifo parcialmente iluminado por un momento) e o Coto do Castro (outeiro en que se encontran unha inscrición rupestre de difícil lectura e mais un petróglifo serpentiforme). Así mesmo, constátase que, a medida que baixa o sol para ocultarse tras o S. Trocado, a sombra producida polo abeiro rochoso vaise definindo no sentido oposto, apuntando cara ao Coto do Castro e debuxando unha silueta que coincide de maneira bastante precisa co propio perfil orográfico do Coto.

No tocante ao deseño que amosa o petróglifo, algúns estudosos afirman que carece de paralelos na arte prehistórica galega. Porén, os mesmos investigadores avanzan a hipótese de que se trate dunha representación topográfica da área onde se atopa o abeiro, isto é, do val do baixo Barbantiño na súa confluencia co Miño. Así, aprecian similitudes entre o trazo superior do debuxo e o perfil do horizonte, ao tempo que as liñas curvas da esquerda se corresponderían cos meandros do Miño observables dende o Raposo.

IGREXA DE S. PEDRO DE TRASALBA

Próxima á Casa Grande de Cima de Vila, foi a igrexa en que se bautizou Enrique Otero Sotelo, pai de Otero Pedrayo, e era moi frecuentada tamén por Eladia Pedrayo Ansoar, nai do escritor, durante as estadías en Trasalba. Existen dúbidas sobre se Vicenta Sotelo Puga, avoa paterna de Otero Pedrayo, é a persoa que está enterrada nunha arca de pedra acaroada ao muro norte da igrexa.

Construído no s. XIII, o templo é un exemplo da transición do Románico ao Gótico. Destaca especialmente a decoración da portada principal (occidental), flanqueada por dúas columnas a cada lado con capiteis de motivos diversos (xeométricos, vexetais, zoomórficos e historiados). O tímpano, presidido por unha cruz grega inscrita nun círculo, aparece abrazado por unha sucesión de arquivoltas apuntadas que rematan nun axadrezado.

A porta norte, de ornamentación semellante, é, en cambio, máis pequena e sinxela e conta só cunha columna a cada lado, ambas as dúas de capiteis vexetais.

Pero o elemento máis senlleiro do templo áchase, con certeza, no exterior da ábsida: un cabezón de pedra, incrustado no muro leste, que se imita —dito sexa con todas as reservas— a unha das chamadas cabezas-trofeo castrexas. Convén recordar, neste senso, que os pobos celtas penduraban (nas portas das casas, no pescozo dos cabalos, etc.) e veneraban as testas cortadas dos inimigos, na crenza de que as cabezas, verdadeiras moradas do espírito, posuían poderes máxicos, outorgaban protección e afastaban o mal. Cando se deixaron de usar auténticas cabezas humanas con este propósito, empezáronse a construír réplicas en pedra, madeira, metal ou óso, e en moitos lugares embutíronse nos valos defensivos dos castros con idéntica función apotropaica ou propiciadora do ben. Algúns deses cabezóns pétreos dos poboados castrexos foron reutilizados con posterioridade noutras construcións e, así, non lonxe de Trasalba, en San Xiao (Fontefría, Amoeiro), a “Casa das tías Casildas” garda tres piares graníticos con cadansúa cara gravada, que, sen poder aseguralo, semellan elementos de tipoloxía castrexa.

A cabeza cortada da ousia da igrexa de S. Pedro de Trasalba, cuxa cronoloxía non podemos precisar (da Idade do Ferro para uns, máis moderna para outros), probablemente foi reaproveitada xa dúas veces, a primeira delas quizais nunha fonte, pois presenta un buraco na boca que parece posterior á confección da peza e que puido servir como cano para a condución da auga. En calquera caso, o cabezón que nos ocupa, como ocorría cos empregados nos castros, está cargado de carácter simbólico: illado na parede, xusto detrás do sagrario e mirando ao camposanto, ocupa un lugar de privilexio e reivindica unha certa compoñente decorativa pero tamén sacra.

