MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Novo blogue
Desde hai uns meses creamos un novo blogue que nos permite organizar as entradas de maneira que sexan máis fáciles de atopar.

Esperamos que nos sigades, tanto no novo blogue, como nas redes sociais ás qque teredes acceso desde a nova páxina.

Moitísimas grazas.

Preme aquí para accederes ao novo blogue de Móllate coa Lingua.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2017 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Delirios idiomáticos. Polo dereito a imaxinar outra situación sociolingüística
Homenaxe a Eduardo Galeano, no cabodano da súa morte*



Que tal se deliramos, por un anaquiño? Imos erguer a voz máis alá da diglosia para oír outro conto posible.

O galego estará limpo de todo castelanismo que non veña dos contactos humanos e das humanas paixóns entre galegofalantes e castelanfalantes.

Nas conversas, os prexuízos e estereotipos serán esmagados pola radical dignidade das linguas.

As verbas non serán manexadas polos silencios nin as identidades diluídas na xeneralidade.

O alumnado estudará para aprender castelán, en lugar de aprender castelán para poder estudar. A escola deixará de ser un axente desgaleguizador.

As gramáticas incorporarán o autoodio nas listaxes de barbarismos, porque bárbaro é quen despreza a cultura de seu.

En ningunha época volverán ser castigados os rapaces e rapazas que se neguen a falar castelán; pola contra, serán premiados os que mellor realicen as sete vogais do galego.

Os lingüistas non chamarán bilingüismo harmónico á especialización lingüística por ámbitos: galego para o ámbito privado, castelán para o ámbito público.

Os gobernos autonómicos non crerán que promoven o galego mediante decretos que o afastan de determinadas áreas de coñecemento.

Os alcaldes de vilas con festas gastronómicas non solicitarán á RAG que o pulpo ocupe o lugar do polbo nos mares do galego.

A globalización deixará de ser unha virtude. Os pobos comprenderán que a diversidade cultural e lingüística supón unha riqueza insubstituíble.

A conquista e o sometemento perderán os seus máxicos poderes e, nin por dominación nin por vasalaxe, se imporá nunca un idioma alleo.

Ninguén será considerado paleto por falar a lingua do seu país.

Os isolacionistas xa non estarán en guerra contra os reintegracionistas, senón todos contra a discriminación do galego.

A lingua non será unha moeda de cambio, porque a lingua é un ben irrenunciable.

Ninguén se avergoñará da súa fala, porque ninguén se gabará da superioridade da propia.

As linguas minorizadas non estarán dotadas de menor prestixio, porque non haberá linguas minorizadas.

Os idiomas non serán un privilexio de quen poida aprendelos, senón unha beizón para quen queira ensinalos e compartilos.

A normalización e a normativización, parella ás veces desavida, volverán camiñar da man.

Unha muller rural, galegofalante con gheada e seseo, presentará telexornais, ditará sentenzas ou pronunciará discursos.

A Igrexa correxirá o libro da Xénese e, segundo o mito da Torre de Babel, a variedade de linguas será considerada un don e non unha condena.

Serán reescritas a Historia colectiva e as historias individuais das que se borrou o galego.

Os Séculos Escuros serán iluminados e as persoas acaladas tomarán a palabra.

Seremos irmáns e compañeiras de todos os que defendan o dereito a cultivar a lingua propia e o deber de transmitila.

As linguas francas internacionais seguirán sendo o código monocorde dos imperios. Pero, nesta paisaxe lingüística vizosa e diversa, cada idioma continuará a nomear a realidade ao seu xeito e as distintas realidades non poderán existir sen os diferentes idiomas.



Ana Rodríguez Barreiro



* O presente artigo xorde a modo de paráfrase libremente inspirada no texto “El derecho al delirio”, pertencente á obra Patas arriba. La escuela del mundo al revés de Eduardo Galeano.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-04-2016 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
Sempre entre nós
Na súa recente despedida do CPI de Maside, o compañeiro Villanueva regalounos as verbas que figuran a continuación. Dende o ENDL, vaian para el o maior dos agradecementos -polos aloumiños á lingua, polo sentimento sincero- e os mellores desexos para a etapa que agora comeza.


Un azar de encrucilladas achegoume a este Outeiro.
E descubrín unha infinda paisaxe de amizades compartidas.


GRAZAS...


... por todos estes anos
nos que compartimos soños;
polas vivencias, polos recordos;
grazas polas lembranzas,
polos sorrisos cómplices,
pola complicidade das miradas.

Grazas...
... pola forza das palabras;
das fermosas, das que engaiolan,
das que constrúen pontes de entendemento;
grazas tamén polas que firen e magoan,
cando impiden que se ergan os muros
do silencio.

Grazas...
... por achegar confidencias,
por abandonar as coirazas
que constrinxen e atafegan;
grazas por liberar emocións
na humidade morna das bágoas,
nos latexos do corazón.

Grazas...
... por amosar sempre o norte,
por evitar os naufraxios nesta singradura;
grazas polo apoio, polo afecto,
e mesmo polas disputas;
por abrir sempre camiños,
por non pechar as portas grazas,
grazas por ser...

... AMIGOS


En xaneiro de 2016, iniciando un itinerario de ausencias, pero prometendo que a distancia non será nunca morada do esquecemento.

