MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Carlos Negro

O xoves 23 de abril veu a varias escolas da comarca un escritor galego chamado Carlos Negro.
Na miña clase lemos os libros Penúltimas tendencias e Makinaria e inspirámonos neles para gravar unha curta.

Nesta curta queriamos facer ver como os estereotipos que a sociedade marca inflúen en nós mesm@s, sobre todo agora na adolescencia, e nos converten en monicreques dunha sociedade na que todo o mundo, por un estraño motivo, quere encaixar; en lugar de sermos persoas que teñen o seu propio criterio.

Pero, estar nunha sociedade estereotipada, onde o físico vale máis que a persoa en si, realmente paga a pena?

O que nós representamos na curta é que os estereotipos e a sociedade ás veces nos arrastran, por algún que outro estúpido motivo; pero sempre temos a opción de rebelarnos, escapar diso, de dicir “XA NON QUERO SER UNHA ESTÚPIDA MARIONETA”, de fuxir, de romper con todo iso.

Máis que unha pequena homenaxe ao escritor, é un vídeo que dá moito para pensar.
E cambiar está en nós mesm@s, está nas nosas mans ser libres ou vivir pres@ dunha marioneta, dirixida polos estereotipos.

E recordade, un cerebro vale máis que unha chea de músculos e caras bonitas, rapazas; e que un cu, un par de tetas e o ventre plano, rapaces.

Colocaremos a ligazón ao vídeo en canto estea subida á rede.

Se premedes nesta ligazón, podedes ver fotos do día.

Andrea S.M Breia “Andy”
4º ESO
Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 27-04-2015 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Rap-E-ando pola igualdade
Este vídeo nace dun programa de DELOGA e o concello de Chantada no que colabora o alumnado do IES Val do Asma e do IES Lama das Quendas.

O alumnado de 4º pediu para pór hoxe na clase.
E puxemos, claro.

Videoclip "Chantada rap-E-ando pola igualdade" from DELOGA on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 23-01-2015 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
Comezar a escola
Ou recomezar.

Unha maneira de facelo é recomendar un calendario de mulleres galegas para 2015. Ou documentais de mulleres galegas.

Se queres acceder á ligazón para descargar o calendario, preme aquí

Se queres acceder a unha interesante recompilación de documentais sobre mulleres galegas, visita esta ligazón.

E, recordando o 7 de xaneiro de 1950, deixamos esta análise de Plilar García Negro sobre a figura da muller en Castelao.

O debuxo do artigo é o que acompaña "A Marquesiña", de Cousas.

Comezade ben a escola.
Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 07-01-2015 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
Mensaxes
Recollemos un vídeo elaborado por Trafegando Ronseis...

Grazas por o facer.

Visitade a páxina aquí

Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 25-11-2014 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
O monstro
Material para traballar c@s máis pequen@s a violencia de xénero.

Para que non calen e para que nós escoitemos.

Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 24-11-2014 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Begoña Caamaño
Morreu hoxe. Unha muller galega. Que escribía. E loitaba. E a nova encheu de tristeza a todas as mulleres galegas.

Ide á biblio buscala. A esa muller galega. E lédea.

Iso é o que hai que facer. Ler e loitar.

Un precioso artigo de Goretti Sanmartín en Sermos pode axudarnos a entender. O artigo está aquí.

A música é unha versión de Habelas hainas. O himno das mulleres. Levons-nous!

Arriba.




Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 27-10-2014 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Verónica Boquete
A muller e a poesía, a música, o traballo...
e o deporte.

Aquí tedes a Veónica Boquete cando nos visitou no centro entrevistada por Nabila e Noemí.
A ver se subimos algunhas partes da charla e do partido que xogou...

Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 08-03-2012 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Documentais
Hoxe na clase veremos o documental de Uqui Permui Doli, doli, doli ...coas conserveiras. Rexistro de traballo.

En 1989, preto de cen mulleres, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica de Odosa, na Illa de Arousa, como protesta ao peche inminente da fábrica de conservas. Mentres estiveron pechadas gravaron un documental contando o que estaba sucedendo. A partir dese material, Uqui Permui realizou este novo documental que narra a historia contada polas mesmas protagonistas, mesturando pasado co presente.
Longametraxe documental dirixida por Uqui Permui, gravada durante o 2009 e 2010. Co apoio da Agadic.

Este é o trailer:



Outros documentais interesantes (algúns podedes pedilos ao Equipo de Normalización, outros mesmo velos en rede):

O capítulo de Historias de Galicia “A historia de ser mulleres”: podedes velo íntegro dividido en tres partes:
Parte 1
Parte 2
Parte 3

Tralas luces, de Sandra Sánchez: Un mundo en perigo de extinción e un oficio en decadencia: Os feirantes. Homes e mulleres nunha viaxe física e emocional, que viven en dous mundos: por un lado o da balbordenta feira e os seus sons, músicas e luces de cores, e polo outro o mundo que se agocha detrás das luces dese decorado. Aí oculta está a itinerancia e o desarraigo, a vida permanente na periferia. Á venda a partir do 21 de marzo. Aquí tes o tráiler.


