Para grandes, o poema de Celso Emilio Ferreiro ?Son un pasmón?, recollido en Longa noite de pedra, musicado pol*s Labreg*s do Tempo dos Sputniks.
Esta música, difundida o 22 de abril de 2015, é o primeiro sinxelo do primeiro disco dos Labregos, Libremente, a punto de saír ao mercado. O grupo leva 10 anos tocando esta e outras músicas. E por fin poderemos disfrutalas nun disco.
Hai non moito tempo tivemos ocasión de escoitar nun concerto este grupo. Fantástico!
Podedes lembralo no noso blogue onde aparecen moitas informacións e ligazóns a músicas do grupo
Son un pasmón
peatón
con opinión,
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sei da cobiza burguesa
e do furor proletario.
O pan gárdase na artesa
e a fame ronda a diario.
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traguerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.
Horaboa ou horamá?
¡Tanto me dá!
Ogallá
me colla vivo a noticia.
¡Que gran ledicia
ver chegar o que virá!
Para o gran suceso,
xa está aceso
acolá moi lonxe, un lume
que no mundo prenderá
e queimará
a fedenta podredume.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.