MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Concha Blanco, Cousiñas para a escola
A Coruña, Edicións do Castro (Narrativa para nenos), 1990.


Este libro encerra unha colección de narracións e poemas, postos en boca de nenos e nenas, coma vivencias persoais, seguidos algúns deles de actividades de comprensión lectora e investigación.

Comentarios (0) - Categoría: Libros - Publicado o 27-01-2009 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Isabel Freire, Sopa de marsopa
Vigo, Xerais (serie Merlín), 2008. Ilustracións de Jon Puga.

Ao longo desta historia nárranse as aventuras dun detective moi peculiar, Bilbo Bons, e do seu querido amigo, o comisario de policía Roncudo Lor.

Todo comeza cando a marsopa Anciñas desaparece do zoo da cidade e ao detective máis gracioso da historia se lle ocorre empezar a investigar.
Comentarios (1) - Categoría: Libros - Publicado o 27-01-2009 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Caride, O futuro roubado
Said e Sheila son dous rapaces que viven no futuro, no ano 2077. Eles teñen unha amiga, Irina, que ía pasar uns días con eles pero que, ao chegar á casa de Said e Sheila, non os atopa.

A policía estivera alí pero, ao non encontrar nada, decidira marchar. Ao contrario ca ela, Irina decide quedar alí uns días.

Estivo investigando no seu ordenador e de pronto chegou un correo no que se contaba que Said e Sheila estaban no pasado e que alí había unha empresa malvada que quería construír un parque eólico que destruiría un cabo e un castro.

Lograrán Said e Sheila desmantelar os plans desa malvada empresa? E o que é aínda máis intrigante, lograrán volver ao futuro?
Comentarios (0) - Categoría: Libros - Publicado o 27-01-2009 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
O Magosto
O 11 de novembro celebramos o magosto no Centro.

Xa desde a mañá empezamos a pintarnos na roupa con xiz. A mediodía reunímonos todos/as fóra para xantar cun menú especial: empanada, pan con chourizo e chocolate quente, que non veu mal xa que facía algo de frío. Ao acabar de comer seguímonos pintando con xiz e tamén houbo xogos populares, como saltar á corda, o pano, a chave… E, coma tódolos anos, viñeron compañeiros/as de anos anteriores facernos unha visita.

Logo collemos a frouma para acender a fogueira e asar as castañas e todos/as aproveitamos para quentarnos arredor do lume. Cando xa estaban as castañas empezamos a comelas e a pintar a cara cos tizóns, esta vez de negro. Outros/as máis atrevidos/as saltaron a fogueira cando xa tiña pouco lume.

Espero que para o ano se volva facer, xa que a algúns/algunhas de nós tocaranos estar de visita.


Raquel Pires Dos Santos (4º ESO)
Comentarios (5) - Categoría: Eventos - Publicado o 22-01-2009 07:38
# Ligazón permanente a este artigo
Visita dun médico
O 16 de decembro veu ao Centro o médico Xosé Dobarro, invitado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística. Veunos contar un pouco a súa faceta como médico e tamén co obxectivo de que os/as alumnos/as vísemos que algúns médicos falan galego de forma normal.

Xosé Dobarro é médico de familia en Beariz, aínda que vive no Carballiño, onde estivo traballando ata hai pouco tempo. Estudou en Santiago e tamén estivo en Cuba e Barcelona ampliando a súa formación. Fala sempre en galego e nunca tivo problemas para relacionarse cos/coas seus/súas compañeiros/as nin cos/coas pacientes. Dixo, entre outras cousas, que algúns/algunhas vellos/as, mentres non o coñecen, empezan a dirixirse a el en castelán, pero despois agradecen que lles fale na súa lingua.

Cando acabou de explicarnos algo da súa vida e do seu traballo os/as alumnos/as puidemos facerlle varias preguntas.

