MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Como nos defendemos do ladrón de palabras
Esta historia nace nas aulas despois de termos lido “O ladrón de palabras”, un relato de Séchu Sende, que aparece no seu libro Made in Galiza.

Varios grupos fixeron as súas versións de como librarnos do ladrón de palabras, mais Nair, Laura e Anxo quixeron gravalo en vídeo.

E así ficou. Esperamos que gostedes.

Abaixo tedes un vídeo elaborado por alumnado do CPI de Xanceda, em Mesía.




O ladrón de palabras from Illa Bufarda on Vimeo.


Comentarios (0) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 20-01-2016 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Vidal Bolaño
O vídeo da actividade que preparou un grupo de 2º da ESO para o Día das Letras Galegas, dedicado a Roberto Vidal Bolaño.
Fixeron unha adaptación das variacións 1 e 2 de Animaliños, de Vidal Bolaño.

Se queredes saber algo máis sobre Vidal Bolaño, recomendámosvos que visitedes a páxina que a Coordinadora Galega de ENDL elaborou. Alí recóllense actividades de todos os centros educativos galegos.

Para entrar no monográfico sobre Vidal Bolaño, preme aquí.

Comentarios (0) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 20-05-2013 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO E AS FOLGAS
Parécenos interesante recoller algunhas informacións para o alumnado sobre o seu dereito de secundar unha folga.
Reproducimos literalmente algún fragmento do que aparece na páxina da Liga Estudantil:

Se son estudante…


O dereito de folga do alumnado está garantido polo artigo 8 da Lei 8/1985 do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación que condiciona o dereito só ao cumprimento de tres requisitos:

1.- Que a convocatoria da folga sexa resultado do exercicio do dereito de reunión

2.- Que exista unha comunicación previa á Dirección do centro educativo.

3.- Que o alumnado curse 3º da ESO ou curso superior

Segundo o artigo 8 da Lei 8/1985 do 3 de xullo :

[...] Ao fin de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión, os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas normas de organización e funcionamiento , as condicións nas que os seus alumnos poden exercer este dereito. […] as decisións colectivas que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obligatoria, con respecto á asistencia a clase non terán a consideración de faltas de conducta ni serán obxecto de sanción, cando estas fosen resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro.

Complétase co artigo 28 do RD 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros:

1. [...] os alumnos poderán reunirse nos seus centros docentes para actividades de carácter escolar ou extraescolar [...] ás que poda atribuírselle unha finalidade educativa ou formativa.

2. Os Directores dos centros garantizarán o exercizo do dereito de reunión dos alumnos dentro do horario do centro. Os Regulamentos de réxime interior dos centros establecerán o horario que se reserve ao exercicio deste dereito. […]

Se queres ler o texto completo, podes acceder desde esta ligazón
Comentarios (2) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 12-11-2012 19:53
# Ligazón permanente a este artigo
Asociación de antigos/as alumnos/as
Se estudaches no CPI de Maside e queres formar parte da súa asociación de Antigos/as alumnos/as, envía un correo a exmaside@gmail.com
Está intentando botar a andar...
Comentarios (0) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 06-10-2011 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
A VISITA DE SÉCHU SENDE
O luns 21 de febreiro visitounos no Outeiro o escritor Séchu Sende, autor de libros tan coñecidos e galardoados como Orixe (premio Blanco Amor), Made in Galiza (premio Ánxel Casal) ou a súa última publicación Animais ( na que combina uns fermosos debuxos con textos sobre as consecuencias do “progreso” para a nosa natureza).

Na súa intervención contounos anécdotas da súa vida e da súa relación co galego, xa que el, igual que moitos galegos e galegas da súa xeración, foi educado en castelán por uns pais que falaban galego. Foi aos 17 anos que decidiu “dar o paso” e desde entón fala sempre na nosa lingua.

Tamén nos leu textos moi divertidos, como un que falaba da relación da lingua co sexo, e nos sorprendeu con trucos de telepatía e hipnose, adiviñando as palabras dos alumnos que se atrevían a desafialo.

Aínda tivo tempo para contarnos do seu circo de pulgas, de facernos un debuxo dun ourizo cacho que regalou aos rapaces e rapazas de Maside e de asinar os exemplares de Made in Galiza e Animais que hai na biblioteca.

Foi un pracer que estivese con nós. Aquí podedes consultar o seu blogue-caderno de traballo.