Con agarimo,
Manuel Vázquez Villanueva
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2016 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
Novo curso
Comezamos curso.

Unha pequena axenda elaborada polo Equipo de Normalización para vos axudar na organización do tempo.

Faltan moitas cousas, xa sabemos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2015 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Até setembro

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2015 02:08
# Ligazón permanente a este artigo
Amoeiro e Arzúa
Desde Amoeiro a Arzúa.

Oxalá fósemos todas en orde alfabética.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2014 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
Novo blogue
Para traballarmos algunhas cuestións que tratamos nas aulas, decidimos crear un blogue de aula.
Desde el terás acceso a algúns recursos do Departamento de Galego.
Polo de agora temos cinema.
Podes visitar o blogue premendo aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2014 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Camiñada de fin de curso

O ENDL do CPI Terras de Maside organiza unha camiñada para o día 16 de xuño (domingo). A andaina, duns once km, ten o seguinte percorrido:
Parque da Rañoa – Muíños do Lebre – S. Tomé de Maside Vello – A Touza – Laiantes de Arriba – Piñeiro – Laiantes de Abaixo – A Touza – Muíños do Lebre – Parque da Rañoa.
No noso itinerario aproveitaremos para visitar as igrexas de S. Tomé de Maside Vello(románica) e S. Xoán de Piñeiro (barroca), así como diversas mostras de arquitectura popular (muíños, hórreos, cruceiros, lavadoiros...).
É unha boa oportunidade para visitar a igrexa de S. Tomé de Maside Vello. Sempre está pechada e imos poder entrar o domingo.
Pódese consultar a ruta en Wikiloc premendo aquí.

RECOMENDACIÓNS ESPECIAIS
— É moi importante levar pantalóns longos, mangas longas e mesmo gafas, para protexerse de silvas e toxos, así como calzado axeitado para terreos de firme irregular e con posible presenza de auga.
— Varios tramos da ruta discorren por camiños moi pechados pola vexetación, o que dificulta bastante o avance. Prégase que os/as nenos/as de menor idade vaian acompañados/as dun adulto, porque precisarán axuda.

HORARIO
Sairemos ás 10:30h da Alameda de Maside. Desde alí iremos en coche ata o Parque da Rañoa, onde iniciaremos o percorrido a pé. Regresaremos para a hora do xantar á Rañoa; haberá auga, empanada e froita para aquelas persoas que queiran quedar a comer na área recreativa.

COMO INSCRIBIRSE?
Están convidados alumnado, familias, profesorado, membros da comunidade escolar e antigos alumnado e profesorado. Para apuntarse é necesario entregar no centro este impreso cuberto ou enviar un correo a mollatecoalingua@gmail.com, facendo constar os mesmos datos que aquí se especifican. A data límite, para calquera das dúas opcións, é o xoves día 13 de xuño.

— Nome do alumno/a, profesor/a, etc.:
— Curso:
— N.º de acompañantes:
— Dispoñen de coche?
— Quedan a comer?
— N.º de teléfono (é importante para poder poñernos en contacto no caso de que se produza algún cambio na actividade)

Hai algunhas fotos tiradas durante a preparación da actividade no wikiloc e na fotoblogoteca. Accédese premendo aquí.1
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-06-2013 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Fernández Paz, doutor honoris causa

O escritor Agustín Fernández Paz vén de ser investido doutor honoris causa pola Universidade de Vigo. No acto de nomeamento, ante autoridades políticas e académicas, Fernández Paz pronunciou un discurso (titulado "Seis lembranzas e unha narración") cuxa lectura recomendamos vivamente. Nel, o autor déixanos reflexións sobre a situación da lingua e do ensino tan atinadas coma estas:

"Canto traballo, canta enerxía levou erguer o sinxelo edificio que nos permitía soñar cun futuro mellor! Cando desde o Goberno galego, no ano 2004, se nos chamou para elaborarmos o Plan Xeral de Normalización da Lingua, referendado logo pola totalidade do Parlamento, moitos criamos posible engadirlle unha placa máis ao edificio no próximo futuro. Non foi así, como ben sabemos. Desde hai algúns anos asistimos desacougados ao minucioso proceso de desmontaxe do edificio. Coa escusa da crise ou sen ela, os retrocesos legais sucédense con medida puntualidade. O obxectivo final semella ben claro: podar as pólas máis vigorosas do bonsai, coutar a presenza social da lingua ata confinala nun lugar subordinado.

Unha reflexión sobre o sistema educativo público levaríanos a conclusións tan inquietantes coma a anterior. A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!".

Podedes acceder ao texto completo do discurso na ligazón que deixamos máis abaixo ou premendo aquí.


Tamén vos deixamos o vídeo

Discurso acto nomeamento
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-01-2013 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
Viste o teu Firefox de galego

Se queres que o teu Firefox teña o aspecto da imaxe (co escudo de Castelao e as cores da bandeira da Galiza) só tes que seguir os seguintes pasos, é facilísimo:

Simplemente tes que visitar esta ligazón e premer no botón laranxa coa lenda 'Wear this Persona'. As posibilidades do software libre son sorprendentes.

Tirado de CiberIrmandade da Fala. Podes visitar a páxina aquí

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2011 02:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player