Moaña en rede


Moaña en rede

de min e de outros.
moanaenrede@hotmail.com
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

de min e de outros. 01/07/09.

MONÓLOGO

“Sinto as árbores dar os seus mellores froitos,
a avelaneira ulir,
a ti
faltarme.

E unha nova soidade:
a de min contra min.

Só é posible pensar o lugar propio.
Ocupo o meu lugar. Dóeme este lugar.

¿Pensas que os carpinteiros mancan a madeira?”

Non queres que o poema te coñeza. (María do Cebreiro)

Quédome con este poema, quero dicer, que hoxe vai ser o último que leo, e despois de vir de xunto a madeira do chiringuito de Meira, parece como máis acertado, tiña ganas de seguir lendo pero voume quedar coa pregunta de María. ¿Pensas que os carpinteiros mancan a madeira?

O certo é que se estaba marabillosamente alí, como tamén antes con improvisadas visitas a casa, con amiguiños certos e despois chegou ela. A madeira berra o que non podemos ler entre liñas, as madeiras estremecen cunha pequena brisa de maré e co son das milagres.

Estou intentando concentrar en poucas palabras cal é a mellor forma de dicir que as cousas funcionan, non todo sae como quixeramos, pero a escultura vai collendo a súa forma.
Comentarios (1) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 01-07-2009 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O I.E.S. AS BARXAS, DE MOAÑA, REVÉLASE CONTRA A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN POLA ENQUISA DO GALEGO E POLO POSÍBEL CAMBIO DE DECRETO DO GALEGO
A xente que realmente me coñece, saben qe son un auténtico namorado de Moaña, non en vano esta páxina podería ter outro nome, ou que Moaña fora secundario na miña blogue, e non é así. Pois para min á información que aparece en xornais de ámbito nacional e estatal sobre o noso concello sempre me produce unha atención especial.

Onte, martes 30 de xuño, nun xornal de verdade, Xornal de nome e de esencia, apareceu unha noticia sobre un pronunciamento do IES As Barxas, na que o seu claustro e equipa de docentes remitiron unha nota á Consellería de Educación para explicarlle a decisión dos mesmos de manter o mesmo trato co galego que tiñan con anterioridade, sen depender dos resultados das enquisas nin da resolución do Decreto do Galego.

Ser de Moaña é un privilexio, que moi poucos temos, que non todos desfrutamos, uns dezanove e mil e tantos... E con noticias coma esta o espírito dos moañeses que defendemos, empregamos e reivindicamos o dereito do galego coma lingua, é grande, non ten fronteiras.

Os responsábeis deste instituto entraron no cerne deste asunto, do decreto do galego, desa milonga que nos venden dende a consellería de Educación, onde os que fan esta enquisa, o que pretenden é enfrontar aos pais co sistema educativo, cun proceso de demagoxia e mentiras.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 01-07-2009 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.30/06/09.

Estou escribindo as tres e oito da madrugada, podería ser unha hora normal para facelo, sentarse diante do ordenador e escribir con total liberdade. O proceso de creatividade para min transfórmase en incomodidade, chéganme atropeladamente á miña cabeza de forma desordenada. Estamos despois de cear celebrando un aniversario entre poucos e menos e únicos.

Podemos dicir que a mellor achega foi en forma de mangueira interina e ausente e milagrosa, podemos ademais frearnos ante os ases de bastos e os de copas. Estamos internamente comunicados polos vasos do corpo e polos da alma.

CURIOSIDADE.

O libro que hoxe levas nas túas mans
moito me gustaría velo subliñado.

Non queres que o poema te coñeza. (María do Cebreiro)
Comentarios (0) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 30-06-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
26 Mostra internacional de Teatro Cómico e Festivo. Cangas do 3 ao 11 de xullo 2009.
Venres 3 de xullo:

20:30h. Teatro na rúa.
Os cómicos dell’auto. Teatro de Ningures. Galiza.
No medio do espetáculo PREGÓN a cargo de Avelino González (Acto inaugural)
22:30h. Auditorio Municipal de Cangas Acto Inaugural
No coment PT excéntricas CAliza
00:30h. Salasón (Cangas)
Contacontos. Quico Cadaval Galiza.

