MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Entroido 2008
Foi un día de troula no colexio. Cada curso disfrazouse de algo diferente. Nós, os de 1º de ESO, fomos de “A matanza do porco”. Nesta representación cada un tiña un papel distinto... ou parecido, segundo o caso.

Fomos os primeiros en actuar, e, pola forma de facelo, gañamos. É dicir, fomos os que máis chamamos a atención.

Na nosa actuación, os dous “porcos”, Cristian e Luís, saíron atados por unha perna para logo podelos matar os matachíns, Uxía e Ana. Case todos se dedicaron a amarrar os porcos: Manuel, Xosé, Adrián... e as que recollían o sangue eran Jeni, Jessica e Lore. E, por suposto, non faltaron as filloas de sangue típicas da matanza.

Ao rematar a función, cantamos as nosas cancións con moita soltura.


Ana Rodríguez González
Comentarios (6) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 19-02-2008 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
Unha palabra común*
Eu só son unha palabra común. A miña vida podía ir mellor ou tamén peor. Gústanme os diminutivos afectivos e non me levo nada mal cos números. Nacín aquí, hai xa bastantes anos, e as cousas desde que eu era unha palabra nova cambiaron moito. En fin, que estou para o que faga falta. Aprendín moi cedo que son única, que ningunha outra palabra pode substituírme, como nos pasa a todas as palabras do mundo.

Coñecín moitas palabras que desapareceron e todos os días me cruzo na rúa con algunha que acaba de nacer.

Mais hai uns quince días sucedeume algo preocupante. Acababa de acordar e estaba saíndo da ducha cando soou o timbre da casa. Vestinme apurada e abrín a porta. Cando vin que era un castelanismo fechei a porta con medo. E respirei fondo. Que quede claro que non teño nada contra as palabras estranxeiras. Na miña vida coñecín moitas que viñan aquí facendo turismo. Pasei bos momentos con algunhas palabras italianas e francesas e unha alemá e mais eu mesmo tivemos unha historia de amor hai algúns anos.

Tamén fixen algunhas viaxes a outros países e nunca tiven problemas para me facer entender e comprender as palabras coas que me atopei en Grecia e Turquía ou en Exipto. Todo o contrario. Sempre me gustou coñecer as palabras doutros idiomas, contarlles cousas da miña lingua e escoitar as súas aventuras.

Mais a palabra que chamou á porta da miña casa non viña facer turismo. Viña quedarse. As palabras da miña lingua levamos pasando por isto desde hai anos xa. De súbito chegamos á nosa casa ou ao noso traballo e hai un castelanismo ocupando o noso lugar, facendo súa a nosa vida.

E que quede claro que tampouco teño nada contra as palabras inmigrantes, que chegan para vivir como calquera de nós, que eu teño moi boas amigas que chegaron de América hai algún tempo e agora son como da casa, vivindo neste país que sempre foi hospitalario con todo o mundo.

Mais isto é diferente: aquel castelanismo que me fixo suar de medo na miña propia casa viña coa intención de me facer desaparecer. É un temor que teño desde hai algúns anos, cando comenzou lentamente a invasión dos castelanismos.

Ao primeiro eran poucas. Vivían en grandes pazos nas aforas ou nas casas ricas ou nos cuarteis do exército. Axiña se descubriron as súas intencións, cando comenzaron a ollarnos por riba do ombro, e a ocupar os mellores traballos e a facerse con privilexios á custa de nós e a substituírnos, pouco a pouco. Ao final moitas de nós acabaron desaparecendo e doutras xa case ninguén se acorda. O resto, resistimos.

Eu, como sempre fun unha palabra común, ao principio non me preocupei demasiado, penso que por egoísmo. Non me afectaba. Aínda que cando as miñas veciñas do 3ºA e 2ºB desapareceron e comencei a ver saír e entrar dos seus pisos dous castelanismos, comecei a pensar que preocuparse polo que pasaba ao meu redor era necesario, porque todo nos afectaba a todas. E así foi.

Así que fechei a porta e preguntei cara afora:

- Que queres?

O castelanismo díxome que eu xa non era necesaria, que por favor abrise a porta, que non me resistise, que todo acabara para min e que regresaría o día menos pensado para quedar coas miñas cousas, a miña casa, o meu traballo e o resto.

Esa mañá non saín da casa. O mundo veume encima. Acovardeime e non fun traballar. Sei que cando unha palabra non sae á rúa, ou non vai ás cafeterías, aos colexios, as oficinas, en fin, aos lugares de sempre, para esa palabra comenza o principio da fin.

Estiven chorando medio día ata que me dixen: Chorando non se amaña nada. E collín as miñas cousas e saín decidida a facer o meu traballo, coa cabeza ben alta, ergueita. E traballei até ben entada a noite e, cando regresei á casa, seguía sendo a miña casa.