Roberto (4º ESO)
Comentarios (6) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 24-02-2011 22:07
# Ligazón permanente a este artigo
BOLBORETAS
As irmás Mirabal, Patria, Minerva e María, foron mulleres dominicanas que se opuxeron á ditadura de Rafael Leónidas Trujillo e por iso asasinadas. Creceron nun fogar rural acomodado da Sección Ollo de Auga no municipio de Salcedo (hoxe cabeceira da provincia que leva o nome de Irmás Mirabal).
Cando Trujillo chegou ao poder, formaron un grupo de oposición ao réxime, coñecido como a Agrupación Política 14 de Xuño. Dentro deste grupo eran coñecidas como As Bolboretas.
Foron detidas e torturadas en varias ocasións. Acabaron sendo asasinadas o 25 de novembro de1960. A súa morte causou unha gran reacción na República Dominicana que contribuíu a despertar a conciencia no público e finalmente culminou co asasinato de Trujillo o 30 de maio de 1961
Na honra destas mulleres cada 25 de novembro conmemorase o Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller. Isto foi establecido no Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe celebrado en Bogotá, Colombia, no ano 1981.
O 17 de decmbro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o o25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, en conmemoración do sacrificio das irmás.
En 1995, a escritora Julia Álvarez publicou a novela En el tiempo de las mariposas, baseada na vida das Mirabal. A novela foi levada ao cine en 2001 nunha película co mesmo nome, protagonizada por Salma Hayek, como Minerva, e Edward James Olmos como Trujillo. No ano 2008 Javier Balaguer rodou un documental “Del fondo de la noche” baseada nesta historia.

Se necesitas información de calquera cuention relacionada coa Muller pódela encontrar nesta ligazón. http://www.igualdadegalicia.org/

Un número de teléfono para chamar no caso de necesitares axuda: 016
E tamén
Teléfono das Mulleres:
900 400 273
O Teléfono das Mulleres é un servizo de emerxencias gratuíto e anónimo. Funciona as 24 horas do día e ten cobertura para toda a Comunidade Autónoma.
Comentarios (0) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 24-11-2009 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
Que pasa ao saírmos de aquí?
Cando me propuxeron escribir sobre o que supón o cambio de instituto, non dubidei en contarvos o meu caso en particular, xa que penso que reflicte o que moi a miúdo lles sucede a moitos estudantes coma nós, en todos os recantos do mundo.

Pois ben, eu, como moitos xa sabedes, rematei a ESO aquí, co CPI de Maside, e decidín continuar os meus estudos de bacharelato noutro centro, xa que non tiña posibilidade de continuar neste.

Ao comezo do curso sentíame moi soa, perdida en cada recuncho do meu novo centro, xa que non coñecía as instalacións. Cando tiñamos que cambiar de aula, eu seguía os demais, porque non sabía onde estaban.

O profesorado tamén me era descoñecido e algunhas materias tamén. Claro que o das materias depende da opción de bacharelato que vaiades escoller.

De algo que si vos podo advertir se queredes continuar os vosos estudos, é de que o cambio de nivel é moi grande. Xa non é suficiente estudar os días anteriores aos exames (algo ao que moit@s estades acostumad@s) senón que un bacharelato, sexa cal sexa a opción que escollades, precisa de varias horas de estudo diario. Con isto non quero asustarvos, senón todo o contrario, animarvos a que sigades adiante porque sempre é agradable volver a vista atrás e ver todo o que conseguiches ata o de agora, e ao mirar cara adiante sentídesvos, coma min, orgullos@s do voso esforzo e con vontade de continuar...

Iso si, cómpre que levedes un horario regular porque o madrugón é grande (eu levántome ás seis)e pode que vos entre o sono nalgunha clase.


Pensádeo e animádevos!! Moita sorte.

Lorena
Comentarios (0) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 08-03-2009 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
10 receitas para cociñar unha vida en galego
1. Fala galego en todas as situacións da túa vida cotiá: con amigas/os, coñecidas/os, familiares… Fai o propósito de usares o galego con quen sabes que te entende, aínda que até o de agora non o fixeras.

2. Amosa respecto por quen fala outra lingua, mais esixe ti tamén o mesmo respecto para a túa.

3. Diríxete en galego con naturalidade a todo o mundo: pola rúa, no centro de ensino, no traballo, de marcha… Verás que te entenden. Séguelles falando en galego aínda que che respondan en castelán.

4. Axuda as túas coñecidas e coñecidos a que entendan o galego coloquial con aquelas palabras que non entendan; explícalles o seu significado e por que deben ser usadas e axúdaos a ampliaren o seu vocabulario.

5. Coñece e respecta as variedades dialectais da túa e doutras zonas. Son, como en todas as linguas, parte fundamental da súa riqueza.

6. Comeza usando o galego nas pequenas accións de todos os días, mesmo naquelas que non che parezan importantes: tomar apuntamentos, escribir cartas, notas e correos electrónicos… Dá o paso de comezar a usar o teu nome e apelidos galeguizados e fai mudar os teus documentos oficiais: o DNI, o pasaporte, o carné de conducir, os impresos oficiais… É un trámite moito máis sinxelo do que parece.

7. Consume produtos en galego: subscríbete a revistas, xornais e outras publicacións que empreguen o galego. Le libros, escoita música, asiste a espectáculos… onde se use a nosa lingua.