PAZO GAIÓN, DO CAMPO OU DE TRASALBA

Situado a carón da igrexa parroquial e da Casa Grande de Cima de Vila, o pazo pertenceu á familia Gaión ata que foi mercado por Enrique Otero, pai de Otero Pedrayo, para impedir que se convertese nunha taberna. A principios do s. XX, Eladia Pedrayo, nai do escritor, cedeuno como escola, e nela impartiu clases o mestre e poeta Noriega Varela (1869-1947). Ademais, o Pazo Gaión foi inspiración literaria para D. Ramón e, por exemplo, na obra Os camiños da vida aparece evocado como Pazo da Seara, onde residen os Doncos.

O edificio presenta planta en “L” e, pese ao estado xeral de abandono, é visible aínda a elegante solaina que dá ao patio. Acaroada á construción principal, áchase unha capela e, en liña coa fachada desta, o murallón de peche da finca, ameado e con portalón de entrada na zona media; tanto a capela como o murallón locen escudo de armas.

Detido no seu proceso de reconstrución, o pazo é na actualidade unha propiedade privada non visitable. Diante del hai un cruceiro, cunha inscrición na base, que Eladia Pedrayo regalou ao seu fillo no ano 1948, cando Otero Pedrayo regresou da súa primeira viaxe a Bos Aires.

CASA GRANDE DE CIMA DE VILA / PAZO-MUSEO OTERO PEDRAYO

A Casa Grande de Cima de Vila, residencia habitual de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) e sede da fundación que leva o seu nome, é un dos grandes espazos simbólicos da cultura galega contemporánea. Por esta casa pasaron, moi especialmente en vida do escritor, multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista, e hoxe segue a ser un lugar de obrigada referencia.

Aínda que o contorno en que se desenvolveu a vida de Otero Pedrayo se mantén case inalterado (estancias interiores, xardín romántico e propiedades adxuntas), o Pazo-Museo tamén sufriu algunhas modificacións, na procura dunha mellor atención e servizo aos visitantes; así, en sucesivas reformas, construíronse salas de exposicións, un auditorio, unha tenda de libros e recordos, etc.

Consérvanse na casa de Trasalba a biblioteca persoal do escritor, complementada con algunhas doazóns posteriores, e mais mobles, fotografías e pinturas que o acompañaron en vida. Salienta de xeito especial o mapa de Galicia elaborado por Domingo Fontán (1788-1866), ao que Otero deu sempre unha significación especial na súa obra e na súa biografía.


Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios (3) - Categoría: Camiñadas - Publicado o 17-12-2014 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Camiñada outono 2014: Trasalba (Amoeiro)
O ENDL do CPI Terras de Maside organiza unha camiñada para o día 14 de decembro (domingo). A andaina, duns oito km, ten o seguinte percorrido circular:

Cima de Vila – Trasalba (fonte, peto de ánimas) – Albeiros – O Formigueiro (capela con baixorrelevo castrexo, sepultura antropomorfa) – A Ferradura (petróglifos) – Abeiro do Raposo (petróglifo) – A Bergueira (lavadoiro, hórreos) – Trasalba (Igrexa de S. Pedro, Pazo do Campo) – Cima de Vila (Pazo-Museo Otero Pedrayo).

O noso itinerario levaranos por determinados puntos de interese cultural (ver arriba) e finalizaremos a xornada cunha visita guiada ao Pazo-Museo Otero Pedrayo.

Pódese consultar a ruta na seguinte ligazón de Wikiloc: http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=8393440

RECOMENDACIÓNS
— É importante levar roupa cómoda e calzado axeitado para terreos de firme irregular e con posible presenza de auga.

— A maior parte da ruta discorre por camiños non asfaltados (sendas, corredoiras...), unhas veces limpos e outras máis ou menos pechados pola vexetación. Prégase que os/as nenos/as de menor idade vaian acompañados/as dun adulto.

HORARIO
Sairemos ás 10:00h da Alameda de Maside. Desde alí iremos en coches particulares ata Cima de Vila, onde iniciaremos o percorrido a pé. Regresaremos para a hora do xantar a Cima de Vila; haberá auga, empanada e froita para aquelas persoas que queiran quedar a comer.