Andrea González Fernández (4º ESO)
Comentarios (2) - Categoría: Eventos - Publicado o 22-01-2009 07:24
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión a Madrid
Na noite do 4 ao 5 de decembro, sobre as 12 e media, os/as alumnos/as de 3º e 4º da ESO subimos ao autobús para ir a Madrid. Chegamos alí sobre as 7 e media, despois dunha noite de moita troula. Almorzamos e, sen baixar do autobús, fixemos un percorrido desde Atocha ata a Praza de España, reparando nalgúns edificios importantes, coma o de Correos, o Santiago Bernabeu ou as torres de KIO.

Ás nove xa nos estaba esperando Nati e entramos no museo do Prado, onde vimos cadros de pintores como Goya, Velázquez e Murillo. Ao saír fomos ao Reina Sofía visitar o Guernica de Pablo Picasso. Saímos camiñando cara o Teatro Real, pasando por barrios como o de Lavapiés, que é famoso pola gran cantidade de inmigrantes de moitos países que viven e teñen tendas alí. Visitamos o Teatro Real arrastrándonos polas diferentes salas, xa que estabamos mortos de fame, sono e cansazo... e iso que o home que nos atendeu era bastante simpático.

Despois de xantar, xa recuperados, demos un pequeno paseo pola Porta do Sol, onde fixemos algunhas compras e vimos varios mimos que nos chamaron a atención. Collemos o metro ata a Casa de Campo para ver o Circo do Sol, que nos sorprendeu coas acrobacias e coa luz do espectáculo.

Antes de coller o autobús ás 11 da noite, demos outra volta por Chueca e a Gran Vía. Gustounos moito o que vimos e pasámolo moi ben. Ao entrar no autobús algún envolveuse na manta e... a durmir (foi un espectáculo o de bocas abertas que se vían polos asentos). Entre contos e cantos chegamos a Maside ás seis da mañá do sábado.


Raquel Rodríguez Vázquez (4º ESO)
Comentarios (3) - Categoría: Eventos - Publicado o 16-01-2009 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Visita a un laboratorio
O 28 de novembro os/as alumnos/as de Física e Química de 4º da ESO fixemos unha saída organizada desde esta materia.

Saímos ás 9:30 cara ao Carballiño en dous taxis, que nos deixaron onda a igrexa da Veracruz. Desde alí fomos a pé ata un pequeno laboratorio especializado en análises enolóxicas chamado “Acios Enoloxía”.

O dono do laboratorio explicounos durante dúas horas as distintas análises que lles fai aos viños e ás augardentes, e vimos algúns aparellos que xa coñeciamos e outros que non (algún matraz estaba roto, pero vese que aproveitan as cousas). O máis interesante da visita foi ver que hai distintas maneiras de lle mirar a graduación alcólica ás distintas bebidas.

Ao saír, antes de volver ao colexio, fomos tomar un café e ás 13:10 xa estaban os taxis coma cravos esperándonos para traernos para o xantar. Foi unha visita moi interesante, xa que aprendemos cousas que antes non sabiamos e que parecían máis sinxelas.


Xurxo Fernández Rodríguez (4º ESO)
Comentarios (1) - Categoría: Eventos - Publicado o 16-01-2009 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
Un marciano neste mundo
Este libro conta a historia dunha rapaza chamada Nerea que estuda nun instituto e á que lle deron unha bolsa de estudos para ir á universidade. Alí descobre algo importante no terreo da Física Cuántica e entra nun grupo, o “Tempus”, no que fabrican unha máquina para viaxar no tempo.

Á súa vez ten un avó que lle contou unha historia sobre un tío-avó chamado Agustín, que á idade de 18 anos morrera queimado nunha fábrica. Nerea, nun arrebato, colle a máquina do tempo sen que ninguén se decate e acaba salvando a Agustín. Cando este chega á actualidade todo lle parece estraño, ata que atopa ao seu irmán e os dous marchan para América


Raquel Rodríguez Vázquez (4º ESO)
Comentarios (1) - Categoría: Libros - Publicado o 16-01-2009 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
A neve tamén chegou ao CPI de Maside...

... e deixou as aulas baleiras e os campos cubertos dun luminoso manto branco.

Podes ver máis imaxes do acontecemento visitando a fotoblogoteca.

Feliz invernía!


