O día 3 de maio, ás 19:45 hai unha actividade para peques no Casino do Carballiño.
A actividade está organizada pola libraría Escolma e consiste nunha viaxe a través dos poemas, a música e as imaxes. Recomendamos asistir, claro! O cullarapo Croque é un libro de poesía infantil con versos de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso. Prologado suxestivamente por Xosé Neira Vilas e obxecto dunha intensa e coidada atención tipográfica, gobérnase por unha inequívoca vontade naturalista e imaxinativa, adentrándose nos fecundos terreos que, para a creación aliada coa fantasía, ofrecen os diversos elementos da natureza de xeito que sexan estes os que van fiando un discurso poético sinxelo, tenro e efectivo, que se achega a motivos como o dereito á diferenza, á lingua ou o amor.