MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Todo cambia
Hoxe o alumnado de 3º e 4º da Eso foi a Ourense para asistir a unha obra de teatro.
A hora non era a mellor, dez da mañá.
O momento non era o mellor, cargad@s de exames e traballos que presentar para acabar este primeiro trimestre.
Dentro había alumnado doutros lugares. Sei que estaban de Bande porque coñecín un profe.

A obra foi boa.
É unha síntese mediocre do traballo da directora de Sarabela e do elenco que estaba no palco. E de quen mexeu coas luces ou escolleu as músicas.
Tempo haberá de falar da obra nas aulas...

Recordei algunha representación das que teño asistido, algún concerto. E o desrespeito do público. Dalgún. Homes perfumados e mulleres disfrazadas con peles horribles nas butacas do teatro. Persoas que falam aos gritos nun bar mentres @s músic@s continúan tocando.

E reparei no alumnado de quince anos, dezaseis. E gostei inmenso del. Do noso e do Bande e do resto. Imaxineino enchendo teatros e salas de concertos. E escoitando. Sen peles nin pefumes. Atent@s, en silencio. Tranquil@s. Disfrutando dunha obra de teatro.

E decidín escribir isto para que non se nos olvide. Que @s das peles ou os perfumes teñen os días contados.

A música do vídeo foi a que pechou a obra.
Boa escolla.
Porque todo cambia.
(Omitan os anuncios do youtube)...


Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 02-12-2014 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Pequenas certezas
A vida non se detén. Cando cremos alcanzala, convértese en pasado e escorrega
xogando entre as nosas mans coma un vento fresco que nos é imposible asir, atrapar,
deter. Pensamos que podemos convertela en recordos, eses que din, acompañarannos
sempre. Pero a memoria é tan fráxil. Así que inventamos máquinas sofisticadas para
poder alomenos, conxelala un instante: fotografámola.

E é que, necesitamos evidencias físicas que nos mostren que algunha vez fomos felices,
que algunha vez andamos en bicicleta sen mans, que algunha vez fomos bicados baixo
a chuvia. Unha proba que nos axude a nos recoñecer en todas esas persoas que fomos.
Que non nos permitan esquecer todos aqueles que amamos. E odiamos. Que nos
dean esa pequena certeza de que non todo foi un soño.

Pequenas certezas é unha viaxe, unha escala necesaria para seguir andando, un esforzo para moverse e non quedar varado ante o baleiro, ante non atoparnos a nós mesmos. Olga dío ben: “O corpo humano ten a capacidade -por natureza- de cubrir as súas funcións vitais aínda cando algúns dos seus órganos foran extirpados. Comprendes? Dalgún xeito o organismo enténdese, comunícase ou eu que sei, e se a vesícula, ou un ril, ou un ovario, ou as anxinas que é o máis común, fan falta, o impresionante deseño do noso sistema reaxústase e fai que os demais órganos asuman as súas funcións.
O que fai que por fóra un poida seguir camiñando por aí sen que ninguén note o
deterioro. Que marabilla, non? Aínda que claro, se che rompen o corazón, non hai quen
o substitúa e ademais nótaseche moito”.

Hai dez anos, Pequenas certezas foi ganadora do Premio Internacional María Teresa León 2004 para Autoras Dramáticas outorgado pola SGAE en España. Desde entón esta obra fixo as súas propias maletas e viaxou por moitos países, pero non é ata hoxe que pisa os palcos galegos grazas á mirada de Ánxeles Cuña Bóveda e ao empeño e entusiasmo de Sarabela Teatro.

A esta obra dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda, Pequenas certezas, de Bárbara Colio asistiremos o día 2 de decembro.

Aquí tedes dous vídeos e se premedes aquí, poderedes acceder ao seu dossier.




PEQUENAS CERTEZAS from fina calleja on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 25-11-2014 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
CAMIÑADA GARABÁS

O ENDL do CPI Terras de Maside organiza unha camiñada por Garabás o día 17 de novembro (sábado). A andaina, duns doce/trece km, é circular e ten o seguinte percorrido:

Faquín (campo de San Pantaleón)- O Bolo- Fontaíñas- Mundín- Faquín.

Na nosa ruta aproveitaremos para visitar o petróglifo do Bolo, un dos máis importantes de toda a provincia, e a torre medieval de Mundín, unha das escasas mostras de Románico civil da comarca, así como para percorrer parte do camiño medieval que une Sobreira co Bolo.
Pódese ver información sobre a torre de Mundín e o petróglifo do Bolo na páxina do concello de Maside. Tes que picar nesta ligazón e desde alí accedes ás correspondentes fichas.

