MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Unha palabra común*
Eu só son unha palabra común. A miña vida podía ir mellor ou tamén peor. Gústanme os diminutivos afectivos e non me levo nada mal cos números. Nacín aquí, hai xa bastantes anos, e as cousas desde que eu era unha palabra nova cambiaron moito. En fin, que estou para o que faga falta. Aprendín moi cedo que son única, que ningunha outra palabra pode substituírme, como nos pasa a todas as palabras do mundo.

Coñecín moitas palabras que desapareceron e todos os días me cruzo na rúa con algunha que acaba de nacer.

Mais hai uns quince días sucedeume algo preocupante. Acababa de acordar e estaba saíndo da ducha cando soou o timbre da casa. Vestinme apurada e abrín a porta. Cando vin que era un castelanismo fechei a porta con medo. E respirei fondo. Que quede claro que non teño nada contra as palabras estranxeiras. Na miña vida coñecín moitas que viñan aquí facendo turismo. Pasei bos momentos con algunhas palabras italianas e francesas e unha alemá e mais eu mesmo tivemos unha historia de amor hai algúns anos.

Tamén fixen algunhas viaxes a outros países e nunca tiven problemas para me facer entender e comprender as palabras coas que me atopei en Grecia e Turquía ou en Exipto. Todo o contrario. Sempre me gustou coñecer as palabras doutros idiomas, contarlles cousas da miña lingua e escoitar as súas aventuras.

Mais a palabra que chamou á porta da miña casa non viña facer turismo. Viña quedarse. As palabras da miña lingua levamos pasando por isto desde hai anos xa. De súbito chegamos á nosa casa ou ao noso traballo e hai un castelanismo ocupando o noso lugar, facendo súa a nosa vida.

E que quede claro que tampouco teño nada contra as palabras inmigrantes, que chegan para vivir como calquera de nós, que eu teño moi boas amigas que chegaron de América hai algún tempo e agora son como da casa, vivindo neste país que sempre foi hospitalario con todo o mundo.

Mais isto é diferente: aquel castelanismo que me fixo suar de medo na miña propia casa viña coa intención de me facer desaparecer. É un temor que teño desde hai algúns anos, cando comenzou lentamente a invasión dos castelanismos.

Ao primeiro eran poucas. Vivían en grandes pazos nas aforas ou nas casas ricas ou nos cuarteis do exército. Axiña se descubriron as súas intencións, cando comenzaron a ollarnos por riba do ombro, e a ocupar os mellores traballos e a facerse con privilexios á custa de nós e a substituírnos, pouco a pouco. Ao final moitas de nós acabaron desaparecendo e doutras xa case ninguén se acorda. O resto, resistimos.

Eu, como sempre fun unha palabra común, ao principio non me preocupei demasiado, penso que por egoísmo. Non me afectaba. Aínda que cando as miñas veciñas do 3ºA e 2ºB desapareceron e comencei a ver saír e entrar dos seus pisos dous castelanismos, comecei a pensar que preocuparse polo que pasaba ao meu redor era necesario, porque todo nos afectaba a todas. E así foi.

Así que fechei a porta e preguntei cara afora:

- Que queres?

O castelanismo díxome que eu xa non era necesaria, que por favor abrise a porta, que non me resistise, que todo acabara para min e que regresaría o día menos pensado para quedar coas miñas cousas, a miña casa, o meu traballo e o resto.

Esa mañá non saín da casa. O mundo veume encima. Acovardeime e non fun traballar. Sei que cando unha palabra non sae á rúa, ou non vai ás cafeterías, aos colexios, as oficinas, en fin, aos lugares de sempre, para esa palabra comenza o principio da fin.

Estiven chorando medio día ata que me dixen: Chorando non se amaña nada. E collín as miñas cousas e saín decidida a facer o meu traballo, coa cabeza ben alta, ergueita. E traballei até ben entada a noite e, cando regresei á casa, seguía sendo a miña casa.

Desde que o castelanismo que me quere substituír veu ameazarme non tiven un minuto de descanso. Sinto como se tivese que traballar por todas as palabras que desapareceron, que hai moito por facer. Traballo día e noite e descanso satisfeita porque estou facendo todo o que podo. Nunca me sentín con tantas ganas de vivir.

A situación é moi preocupante aínda que ultimamente somos moitas as palabras que decidimos enfrontarnos a esta colonización da mellor maneira que sabemos: saíndo da casa todos os días, ocupando as nosas rúas, as nosas fábricas, as escolas, os autobuses, as prazas, as empresas, os mercados, as librerías, as tendas de música, os cibers, e todos eses lugares onde realmente somos necesarias.

Porque eu, aínda que son unha palabra común, síntome unha palabra útil. Eu son unha palabra imprescindíbel, como todas e cada unha das palabras do meu idioma. E sempre estarei aquí, Para o que faga falta.