Sábado 4 de xullo:

12:00h. Parroquia de Aldán 20:30 Parroquia do Hío
Os cómicos dell’auto. Teatro de Ningures. Galiza.
6ª Xornadas da Muller.
12:00h. Eirado do Costal 20:30 Parroquia de Aldán.
Típico, Tópico Títeres Cachirulo Galiza.
A partir das 20:00h. Un escaparete da rúa Eugenio Sequeiros 18
Conservatorio Quico Cadaval. Galiza.
22:30h. Auditorio MUnicipal de CAngas
Mejorcita de lo mío. La escapista. MAdrid.

Domingo 5 de xullo:

12:00h. Eirado do Costal 20:30 Parroquia do Hío.
A guerra das Galicsias Títeres Cachirulo Galiza.
22:30h. Rúa (Cangas)
Desembarco dos Turcos. María Soliña.
Teatro de Ningures. Galiza.

Luns 6 de xullo:
Ao longo do día polas rúas e prezas de Cangas.
Revoltallo en pedra 3 Colectivos artísticos do Morrazo. CAngas

Martes 7 de xullo:

22:30h. Auditorio Municipal de Cangas.
Los que ríen los últimos. La Zaronda Andalucía.

Mércores 6 de xullo:
20:30h. Eirado do Costal. Infantil 4-7 anos.
Señor Mundo digame? A factoría Teatro Galiza.

22:30h. Auditorio Municipal de Cangas
Tres sombreros de copa. Fuegos fatuos. Castilla la MAncha.
00:30h. Salasón (Cangas)
Concerto “Os Dildos” Chévere Galiza.

Xoves 9 de xullo:
20:30h. Eirado do Costal. Contacontos infantil.
O conto das mil mañas Paula Carballeira Galiza
21:00h. Auditorio Municipal de Cangas
Presentación da revista Galega de Teatro Nº59
22:30h. Auditorio Municipal de Cangas.
Setembre Res de Res Illas Balears
00:30h. Canis Lupus Contacontos Adultos.
Contos para os tempos perdidos. Paula Carballeira. Galiza.

Venres 10 de xullo:
22:30h. Auditorio Municipal de Cangas.
Krosny Ireneuz Krosny Polonia
00:30h Salasón (Cangas)
ON-Off Lucas Trapaza Madrid.

Sábado 11 de xullo.
6ª Xornadas de Muller
Ceremonia de Clausura:
Entrega dos premios ao Labor Teatral e Cartel Añador.
22:30h. Auditorio Municipal de Cangas.
Divinas PAlabras. Atalaya. Andalucía.
00:30h. Xardíns do Señal
Camping. Teatro Meridional. Madrid.

Actividades Paralelas.
Actuación sorpresas polas terrazas de Cangas a cargo
Mago Berto.

Mércores 8 de xullo de 16:00 a 21:00h. Salasón CAngas
Obradoiro. Ser home por un día.

do 6 ao 10 de xullo. De 11:00h a 14:00h. Auditorio Municipal de Cangas
Obradoiro Coeducación emocional efectiva e social através de expresión dramática.
do 6 ao 10 de xullo. De 18:00h a 22:00h. Auditorio Municipal de Cangas.
Obradoiro Iniciación ao Clown.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 30-06-2009 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.29/06/09

Fin de semana intenso, fermoso, deses de pantalóns curtos e regas aéreas improvisadas. Eu quero vivir coas mans agarradas ao meu peito e finxir o imposíbel, desgarrarme polas eiras abaixo como teñen dito en outros tempos.

Achegueime xunto cos meus amigos e o meu afillado a ese parque pequeno que acaban de facer na Xunqueira, hai os elementos que podes atopar en calquera outro parque, pero ademais hai un tren feito de troncos de madeira. O mellor elemento dese parque, un que non ten engrenaxes pero cecais por iso é o mellor elemento diferencial, as ansiadas madeiras, tan só madeiras.