Ana Rodríguez Barreiro
Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2009 22:38
# Ligazón permanente a este artigo
Cantón!!*
Esta prima de meu pai volveu para a aldea ao xubilarse, despois de máis de 30 anos na Coruña. Foi ben recibida polos veciños xa que os poucos que quedabamos viamos como pouco a pouco, ao ir morrendo os vellos, o lugar ía quedando sen xente.

Nalgunhas cousas veu moi cambiada, ata diría que moderna. Cando arranxou a casa de planta baixa e lle deu un alto, o primeiro que me chamou a atención foi que non lle fixera cheminea, pero despois souben que non puxera cociña de leña, só a de gas, e para quentarse instalou unha calefacción de gasóleo. No eido tamén fixo cambios; pechou arredor cun enreixado, plantou froiteiros e flores, vernizou o carro das vacas e colocouno cerca dunha grella onde fan churrasco case todo os domingos. Tamén mercou unha piscina desmontable para cando lle veñen os netos. Como non podía faltar un can e xa tiña un pero era pequeno, trouxo outro dunha raza máis grande para fóra, negro, que cando medrou resultou ser moi peludo e bonito. A verdade é que ten todo moi coidado e dá gloria velo, aínda que penso que é un pouco escrava do céspede xa que non pasa semana sen cortalo, e non digamos o traballo que leva para regalo no verán.

O caso é que noutras cousas diríase que nunca se foi da aldea: normalmente falan a berros. Sube que xa está o xantar! -di ela. Acaba de vir que se fai tarde! -dille el mentres espera para ir ao supermercado. Cando se xuntan as fins de semana parece que chega unha revolución: coches que entran e saen, voces ata as tres da mañá, música a todo meter, tres ou catro persoas falando a berros polos móbiles buscando a mellor esquina do xardín para pillar cobertura... Tampouco separan o lixo (na Coruña non se fará iso?) e botan no mesmo contedor os envases, as caixas de cartón... ata o céspede e os restos das podas.

Unha das cousas nas que non cambiou é que entre eles seguen a falar en galego, o que é de agradecer se pensamos que botou tantos anos nunha cidade como A Coruña. Cos fillos e cos netos non o falan, só en castelán. Pero claro isto só pasa nas fins de semana e nas vacacións, así que pola semana todo discorre case como se sempre estivesen vivindo aquí.

Un martes sentín que falaba en castelán con alguén e pensei que sería polo móbil. Aínda que non entendía ben as palabras, pareceume, non sei moi ben polo que, que aquilo non era unha conversa por teléfono, era como se falase soa pero dirixíndose a outra persoa. Puxen un pouco de atención e deime conta de que falaba co can. Falaba co can en castelán! Era co grande, co peludo, que é o que anda sempre por fóra. Fiquei un pouco sorprendido e pensei que se cadra non escoitara ben, pero nos seguintes días fixeime e, efectivamente, dáballe todas as instrucións en castelán. Cavilei moito no asunto pero non conseguía atoparlle unha explicación; se fose co pequeno, que xa o trouxo da Coruña, tiña un pase, pero o grande comprouno desde que se viñeron vivir aquí e era un can de aldea desde cachorro. Cada vez que andaban polo eido-xardín non podía evitar prestar atención e escoitalos: “Cantón, sal de ahí!”; “Cantón, calla”; “Cantón, mira quién viene”, “Cantón, cuidado con el tiesto”.

Contei isto na casa e cada un ten unha teoría. A miña muller di que como o pequeno veu da Coruña ao grande faláronlle o mesmo para non empregar dúas linguas. Eu penso que pode ser certo, pero o máis probable é que como os netos xogan moito con el, cavilaron que sería máis práctico falarlle en castelán para que os rapaces non tivesen que cambiar ao galego. A miña filla ten outra teoría, ela opina que estando afeito ao castelán pódeno levar á Coruña ou a outro lugar de España (mesmo a Suramérica) cando estean de viaxe e deste xeito non vai ter problemas para entender a calquera.


Can Daugas


* Un conto que non é conto
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-01-2009 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player