Este venres celébrase o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.
Galicia Confidencial entrevistou o ano pasado a dúas das maiores expertas galegas sobre a discriminación que aínda sofren as mulleres.
Nanina Santos Castroviejo é profesora de secundaria e unha miliante histórica no feminismo galego e estatal. Na súa opinión, os asasinatos de mulleres non son máis que a "punta do iceberg" dun problema maior, alimentado por prexuízos sociais que cómpre erradicar.
"Hai que combater a idea do amor romántico, o príncipe azul destinxe ao primeiro lavado e a princesa rosa tamén; o amor é outra cousa", argumenta Nanina Santos. A profesora insiste en que "a maior frivolidade é crer que o problema son as mortes; ás mortes chégase despois de percorrer un camiño".
Membro da directiva da revista feminista Andaina, esta activista denuncia que Educación para a Cidadanía pretendía educar os/as mozos/as na importancia da igualdade,pero que "sectores moi activos do PP, do Opus Dei, de Legionarios de Cristo" lograron desvirtuar a mensaxe a prol da igualdade de xénero prevista inicialmente na reforma do ensino.
Posturas similares defende Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. "Dende que nos erguemos até que nos deitamos podemos ver todos os días cantidade de actitudes e comportamentos que levan á discriminación ou polo menos á non igualdade" explica a GC a psicóloga.
Ao igual que Santos, Álvarez demanda máis educación de xénero nas aulas para que os prexuízos non se reproduzan entre os/as mozos/as.
Prexuízos que, na súa opinión, subsisten na lingua porque "estar sempre falando nunha linguaxe masculina, significa algo". A decana entende que o machismo na linguaxe "non se corrixiu na lingua escrita". Un exemplo podería ser o antigo nome da súa propia institución, o antigo Colexio de Psicólogos de Galicia, hoxe Colexio de Psicoloxía de Galicia.