Blogue persoal sen pretensións. Deseño gráfico, música, etnografía, país e sobre todo inconformidade, protesta, revolución e, a poder ser, moita beleza.
Dámos conta da convocatoria dun concurso de contos promovido dende a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.
Na seguinte ligazón tendes máis información: Concurso Contos Hipercurtos
BASES
Poderán participar todas as persoas que o desexen.
Establécense tres categorías (e cada participante será inscrito nunha delas segundo a súa idade o 1 de xullo do 2011):
a) nenos e nenas ata 13 anos;
b) mozos e mozas entre 14 e 30 anos;
c) maiores de 30 anos.
Os hipercurtos contos estarán escritos en galego, serán orixinais e inéditos e terán unha extensión máxima de 175 palabras.
A temática é libre.
Os hipercurtos contos presentaranse sen identificación, facendo constar o seu título. Acompañando a obra e nun sobre pechado, enviaranse os datos completos do autor ou autora (nome, apelidos, idade, enderezo, teléfono e unha fotocopia do DNI). No exterior do sobre deberá estar escrito o título do hipercurto conto entregado e a data de nacemento do autor ou autora.
Cada autor ou autora poderá presentar o número de hipercurtos contos que desexe.
Todos os hipercurtos contos deben ser entregados na secretaría técnica da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia (na rúa Belvís, nº 2; CP: 15703, Compostela; tfno.: 981 582 243), en man ou por correo (mellor certificado) antes do 1 de xullo do 2011, facendo constar no exterior do sobre ‘Concurso de hipercurtos contos’. O 17 de setembro de 2011 daranse a coñecer os gañadores e gañadoras.
Os textos enviados ao concurso pasarán a ser propiedade da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, renunciando os seus autores e autoras aos seus dereitos como tales.
Despois da elección dos textos gañadores, será publicado un caderno no que estes e outros textos, seleccionados entre todos os presentados, quedarán recollidos.
Os premios (consistentes en vales que se poderán cambiar por libros, discos ou outros produtos galegos nos establecementos que se indicarán aos premiados) quedan establecidos por categorías do seguinte xeito:
a) 70 €; b) 130 €; c) 100 €.
Haberá tamén un accésit de 60 € para o membro da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia mellor clasificado.
Os premios serán únicos e indivisíbeis. A xuízo do xurado e segundo a calidade das obras, poderase declarar deserto algún premio.
O xurado estará composto polos membros da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia que a Comisión Galiza designe. A decisión do xurado será inapelábel.
A participación neste concurso implica a aceptación de todas e cada unha das bases.
O prazo de presentación remata o 1 de xullo de 2011
Máis información en D. Bosco. Teléfono 981 582 243 e en http://fedboscogal.org
A plataforma cívica Queremos Galego! está preparando actividades de reivindicación para este mes das letras.
A primeira este mesmo sábado 30 de abril:
Queremos Galego convoca a toda a sociedade galega para un acto que ten a pretensión de se converter “nunha auténtica festa da nosa cultura”, unindo dúas perspectivas, a lúdica e a reivindicativa, como xa acontecera o ano pasado co gran macrofestival musical contra o decretazo celebrado en abril do ano pasado en Pontevedra.
A plataforma elixiu como título e como fío condutor do evento o verso do poeta nacional Manuel María “O galego é a chave coa que abrimos o mundo” e terá como escenario a Sala Capitol.
A partir das 19:30 horas comezarán as actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado, que se irán alternando coas palabras do actor Ernesto Chao, presidente de Escena Galega; a profesora e sociolingüísta Pilar García Negro; a escritora Teresa Moure; o escritor e académico Manuel Rivas; o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG); e, finalmente, Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego.
O acto será conducido polo humorista e artista gráfico Xosé Lois González “O Carrabouxo”, creador do “himno oficioso” da plataforma: o Mamá, eu quero galego, que millares de persoas corearon nas multitudinarias mobilizacións do último ano.