Desde que o castelanismo que me quere substituír veu ameazarme non tiven un minuto de descanso. Sinto como se tivese que traballar por todas as palabras que desapareceron, que hai moito por facer. Traballo día e noite e descanso satisfeita porque estou facendo todo o que podo. Nunca me sentín con tantas ganas de vivir.

A situación é moi preocupante aínda que ultimamente somos moitas as palabras que decidimos enfrontarnos a esta colonización da mellor maneira que sabemos: saíndo da casa todos os días, ocupando as nosas rúas, as nosas fábricas, as escolas, os autobuses, as prazas, as empresas, os mercados, as librerías, as tendas de música, os cibers, e todos eses lugares onde realmente somos necesarias.

Porque eu, aínda que son unha palabra común, síntome unha palabra útil. Eu son unha palabra imprescindíbel, como todas e cada unha das palabras do meu idioma. E sempre estarei aquí, Para o que faga falta.

Séchu Sende


* Este relato pertence ao libro de Séchu Sende Made in Galiza (Vigo: Galaxia, 2007). Reprodúcese coa autorización do autor.
Blog de Séchu Sende
Comentarios (16) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-01-2008 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Non só Matemáticas
Hai unha páxina en Internet que pode ser do voso interese. A pesar do que aparentemente indica o enderezo, www.recursosmatematicos.com/galego, ofrece algo máis que recursos matemáticos.

Atopamos nela documentos e ligazóns a páxinas con contidos científicos: botánica, matemáticas, medicina, artes gráficas, etc. Pero tamén podemos acceder a outros sitios relacionados coa educación, a historia, a hostalaría, a xeografía, o dereito ou a vestimenta tradicional. Teñen en común que son en galego e de utilidade, tanto para o ámbito educativo como para o desempeño dunha actividade profesional.

Podemos conectarnos a sitios de software libre, a páxinas da Xunta, das Universidades galegas, permite utilizar e descargar tradutores, correctores e mesmo un sintetizador de voz a partir dun texto escrito, que, como pouco, é curioso.

Paga a pena dar unha volta por ela. A ver que vos parece.

Cándido Fernández
Accede desde aquí
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-01-2008 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua e novas tecnoloxías
"En galego, tes todo por dicir", reza un lema que vimos lendo e escoitando estes meses nos medios de comunicación. E é certo, pois a nosa lingua, aínda que de orixe tan antiga como o castelán ou o portugués, compañeiros de viaxe que, en troques, gozaron unha sorte descoñecida para o galego, viuse privada durante demasiado tempo (os Séculos Escuros, a longa noite de pedra do franquismo...) da normalidade de xerar textos, orais e escritos, referidos a calquera ámbito da vida pública e privada. Todos os anos que o galego leva ás súas costas non foron suficientes para encher este idioma de experiencias, de usos, de ese estatus de que o cremos merecente. Vella en historia, a lingua do país está aínda en cueiros en tantos outros aspectos...!

E, xa que temos todo por dicir, aproveitemos esta conxuntura para berralo alto, claro e -por que non?- coa maior corrección posible. A cultura do sms, do messenger, dos chats, etc. estanos acostumando a apreciar especialmente a economía lingüística, a rapidez na comunicación, a inmediatez. Non son menores estes valores, sen dúbida, pero debemos aprender a diferenciar cuidadosamente os distintos rexistros da lingua (formal vs. coloquial) e os contextos situacionais aos que mellor lles acaen aqueles: o que vale para unha mensaxe de móbil non parece que sexa sempre apropiado para unha entrevista de traballo ou unha intervención académica.

Así as cousas, animo a todos os usuarios deste blog, e especialmente aos que lle dan vida cos seus comentarios, a reflexionar sobre a calidade da lingua en que verten as súas opinións. Son realmente necesarias as abreviaturas do tipo "k" (no canto de que) ou "cd" (por cando) nun medio en que non temos limitacións de espazo e en que, ademais, non se factura por número de caracteres? Non son evitables boa parte das faltas ortográficas que acotío se cometen? Que foi das maiúsculas e dos signos de puntuación?

Pola miña banda, non teño maior problema en seguir corrixindo canto se reciba neste foro, pero aledaríame profundamente saber que alguén, do outro lado, comprende que a nosa particular aportación ao galego do futuro, ese galego que queremos posuidor do prestixio de que careceu noutrora, quizais comece por cuestións tan pequenas como o xeito de escribirmos nun blog. Como tantas outras veces, isto só é un símbolo; pero un símbolo revelador: o do noso compromiso.

Ana Rodríguez Barreiro
En galego, tes todo por dicir (1)
En galego, tes todo por dicir (2)
En galego, tes todo por dicir (3)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-01-2008 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
Que é NARF? E DKTC?
Para moitos, dicir música galega é dicir muiñeira pero, sen renunciar a ela, hoxe podemos atoparnos no panorama musical galego con cousas variadas, modernas… e EN GALEGO!