As silenciadas, de Pablo Ces. Guión Pablo Ces e Aurora Marco (autora do libro homónimo, xerme do documental), que conta historias de mulleres que en Galiza viviron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira a guerrilla antifranquista: Podes visitar a súa páxina aquí

Digna rabia, realizado polos profesores da Universidade de Vigo Mª Victoria Martins Rodríguez e Ángel Rodríguez Gallardo.
Un conxunto de mulleres reflexionan sobre o impacto que o franquismo tivo nas súas vidas. Repasan a soidade das mulleres na posguerra, a súa reclusión no mundo doméstico, a ideoloxía da muller falanxista, a responsabilidade da Igrexa Católica na submisión da muller, a violencia de xénero, as dificultades para instruírense, o Servizo Social e o seu infatigábel compromiso co traballo malia non contar co recoñecemento do que gozaban os homes. http://youtu.be/ONn7XzQTMQ0 target=_blank class=tEnlac>Preme para veres o tráiler
Comentarios (1) - Categoría: Muller - Publicado o 08-03-2012 02:12
# Ligazón permanente a este artigo
Músicas para hoxe
Moita música de mulleres e sobre mulleres para escoller só unhas cantas.

Á parte das que seleccionamos para a Galeokada desta semana, queremos deixarvos algunhas outras

Por exemplo, a poesía de Carvalho Calero Maria Silencio, musicada e cantada por Aline Frazão no disco A minha embala, que xa sabedes onde podedes descargar.



Recomendamos tamén escoitar (e ler)
A voz das amigas (o poema é de Yolanda Castaño), a 1ª das músicas deste vídeo, pertencente ao último disco de Leilía ConSentimento.

Seguir as recomendacións de Uxía Senlle e bailar sen medo do po nin da area:


Escoitar a voz de Guadi cantando a Rosalía nesta versión do poema de Rosalía “Tecín soia a miña tea”.

E recordar, compañeiras nos soños do Edén, que aínda seguimos aquí, a aguantar tempestades de sal... como canta Sés

Moita música, pois, neste día e en todos os que veñan a seguir
...
Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 08-03-2012 02:03
# Ligazón permanente a este artigo
PALABRA DE MULLER (CONTINUACIÓN)
IV
Non alimento outras viaxes, espero
tan só que o nordés demore
nos teus ombros o aroma renovado
das cereixas. E que me comas
coa voracidade dos boleros.

ANA ROMANÍ, en AA. VV., Mulher a facer vento.


V

Lembrade:
Mulleres mazando o liño
Facendo a bogada da roupa
Acorda frieiras de sorriso
Limpando vísceras de porcos
Rabo de fuso nas augas frías
Soutando castañas de restelo
Con fustes de abeleira
Faldriqueiras sen fondo
Ao carrelo: feixes
Mulleres da casa prá casa,
Prao campo, pra coidar da vida
Pra tender o mantelo: pra Todo
Mulleres defendendo
A homes pra que lles zosquen
Pra que as violen e que non se vaian:
Pra que as maten, as esfolen, e lle digan
“Que bonitiña es cando obedeces”.

IRIA FERNÁNDEZ CRESPO, Flores da galvana.


VI

E por amor de mar fun o navío
que fondea ao solpor en terra incógnita.
Por amor doutros ceus burlei a lei,
fun polisón que soña nas adegas
para o incendio do sol novas ribeiras.
Por amor das tormentas fun o mar
e a serea, o naufraxio, os afogados.
Na calma chicha cavei un remuíño
(espirais de paixón, agua que arde).
Por saudades de amor busquei a noite
na pupila do kraken e o silencio
das fosas abisais. Engolín morte.
Pero ordéname o mar: aínda navego.

PILAR PALLARÉS, Leopardo son.


VII

Esa son eu
rubindo unha e outra vez as escadas
dun mundo posíbel
separado sempre pola idade, a teima
e a vontade íntima de voar
No alto a miña casa alta
e por cima un país nas nubes
lidando co sol difícil do Norte
que sempre se rende ás gadoupas do mar
e esquece ficar para quecerme.

LUÍSA VILLALTA, “Antiquísima”, En concreto.


VIII

E, para rematar, un poema dun home dedicado a “todas as mulleres perseguidas por ter ideas de cambio e de progreso”. En recoñecemento de todos os homes bos e xenerosos que comparten as nosas inquedanzas e camiñan á nosa beira. Sempre cara a liberdade:

Asasináronas,
mais sempre estarán vivas en nós.

Encarceráronas,
mais sempre estarán libres en nós.

Exiliáronas,
mais sempre estarán dentro de nós.

Acaláronas,
mais sempre falarán para nós.

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER, Ámote vermella.



Ana Rodríguez Barreiro


P. S.: O noso agradecemento a Leandro Lamas, autor dos cadros aquí reproducidos. Polos seus espléndidos retratos de mulleres. E pola vida en cor.
Comentarios (0) - Categoría: Muller - Publicado o 07-03-2012 23:23
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player