Pódese consultar a ruta na seguinte ligazón de wikiloc


QUE LEVAR?

É moi importante levar roupa e calzado impermeables, xa que a maior parte da ruta discorre por camiños de terra que, nesta altura do ano, están enlamados.

HORARIO

Sairemos ás 10 e media da Alameda de Maside. Desde alí iremos en coche ata o campo da festa de Faquín, onde iniciaremos o percorrido a pé. Regresaremos sobre as dúas e media ao campo da festa de Faquín. Alí haberá auga, froita e empanada para aquelas persoas que queiran quedar a comer.

COMO APUNTARSE?

Están convidados alumnado, familias, profesorado, membros da comunidade escolar e antigo alumnado. Para apuntarse é necesario entregar no centro este papel cuberto o martes, día 13 de novembro.
Tamén se pode enviar un correo a mollatecoalingua@gmail.com antes do xoves, día 15 de novembro, cos seguintes datos:



Nome do alumno/a:
Curso:
Nº de acompañantes
Especificar o lugar de que se sae:
Maside (Alameda). Neste caso, especificar se teñen coche para ir a Faquín:
Faquín (campo de San Pantaleón)

Quedan a comer?
Nº de teléfono (é importante para poder poñernos en contacto no caso de que se produza algún cambio na actividade).
Comentarios (5) - Categoría: Eventos - Publicado o 12-11-2012 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
XOCIVIGA EN CURTO

Dentro do programa das Xociviga, esta fin de semana tedes no Carballiño pases de curtas galegas.
O venres e o sábado. Consultade a programación no blogue do Cineclube. Podedes acceder a el premendo aquí
Comentarios (2) - Categoría: Eventos - Publicado o 23-02-2012 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Camiñada polo Barbantiño

O ENDL e o Departamento de Educación Física organizan unha camiñada para o próximo 19 de novembro. Esperámosvos alí.
Aquí vos deixamos os detalles da ruta e o que hai que facer para se inscribir:

Saída: 10:00 da Alameda de Maside. Alí vemos como nos repartimos nos coches para ir ao inicio da ruta que é en Punxín, debaixo da ponte da autovía, cerca da piscifatoría, na estrada que leva a Amoeiro. Quen desexe saír deste último punto pode facelo (aproximadamente ás 10:30)

>Percorrido:
1ª etapa: Empezamos o percorrido desde a ponte do río Barbantiño subindo pola marxe dereita do río ata a fervenza. Polo camiño observamos as instalacións abandonadas da piscifatoría e o edificio da minicentral. Parada na área da fervenza, observamos os muíños. Se van nenos ou nenas moi pequen@s (acompañados/as) poden esperar alí polos que continúen.

2ª etapa: Cambiamos á marxe esquerda ata a Ponte San Fiz ( século XIII-XIV). Polo camiño pasamos polo encoro da minicentral. Desde a Ponte San Fiz volvemos ao encoro, cruzamos a presa e volvemos ata a fervenza pola marxe dereita ata chegar de novo á fervenza.

3ª etapa:
Regreso desde a fervenza ao punto de partida, esta vez pola marxe dereita.

Notas e inscrición

O percorrido total faise en 3 horas indo de vagar.
A ruta non ten apenas dificultade agás un anaco de 15 minutos na etapa 2 onde hai un pouco de pendente, pero pode facelo calquera.
Non cómpre cazado especial, se non chove vale cunhas zapatillas cómodas
Facendo o tramo das 3 etapas descritas e contando cunha hora para xantar a volta pode ser aproximadamente ás 15:00 na Alameda de Maside.
Quen queira quedar a xantar ten que levar a comida, claro.
Se alguén quixese continuar despois de comer, sería cuestión de falalo, pois a ruta segue ata a desembocadura do Miño.
Se queredes anotarvos, enviade un correo a mollatecoalingua@gmail.com. Hai que especificar o nome d@ alumn@, o seu curso e se vai acompañad@ por adult@s. É importante xuntar tamén un teléfono de contacto. No caso de que @ alumn@ non vai ir acompañad@ dun adult@ hai que entregar unha autorización no centro. Se non a tedes, pedídea ao equipo.
Están convidados/as antigos/as alumnos/as e antigos/as profes, así como calquera que pertenza á comunidade educativa (profes, persoal do centro, familias)
Era bo tirar fotografías para poder colgalas no blogue.
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 31-10-2011 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
Sermos Galiza no Carballiño
Convidámosvos mañá, 28 de outubro, á presentación de Sermos Galiza, no Casino do Carballiño ás 20:30.
Nos últimos anos teñen desaparecido todos aqueles xornais que mantiñan algunha presenza do galego nestes medios. Hoxe en día xa non queda ningún deles (A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, Vieiros...).
Sermos Galiza busca o compromiso da sociedade máis activa para botar a andar un diario dixital e un semanario en galego.
O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.