8. Esixe de todas as entidades das que sexas clienta/e e usuaria/o que usen o galego na súa atención e comunicación contigo. É un dereito que che asiste ao que non se poden negar. Esíxello ao teu banco ou caixa de aforros, á túa empresa de telefonía móbil ou fixa… Mais faino dun xeito amable; se non fan caso non te metas en leas e limítate a denuncialo: hai organizacións no país, como por exemplo A Mesa, que te poden asesorar.

9. Interésate pola historia e a realidade sociolingüística da nosa lingua e do noso país. Informa no teu contorno deses datos e desas realidades para rematar coas desinformacións e descoñecementos que tanto dano fan ao idioma e tanto contribúen a afortalar determinados prexuízos.

10. Se che custa falar en galego con quen sempre usaches o castelán e te sentes bloqueada/o usa outro camiño: comeza por falalo con persoas descoñecidas e vaino introducindo en ambientes novos para, por aí, acostumarte a empregalo na túa vida habitual. Sobre todo, non te avergoñes dos defectos das primeiras veces (as linguas só se aprenden ben usándoas!) nin te preocupes polas seguras situacións de estrañeza que cause ao teu arredor a túa actitude: verás como se a xente te ve segura/o de ti acostúmase rapidamente. E, quen sabe!, quizás consigas que a xente do teu contorno comece a perder o medo a usar o galego.


Artigo da revista Guieiros, coa autorización da mesma
Comentarios (2) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 13-03-2008 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
A Igrexa e Galileo
A vida de Galileo Galilei (Pisa, 1564 - Florencia, 1642) foi impresionante tanto polos seus descubrimentos como polos seus estudos sobre a caída dos corpos, entre outras cousas. Tamén polos seus inventos e o perfeccionamento doutros que non eran del, como é o caso do telescopio e do microscopio, os cales, aínda que eran inventos flamengos, perfeccionou engadindo lentes para aumentar a súa capacidade de visión.

A súa ambición non é algo de ocultar. Galileo preocupouse máis por gañar diñeiro a través dos seus aparellos que por intentar inventar cousas útiles para o avance científico.

Tamén me gustaría comentar o comportamento que tivo cara aos seus familiares, xa que, aínda que nunca os deixou de lado por completo, afastouse algo deles. Outro momento importante é cando humilla a Ludovico delle Colombe, que o cuestionaba. Destacable tamén é a crítica de Galileo ao reloxo para a navegación proposto por Kepler, xa que el di que é máis práctico fixarse nas lúas de Xúpiter. A pesar das diferencias que tivo con moitas persoas, foi un home de máis amigos ca inimigos.

Un comportamento que si é censurable é o do Papa Urbano VIII polo que lle fixo a Galileo sendo amigo del, ao deixarlle publicar un seu libro para posteriormente prohibilo e condenar a Galileo a cadea perpetua. Neste caso vese a importancia e poderío da Igrexa na época.

O papel da Igrexa inflúe nas decisións e mais nas formas de pensar de Galileo, como tamén na súa traxectoria científica e na súa vida social e familiar; estes dous últimos aspectos vense reflectidos cando Galileo interna as súas dúas fillas para que sirvan a Deus, facéndoas monxas case en contra da súa vontade.

Na biografía do inventor obsérvase a influencia da igrexa en dúas grandes ocasións. A primeira, polo medo que ten á Inquisición á hora de apoiar a Copérnico na idea do movemento terrestre e non do sol, cando recibe a noticia de que o científico Giordano Bruno fora queimado vivo en Roma por apoialo (a terra xa non é o centro do Universo, senón que está xirando arredor do sol). A segunda ocasión é cando o condenan a cadea perpetua polo seu libro Diálogos. Isto ten ocorrido así en numerosas ocasións tanto na vida de Galileo como en toda a historia.

Na miña opinión, se a Igrexa non tivese encadeado ou condenado os científicos en moitas ocasións innecesarias, os avances científicos e tecnolóxicos actuais estarían moito máis desenvolvidos.

Víctor Manuel Pérez Preciado (4º ESO A)
Comentarios (3) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 24-02-2008 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
Entroido 2008
Foi un día de troula no colexio. Cada curso disfrazouse de algo diferente. Nós, os de 1º de ESO, fomos de “A matanza do porco”. Nesta representación cada un tiña un papel distinto... ou parecido, segundo o caso.

Fomos os primeiros en actuar, e, pola forma de facelo, gañamos. É dicir, fomos os que máis chamamos a atención.

Na nosa actuación, os dous “porcos”, Cristian e Luís, saíron atados por unha perna para logo podelos matar os matachíns, Uxía e Ana. Case todos se dedicaron a amarrar os porcos: Manuel, Xosé, Adrián... e as que recollían o sangue eran Jeni, Jessica e Lore. E, por suposto, non faltaron as filloas de sangue típicas da matanza.

Ao rematar a función, cantamos as nosas cancións con moita soltura.


Ana Rodríguez González
Comentarios (6) - Categoría: Alumnos/as - Publicado o 19-02-2008 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player