MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Aline Frazão na EOI de Ourense
Aline Frazão toca hoxe, 30 de novembro, na EOI de Ourense.
Xa coñeciamos as fermosas músicas desta angolana que agora vive en Santiago de Compostela. Entre as músicas, Maria Siléncio, o poema de Carvalho Calero, nunha magnífica versión. Podes descargar este disco, A minha embala premendo aquí

Tamén podes escoitar aquí (ou descargar para escoitar no móbil) na 8ª edición de Cantos na maré (fantástica festa da Lusofonía) na que Aline Frazão partilla palco con Lenine (Brasil), António Zambujo (Portugal), Uxía e Guadi Galego (Galiza):










Agora saca novo disco: Clave Bantú Deixámosvos unha música e o vídeo no que explica o proceso de creación:
A música: Clave Bantu - Aline Frazão by Kukiela

Clave Bantu_Aline Frazão from xavier belho on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: Lusofonía - Publicado o 30-11-2011 02:06
# Ligazón permanente a este artigo
A nena e o grilo
De Magín Blanco

Pídello en préstamo ao equipo de Normalización

Comentarios (0) - Categoría: Recursos Infantil - Publicado o 30-11-2011 01:54
# Ligazón permanente a este artigo
Viste o teu Firefox de galego

Se queres que o teu Firefox teña o aspecto da imaxe (co escudo de Castelao e as cores da bandeira da Galiza) só tes que seguir os seguintes pasos, é facilísimo:

Simplemente tes que visitar esta ligazón e premer no botón laranxa coa lenda 'Wear this Persona'. As posibilidades do software libre son sorprendentes.

Tirado de CiberIrmandade da Fala. Podes visitar a páxina aquí

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2011 02:41
# Ligazón permanente a este artigo
Eduquemos contra a violencia machista
O alumnado de 3º da ESO participou este curso nun Programa de Promoción de Igualdade de Xénero do Concello de Maside, cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Europeo. O programa chámase Publicitando a Igualdade a través da imaxe e a arte.
A través da fotografía dixital e retoque fotográfico, as alumnas e os alumnos tiñan un grande obxectivo: xogar artisticamente coas imaxes para sensibilizar ao alumnado do centro escolar sobre a importancia da Igualdade de Xénero e facer fincapé na erradicación dos estereotipos de xénero que aínda seguen a influír nas actitudes das persoas en canto ás normas sociais que discriminan as mulleres e afondan nas diferenzas sen sentido entre mulleres e homes no ámbito familiar, educativo, laboral, na linguaxe e nas relacións sociais.

A conclusión do seu traballo está exposta no centro.
Coas fotos que tiraron neste proxecto e mais algunhas deste blogue que recomendamos e ao que podes acceder premendo aquí elaboramos o vídeo.

Xuntamos a música de Guadi Galego, Xota do 9 de abril, recollida no disco Benzón, e este é o resultado.
Esperamos que vos guste e que todas e todos axudemos a educar en igualdade co exemplo da nosa vida, cada día.


Comentarios (5) - Categoría: Muller - Publicado o 25-11-2011 01:54
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista en Galicia Confidencial
Este venres celébrase o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.
Galicia Confidencial entrevistou o ano pasado a dúas das maiores expertas galegas sobre a discriminación que aínda sofren as mulleres.

Nanina Santos Castroviejo é profesora de secundaria e unha miliante histórica no feminismo galego e estatal. Na súa opinión, os asasinatos de mulleres non son máis que a "punta do iceberg" dun problema maior, alimentado por prexuízos sociais que cómpre erradicar.

"Hai que combater a idea do amor romántico, o príncipe azul destinxe ao primeiro lavado e a princesa rosa tamén; o amor é outra cousa", argumenta Nanina Santos. A profesora insiste en que "a maior frivolidade é crer que o problema son as mortes; ás mortes chégase despois de percorrer un camiño".

Membro da directiva da revista feminista Andaina, esta activista denuncia que Educación para a Cidadanía pretendía educar os/as mozos/as na importancia da igualdade,pero que "sectores moi activos do PP, do Opus Dei, de Legionarios de Cristo" lograron desvirtuar a mensaxe a prol da igualdade de xénero prevista inicialmente na reforma do ensino.