A plataforma porá nos próximos días á venda nos puntos habituais nas diferentes comarcas do país as entradas para o acto, que se venderán a 5 €. O diñeiro recadado destinarase a seguir financiando as actividades de Queremos Galego.
Tamén o propio 17 de maio haberá revindicacións do seguinte xeito:
Realizará concentracións expansivas en diferentes localidades de todo o país, para denunciar o desamparo autonómico que vive o noso idioma, chamar a atención social sobre a necesidade de actuarmos para revitalizalo e –xa que estaremos en plena campaña para as eleccións municipais– sinalar tamén a importancia de que os concellos sexan motores da defensa e promoción do noso idioma.
En Ourense haberá concentracións ás 12:00h en Allariz, O Barco, O Carballiño (Pza. Maior), Ribadavia (Pza. Maior), Ourense (Xardíns do Pai Feixó), Verín e Xinzo.
Todas as persoas interesadas en participaren lendo algún dos textos en defensa da lingua ou botaren unha man poden dirixirse á plataforma ou dar resposta a este correo. Fai moita falta movérmonos na defensa da lingua que nos une como galegas e galegos.
Recuperamos este artigo publicado en "La Voz de Galicia" o 5 de marzo de 2000. No texto, Carlos Casares, describe fielmente o que significou sempre o entroido para os limiaos e a “resistencia” dun pobo incapacitado para esquecer as súas tradicións.
Recordo que eran dous homes vestidos dunha maneira estrafalaria. Non sei se ían disfrazados de mulleres, de sotas de bastos ou de algo polo estilo. Foi hai bastantes anos, cando eu era neno, e a memoria non está xa moi fresca para lembrar sucesos tan lonxanos. O que si recordo con precisión é que a Garda Civil andaba detrás deles, metralleta en man, e que eles fuxían polos tellados. Eu vinos precisamente preto da miña casa, escondidos detrás dunha mansarda. Como quedaban apenas a un tiro de pedra, a pesar de que levaban a cara pintada de negro, recoñecín a un dos dous, era o Juan Manuel Tejada, un veciño noso, porta con porta, fillo da Lucita Peláez, amiga da miña nai.
Nun primeiro momento, como non había ninguén na casa, a non ser Maruxa, que estaba limpando e non lle prestaba moita atención ó que naqueles intres sucedía fora, eu pensei que debían ser atracadores, pois daquela, a presencia da Garda Civil armada asociábase case sempre co problema dos atracos, que era como se lle chamaba ás accións dos fuxidos a guerra no monte, anos despois de que esta rematara nos frontes regulares de batalla. Alí, na comarca da Limia actuaba, entre outras, a partida de Casto Cabezas, a que eu consideraba un heroe lexendario. De xeito que, durante algún tempo, ata que se aclarou todo cando os meus pais chegaron á casa, eu pensei que o meu veciño Tejada andaba metido no lío aquel dos atracos.
Por suposto non era así. O que ocurría é que estabamos no entroido e a Garda Civil, supoño que por órdenes superiores, prohibía calquer tipo de disfraces. Debeu ser entón cando eu aprendín que, ó chegaren as festas de carnaval de cada ano, a vila de Xinzo de Limia se puña en pé de guerra, por máis que ó principio, durante algún tempo, se chegase a unha especie de solución intermedia. Salvo no caso de algúns tipos arriscados e destemidos, xeralmente a xente moza, que facián cuestión de honor de saír á rúa vestidos de entroido en contra da prohibición e do perigo de pasar unhas horas na cárcere ou de pagar unha multa gubernativa, a maior parte dos habitantes da vila limitábanse a disfrazarse dentro das casas.
