Se queredes enviar unha tarxeta coma esta coas postais dos nosos alumnos e alumnas (hai catro en Secundaria), só tedes que entrar na seguinte ligazón, escoller a postal que queirades, escribir o texto e cubrir os datos para enviala a quen queirades.
Se preferides enviala polo correo tradicional, podedes vela en PDF e imprimila desde a mesma páxina. Ligazón:
Podería ser un bo agasallo de Nadal, non vos parece?
Galiza é un país de artistas, iso é así. Non hai sobremesa, romaría ou festa de colegas que non remate entonando algún dos grandes éxitos da nosa música popular.
Que é o que faltaba? Facer diso un xogo. E nós non inventamos nada, claro que non, pero dímonos de conta (como todas e todos vós) de que coas ferramentas xa existentes non nos identificabamos en absoluto. Pero se nen sequera lle sabemos pronunciar ben o nome!
E de aí saiu a idea do Galeoke, da necesidade de encher un deses moitos ocos que aínda ten a nosa lingua.
A escolla do repertorio para este Vol. I non foi fácil. A lista de cancións podería ser case infinita, contamos na música galega cun nivel altísimo de creatividade en todos os estilos. Intentamos ter máis ou menos unha representación de todos eles, pero houbo moitas peneiras polas que pasar esa lista. A primeira, a importancia que para nós ten facerlle un sitiño no noso proxecto aos grupos que rexistran a súa obra baixo licenzas libres. Non por iso podiamos deixar de lado as cancións que forman parte da nosa historia ou que contan cun peso especial na cultura galega actual. E logo está iso de que unha melodía sexa ?galeokable? ou non, que o choio este ten a súa ciencia.
Pero tranquilos, haberá polo menos un segundo volume, e un terceiro! (ou iso nos gustaría), e non quedará fora ningunha desas cancións que non vos explicades como é que non están.
Aquí tedes catro das postais elaboradas polos alumnos e alumnas do noso centro.
Podedes imprimilas, engadir a vosa mensaxe e felicitar o nadal en galego.
Se cadra os mellores regalos non se poden comprar en lado ningún. Se cadra son aqueles nos que non gastamos un peso (os que facemos nós mesmos, compartir o noso tempo...)
De todas maneiras, se regalades, mellor en galego.
Esta guía (elaborada pola Coordinadora de Traballadores de Normalización e a Deputación da Coruña)inclúe unha pequena selección de novas creacións e produtos, de libros, discos, filmes, aparellos, camisolas, xogos... cun mesmo fío en común: a lingua galega. Preténdese con ela contribuír a visibilizar a lingua galega e recomendar os agasallos que a usan.
Polo tanto, tanto nas festas de cambio de ano como noutras ocasións, opta polo propio e escolle o galego.
Belén Regueira, da Coruña-Coruña, explícanos a súa relación co galego. Quince minutos que renden máis que sisudos tratados de sociolingüística.
Hai ben pouco unha alumna, educada en castelán, virouse para min e dixo: "eu non teño a CULPA" de que meus pais me falasen castelán.
CULPA? que é iso da culpa? (ás veces incluso "grandísima culpa").
Esquezamos a culpa e comecemos a falar de RESPONSABILIDADE. Co Traballo, coa Terra, coa Lingua.
Canto mellor coñezamos a realidade, máis fácil será sermos conscientes da importancia que ten asumir a nosa responsabilidade coa lingua. E a realidade está aí. É esa que vemos todos os días nas escolas, nos xulgados, nas notarías, nos bancos,...
Aínda que moitos nos queiran vender outra historia. Só hai que abrir os ollos e observar.
Dá que pensar que veñan conversadores de moi, moi lonxe a ensinarnos linguas moi, moi modernas e silenciemos os mellores conversadores do noso mundo: os nosos. Que aínda hai, mal que lles pese a algúns.
Aqueles que debiamos escoitar, aloumiñar, protexer de todo o que lles levan botando por riba para acabar con eles, son postos nun canto, no canto daqueles que non teñen dereitos.
Belén Regueira escoitounos e asumiu a súa responsabilidade.
Démoslle as grazas, moito ánimo e asumamos todos a parte que nos toca.