Posturas similares defende Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. "Dende que nos erguemos até que nos deitamos podemos ver todos os días cantidade de actitudes e comportamentos que levan á discriminación ou polo menos á non igualdade" explica a GC a psicóloga.

Ao igual que Santos, Álvarez demanda máis educación de xénero nas aulas para que os prexuízos non se reproduzan entre os/as mozos/as.

Prexuízos que, na súa opinión, subsisten na lingua porque "estar sempre falando nunha linguaxe masculina, significa algo". A decana entende que o machismo na linguaxe "non se corrixiu na lingua escrita". Un exemplo podería ser o antigo nome da súa propia institución, o antigo Colexio de Psicólogos de Galicia, hoxe Colexio de Psicoloxía de Galicia.


Comentarios (1) - Categoría: Muller - Publicado o 23-11-2011 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
CAPITALISMO, LINGUA E CROCODILOS

‎."A LINGUA É PRODUCCIÓN, a lingua produce, produce COMUNICACIÓN
PRODUCE PENSAMENTO, PRODUCE CAPACIDADE POÉTICA, produce ganancia e beneficio, PRODÚCENOS como HUMANOS, prodúcenos como FELICIDADE

A lingua é PRODUCCIÓN, de aí os intentos do CAPITAL por PRIVATIZAR a lingua, por deixarnos SEN PALABRAS".
Chus Pato.

A imaxe é dun cartel precioso que alumnado de Primaria fixo para o concurso do ano pasado.

Para que os crocodilos teñan medo de nós
!!!!!
Comentarios (0) - Categoría: Poesía... e máis - Publicado o 21-11-2011 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
O racismo e o machismo cospen palabras parecidas, Eduardo Galeano

25 de novembro, cada día.

Se quedades con vontade de máis, encontraredes abaixo unha ligazón para descargardes o libro enteiro do uruguaio.
Lede isto de Eduardo Galeano, logo falamos:

Puntos de vista, 6
Se Eva tivese escrito o Xénesis, como sería a primeira noite de
amor do xénero humano? Eva comezaría por aclarar que ela
non naceu de costela ningunha, nin coñeceu ningunha serpe, nin ofreceu
mazás a ninguén, e que Deus nunca lle dixo que parirás con dor e o teu
marido te dominará. Que todas esas historias son puras mentiras que
Adán lle contou á prensa.


(...) O racismo e o machismo beben nas mesmas fontes e cospen palabras parecidas.



Por algo foron mulleres as vítimas das cacerías de bruxas, e non só nos tempos da Inquisición. Endemoñadas: espasmos e ouveos, quizá orgasmos, e para colmo de escándalo, orgasmos múltiples. Só a posesión de Satán podía explicar tanto lume prohibido, que polo lume era castigado. Mandaba Deus que foran queimadas vivas as pecadoras que ardían. A envexa e o pánico ante o pracer feminino non tiñan nada de novo. Un dos mitos máis antigos e universais, común a moitas culturas de moitos tempos e de diversos lugares, é o mito da vulva dentada, o sexo da femia como boca chea de dentes, insaciable boca de piraña que se alimenta de carne de machos. E neste mundo de hoxe, neste fin de século, hai cento vinte millóns de mulleres mutiladas do clítoris.

Non hai muller que non resulte sospeitosa de mala conduta. Segundo os boleros, son todas ingratas; segundo os tangos, son todas putas (menos mamá). Nos países do sur do mundo, unha de cada tres mulleres casadas recibe malleiras, como parte da rutina conxugal, en castigo polo que fixo ou polo que podería facer:

Estamos durmidas— di unha obreira do barrio Casavalle de Montevideo. —Algún príncipe te bica e te adormece. Cando acordas, o príncipe bate en ti.

E outra:

Eu teño o medo de miña nai, e miña nai tivo o medo da miña avoa.