E de todos estos que recurrían a unha versión tan doméstica e familiar do entroido, habíaos de varias categorías. Os máis tranquilos permanecían no interior dos pisos, sentados na cociña ou no salón ou o pe do lume, facendo tertulia cos amigos, comendo o cocido e as filloas, e bebendo. Pero de repente, como si lles entrase o formiguillo, cada pouco, puñan a careta, preferentemente a pantalla característica de Xinzo, daban un par de voltas batendo coas vexigas de porco contra a man, movendo a cintura para que soasen as chocas e os axóuxeres, emitindo aquel berro gutural típico, tan parecido a un pequeno aturuxo, e durante un par de segundos convertían a casa nun carnaval. Logo quitaban a careta, puñan de novo a cara de todos os días e proseguínan con toda serenidade a conversa que deixaran interrumpida.
PROHIBICIÓN
Había outra especie, dentro desta mesma categoría dos que non se atrevían a saír a rúa por culpa da prohibición, pero que tampoco renunciaban a celebrar o entroido dentro das casas, que elexían unha solución intermedia, entre o estrictamente privado e o público.Estos saían disfrazados as ventás e ós balcóns, facían as monadas que se lle ocurrían ou que eran inherentes ó tipo de disfrace elexido e logo saudábanse discretamente entre eles, de casa en casa, dun lado ó outro da rúa, en silencio, con movementos de mans ou de cabeza. Era como unha festa de mudos. Polas rúas, mentras tanto,non circulaban máis que a Garda civil e a xente aburrida.
Houbo un momento no que, ou ben por cansancio das autoridades, que se vían incapaces de frear aquel trebón de vitalidade irrefrenable, ou ben porque alguén con sentido común debeu chegar á conclusión de que non tiña sentido de ningún tipo, nin común nin do outro, prohibir o carnaval, o caso foi que este pasou a ser definitivamente tolerado. Polo tanto, nos anos cincuenta, o entroido celebrábase en Xinzo de Limia polo grande, con miles de persoas lanzadas á rúa e vestidas de todas as loucuras inimaxinables, incluídas algunhas tan pouco santas que aínda hoxe parece imposible que non foxen obxecto de algún tipo de sanción ou de censura.
Cando se tiña conquistado aquela especie de bula especial concedida de xeito tácito pola autoridade civil, apareceu polo medio o señor cura párroco. Era daquela Don Cesáreo, un home alto e delgado, cunha certa semellanza física co Papa Pio XII, elegante e solemne, un pouco altivo, que decretou desde o púlpito que disfrazarse era un gravísimo pecado mortal. Como eu estaba aínda na edade da inocencia, non entendín ben os motivos daquel anatema, pero polo que lle poiden escoitar ós maiores, a cousa tiña que ver co xeito de que algunhas persoas pouco decentes aproveitaban o anonimato e a impunidade que lles otorgaba levar a cara tapada, para pecar. Xa se sabe contra que mandamento.
Durante algún tempo, algunhas persoas aceptaron o novo código de xeito radical, o que supiña non poder disfrazarse de ningunha maneira, nin sequera coa cara destapada porque, segundo a doctrina moral, na versión xupiterina interpretada por don Cesáreo, o simple feito de participar no entroido implicaba cooperar activamente no pecado dos demáis. Pouco a poco , sen embargo, a fidelidade á rixidez da norma empezou a afroxar, incluso con fieis bastante fieis, como podían ser o caso da miña nai e as súas amigas, que non estaban dispostas a renunciar a algo tan inocente como era vestir os seus fillos de figuríns e levalos de adorno ós bailes para nenos do casino.
ORGULLO E VERGOÑA
Aquela relaxación da miña nai, tan escrupulosa sempre cos mandatos da Igrexa, a non ser en cuestións políticas, que nunca acatou nin siquera na época franquista, foi unha verdadeira desgracia para min. Ainda recordo como se fixe onte, un dos días máis tristes da miña vida, entrando pola porta do salón nobre do casino, dandolle o brazo á miña irmá, eu vestido de cordobés e ela vestida de non sei que. Incapaz de chorar por orgullo, sentía unha rabia insoportable, que me levaba a non responder cando me falaban, a fulminar á miña irmá con ollos de lume e convertirme nunha especie de túzaro que se negou reiteradamente, polo procedemento de arrimarse contra unha parede, mirar ó chan e non dicir palabra, a saír ó medio da pista de baile para bailar a raspa.