E tamén despois estivemos tomando algo con xabieres na casa, e despois cotianía, eso que repetimos cada certo tempo e faise cíclico, pero non por selo deixa de ser fermoso, próximo, con esencia de romper dos días. Entereime durante a noite do sábado a noticia de que ao amigo Bernardino Graña foi nomeado membro da Real Academia Galega da Letras, e así as copas e as conversas son plenas festexando que se lle recoñecen aos amigos, aos mestres, aos irmáns, os méritos por fin.




Hai voces de noite e néboa,
poeira antiga que rolda
polo planeta e a lúa,
por todo o universo.

É sombra
de luz perdida que volve,
que quere alumar, luz morna,
sobre os mastros, sobre as cofas,
na noite da gran galerna
das vagadas contra a proa,
lustres para atar velas
da esperanza coma escotas.

Luces dos dous, ti e máis eu,
entre miseria e distancias,
que, de repente,
se encontran.


hai voces de noite e néboa.
Bernardino Gaña. (Sen sombra e sen amor.)
Comentarios (0) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 29-06-2009 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
QUE CANTE DE PLACA.
É curiosa a placa que está no comezo do paseo da Xunqueira, nun momento tan importante na defensa da nosa lingua, as delegacións do ministerio de medio ambente en Pontevedra podían ter a sensibilidade de poñer en galego esa placa.

Pero sen depender da miña opinión, de se a placa debera ou non estar en galego, que entendo é unha falta de respecto cara nós. Pero que é a “Playa de Moaña”???
Eu pensei que esa praia, repito PRAIA é a da Xunqueira, dende cando cambiou de nome?? Espero que rectifiquen ou aclaren cal é o motivo desta placa e se é correcto, ou non, ou se eu estou errado, que tamén pode ser. E de paso, que a poñan en galego.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 29-06-2009 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Remeirás 2009

O Domingo en xornada de mañá e tarde tivemos a oportunidade de subir á Ameixoada a celebrar o Remeirás 2009, unha festa recuperada coa vontade dos veciños que ansían un espazo de festa e comunicación no alto. E se tiveran beirarrúas eso sería a hostia. Un Remeirás para decatarse da importancia e necesidade de beirarrúas por diferentes zonas do barrio.

Pola mañá despois das once e tras a chegada do santo ao lombo dos fregueses, o compañeiro e amigo Luís Chapela foi o encargado de ler o pregón de comezo de festa, un pregón en defensa dos carballos, da lingua. O xantar estivo un tanto deslucido por unha pequena rega do ceo que non foi moito máis alá e así chegamos á tarde coa ilusión posta na saída imparábel do sol.

Cachisa, os veciños, os amigos da Ghudalla, amenizaron co deporte nacional galego, A Billarda, ou Chachisa na nosa terra. Estivemos espectantes coa competición que nos fixo rir e desfrutar dos deportistas. Tamén pola tarde estiveron Codia e Miolo, xogando cos nenos e nenas, a Agrupación Tradicional Solaina, eo remate de festas coa actuación de Pepe O Caramuxo. E así até o ano que ven. Vémonos en Remeirás 2010.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 29-06-2009 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.26/06/09.

Onte morreu Michael Jackson, e aínda que moitos pensabamos que morrería nunha mesa de operacións cambiando a súa pel ou estirando a súas epiteliais , morreu dun paro cardíaco, de algo do que ninguén se pode librar, dunha morte natural, dunha sobrecarga de enerxía do circuíto eléctrico.

Pois a miles de quilómetros de distancia ocorreu exactamente o contrario, o que estaba destinado a morrer dunha forma natural ( en democracia ), en Gondomar o goberno local morre na mesa de operacións dun cambio de pel. O PSOE (de pel de lobo xa de antes), o PP (acusado de prevaricación e corrupción urbanística), e MOVE Gondomar (independentes dependentes do negocio), orquestraron a bombo e platillo unha moción de censura contra o Alcalde nacionalista A. Arauxo que leva dous anos saneando e dignificando un malogrado concello, cun goberno en minoría.

Que curioso, se eu fora do OPUS DEI pensaría que os pseudosocialistas, os pepéfeixistas e os que se move n polo seu cu, mataron a Michael Jackson para enmascarar a flagrante moción de censura promovida pola especulación e a envexa.

