MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Camiñada polo Barbantiño

O ENDL e o Departamento de Educación Física organizan unha camiñada para o próximo 19 de novembro. Esperámosvos alí.
Aquí vos deixamos os detalles da ruta e o que hai que facer para se inscribir:

Saída: 10:00 da Alameda de Maside. Alí vemos como nos repartimos nos coches para ir ao inicio da ruta que é en Punxín, debaixo da ponte da autovía, cerca da piscifatoría, na estrada que leva a Amoeiro. Quen desexe saír deste último punto pode facelo (aproximadamente ás 10:30)

>Percorrido:
1ª etapa: Empezamos o percorrido desde a ponte do río Barbantiño subindo pola marxe dereita do río ata a fervenza. Polo camiño observamos as instalacións abandonadas da piscifatoría e o edificio da minicentral. Parada na área da fervenza, observamos os muíños. Se van nenos ou nenas moi pequen@s (acompañados/as) poden esperar alí polos que continúen.

2ª etapa: Cambiamos á marxe esquerda ata a Ponte San Fiz ( século XIII-XIV). Polo camiño pasamos polo encoro da minicentral. Desde a Ponte San Fiz volvemos ao encoro, cruzamos a presa e volvemos ata a fervenza pola marxe dereita ata chegar de novo á fervenza.

3ª etapa:
Regreso desde a fervenza ao punto de partida, esta vez pola marxe dereita.

Notas e inscrición

O percorrido total faise en 3 horas indo de vagar.
A ruta non ten apenas dificultade agás un anaco de 15 minutos na etapa 2 onde hai un pouco de pendente, pero pode facelo calquera.
Non cómpre cazado especial, se non chove vale cunhas zapatillas cómodas
Facendo o tramo das 3 etapas descritas e contando cunha hora para xantar a volta pode ser aproximadamente ás 15:00 na Alameda de Maside.
Quen queira quedar a xantar ten que levar a comida, claro.
Se alguén quixese continuar despois de comer, sería cuestión de falalo, pois a ruta segue ata a desembocadura do Miño.
Se queredes anotarvos, enviade un correo a mollatecoalingua@gmail.com. Hai que especificar o nome d@ alumn@, o seu curso e se vai acompañad@ por adult@s. É importante xuntar tamén un teléfono de contacto. No caso de que @ alumn@ non vai ir acompañad@ dun adult@ hai que entregar unha autorización no centro. Se non a tedes, pedídea ao equipo.
Están convidados/as antigos/as alumnos/as e antigos/as profes, así como calquera que pertenza á comunidade educativa (profes, persoal do centro, familias)
Era bo tirar fotografías para poder colgalas no blogue.
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 31-10-2011 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
Sermos Galiza no Carballiño
Convidámosvos mañá, 28 de outubro, á presentación de Sermos Galiza, no Casino do Carballiño ás 20:30.
Nos últimos anos teñen desaparecido todos aqueles xornais que mantiñan algunha presenza do galego nestes medios. Hoxe en día xa non queda ningún deles (A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, Vieiros...).
Sermos Galiza busca o compromiso da sociedade máis activa para botar a andar un diario dixital e un semanario en galego.
O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.

Podedes atopar máis información aquí
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 28-10-2011 03:12
# Ligazón permanente a este artigo
Séchu Sende, sempre bom

Como sempre, os deseños de Séchu Sende son un regalo.
Desta vez queremos compartir ese regalo con todos/as vós.

O cesto de libros vén cargado de páxinas escritas por mulleres galegas.
Buscádeas nas casas, pedídeas na biblio, lédeas, relédeas, mergulládevos nas palabras de onte e nas de hoxe.

Collede o fío e tecede vós, non esperedes por Ulises, que se cadra non volve máis.
Escribide o futuro coa dignidade da muller do cesto e coa forza de todas aquelas que nos axudaron a ser máis libres.

Non recuedes, nunca. Porque o futuro ha de ser voso e de todos os marabillosos homes que nos acompañaron, e acompañan, no camiño. Porque os outros (e outras) quedarán para tras e os olvidaremos, porque o futuro non pode ser deles.
Non recuedes e tecede sempre para regalarlles as que veñan mañá un pano ben bonito.

Grazas a Séchu por nos dar permiso para colocar o seu deseño no blogue.
Grazas, Séchu, sempre.
Podedes ver o blogue de Séchu na seguinte ligazón. Recomendámolo, claro

Beatriz Fernández

Comentarios (1) - Categoría: Muller - Publicado o 24-10-2011 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
Mulheres transgredindo
Unha pequena mostra dalgunha das accións de rúa máis relevantes das Mulheres Transgredindo.
Creativas e xeniais.

Santiago de Compostela, Galiza.
Licenza Creative Commons: Recoñecemento, Non Comercial, Non Derivados.
A través de As Candongas do Quirombo.


Mulheres Transgredindo from as candongas do quirombo on Vimeo.



Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 20-10-2011 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
Presumindo de compañeiras e compañeiros

No CPI Terras de Maside unímonos á proposta de concentrarnos no recreo o día 11 de outubro para protestar polos recortes da Consellaría de Educación. Tivo que ser por quendas, porque os recreos non nos coinciden. Tamén hai quen quixo saír en todas as fotos...
Pois iso, que gostamos do ensino público...
Se queres ver algunha fotos, preme aquí.
Aínda quedan algunhas na cámara e faltan as de Concha. A ver se conseguimos unha con todas/todos xuntas/as. Haberá que recorrer ao copia-pega
Comentarios (1) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 11-10-2011 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Asociación de antigos/as alumnos/as
Se estudaches no CPI de Maside e queres formar parte da súa asociación de Antigos/as alumnos/as, envía un correo a exmaside@gmail.com
Está intentando botar a andar...
Comentarios (0) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 06-10-2011 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
QUEREMOS FACER O NOSO TRABALLO!!!!
A Coordinadora Galega de ENDL acaba de emitir unha nota de prensa que denuncia o retraso na convocatoria de axudas para os proxectos de fomento do uso do galego no ensino.
Subscribímola e compartímola con vós.
O certo é que xa nos estamos facendo especialistas en contornar as dificultades que, repetidamente, nos poñen no camiño aqueles que, desde as institucións, debían velar pola normalización da nosa lingua.
Convidámosvos a xuntar esforzos e espremer o siso para superar os atrancos, que se suman aos que todo o profesorado galego do ensino público vai ter este curso para realizar as súas actividades.
Evidentemente, que continuemos traballando non implica que deixemos de reclamar o respecto que a nosa lingua merece e que lle negan precisamente aqueles que máis debían coidala.
Para ler a nota de prensa, preme aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 06-10-2011 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
Día da Ciencia 2011
Desde o blogue A Buxaina,do CPI Virxe de Cela de Monfero, chégannos iniciativas para o próximo 4 de novembro, II Día da Ciencia en galego.

Comentarios (0) - Categoría: Ciencia en galego - Publicado o 03-10-2011 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player