Confirmacións do dereito de propiedade: o macho propietario comproba a golpes o seu dereito de propiedade sobre a femia, como o macho e a femia comproban a golpes o seu dereito de propiedade sobre os fillos.

E as violacións, non son acaso ritos que pola violencia celebran ese dereito? O violador non busca, nin encontra, pracer: necesita someter. A violación grava a lume unha marca de propiedade na nádega da vítima, e é a expresión máis brutal do carácter fálico do poder, desde sempre expresado pola frecha, a espada, o fusil, o canón, o mísil e outras ereccións.


Fragmento traducido de “Curso básico de racismo y machismo” en PATAS ARRIBA. La escuela del Mundo al revés, de Eduardo Galeano
EDITORIAL: Sombraysén Editores, 2009
Libro sen dereitos reservados.
Podes descargar aquí:
Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 21-11-2011 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os recortes educativos

Deixamos aquí a opinión do Claustro sobre as medidas que a Consellería de Educación tomou neste curso.
O texto mandouse a todas as familias.
A foto é da pancarta que temos colocada na fachada do centro sobre este tema:

"O profesorado do CPI Terras de Maside diríxese a vostedes para expresar o malestar que sente no inicio deste curso ante as medidas que a Consellería de Educación vén de tomar en relación ao noso traballo.
 
Hai varios puntos na información transmitida á sociedade, tanto por parte da Consellería de Educación como polos medios de comunicación, que queremos aclarar (por ser falsos):
 
1.º- “Neste curso o profesorado vai traballar catro horas máis”.
A nosa xornada laboral segue sendo de 37,5 horas á semana. A diferenza está en que se aumenta o período de tempo establecido para as tarefas lectivas (pasa de 21 a 25 horas en Primaria e pode aumentar dúas en Secundaria).
Polo tanto, traballaremos as mesmas horas no centro.
 
2.º- “A medida mellora a calidade do ensino”.
Aumenta o tempo adicado ás tarefas lectivas, así como as funcións do profesorado durante ese horario, pero iso non repercute na mellora do proceso de ensino-aprendizaxe; os/as docentes vanse adicar a facer de coidadores/as antes e despois da xornada escolar e a súa xornada laboral vai estar determinada polos horarios que as empresas de transporte establezan. O alumnado continúa tendo o mesmo número de horas, pero o profesorado vai ter menos tempo para adicar a tarefas como: preparación de clases, corrección de exames, elaboración de material, apoio ao alumnado con necesidades educativas específicas, organización de actividades complementarias e extraescolares, posta en marcha de proxectos transversais (TIC, lector, convivencia, normalización...).
Polo tanto, esta medida non supón unha mellora na atención educativa do alumnado, senón que empeora a calidade do ensino.
 
3.º- “As/os docentes só traballan 21 horas”.
Non se poden contabilizar só as horas de contacto directo co alumnado. As clases necesitan unha preparación e o alumnado demanda unha atención individualizada que respecte os distintos ritmos e estilos de aprendizaxe. O resultado final de calquera traballo leva moitas horas de elaboración  (comemos ou ceamos en 30 minutos, pero canto tempo levou a preparación de todo o que se come e bebe?).
Á parte de preparar as súas clases, o profesorado adica  moitas horas a organizar actividades complementarias e extraescolares, levar a cabo proxectos de innovación, participar en actividades de formación...
As 37,5 horas semanais que aparecen no noso horario vense case sempre superadas de maneira significativa.
 
4º.- “Todas/os temos que cooperar en tempos de crise”.
O prexudicado é só o ensino público, pois, mentres se nos reduce o profesorado e as dotacións económicas para materiais e funcionamento e se limitan os programas de gratuidade de libros de texto, séguense concedendo concertos a centros privados,  que, nalgúns casos, mesmo segregan alumnado por razón de sexo.
No ensino público, á parte da redución significativa de profesorado, hai docentes obrigados, por primeira vez, a impartir ata catro afíns (materias das que non son especialistas); a maioría de docentes de Primaria que aprobaron a oposición neste curso vai impartiroutra especialidade; moitos/as docentes van traballar en varios centros (itinerancias)...
O ensino público é o único que garante a educación para todos/as os cidadáns e cidadás e vai ser o máis prexudicado por esta medida.
 