Non pretendo, nin podo, facer unha análise exhaustiva da música que se está a crear en Galiza (ou fóra dela pero coas raíces de aquí). A miña intención é contarvos que ultimamente chegaron ás miñas mans bastantes cousas que me gustaron, e animarvos a vós a que reflictades aquí os vosos gustos e os vosos achados, máis alá de Bisbal e compañía, de xeito que poidamos difundir e gozar do que cada quen coñeza e atope. A partires de aquí xa xogan os gustos persoais.

Hai algúns sitios en Internet especializados na creación en galego (música, fotografía, poesía…) de onde se poden descargar gratuitamente algunhas cousas que non se atopan no mercado convencional. Estou a falar de www.aregueifa.net e www.komunikando.net.

E, ó que ía, que levo escoitado e que me gustou? Un dos que máis, Marful: pasaron case desapercibidos en xullo polo Carballiño e foi una delicia escoitalos. Tamén Nordestinas, Sete Saias e Xavier Díaz. Con outros estilos máis movidos, gustoume o ritmo festeiro de Lamatumbá ou o hip-hop de Dios Ke Te Crew (DKTC). Destes últimos tendes que escoitar "Profecía". E, xa para rematar, cabe mencionar The Homens, Ruxe-Ruxe, Loretta Martin e NARF ("Fran" ó reves, de Fran Pérez), dos que só escoitei algunha canción pero que poden ser interesantes.

Que música en galego che gusta ou che chamou a atención?

Cándido Fernández
Descargas gratuítas de música
Portal de musica galega
Disco de Xavier Morón (DKTC)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-12-2007 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
A xustiza tamén fala galego
O 17 de decembro do 2007 os alumnos de 5º e 6º de Primaria, así como os da ESO, tivemos una charla da fiscal e do xuíz do Carballiño, Carmen e Luís.

Comenzaron dicíndonos onde viven e de seguido contáronnos en que consisten os seus traballos. Logo comentáronnos o que significa para eles o galego, que o coñeceron desde pequenos e que sempre o falan, tanto cando van comer cos amigos como no xulgado, se a xente coa que están fala galego. Tamén nos dixeron que o estrañaran moito cando estiveran fóra de Galiza e á hora de estudar as súas carreiras. Aseguráronnos que o tópico que di que os galegos somos uns paletos non é certo, e eu penso que teñen razón!! Porque nós temos dúas linguas, cousa que moitos non teñen.

Remataron a charla e tocounos a nós o turno de facer preguntas.

“Para que serve o mazo co que se peta na mesa?”. O xuíz contestou que el non o tiña (ríndose) pero que servía para pór orde e mandar calar.

Tamén houbo preguntas serias que espertaron moito interese.

“Por que nos casos de malos tratos non se mete na cadea ó maltratador e se espera a que o home mate á muller?”. A esta pregunta contestou a fiscal, dicindo que iso se debe a que en moitos casos a muller retira a denuncia ós poucos días porque non quere velo na cadea, disculpándoo porque só lle pegaba “cando estaba borracho”.

Fixemos moitas preguntas de tódolos tipos e contestáronnos con moito interese e humor.

Ó remate da charla agasallámolos cun libro a cada un e con dous bicos.

Ana Expósito (3º ESO)
Comentarios (8) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 21-12-2007 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Lecturas
Por se vos animades a ler algo, entre lírico e técnico (moito máis o primeiro có segundo), sobre a situación da nosa lingua, aí van unhas liñas redactadas hai tempo por unha servidora... Só tedes que pinchar no enlace inferior, onde di "Sinfonía en galego maior". Que vos guste!

Ana Rodríguez Barreiro
Sinfonía en galego maior
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
A xeito de presentación
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI de Maside. Nace coa vontade de converterse nun punto de encontro para todos aqueles membros da comunidade educativa (docentes, alumnos/as, pais/nais e persoal de administración e servizos) interesados dalgún xeito no pasado, presente e futuro da lingua galega. Agora amósasenos como unha páxina en branco, e convídanos a pensar, a escribir, a compartir, para ir enchendo de vida un proxecto que, por forza, ha de ser colectivo, aberto, integrador. Só nos pide unha cousa: traballar, descansar, estudar, xogar, cavilar, argallar, imaxinar, sentir, amar, vivir EN GALEGO. Porque a lingua, como os bicos, molla, e porque ogallá nos mollemos con ela, queremos que chova galego, que pinga a pinga nos empapemos do único idioma capaz de ditar unha historia única: a nosa.

Mil veces benvidos/as!

Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
Móllate coa lingua
Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.

MÓLLATE E GOZA!!!

Os catro asistentes ao alumbramento deste blog
Comentarios (22) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2007 16:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player