COMO INSCRIBIRSE?
Están convidados alumnado, familias, profesorado, membros da comunidade escolar e antigos alumnado e profesorado. Para apuntarse é necesario entregar no centro este impreso cuberto ou enviar un correo a mollatecoalingua@gmail.com, facendo constar os mesmos datos que aquí se especifican. A data límite, para calquera das dúas opcións, é o xoves día 11 de decembro.

Os/as menores de idade que acudan á camiñada sen os seus pais / titores legais precisan autorización previa destes, o modelo da cal se facilita ao alumnado no colexio.



(Cortar e entregar no centro)
--------------------------------------------------

— Nome do alumno/a, profesor/a, etc.:
— Curso (no caso do alumnado):
— N.º de acompañantes:
— Dispoñen de coche?
— Quedan a comer?
— N.º de teléfono (é importante para poder poñernos en contacto se se producise algún cambio na actividade):
Comentarios (0) - Categoría: Camiñadas - Publicado o 09-12-2014 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Todo cambia
Hoxe o alumnado de 3º e 4º da Eso foi a Ourense para asistir a unha obra de teatro.
A hora non era a mellor, dez da mañá.
O momento non era o mellor, cargad@s de exames e traballos que presentar para acabar este primeiro trimestre.
Dentro había alumnado doutros lugares. Sei que estaban de Bande porque coñecín un profe.

A obra foi boa.
É unha síntese mediocre do traballo da directora de Sarabela e do elenco que estaba no palco. E de quen mexeu coas luces ou escolleu as músicas.
Tempo haberá de falar da obra nas aulas...

Recordei algunha representación das que teño asistido, algún concerto. E o desrespeito do público. Dalgún. Homes perfumados e mulleres disfrazadas con peles horribles nas butacas do teatro. Persoas que falam aos gritos nun bar mentres @s músic@s continúan tocando.

E reparei no alumnado de quince anos, dezaseis. E gostei inmenso del. Do noso e do Bande e do resto. Imaxineino enchendo teatros e salas de concertos. E escoitando. Sen peles nin pefumes. Atent@s, en silencio. Tranquil@s. Disfrutando dunha obra de teatro.

E decidín escribir isto para que non se nos olvide. Que @s das peles ou os perfumes teñen os días contados.

A música do vídeo foi a que pechou a obra.
Boa escolla.
Porque todo cambia.
(Omitan os anuncios do youtube)...


Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 02-12-2014 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Timbres da primeira semana de decembro
Aquí tedes as músicas do timbre desta semana:

Para grandes, "Mergullei", primeiro sinxelo do último traballo de Guadi Galego.
O disco chámase Lúas de outubro e agosto e saíu á rúa o 25 de novembro.

Podedes ler no Praza sobre este traballo e no Sermos (o artigo do Sermos contén ademais o primeiro vídeo, Matriarcas, dedicado ás mulleres reais galegas).

Aquí podedes ler unha entrevista de Xiana Lastra a Guadi Galego.

A letra:

Tentei comezar cun cadro pequeño,
pintándolles esquinas aos mares e aos ceos.
En cada recuncho atopaba dous erros.
Eu só contaba con ver o primeiro.

Cantabas poemas, imaxes con letra;
parabas o tempo con cada conversa.
Con cada sorriso tremían as pernas,
mentres asubiabas na miña xanela.

...E logo xa chegaches ti, traías toda aquela luz.
Pechei os ollos esta vez e mergullei.

O cadro que pinto xa non ten cancelas,
vai ceibo de medos e de indiferenza.
Os erros dos anos arroupan as medras
e nos ven asidos gardando as mareas.




A música para peques é "Alegria", na segunda entrega de Maria Fumaça, Xiqui Xoque Fiú Fiú.
As nenas e nenos do vídeo, de non sabemos moi ben que escola, usan a linguaxe de signos.

Podedes ver máis vídeos deste traballo e do anterior (Maria Fumaça) nesta lista de reprodución.

Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 01-12-2014 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player