No noso centro, en dous anos nos que o alumnado aumentou progresivamente, contamos con tres profesores/as menos na ESO (Física e Química, Galego e Inglés) e dous profesores/as compartidos/as con outros centros, cando outros anos estaban a tempo total.
Esta redución, xunto coas novas funcións que debe asumir o profesorado, incide directamente no funcionamento do centro, xa que non contamos con persoal e horas suficientes para:
v    desenvolver medidas de atención á diversidade (PDC, agrupamentos, desdobramentos, optatividade…);
v    levar a cabo proxectos innovadores (plan TIC, plan lector…);
v    atender as dúas bibliotecas (este ano concedéronnos o “Plan de mellora de biblioteca”, cuxo proxecto non se fixo, evidentemente, en horas lectivas, pero a biblioteca de Infantil, acabada de construír, non poderá abrir no recreo, porque o profesorado xa non ten horas para facelo);
v    realizar gardas: só hai un profesor/a de garda por sesión lectiva, o que implica que, en caso de baixa, enfermidade, imprevistos, etc, habería problemas para que o alumnado estivese atendido.
v    adxudicar a docencia de cada materia a profesores/as especialistas (a profesora de Música imparte Lingua Castelá e Lingua Galega; a de Francés imparte Latín; as de Matemáticas e Tecnoloxía imparten Física e Química, etc.).
 
Como chamada de atención polo deterioro que estamos a sufrir no ensino público, na reunión do Claustro do día 22 de setembro, decidiuse a supresión no presente curso escolar das seguintes celebracións: festivais de nadal e fin de curso, entroido e excursións de fin de curso. Trátase de actividades en cuxa preparación investía o profesorado un gran número de horas e, lonxe de buscar coa súa eliminación que se produza dano ningún ao alumnado, o que se pretende con esta medida é concienciar á Administración e ás familias de que, co aumento de funcións dos docentes e cos recortes de persoal experimentados nos centros, o profesorado non vai poder seguir desenvolvendo con normalidade moitas das tarefas que ata o de agora viña realizando.
Manteranse as demais actividades complementarias e extraescolares, ao consideralas moi beneficiosas para o progreso académico do noso alumnado, aínda que a maioría delas implica voltar fóra do horario escolar.
 
A consecuencia da medida adoptada pola Consellería de Educación será, entre outras cousas,  un deterioro na calidade do ensino recibido polos seus fillos/as, cuestión que o Claustro do centro escolar CPI Terras de Maside non comparte, de aí as nosas mobilizacións e reivindicacións. Cremos que facer esta denuncia diante das familias é un acto de responsabilidade e compromiso co ensino público que defendemos, polo que as invitamos a participar en calquera iniciativa de denuncia desta situación que padecemos todos e todas".
 
Atentamente, o profesorado do CPI Terras de Maside.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-11-2011 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Agosto nos teus dedos
Regresar como adentrándose de novo polos brazos
descubertos,
regresar pel, audacia e cereixas, labios azul
sorprendéndome.
Para a viaxe poucas palabras, e o abano cruzando
Agosto nos teus dedos.
Terma desta saiba que enlouquece cando pisas a luz
e me rodea.



Agosto abre a luz para os meus ollos, en ti
as horas dun tempo de sobreiras e esplanadas.
Camiño do sul viaxamos tantos fados
O Texo devala no meu peito
Déitase Lisboa á sombra do teu ventre
Agosto en ti
Alfama nos meus dedos




Non alimento outras viaxes, espero
tan só que o nordés demore
nos teus ombros o aroma renovado
das cereixas. E que me comas
coa voracidade dos boleros.


Ana Romaní, Mulher a facer vento, Ed. Tema, Lisboa, 1998.
Comentarios (0) - Categoría: Poesía... e máis - Publicado o 18-11-2011 00:52
# Ligazón permanente a este artigo
Mudar de lingua e de vida
Comentarios (0) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 14-11-2011 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player