Volven os imputados, volven os que lle roubaron a Gondomar. Pois isto é dende min e dende outros, a solidaridade entre concellos mariñeiros con dignidade, que bebemos da mesma ría, que nos movemos nos mesmos círculos atlánticos. Alguén que se decata da raiba coa que te atacan cando traballas duramente nun concello sen esperar nada a cambio.
Comentarios (0) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 26-06-2009 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O PEPÉ FERVENZA E OS MODELOS DE FINANCIAMENTO.

Cada día imos coñecendo máis detalles sobre o modelo de financiamento local do pepéfervenza, sae nos medio de comunicación a súa proposta de non cobrar do concello de Moaña as dietas por asistencia a plenos e comisións, fala das del, non di nada dos seus amigos e compañeiros de asento, ben de asento máis ou menos, cando se senta. É curioso, por primeira vez entra no cerne desta discusión económica, está cobrando do concello, da xunta, traspasoulle a empresa a muller, ben amigo imos clareado cal é a túa situación.

Quero clarificar algo que parece non entenderse con claridade, o Alcalde de Moaña e aqueles que teñen dedicación exclusiva no Concello de Moaña, cobran o seu soldo polo seu traballo, e non cobran ningún tipo de dieta nin pola asistencia aos plenos sequera. Ademais, as dedicacións exclusivas en Moaña, son as menores de toda a provincia de Pontevedra, incluíndo a concellos gobernados polo PP con a penas 700 habitantes, como é o caso de Mondariz Balneario, e por non contar a todos os alcaldes populares, de Soutomaior, Baiona, Lalín, As Neves, Sanxenxo, e así en todos eles en onde ademais de dietas, cobran soldos, na maioría dos casos en máis do dobre que o que cobra o Alcalde de Moaña.

Pero non queda aí, o pepéfervenza pon como exemplo o soldo do vicesecretario da mesa do parlamento galego, o nacionalista Anxo Quintana, porque cobra máis ca el, menos que calquera outro dos que ten ao redor na mesa, son sete nesa mesa, el, dous do PSOE e CATRO do PP. Acaban de suprimir todos os delegados provinciais para aforrar e subíronlle ao dobre o soldo deste superdelegados, con máis servizos e máis persoal de confianza, con soldos superiores aos que tiña os delegados anteriores. E aínda por riba, nas delegacións provinciais teñen a todos os funcionarios sen traballo porque non hai quen dirixa estas delegacións, porque non poden facer ese traballo un súperdelegado deses, por moi súper que se pensen ser. Gastan mais cartos con menos eficiencia. Este é parte do modelo de financiamento local e global do pepéfevenza.
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS - Publicado o 26-06-2009 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.25/06/09.
Quero facer unha pequena paréntese (que non vai ser tal) para aproveitar este meu espazo para recomendar un libro. “ O único que queda é o amor ” de Agustín Fernández Paz recentemente galardoado co premio nacional de literartura, e agasallado polos membros da AELG en Vilalba, na terra que o veu nacer. Pois ben, este libro comeza cunha frase de Orhan Pamuk. de Neve:

“E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor.”

Fai tempo que a literatura infantil e xuvenil en Galiza, está obtendo unha serie de recoñecementos importantes, tamén algunhas editoriais están publicando libros e coleccións que superan o interese de lectores novos e déixanos a aqueles que nos apaixonan os contos e as ilustracións ben feitas, a coller esta literatura e facela propia, levala ás nosas mesas e ao noso maxín.

Pero recollo a frase de inicio, e interpreto as palabras, acéptoas, non vale a pena levar unha vida estúpida, temos que buscar o acercamento, mesturarnos , querernos e facermos coa opción. O amor. O amor como sensación de unidade. Cando estamos namorados, cando nos espimos de sentimentos e nos achegamos ao límite das nosas mans, creamos facémonos útiles para nós e para a colectividade. Crear como exemplo de proximidade aos demais.

Di Castelao: Amigo, apenas separado de vós por un tabique, hoxe non estou presente, pero creo que vos oio e que vos oídes o latido da miña ansiedade. Xa sei que as creación do espírito non se adapten ás fronteiras da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por riba das fronteiras. A Arte non cabe dentro dos tinteiros políticos.
Creade que algo queda. e o amor.
Comentarios (0) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 25-06-2009 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ECONOMÍA LOCAL. ECONOMÍA GLOBAL.

