Para moitos, dicir música galega é dicir muiñeira pero, sen renunciar a ela, hoxe podemos atoparnos no panorama musical galego con cousas variadas, modernas? e EN GALEGO!
Non pretendo, nin podo, facer unha análise exhaustiva da música que se está a crear en Galiza (ou fóra dela pero coas raíces de aquí). A miña intención é contarvos que ultimamente chegaron ás miñas mans bastantes cousas que me gustaron, e animarvos a vós a que reflictades aquí os vosos gustos e os vosos achados, máis alá de Bisbal e compañía, de xeito que poidamos difundir e gozar do que cada quen coñeza e atope. A partires de aquí xa xogan os gustos persoais.
Hai algúns sitios en Internet especializados na creación en galego (música, fotografía, poesía?) de onde se poden descargar gratuitamente algunhas cousas que non se atopan no mercado convencional. Estou a falar de www.aregueifa.net e www.komunikando.net.
E, ó que ía, que levo escoitado e que me gustou? Un dos que máis, Marful: pasaron case desapercibidos en xullo polo Carballiño e foi una delicia escoitalos. Tamén Nordestinas, Sete Saias e Xavier Díaz. Con outros estilos máis movidos, gustoume o ritmo festeiro de Lamatumbá ou o hip-hop de Dios Ke Te Crew (DKTC). Destes últimos tendes que escoitar "Profecía". E, xa para rematar, cabe mencionar The Homens, Ruxe-Ruxe, Loretta Martin e NARF ("Fran" ó reves, de Fran Pérez), dos que só escoitei algunha canción pero que poden ser interesantes.
Que música en galego che gusta ou che chamou a atención?
Cándido Fernández