MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Son un pasmón



Para grandes, o poema de Celso Emilio Ferreiro “Son un pasmón”, recollido en Longa noite de pedra, musicado pol*s Labreg*s do Tempo dos Sputniks.

Esta música, difundida o 22 de abril de 2015, é o primeiro sinxelo do primeiro disco dos Labregos, Libremente, a punto de saír ao mercado. O grupo leva 10 anos tocando esta e outras músicas. E por fin poderemos disfrutalas nun disco.

Hai non moito tempo tivemos ocasión de escoitar nun concerto este grupo. Fantástico!

Podedes lembralo no noso blogue onde aparecen moitas informacións e ligazóns a músicas do grupo

Este é o FB do grupo.


Son un pasmón

Son un pasmón
peatón
con opinión,
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sei da cobiza burguesa
e do furor proletario.
O pan gárdase na artesa
e a fame ronda a diario.
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traguerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.
Horaboa ou horamá?
¡Tanto me dá!
Ogallá
me colla vivo a noticia.
¡Que gran ledicia
ver chegar o que virá!
Para o gran suceso,
xa está aceso
acolá moi lonxe, un lume
que no mundo prenderá
e queimará
a fedenta podredume.

Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.


Celso Emilio Ferreiro.
Longa noite de pedra, 1962

Algún vídeo do concerto en maio de 2013:





Comentarios (0) - Categoría: Músicas para entrarmos - Publicado o 20-01-2016 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
A bruxa discordia
Para peques soa esta semana unha música recollida no libro-disco A bruxa discordia. Cancións para a paz.

O libro, editado por Sonárbore no ano 2015 recolle un conto de Carmen Gil ilustrado por Iria Fafián e un disco no que podemos oír a Mamá Cabra en doce cancións.

As letras son de Carmen Gil; a música, de Gloria Mosquera e a adaptación e arranxos, de Tomi López Serrano e Iago Rodríguez.

Escoitaremos a pista número 7, Baile da paz.

Aquí tedes a letra:


BAILE DA PAZ

Esta é a danza
da esperanza,
danza capaz
de sementar paz.

Ombro con ombro
pódese todo.


Dá un taconazo.
Levanta un brazo
e con donaire
dálle ao cu aire.

Colle a orella
da túa parella.
Faille cóchegas.
Ponte en crequenas.

Esta é a danza...

Agora dá un brinco,
ou mellor cinco!,
e tres palmadas
con gargalladas.

Logo ao compás,
anda cara atrás.
E cara adiante,
coma un xigante.

Pinta un momento
PAZ no vento.
Grita un segundo
“PAZ no mundo”.


Aquí podedes ler o conto:



Aquí tedes un vídeo doutra música do disco, A bruxa Carraña:



Se queredes máis información sobre o disco e Mamá Cabra, podedes consultar nesta ligazón a páxina de musicaengalego.
Comentarios (0) - Categoría: Músicas para entrarmos - Publicado o 18-01-2016 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
Meu o mundo é
Colgamos hoxe unha canción do disco Brinca Vai, de Paco Nogueiras.
Podedes atopar información na páxina Música en galego sobre o disco de Paco Nogueiras se premedes aquí.


Tamén podedes entrar nesta páxina do proxecto con moito material interesante e á que podes enviar os teus vídeos. Entre outras cousas, atoparedes as partituras dalgunhas músicas. Se queredes a de “O meu mundo é” premede aquí.



Deixamos a letra e máis abaixo dous vídeos.

“Meu o mundo é”
Paco Nogueiras Nodar, Brinca Vai

Que bonito poder dicir:
que fermoso sae o sol
esta mañán para ti.

Que bonito poder sentir
a ledicia, a morriña,
escachar a rir!

Que bonito poder falar
con agarimo a un amigo,
dar un bico á túa nai.

Que festeiro aturuxar,
cando danzas na punteira
e un gaiteiro está a tocar.

En galego falo,
en galego sinto,
en galego canto.
Sabes que non minto!
En galego todo podo facer,
en galego estou no mundo,
MEU O MUNDO É!

(...)

Que fachenda poder viaxar
en carrilana, e despois
unha feira visitar.

Que bonito o respirar
o recendo dunha xesta,
escoitar o mar!

Que sorte poder contar
teño dedas, teño unllas,
teño dúas mans!

Que bonito poder xogar,
ver voar un papaventos,
abanéome nun bambán.

En galego falo
(...)


Vídeo da canle Cancións en Galego (cancións en galego con karaoke):




Vídeo na páxina de kalandraka, gravado en Pontevedra:


Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 11-11-2015 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
Matriarcas
Esta semana Arlet, Cynthia e Loli colocaron para o timbre da tarde “Matriarcas”, o primeiro sinxelo do traballo de Guadi Galego Lúas de Outubro e Agosto, editado en novembro de 2014.

Presentación do sinxelo no Sermos Galiza

Despois de se facer público este vídeo espallouse rapidamente polas redes e foi recibido como un himno das mulleres.

Deixamos agora dous textos sobre a contribución ou non deste tema ou non ao feminismo. Para debatermos nas aulas.

Helena Miguélez, “Aleitando a nación: unha crítica feminista urxente de “Matriarcas” de Guadi Galego”, 13 de decembro de 2014, en Ideas.gal

Laura Arjenilla e Ximena González, “Brillantes activistas da vida cotiá: outra ollada feminista de “Matriarcas” de Guadi Galego”, 15 de decembro de 2014 en Contrapoder

Comezan as historias con home encumados,
rematan sempre todas con mulleres que os salvaron
da morte do intelecto, insectos que os picaron 
de turbias lendas vellas que non queren nin lembrar.
 