Sorprendente a proposta económica do portavoz do PP de Moaña Pepé Fervenza, pídelle ao alcalde de Moaña que a partir do mes de setembro deixe de cobrar a dedicación exclusiva no concello e que se poña a traballar como mestre no instituto das Barxas. Nada me sorprende deste individuo, o que me preocupa é a forma de entender o cargo público, el como moitos outros parlamentario do PP galego e altos cargos, cobran da Xunta e déixanlle as súas empresas a familiares, primos, irmáns e mulleres, como o caso deste personaxe de Moaña.

O que me preocupa é que Pepé Fervenza entenda que se poida traballar como Alcalde a tempo parcial, polas tardes coma se fora un hobby no seu tempo libre, pois estou seguro que se así fora Xosé Manuel Millán preferiría gañar o soldo de mestre que me consta é maior que o que ten como Alcalde, e dedicarse a alcaldía polas trades como entretemento, tal e como fai o portavoz do PP de Moaña. El entende a función pública como un xogo de ataque e derribo e non como un exercicio de respecto aos veciños.

Non sei que pretendería facer se chegase a ser Alcalde, dedicarse á cantería pola mañá e marcar un horario de atención de oito a peche de chiringuito. Fervenza dedícase a isto da política como hobby, ou máis ben como negocio, pois para Pepé Fervenza esto da política foi un negocio bastante lucrativo, cousa que para o alcalde de Moaña non foi tal.
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS - Publicado o 25-06-2009 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.24/06/09
Hoxe comeza a resaca de San Xoán, até o domingo que se volvan prender as fogueiras doutro santo (da parroquia de Domaio), un San Pedro que sempre trae boas compañas e amizades. Os nosos pulmóns deben resistir con este fume que se sente dentro, un fume de trasnos, eu diría formigas carnívoras.

Toda a costa se cubre de puntos de luz, en cada esquina, en cada praia, en cada finca e en todas as vontades. Todas son perfectamente destructivas, todas están pensadas para destruír algo, para darlle a benvida tamén aos días de verán e ás xornadas de quererse na praia e no monte. Para min o lume na costa de Tirán é a chamada ao combate, entre sardiñas e lume de pontón de batea. Fogueira con restos de bateas.

Outra constante polas fogueiras que percorremos foi a queimada, atopámolas de todas as cores e sabores, das que levantan aos mortos e outras que pasaban por refrescos deses facilmente comercializábeis. Un bo ambente este de San Xoán.

Comentarios (0) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 24-06-2009 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DA NON ASISTENCIA DO PSOE AOS ACTOS DE INAUGURACIÓN DAS RÚAS BERNARDINO GRAÑA E MANUEL MARÍA.
Amañece hoxe, mércores de San Xoán cunha noticia encuberta e dirixida do PSOE moañés. Na edición do Faro de Vigo do Morrazo do día de hoxe 24 de xuño de 2009 nesa sección sensacionalista deste xornal, aparece unha nota como se fora unha nota nun libro. Explica o PSOE de Moaña a súa ausencia na inauguración das rúas Bernardino Graña e Manuel María.

Non asistir a este acto o único que amosa é pouca sensibilidade e unha demostración da ignorancia máis incomprensíbel de quen aproba unhas nomenclaturas para as rúas de Moaña e asiste a inauguración daquelas que lle interesa. Os membros dos diferentes colectivos culturais moañeses que si asistimos a este acto e que axudamos a celebración e organización do mesmo, non entendemos ausencia dos edís do PSOE, mais non nos pareceu estraño tampouco, pois estamos acostumados a que non asistan ás actividades que moitos colectivos moañeses desenrolan ao longo do ano no concello.