Séchu Sende


* Este relato pertence ao libro de Séchu Sende Made in Galiza (Vigo: Galaxia, 2007). Reprodúcese coa autorización do autor.
Blog de Séchu Sende
Comentarios (16) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-01-2008 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
16 Comentario(s)
1 Conseguino!
Ao fin logrei que marchara. Foi un traballo tremendo pero coido que, de non ter ningún despiste, non volverá a ameaza.
Teño que llelo dicir a todas e cada unha das palabras que están a pasar polo que eu pasei, teño que lles dar a nova de que é máis doado do que semellaba.
Aínda non hai un mes que no peirao me atopei cun grupo de amigas realmente desesperadas; estaban Luva, Pucho, Xeonllo e máis Estoxo entre outras moitas, dicían que xa non podían máis, que a rendición estaba máis que cantada e que tan só se sentían protexidas na sección de galego das bibliotecas. A batalla na rúa, no día a día estaba perdida. Quedei sen saber que lles dicir, preocupada como eu estaba co meu propio problema.
Agora mesmo vou convocar unha reunión no Dicionario para contarlles como deben presentar a batalla. Debo xuntar a todas para explicarlles a técnica que fixo fuxir ao castelanismo q#blgtk08#ue me acosaba.
Contarlles como me introducín no vocabulario dos mozos e mozas máis inquedos do colexio; uns nenos e nenas que me acolleron con agarimo comezando a usarme con afouteza e orgullo entre os seus amigos primeiro e na súa casa despois, espertando a curiosidade mesmo dos seus pais e dos seus mestres, quen á súa vez e para presumir con amizades e colegas decidiron darlle as costas ao meu inimigo e mostrarme con toda claridade en conversas e escritos.
O resto non foi máis que unha cadea que aínda hoxe segue a medrar e medrar.
Pronto ha chegar o día que no meu edificio, na miña rúa, no meu barrio, na miña vila, na miña nación non se verán (non se mirarán -que din as miñas amigas da ría de Vigo-) nin oirán máis castelanismos invasores porque estes ficarán na súa terra xuntos compoñendo tamén, por suposto, unha lingua tan feiticeira (perdón, case tan feiticeira) como a nosa.
Comentario por Aloumiño (07-02-2008 15:38)
2 Querido Aloumiño: aínda que son algo preguiceira, ao ver o teu comentario animeime a escribir. Temos que dicirlle ás nosas veciñas, ás compañeiras de traballo, ás amigas, ás amantes, ás coñecidas e descoñecidas que atopemos na rúa ou na corredoira, que deixen aquí o seu testemu#blgtk08#ño. Compartindo as nosas experiencias serviremos de esteos unhas ás outras e poderemos recuperar o espazo que nos pertence, ao tempo que perderemos de vista estes castelanismos que nos aflixen (que mira que son pesados!) Ufff! xa traballei moito hoxe.
Unha aperta
Comentario por Nugalla (08-02-2008 00:21)
3 Quen dixo medo? Ímolos botar todos fóra ax#blgtk08#iña. Veña, que son poucos e covardes!!!!!!
Comentario por Arroutada (08-02-2008 09:09)
4 Estimada Arroutada, xa sabía eu que ías ser das primeiras en apuntarte a esta tarefa. Todas sabemos que vontade non che falta. Só ch#blgtk08#e quero pedir unha cousa, e non mo tomes a mal: que para a semana que vén sigas traballando co mesmo ímpeto. Unha aperta agarimosa.
Comentario por Paseniño (08-02-2008 09:13)
5 Se me queres encontrar bú#blgtk08#scame polo monte.
Comentario por Esquío (13-03-2008 10:10)
6 Eu son un lugar no que vós aprendedes, per#blgtk08#o eu tamén aprendo de vós.

Comentario por Colexio (13-03-2008 11:53)
7 Unha historia moi ocurrente, aínda que a#blgtk08#lgo absurda. Felicito a quen a escribiu.
Comentario por King of the world (13-03-2008 11:58)
8 este blog esta moi ben, felicito a#blgtk08#os seus creadores e colaboradores
Comentario por (13-03-2008 12:05)
9 Gustoume pero é un pouco longa. Felic#blgtk08#ito ó que a escribiu.

Comentario por _CuTy_ (13-03-2008 12:08)
10 Teño algo de saudade por non
me ter integrado antes no equipo de Aloumiño, Nugalla e todas as demáis, pero e millor tarde ca nunca, así#blgtk08# que xa poden contar conmigo para formar un equipo máis grande. Espero que moitas máis palabras formen este equipo, e animovos a falar GALEGO.
Comentario por Saudade (13-03-2008 12:08)
11 Paréceme moi boa prese#blgtk08#ntación; seguide así.
Comentario por (M.M.M.) $$$ (13-03-2008 12:09)
12 Eu estou triste por mor de que os castelanismos nos invadan. Hai que loitar para que non nos substitúan!Ánimo! Eu estou disposta a axudarvos; hai que resistir, compañeiras. Se queredes, poderedes; n#blgtk08#on vos rindades, non vos deixedes vencer. Nós, as palabras galegas, somos as mellores. A todos e todas anímovos a que nos axudedes a gañar. Unha aperta.
Bicos.
Comentario por Morriña (13-03-2008 12:09)
13 Gustar gustou. Felicito a todos#blgtk08# os que fixeron os comentarios.
Comentario por Uxi (13-03-2008 12:13)
14 O galego non fai mal a ninguén, así que aním#blgtk08#ovos a que o faledes. Bicos. Ata a próxima.
Comentario por Uxi (13-03-2008 12:17)
15 A verdade é que non me dera conta do mal que o estades pasando. Non sei se será porque sempre ando de carallada e así todo me parece caralludo ou porque hai#blgtk08# pouco que levei un carallazo coa moza que me deixou escarallado. O caso é que nin eu nin ninguén da miña familia sentimos o perigo preto (polo de agora).
Comentario por Carallo (13-03-2008 17:43)
16 Din que fago as cousas ao revés, pero para min están ben. Dun xeito ou doutro o resultado é o mesmo. Ademais, por que imos ser todos iguais? Sería moi aburrido. Ás veces acúsanme de ter certa man esquerda, pero as m#blgtk08#iñas intencións son tan boas coma as de calquera. Desde aquí quero expresar o meu apoio ás palabras que resisten, que loitan por ter o seu espazo, que non se amilanan aínda que as tachen de raras, como me fan a min.
Comentario por Manicho (13-03-2008 23:18)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player