MÓLLATE COA LINGUA


Cantas cousas podes facer coa túa lingua? Seguro que máis das que pensas.
Móllate coa lingua é o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas do CPI Terras de Maside (Maside, Ourense).

Quen somos?
mollatecoalingua@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Primeiro Mundo só de brincadeira
Ao pouco de comezar o curso pasou algo en Lampedusa. Algo que chamou a atención dalgúns medios de comunicación. Algo que confrontou as persoas de Europa cunha realidade invisíbel. Algo que nos avergonzou. E soubemos (se alguén aínda non sabía) que aquilo non era un feito illado, senón a cotidianidade.
Daquela liamos nalgún curso “Ilegal”, un dos textos de Cartas de amor, de Fran Alonso e coñecemos a historia de Ndeye antes de chegar a Lugo. Coñecemos tamén o nome do seu compañeiro, Assane, e así puidemos poñerlles nome a eses corpos que vomitaba o mar nos noticieros.
Déuselle unha cabida efémera a certas voces nos xornais. Falamos sobre isto e chegou o Nadal.
E despois soubemos de valados con coitelas que marcaban aos que non podían estar deste lado.
E máis tarde de persoas escorrentadas aos tiros en Ceuta. E de quince mortos que debían estar vivos. E de que o Ministro de Interior non dimitiría.

Liamos entón a María Reimóndez:
"Non é a intelixencia
senón a sensibilidade
a que cambia o mundo.
Porque a intelixencia
levou a facer campos de concentración
para a diferenza
Só a sensibilidade,
de seu intelixente,
nos rescata cada día
en xestos lonxe e preto,
facéndonos aquilo
que custa tanto traballo:
humanas."

MARÍA REIMÓNDEZ, Presente continuo, Xerais, 2013.

Que podemos facer na escola? Promover a sensibilidade social d@s alumn@s ou ensinarlles a que se protexan? Só se pode loitar desde a fortaleza colectiva. Confrontalos coas miserias sen darlles armas para reconstruír o que os adultos estamos destruíndo é tan vil como facerlles crer que son o centro do mundo e que nada disto ten que ver con eles. Ë tan vil como ensinarlles técnicas empresariais desde que son pequenos, como privalos da arte, da historia do seu pobo, da lingua propia. É tan vil como preparalos para vivir nun sistema inxusto sen mostrarlles outras alternativas de organización do mundo.
É tan vil como pensar que xa non lles queda outra que apandar cos nosos erros.
Entón podemos falarlles da emigración, do que supón para un pobo perder a xente nova; de dereitos laborais, de intereses colectivos fronte ao individualismo; de países pobres que producen ricos cada vez máis ricos; do consumismo que mantén escravizada a unha gran parte da poboación mundial. De que a calidade das persoas non pode medirse nunha foto do currículo. De que Suíza xa nos pechou as portas.Ás persoas, non ao diñeiro que provén do tráfico de armas... De que Assane tamén somos nós. Podemos falarlles de Rosalía e de como o pobo obrigou as elites intelectuais a lela coa atención que merecía. Porque o pobo pode mandar moito, se o fai unido.

Podemos poñerlles outra vez a música de Aline e mostrarlles o Primeiro Mundo de brincadeira.
Podemos dicirlles que, se permanecen unid@s fronte aos vampiros, son capaces de mudar as regras deste xogo. Se non esquecen que a empatía é o que marca a fronteira entre o mundo e a selva.

Eu não sei porquê
Há incêndio dentro de cada janela e se vê
Eu não sei porquê
Este incêndio que arde dentro, come o corpo todo e a gente finge que não vê,
Finge que não vê, finge que não vê…
Mas por dentro arde, como não vai arder
Se não minha terra não tem pra' comer
Já quase creio que não tenho o direito de ser alguém
Por isso arde
Ter de dizer adeus
Sem saber se o deserto me vai vencer
Juntar os últimos sonhos com a roupa do corpo
Partir por mim e pelos meus
E afinal tem que haver algum deus
Eu não sei porquê
Há incêndio dentro de cada janela e se vê
Eu não sei porquê
Este incêndio que arde dentro, come o corpo todo e a gente finge que não vê,
Finge que não vê, finge que não vê
Mas por dentro arde, como não vai arder
Se chegando no primeiro mundo
Me sinto mais esquecido do que era no segundo
Arde
Carimbo de ilegal
Preconceito racial
Só por ter nascido mais ao sul
Xe gente do primeiro mundo, pais da civilização
Por não ter um papel acabei numa prisão
Xe gente da terra inteira
Queima o fogo da desilusão
Este primeiro mundo é só de brincadeira
Só de brincadeira, só de brincadeira
E você finge que não vê
Eu não sei porque
Tens que entender que não há diferença entre nós
A mesma essência
Se a minha liberdade não existe
A tua é só aparência
É só aparência
E você finge que não vê
Eu não sei porque
Primeiro mundo só de brincadeira
Primeiro mundo só de brincadeira
Só de brincadeira, só de brincadeira, só de brincadeira, só de brincadeira