Ademais estes mesmos edís asistiron á inauguración das rúas Constantina Pérez, Pura Prado e a do Alcalde Fandiño, actos organizados en colaboración exactamente coas mesmas persoas e organizacións culturais do Concello. Polo que non me cabe máis explicación que a de que non asistiron simplemente porque non asisten e punto!
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS - Publicado o 24-06-2009 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
LUDOTECA MUNICIPAL DE MOAÑA. ACTIVIDADES PARA O VERÁN

A Ludoteca Municipal do Concello de Moaña presentou a programación para todo o verán do 2009.
Con horario:
de luns a venres
de 9:00h a 14:00h
nen@s de 4 a 12 anos.
teléfono para consultar prezos e información: 986 31 50 38

do 29 de xuño ao 3 de xullo: EXPERIMENTOS.
do 06 de xullo ao 10 de xullo: SEMANA VERDE
do 13 de xullo ao 17 de xullo: SEMANA AZUL
do 20 de xullo ao 24 de xullo: COCIÑA DE CHIRINGUITO
do 27 de xullo ao 31 de xullo: OS ELEMENTOS
do 03 de agosto ao 07 de agosto: XOGOS PREDEPORTIVOS
do 10 de agosto ao 14 de agosto: TI SI QUE VALES
do 17 de agosto ao 21 de agosto: O ESPAZO
do 24 de agosto ao 28 de agosto: AQUELES MARAVILLOSOS ANOS
do 31 de agosto ao 4 de setembro: EDUCACIÓN VIARIA
do 7 de setembro ao 11 de setembro: FIN DE VERÁN
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 24-06-2009 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
26, 27 e 28 de xuño do 2009 ALTERNALIA
26, 27 e 28 de xuño do 2009
Paseo Marítimo de Moaña
Horario:
Venres 18:00-22:00
Sábado e Domingo: 10:00-14:00
17:30-22:00

MOSTRA DE BIOCONSTRUCIÓN ENERXÍAS RENOVABLES E ECOLOXÍA.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 24-06-2009 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ACTIVIDADES DE VERÁN NO COLEXIO DE SEARA. COA ASOSCIACIÓN DE OCIO E TEMPO LIBRE ENREDOS

A asociación ENREDOS de ocio e tempo libre, xunto coa colaboración do concello de Moaña levan acabo as actividades de Verán para nenos de 3 a 11 anos no colexio de Seara en horario de 9:30h a 13:30h.
A primeira inscrición será na Ludoteca Municipal de Moaña teléfono: 986 31 50 38
Pódese elixir a semana ou semanas que cada nen@ queira asistir, o prezo é de 20€ por persoa e desconto de 3€ por irmán.

do 06 de xullo ao 10 de xullo: III Olimpíada deportiva
do 13 de xullo ao 17 de xullo: Cóntame un conto
do 20 de xullo ao 24 de xullo: Voltan os Trogloditas
do 27 de xullo ao 31 de xullo: Pequenos cociñeiros
do 03 de agosto ao 07 de agosto: A voltas coa natureza
do 10 de agosto ao 14 de agosto: Toca mollarse
do 17 de agosto ao 21 de agosto: Luces, cámara e acción
do 24 de agosto ao 28 de agosto: III Entroido de verán
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 24-06-2009 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.22/06/09.

Un compañeiro preguntoume que tal estaba?
Respondinlle que estaba pleno, inspirado, cheo de cousas que contar.

Este fin de semana, estivo marcado pola chegada do verán, e co verán descuberta de placas e friccións emocionais , descuberta de intromisións finalmente dominados polo espazo.

Achegouse a min coa súa barba branca, domando baleas miserábeis, chamoume poeta e colleume da man.

Ademais estiven en recunchos e balconadas, antes de romper as lousas con tinta impaciente de nenos.

Non sei se eles se decataron de que o sábado para o domingo formalmente transcorremos unha estación enteira, pero ademáis as estrelas baixaron buscando a praia e inundáronse de confraternidade e doenzas. É certo que un sinte cando doe, cando sabe que ten algo que perder.

Cando nos mesturamos co día antes de coñecer o leito, entre sábenas de lino aos pés e alucinóxenas cores de madrugada, eu son a parte do poema que fala da memoria colectiva túa e miña. Había versos para todos encubertos, xa que calquera cousa que escriba procede de ti e de min e dela e de min e de outros.
Comentarios (0) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 22-06-2009 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ACHEGA AOS ACTOS DE HOMENAXE AOS POETAS BERNARDINO GRAÑA E MANUEL MARÍA.

