MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Bos amores
Esta semana Arlet coloca unha música de NARF (Fran Pérez) que versiona no libro disco Nas tardes escuras (El Patito Editorial 2013) poemas de Rosalía de Castro.

BOS AMORES
NARF, Nas tardes escuras,
El Patito Editorial, 2013
Músicas de Narf. Ilustracións de Fausto.

Cal olido de rosas que sai de entre o ramaxen
nunha mañán de maio, hai amores soaves
que n'inda vir se sinten, nin se ve cando entraren
pola mimosa porta que o corazón lles abre
de seu, cal se abre no agosto
a frol ó orballo da tarde.
E sin romor nin queixa, nin choros, nin cantares,
brandos así e saudosos, cal alentar dos ánxeles,
en nós encarnan puros, corren coa nosa sangre
i os ermos reverdecen, do esprito onde moraren.
Busca estes amores..., búscaos,
si tes quen chos poida dare;
que estes son soio os que duran
nesta vida de pasaxen.

(Follas novas, Rosalía de Castro)




Algunha información do músico e do ilustrador deste proxecto:

NARF (Silleda, 1968). Músico de espírito inquieto, presentou os seus concertos en diferentes palcos de Europa, Sudamérica e äfrica. Premiado en diversas ocasións polas súas composicións para o teatro galego, colabora tamén desde hai máis dunha década con compañías portuguesas como Trigo Limpo-Teatro ACERT. Promoveu proxectos de creación e encontro con músicos africanos como os mozambicanos Timbila Muzimba (Bumba, 2006) e Cheny Wa Gune (Da Zigala a Zemambiquo, 2012) ou o guineano Manecas Costa (Aló Irmao, 2010) con quen acadou o nº 1 das listas radiofónicas da RDP África, que emite para toda a África lusófona.

FAUSTO (Catoira, 1961) reparte o sue tempo entre o deseño gráfico, a edición, a creación de historietas e mais a ilustración de libros. Na súa faceta como ilustrador desenvolveu unha persoalísima forma de utilizar a colaxe que pode verse en libros como Poemas que me cantou o grilo (Tambre, 2007), 64x15 (El Patito Editorial, 2007), Millor que dicila fora pintala (Galaxia, 2005) ou Contornos (Xerais, 1995). Entre as súas influencias cóntanse Dick Bruna, Saul Bass, Alberto Breccia ou Max Ernst.

(Información tirada do libro Nas tardes escuras)


O último traballo de Narf está recollido en Baladas da Galiza imaxinaria, en colaboración con Uxía Senlle (xuño 2015), co que están xirando agora polos Estados Unidos. Na páxina deste proxecto atopamos a seguinte información sobre Narf:

“É Narf un compositor e cantor de longo recorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono. Gústalle definirse como “cancionista” e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Editou catro discos como NARF, “Nas tardes escuras” (El Patito editorial, 2013), con poemas de Rosalía de Castro; “Aló irmao” (Falcatruada, 2010) con Manecas Costa; “Tótem” (Falcatruada 2007) e “Directo en Compostela” (Changüí, 2003). Tamén compartiu disco e xira por España co proxecto ‘Mundo café’ xunto cos músicos Jabier Muguruza e Miquel Gil.

En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais internacionais como o Mercado Cultural de Salvador de Bahía, Cambio Sonoro (Recife), Antídoto (Sao Paulo), varias edicións do Festival d’Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na Maré (Pontevedra). Tamén noutros ámbitos como Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres), Feira do Libro (La Habana) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en Linguas Minorizadas Europeas. Levou tamén a súa música a escenarios de Bissau, Varsovia, Nova Delhi, Katmandú, Brighton, Barcelona, Cracovia ou Newcastle.

Ademais foi fundador da Sala Nasa e membro de grupos como a Psicofónica de Conxo, Os Kinindiola ou Nicho Varullo. Tamén compuxo para teatro e para obras audiovisuais, acadando múltiples premios”

Podedes consultar o proxecto neste enderezo. http://baladas.gal/album/as-baladas-da-galiza-imaxinaria/

Deixamos outros vídeos de NARF

A xenial versión de A morte saíu à rua, na homenaxe a Zeca Afonso en Compostela

A nana de Zemambiquo

Con Manecas Costa

Podedes consultar máis vídeos e informacións na páxina de NARF http://www.franpereznarf.com/

Comentarios (0) - Categoría: Músicas para entrarmos - Publicado o 01-03-2016 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player