E nós pouquiño a pouco ímonos situando,
construíndo barricadas no país dos alalás.
Nós en corpo e alma, nós mercando calma,
nós cousa por cousa sen podernos despistar.
 
Nós aleitadoras, nós conquistadoras,
brillantes activistas da vida cotiá.
E nós que resistimos a séculos de forza,
e nós as matriarcas do país dun tal Breogán.
  
Comezan as historias con home encumados,
rematan sempre todas con mulleres que os salvaron
da morte do intelecto, insectos que os picaron, 
de turbias lendas vellas que non queren nin lembrar.
 
Nós aleitadoras, nós conquistadoras,
brillantes activistas da vida cotiá.
E nós que resistimos a séculos de forza,
e nós as matriarcas do país dun tal Breogán.




Comentarios (0) - Categoría: Músicas para entrarmos - Publicado o 07-10-2015 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Todos somos capitáns

A música para peques comezou a semana pasada cun tema de Estamos no verán, de Xoán Curiel.

Esta semana e a que vén entraremos á primeira hora da mañá con outra música, "Todos somos capitáns", de Magín Blanco, que podedes atopar no libro disco A nena e o grilo nun barquiño.
Aquí tedes unha crítica na páxina de GZ Música.
Tedes o libro-disco na biblioteca.

Deixámosvos a letra e dous vídeos, un en lingua de signos e outro con ideogramas.

Tamén vos deixamos unha suxestión: pasar a letra a feminino...
Todas somos capitás...
E deseñar as capitás para eses pictogramas do segundo vídeo.


TODOS SOMOS CAPITÁNS (Magín Blanco)
 
Imos á procura dun soño,
faremos lúas de papel,
levamos a choiva nos ollos,
o mellor aínda está de ser.
 
Imos á procura dun soño,
tentarémolo conseguir,
a maxia está do noso lado
e levarémola xunto a ti.
 
Todos somos capitáns
compañeiros de lugar,
ti sorrís coma nós
porque somos coma vós.
 
Imos á procura dun soño,
por lonxe que pareza estar,
nadaremos cos golfiños
polas ondas do teu mar.
 
Imos á procura dun soño,
pecha os ollos e verás,
hai estrelas e camiños
que sempre nos guiarán.
 
Todos somos capitáns
compañeiros de lugar,
ti sorrís coma nós
porque somos coma vós...
 
Imos á procura dun soño,
faremos lúas de papel,
levamos a choiva nos ollos,
o mellor aínda está de ser.
 
Todos somos capitáns
compañeiros de lugar,
ti sorrís coma nós
porque somos coma vós...

Magín Blanco: Voz
María Faltri: coros
Jerry Noia: guitarras
Serginho Sales: piano
Segundo Grandío: baixo
Isaac Palacín: batería
Nenos cantores da capela madrigalista de Ourense

En lingua de signos, na canle de Fol Música.




Con ideogramas, elaborado polo CEIP Anxo da Garda da Coruña






Comentarios (0) - Categoría: Músicas para entrarmos - Publicado o 28-09-2015 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
Novo curso
Comezamos curso.

Unha pequena axenda elaborada polo Equipo de Normalización para vos axudar na organización do tempo.

Faltan moitas cousas, xa sabemos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2015 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Até setembro

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2015 02:08
# Ligazón permanente a este artigo
Carlos Negro

O xoves 23 de abril veu a varias escolas da comarca un escritor galego chamado Carlos Negro.
Na miña clase lemos os libros Penúltimas tendencias e Makinaria e inspirámonos neles para gravar unha curta.

Nesta curta queriamos facer ver como os estereotipos que a sociedade marca inflúen en nós mesm@s, sobre todo agora na adolescencia, e nos converten en monicreques dunha sociedade na que todo o mundo, por un estraño motivo, quere encaixar; en lugar de sermos persoas que teñen o seu propio criterio.

Pero, estar nunha sociedade estereotipada, onde o físico vale máis que a persoa en si, realmente paga a pena?

O que nós representamos na curta é que os estereotipos e a sociedade ás veces nos arrastran, por algún que outro estúpido motivo; pero sempre temos a opción de rebelarnos, escapar diso, de dicir “XA NON QUERO SER UNHA ESTÚPIDA MARIONETA”, de fuxir, de romper con todo iso.

Máis que unha pequena homenaxe ao escritor, é un vídeo que dá moito para pensar.
E cambiar está en nós mesm@s, está nas nosas mans ser libres ou vivir pres@ dunha marioneta, dirixida polos estereotipos.

E recordade, un cerebro vale máis que unha chea de músculos e caras bonitas, rapazas; e que un cu, un par de tetas e o ventre plano, rapaces.

Colocaremos a ligazón ao vídeo en canto estea subida á rede.

Se premedes nesta ligazón, podedes ver fotos do día.

Andrea S.M Breia “Andy”
4º ESO
Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 27-04-2015 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Eu son Rosalía (II)
Velaquí outra achega para reivindicar a figura de Rosalía:




Comentarios (0) - Categoría: Rosalía - Publicado o 23-02-2015 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
Eu son Rosalía
A nosa pequeniña homenaxe a Rosalía deste curso.

Moitísimas grazas a todo o alumnado que compartiu con nós a súa relación con Rosalía.

Con este vídeo quixemos adheir á campaña da AELG que podedes consultar aquí.


Comentarios (0) - Categoría: Rosalía - Publicado o 23-02-2015 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player