O acto de homenaxe aos poetas Bernardino Graña e Manuel María viu da man dunha xornada de praia e calor abafante polo que o espazo elixido foron uns soportais dunha das rúas que unes as que o sábado pasado se inauguraron. O acto estivo guiado polo actor moañés , sempre amigo e presente cando consiste en homenaxear aos amigos e aos compañeiros...

As súas primeiras palabras foron para nomear a aquelas persoas que mediante mensaxes e adhesións ao acto de homenaxe quixeron estar presentes xa que lles era imposíbel asistir en persoa. Organizacións, escritores e amigos foron deixando no concello de Moaña estes escritos e notas que foron transmitidas por Celso Parada.

En nome da Asociación de Escritores e Lingua Galega, interveu a poeta de Gondomar, Marta Dacosta, que presentou un discurso cheo de emotividade poética, non sen antes facer unha proclama na defensa da lingua, acción repetida polos demais intervintes.

A continuación foi o propio alcalde de Moaña, e tamén poeta Xosé Manuel Millán Otero quen na súa intervención destacou a importancia de contar en Moaña con dous espazos nos que os nomes dos poetas estean presentes. Léronse a continuación diferentes poemas dos autores antes das intervencións de Saleta, compañeira de Manuel María e do propio Bernardino.

Con posterioridade descubríronse as placas cos nomes da rúa e do paseo, e a Asociación Meiramar Axóuxeres interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galiza e para finalizar o Himno Galego que os presentes cantamos até a súa última estrofa, o que lles supuxo aos membros de Meiramar Axóuxeres ter que improvisadamente continuar o himno, teño que dicir que de forma emotiva e excelente.

Como remate do acto as actuacións do cantautor Tino Baz e da Coral e Banda Solfa que se desenrolou no salón de actos do IES As Barxas.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 22-06-2009 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
de min e de outros.18/06/09.
Para min o verán chegou con esencia de polo ao limón tenro, con patacas fritidas e ensalada veraniega con toque de mazá e tomate parcialmente pelado.

Xa se sabe que cando chega o verán hai que desprenderse das pelaxes.

Onte desprendinme de varios pelaxes diferentes, a do meu cabelo natural, a da carga de traballo académico e a da dirección das mans insólitas. Pero sigo no mesmo sitio, na mesma man, na mesma fenda, coa mesma xente pero con máis e mellores olladas para o futuro.

Para min o verán chegou con esencia de polo ao limón tenro, con patacas fritidas e ensalada veraniega con toque de mazá e tomate parcialmente pelado.

E volven as ramaxes a ocultar intensamente os campos, e volvemos ás peles a facermos contar cos amigos como único elemento para andar e viaxar polo mundo.

Para min o verán chegou onte e hoxe a primeira treboada, descargou chuvia incomprensíbel. Despois de estar onte descubrindo Ítaca, levanteime hoxe cos pés no lodo. Xa veremos como se presenta a fin de semana.
Comentarios (1) - Categoría: de min e de outros. - Publicado o 18-06-2009 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
SANTIAGO CORTEGOSO GAÑA O PREMIO DE TEATRO RAFAEL DIESTE
O actor moañés Santiago Cortegoso acaba de conseguir o premio Rafael Dieste de Teatro que a Deputación da Coruña acaba de fallar. A obra gañadora chámase “0,7% Molotov” unha peza creada para atacar ás conciencias instaladas no benestar. Este premio que representa unha cuantía económica das máis importantes no panorama dos premios literarios en Galiza, ademais da publicación do libro e da posta en escena da peza. O actor cunha linguaxe dramática e poética acadou este premio, así o recoñecemento do actor traspasa a liña do escenario e convértese nunha firme promesa do teatro, non só na interpretación que leva moitos anos nas compañías, Teatro de Ningures, Lulú Teatro e a compañía afeccionada Teatro Aurín de Moaña, senón na construción do texto. Moitas felicidades polo premio. Moita merda!
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 18-06-2009 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal