MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Os recortes educativos

Deixamos aquí a opinión do Claustro sobre as medidas que a Consellería de Educación tomou neste curso.
O texto mandouse a todas as familias.
A foto é da pancarta que temos colocada na fachada do centro sobre este tema:

"O profesorado do CPI Terras de Maside diríxese a vostedes para expresar o malestar que sente no inicio deste curso ante as medidas que a Consellería de Educación vén de tomar en relación ao noso traballo.
 
Hai varios puntos na información transmitida á sociedade, tanto por parte da Consellería de Educación como polos medios de comunicación, que queremos aclarar (por ser falsos):
 
1.º- “Neste curso o profesorado vai traballar catro horas máis”.
A nosa xornada laboral segue sendo de 37,5 horas á semana. A diferenza está en que se aumenta o período de tempo establecido para as tarefas lectivas (pasa de 21 a 25 horas en Primaria e pode aumentar dúas en Secundaria).
Polo tanto, traballaremos as mesmas horas no centro.
 
2.º- “A medida mellora a calidade do ensino”.
Aumenta o tempo adicado ás tarefas lectivas, así como as funcións do profesorado durante ese horario, pero iso non repercute na mellora do proceso de ensino-aprendizaxe; os/as docentes vanse adicar a facer de coidadores/as antes e despois da xornada escolar e a súa xornada laboral vai estar determinada polos horarios que as empresas de transporte establezan. O alumnado continúa tendo o mesmo número de horas, pero o profesorado vai ter menos tempo para adicar a tarefas como: preparación de clases, corrección de exames, elaboración de material, apoio ao alumnado con necesidades educativas específicas, organización de actividades complementarias e extraescolares, posta en marcha de proxectos transversais (TIC, lector, convivencia, normalización...).
Polo tanto, esta medida non supón unha mellora na atención educativa do alumnado, senón que empeora a calidade do ensino.
 
3.º- “As/os docentes só traballan 21 horas”.
Non se poden contabilizar só as horas de contacto directo co alumnado. As clases necesitan unha preparación e o alumnado demanda unha atención individualizada que respecte os distintos ritmos e estilos de aprendizaxe. O resultado final de calquera traballo leva moitas horas de elaboración  (comemos ou ceamos en 30 minutos, pero canto tempo levou a preparación de todo o que se come e bebe?).
Á parte de preparar as súas clases, o profesorado adica  moitas horas a organizar actividades complementarias e extraescolares, levar a cabo proxectos de innovación, participar en actividades de formación...
As 37,5 horas semanais que aparecen no noso horario vense case sempre superadas de maneira significativa.
 
4º.- “Todas/os temos que cooperar en tempos de crise”.
O prexudicado é só o ensino público, pois, mentres se nos reduce o profesorado e as dotacións económicas para materiais e funcionamento e se limitan os programas de gratuidade de libros de texto, séguense concedendo concertos a centros privados,  que, nalgúns casos, mesmo segregan alumnado por razón de sexo.
No ensino público, á parte da redución significativa de profesorado, hai docentes obrigados, por primeira vez, a impartir ata catro afíns (materias das que non son especialistas); a maioría de docentes de Primaria que aprobaron a oposición neste curso vai impartiroutra especialidade; moitos/as docentes van traballar en varios centros (itinerancias)...
O ensino público é o único que garante a educación para todos/as os cidadáns e cidadás e vai ser o máis prexudicado por esta medida.
 
No noso centro, en dous anos nos que o alumnado aumentou progresivamente, contamos con tres profesores/as menos na ESO (Física e Química, Galego e Inglés) e dous profesores/as compartidos/as con outros centros, cando outros anos estaban a tempo total.
Esta redución, xunto coas novas funcións que debe asumir o profesorado, incide directamente no funcionamento do centro, xa que non contamos con persoal e horas suficientes para:
v    desenvolver medidas de atención á diversidade (PDC, agrupamentos, desdobramentos, optatividade…);
v    levar a cabo proxectos innovadores (plan TIC, plan lector…);
v    atender as dúas bibliotecas (este ano concedéronnos o “Plan de mellora de biblioteca”, cuxo proxecto non se fixo, evidentemente, en horas lectivas, pero a biblioteca de Infantil, acabada de construír, non poderá abrir no recreo, porque o profesorado xa non ten horas para facelo);
v    realizar gardas: só hai un profesor/a de garda por sesión lectiva, o que implica que, en caso de baixa, enfermidade, imprevistos, etc, habería problemas para que o alumnado estivese atendido.
v    adxudicar a docencia de cada materia a profesores/as especialistas (a profesora de Música imparte Lingua Castelá e Lingua Galega; a de Francés imparte Latín; as de Matemáticas e Tecnoloxía imparten Física e Química, etc.).
 
Como chamada de atención polo deterioro que estamos a sufrir no ensino público, na reunión do Claustro do día 22 de setembro, decidiuse a supresión no presente curso escolar das seguintes celebracións: festivais de nadal e fin de curso, entroido e excursións de fin de curso. Trátase de actividades en cuxa preparación investía o profesorado un gran número de horas e, lonxe de buscar coa súa eliminación que se produza dano ningún ao alumnado, o que se pretende con esta medida é concienciar á Administración e ás familias de que, co aumento de funcións dos docentes e cos recortes de persoal experimentados nos centros, o profesorado non vai poder seguir desenvolvendo con normalidade moitas das tarefas que ata o de agora viña realizando.
Manteranse as demais actividades complementarias e extraescolares, ao consideralas moi beneficiosas para o progreso académico do noso alumnado, aínda que a maioría delas implica voltar fóra do horario escolar.
 
A consecuencia da medida adoptada pola Consellería de Educación será, entre outras cousas,  un deterioro na calidade do ensino recibido polos seus fillos/as, cuestión que o Claustro do centro escolar CPI Terras de Maside non comparte, de aí as nosas mobilizacións e reivindicacións. Cremos que facer esta denuncia diante das familias é un acto de responsabilidade e compromiso co ensino público que defendemos, polo que as invitamos a participar en calquera iniciativa de denuncia desta situación que padecemos todos e todas".
 
Atentamente, o profesorado do CPI Terras de Maside.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-11-2011 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player