Podedes atopar máis información aquí
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 28-10-2011 03:12
# Ligazón permanente a este artigo
SEMANA GALEGA DAS CURTAS

Durante a próxima semana e, se cadra durante máis tempo, participaremos en maside da “SEMANA DAS CURTAS”, unha iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Audiovisual de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL),

Será unha especie de ciclo ou festival virtual simultáneo no que se proxectarán curtametraxes, videoclips e algunhas desas breves reportaxes documentais de eufalo.tv nas que os falantes toman a palabra para falar da súa experiencia máis persoal e íntima coa lingua.

Se queredes ir coñecendo os traballos que se proxectarán podedes entrar na web que se habilitou para a actividade, onde aparecen separados en catro sesións ou tomas dunha hora aproximada de duración.
Poderemos tamén intercambiar as nosas opinións sobre as proxeccións con moitos alumnos e alumnas que participarán neste “festival audiovisual galego” (xa son 80 centros) no blogue da actividade.
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 24-02-2011 22:38
# Ligazón permanente a este artigo
ADEGA-LUGO: roteiro polo Courel de Uxío o día 7 de novembro
ADEGA Lugo vén de apresentar o seu programa de roteiros para o curso 2010-2011 que, desta volta, estará dedicado á lingua como principal eixo de conexión patrimonial e cultural entre os galegos e galegas, xunto coa paisaxe e o territorio de Galiza. O obxectivo é recoñecer e potenciar a lingua propia como vehículo de vida, entendemento e expresión do medio que nos arrodea para non deixar esmorecer o que constitúe o principal elemento da nosa identidade, hoxe ameazada.

O primeiro roteiro será o día 7 de novembro percorrendo o Courel de uxío Novoneyra e maría Mariño.
Podes descargar programa completo dos roteiros se premes na ligazón da dereita
programa roteiros ADEGA
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 03-11-2010 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
55 MENTIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA
A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.
Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
A presentación farase simultameamente en 63 localidades de todo o mundo.
En Ourense, a presentación será no Ateneo ás 20:30, a cargo de Serafín Alonso, Xosé Antón Laxe Martiñán e Xián Bobillo.
Se queredes consultar a lista, lugar e hora do resto das presentacións podedes consultar a ligazón do blogue de Prolingua que atoparedes abaixo na dereita
Blogue Prolingua
Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 31-01-2010 15:43
# Ligazón permanente a este artigo
Andaina polos antigos límites de Maside, San Amaro e Partovia
Plano da andaina
A división administrativa actual (Provincias e Concellos) é algo relativamente recente no tempo ( as provincias creáronse en 1833). Anteriormente o territorio estaba organizado doutra maneira (cotos -Coto de Partovia- parroquias, xurisdicións, concellos). Desta antiga división conservanse algúns marcos que pensamos que é interesante coñecer e conservar xa que pertencen á nosa historia local.

Por esta razón, os Departamentos de Educación Física, Historia, Orientación e Normalización organizan esta andaina para o alumnado, nais e pais (ou calquera familiar) e profesorado, co fin de promover o exercicio físico, o coñecemento da nosa historia, a convivencia entre todos os membros da comunidade educativa e o uso da nosa língua.


Programa:
- O percorrido iniciase no Lago e visita 4 marcos ( O Montegrande, estación do gas en Vilaboa, O Marco e Costa de Anllo).
- Xantar na área recreativa de Porto de Eguas.
- Pola tarde visita guiada á Rectoral de Partovia, que ten a súa orixe nuha granxa creada polos frades de Oseira no século XIII.
- Visita e baño (opcional) no balneario das Caldas de Partovia
- Regreso ao punto de partida no Lago

Data: sábado 21 de novembro
Hora de partida: 10:00 horas
Hora de chegada (estimada): 17:00 horas
Distancia total: 12,2 km ( 7,8 km pola mañá e 4,4 pola tarde)
Que hai que levar? : calzado cómodo, bocadillo, auga e ganas de andar

Para apuntarse só é preciso mandar polos alumnos o nome e un teléfono de contacto por se hai cambios de última hora. Os alumnos que veñan sen un adulto deberán asinar unha autorización que se lles proporcionará só a aqueles que estén interesados.

Comentarios (0) - Categoría: Eventos - Publicado o 12-11-2009 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player