Beatriz Fernández
Charla-coloquio organizada polo colectivo A nave das ideas na Casa da Cultura de Vigo o 10 do nadal de 2010.
A Coordinadora Galega de ENDL convoca un concurso de mensaxes de móbil para este Nadal.
A iniciativa procura dinamizar o galego nun ámbito do que o noso alumnado é coñecedor e usuario, o das novas tecnoloxías, nunhas datas nas que os SMS van encher os móbiles dos mozos e mozas con felicitacións preelaboradas que saltan de aparello en aparello. Para que a lingua tamén navegue pola rede e chegue a todo o mundo a través da creación de SMS, animámosvos a que difundades, en tan só 5 minutos, entre o voso alumnado esta proposta (anexamos o cartaz da actividade). Como poden participar?
Trátase de recoller e difundir na páxina da coordinadora os SMS que cree o noso alumnado para felicitar o Nadal e o Aninovo.
Procurarase que as mensaxes SMS, ademais de seren en galego, sexan orixinais e creativas, que a innovación e o enxeño conquisten os móbiles e a rede.
O alumnado cumprimentará o formulario (sobrenome/nick, idade, centro educativo, localidade, provincia, e-mail e o espazo reservado para o seu SMS).
Na páxina disporán dun dicionario galego de SMS, ao que poderán achegar novos termos SMS co seu significado, contribuíndo así a enriquecer esta ferramenta.
Para dinamizar a actividade, os usuarios da páxina poderán votar as súas mensaxes preferidas ata o 2 de xaneiro. Os 3 SMS máis votados recibirán cadanseu lote.
Xa está nas librarías e bibliotecas de Galiza e de Portugal o libro-DC-DVD ?Na punta do pé? de Kalandraka -que na súa edición en portugués se titula ?Pezinhos de lã?- para animar a bailar e a cantar a público infantil, xuvenil e adulto. O grupo Pesdelán é o autor desta obra, ilustrada por João Vaz de Carvalho.
?Na punta do pé? é un libro-CD-DVD que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito ameno, divertido e participativo. Comprometidos coa recuperación da cultura lúdica e activa das festas e verbenas, os compoñentes de Pesdelán contribúen á creación desta obra para que sexa compartida por público de todas as idades, logrando ademais un material cunha potente dimensión educativa para o seu aproveitamento nas aulas.
No repertorio hai 12 temas en galego, portugués e mirandés -mesmo algún de orixe brasileira- con arranxos musicais orixinais. O CD tamén inclúe 4 versións instrumentais para seren cantadas. O DVD contén explicacións dos pasos e demostracións dos bailes. En conxunto, trátase dun traballo feito para enriquecer o tempo de lecer, cantando e bailando.
Pesdelán xorde en 2008 da unión de prestixiosos músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Leilía, Susana Seivane Grupo, Xochilmica, Montelunai, Pula-lle-o-pe). Trascendendo o concepto do grupo musical convencional, Pesdelán fai unha proposta novidosa e atrevida, valéndose da música en vivo e do ensino de xogos e bailes sinxelos, substituíndo a idea do público espectador e pasivo pola dun público activo e participante, e pasándoo ben.
João Vaz de Carvalho (Fundão, 1958) é un dos ilustradores máis relevantes do actual panorama artístico en Portugal, cunha traxectoria inzada de premios internacionais. A súa achega plástica apórtalle colorido, frescura e simpatía a esta obra multidisciplinar.
Aquí tedes un vídeo (con "legendas" en portugués) para que vos fagades unha idea do proxecto.
Xa sabedes que convocamos de novo este concurso fotográfico.
Se cadra o Nadal é un bo momento para recompilar esas fotos, falar das historias que agochan...
Aquí vos deixamos unha preciosa presentación que elaborou o Cándido, tan traballador coma sempre, coas fotos do ano pasado.
Se premedes na ligazón que hai abaixo á dereita, accederedes ao documento.
É un executable que podedes gardar no voso computador para velo cando queirades.
Primeiro dádeslle a OPEN, logo a DOWLOAD ANYWAY. Logo podedes gardalo ou executalo directamente, como queirades.
Para velo, basta premer no título.