Comentarios (1) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 16-02-2014 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Mudar de lingua e de vida
Comentarios (0) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 14-11-2011 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
O desprezo da Voz de Galicia e da Consellaría
A Voz é o xornal que máis axudas recibe da Xunta por promover o galego:
Podes ver aquí os datos


A maneira que teñen de promovelo son artigos coma este, no que informan do Día da Ciencia en Galego no IES do Carballiño Chamoso Lamas.
A maneira de promover o galego é traducir ao castelán notas de prensa enviadas en galego. O titular é absurdo!!!!
Ou un oxímoro!!!!! (non sei se na Voz saberán moito de literatura, no que parecen ser expertos é no desprezo constante ao galego e, por tanto, a todos os galegos e galegas...)

Pero, a pesar do que na Voz digan ou como o digan, no Chamoso, grazas ao traballo e ao compromiso de certo profesorado, a ciencia fíxose (e faise) en galego...

Claro que a Consellería estará encantada con estes aliados que lle saíron na defensa do castelán...





Comentarios (2) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 08-11-2011 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
País queimado
reproducimos un fragmento do artigo de Manuel Rivas no País que podes ler integramente aquí.

Porque queimados/as, queremos seguir bailando...


"(...)Temos un país queimado. Non só os montes de Ourense e algunhas outras bisbarras.

Temos queimados os equipos e as equipas. Os equipos de normalización lingüística, por exemplo, eses botan fume por cada poro. E non me estraña. Como vas traballar no ensino oficial a prol dunha lingua, se todo o discurso do poder vai dirixido a descualificar ese traballo, a que a xente interiorice que a súa lingua é unha lingua inútil. Os equipos de medio ambiente están queimados. E como non! En lugar de espallar e garantir os valores medioambientais, semella que todo está aberto á poxa, non importa o nivel de protección. En Alemaña e Francia, os gobernantes decláranse ecoloxistas, non digamos xa nos países nórdicos, mais en Galicia o termo "ecoloxista" aínda segue a ser utilizado como un alcume. Quen repartiu as pancartas de Touriñán, feitas en fábrica, onde se atacaba como demos aos ecoloxistas?

Os equipos de televisión tamén están queimados. Estar están queimados até os equipos de fútbol. No mundo do estres e da angustia laboral fálase da síndrome burn out. O estar queimado. Mais neste país semella unha síndrome nacional. A identidade de estar queimado.

Ía dicir que non temos dereito a estar tan queimados. Mais cos recortes que hai en todo, só faltaría que lle quitaran a un o dereito a estar queimado. Sen folgos. Sen esperanza. Sen nada.

O Rexurdimento tamén agromou en circunstancias de desacougo colectivo e cando moitas cousas semellaban perdidas ou en perigo de perderse. O que cómpre, cando un país está queimado, non é apagar a luz e encamalo. Pola contra, éche o intre de levar a contraria, montar un novo #Rexurdimento e botar un baile coa Negra Sombra."

Comentarios (3) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 06-11-2011 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Presumindo de compañeiras e compañeiros

No CPI Terras de Maside unímonos á proposta de concentrarnos no recreo o día 11 de outubro para protestar polos recortes da Consellaría de Educación. Tivo que ser por quendas, porque os recreos non nos coinciden. Tamén hai quen quixo saír en todas as fotos...
Pois iso, que gostamos do ensino público...
Se queres ver algunha fotos, preme aquí.
Aínda quedan algunhas na cámara e faltan as de Concha. A ver se conseguimos unha con todas/todos xuntas/as. Haberá que recorrer ao copia-pega
Comentarios (1) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 11-10-2011 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
QUEREMOS FACER O NOSO TRABALLO!!!!
A Coordinadora Galega de ENDL acaba de emitir unha nota de prensa que denuncia o retraso na convocatoria de axudas para os proxectos de fomento do uso do galego no ensino.
Subscribímola e compartímola con vós.
O certo é que xa nos estamos facendo especialistas en contornar as dificultades que, repetidamente, nos poñen no camiño aqueles que, desde as institucións, debían velar pola normalización da nosa lingua.
Convidámosvos a xuntar esforzos e espremer o siso para superar os atrancos, que se suman aos que todo o profesorado galego do ensino público vai ter este curso para realizar as súas actividades.
Evidentemente, que continuemos traballando non implica que deixemos de reclamar o respecto que a nosa lingua merece e que lle negan precisamente aqueles que máis debían coidala.
Para ler a nota de prensa, preme aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 06-10-2011 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
NAVEGA EN GALEGO
Fala galego tamén na rede!!
O navegador de internet fala por ti e nel vén imposto o español por defecto. Nuns segundos configuras o teu navegador para que o galego sexa a túa lingua de navegación.
Neste vídeo explícase de xeito sinxelo e visual, en menos de 2 minutos podes configurar o teu explorer, firefox ou chrome





Comentarios (0) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 25-09-2011 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
CONTÁXIATE
Catro vídeos de Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez.

Para ver, reaxir e compartir.

Contáxiate  e espállaos:

Liberdade:




Contaxio:



Responsabilidade:



Lingua minoritaria:

Comentarios (0) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 02-05-2011 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
LEAVE THE KIDS ALONE
O blog "Friol:Algo máis que pan e queixo" (www.terrasdefriol.blogspot.com ) recuperou esta reportaxe, emitida pola TVE a fins dos setenta, que reflicte a vida dunha escolar no Friol desa época.




Hai un tempo que me recomendaron este vídeo. Triste, pero esclarecedor documento desa educación exterminadora que padecemos os galegos e galegas da miña xeración. Triste tamén porque, despois de corenta anos, a escola do século XXI, esa educación 2.0, continúa contribuíndo a ese exterminio.

Dun lado, unha mestra fala do "grave problema de bilingüismo do alumnado, da súa falta de vocabulario, que se contestan con monosílabos ou quedan calados...".

Do outro lado, Manolito, de ollos espelidos, enchido coñecedor de todas as casas da aldea, mentres outra mestra non deixa de marealo coa diferenza entre "pueblo" e "aldea".

Dun lado, mulleres mestras, viradas de costas; do outro, mulleres nenas, que serven a mesa e coidan do pai e dos irmáns... Nenas que queren ser enfermeiras, mestras,... e fuxir.

Que cal é a diferenza entre pobo e aldea? Na lingua destes nenos, a nosa, pobo é Manolito e todos os que con el conforman un sólido tecido construído pouco a pouco coa sabedoría do tempo e da terra na que viven.

Esa terra é a aldea, o lugar onde estas mestras traballan , lugar que ignoran e destrúen. Igual que destrúen o pobo que asenta nela. Porque Manolito coñece todas as casas da aldea e elas...que coñecen?

Non sei se a escola deixará de ignorar, destruír e contribuír á desaparición dos pobos. Tampouco sei como levan resisitindo nas aulas galegas algúns Manolitos de ollos espelidos.
Só sei que, no trinta aniversario da creación de The Wall, de Pink Floyd, sinto a irrefreable arroutada de coller ese martelo xigante e golpear o muro.


Beatriz Fernández
Comentarios (3) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 28-03-2011 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
PECHE DE FLOCOS
Flocos naceu coa vontade de difundir o audiovisual galego. Era unha boa plataforma para usuarios (que tiñan acceso gratuíto aos filmes) e para creadores (que dispuñan dunha óptima canle de difusión para a súa obra).

Recomendamos a páxina de flocos na nosa revista escolar, concedéronlle o premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva en 2008, saudamos (como moitos) esta boa iniciativa e recomendámola entre a xente máis nova.

Pouco a pouco fomos vendo como ao proxecto se lle ían acabando as pilas.
A falta de apoio gobernamental acabou con todo isto.

Xulgade vós mesmos cales son as pretensións dun goberno que deixa morrer iniciativas coma esta, mentres gasta todas as forzas na loita contra a lingua (a nosa), esa que nos nomea e identifica.


Podedes ler o artigo no xornal Público
Recomendamos tamén que leades esta análise

Beatriz Fernández
Comentarios (1) - Categoría: Opina sobre isto - Publicado o 02-03-2011 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal












O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.


Obter Adobe Flash Player