Aquel día acabaron para sempre as miñas posibilidades de aprender a bailar nin siquera o pasodobre. Esa foi tamén a razón de que máis adiante, cando era adolescente e os meus compañeiros de pandilla empezaban a ir ós bailes dos maiores no casino, vestidos coa pecaminosa mascarita, durante anos centro dos ataques de don Cesáreo desde ó púlpito, eu permanecese á marxe, privándome por ese motivo das festas que eles logo me describían con toda clase de detalles, dándolle así a razón indirectamente ó señor cura párroco. É decir, que nos bailes, con aquela túnica negra, que cubría todo, desde a cabeza ata os pés, e que aseguraba un anonimato total, se pecaba.
Coincidiu aquel descubremento cunha etapa de fervor adolescente, o cal me levou a instalarme nunha posición moral de intensidade baixa, unha decisión que implicaba que, por un lado, non me puña a terrible mascarita pero polo outro tampouco aceptaba o que se podería chamar con bastante propiedade "a doctrina Cesáreo" que como dixen antes, na súa formulación extrema establecía que un non se podía disfrazar nin siquera coa cara descuberta.
A primeira vez que decidín violar a norma, púxenme de acordo cun compañeiro daquelos anos, Manolito Dobaño, encargamos nun carpinteiro unhas caixas de limpiabotas e con elas na man nos botamos á rúa.
Sucedeu , sen embargo, que aquelo que nós concebíramos nun principio só como unha broma, acabou convertíndose nun negocio, prácticamente sin inversión económica de ningún tipo, pois en vez de betún ou crema, o único que gastabamos os dous limpiabotas era un pouco de chuspe que lle botabamos ós clientes nos zapatos. Aqueles foron os primeiros cartos que gañei pola miña conta e non o atribuín tanto ó mérito propio nin a disposición especial para os negocios, como unha especie de premio otorgado polo ceo. De xeito que aquel botín foi a proba e a confirmación de que don Cesáreo non interpretaba correctamente a moral cristiana nos asuntos realacionados co entroido. Ó ano seguinte puxen a mascarita e fun ó casino con ela, sen intención de bailar.
De súpeto, en cambio, non se me ocurre outra cousa que sacar a bailar a miña nai, que estaba sentada co meu pai nun sofá. Para despistala, dinlle a man cambiada, como se eu foxe tamén muller, e finxín, poñendo aquela voz de rato característica das mascaritas, que era amiga do seu fillo, é decir, de min, e que estaba namorada. De primeiras, noteina preocupada, como sorprendida de que eu, un rapaz de quince anos, tivese unha moza e ela non soubese nada, pero de seguida se repuxo e empezou a eloxiarme con discreción e con elegancia, pero igualmente con paixón de nai. Gustoume cando dixo que era un fillo estupendo. Nese instante quixen quitar a máscara e darlle un bico, pero non me atrevín. Acababa de descobrir , eso si, que o entroido non era pecado.
Xa falamos dos adxectivos chisco, que aplicado á voz ollo significa miope e chosco, que sempre se aplica a ollo con diversos significados. Te-los ollos choscos é tanto como telos chiscos, miopes, estrábicos e tamén tortos. Polos datos léxicos que temos recollidos dos falantes galegos chosco é a palabra máis usada para referirse a quen non ve por un ollo, é dicir, a quen é torto.
A voz torto procede do participio latino TORTU, isto é, do verbo torcer. Por tanto a súa significación orixinal é a de torcido, revirado, curvo, etc. De aí que esta voz sexa aplicada a moitas cousas: calquera esguízaro mirrado de pernas tortas e cara fea (Curros), cangado de ombros e torto de pernas (P. Martín), e ten a boca torta nunha mueca de disgusto..., ten o bico torto (S. Toro), os tortos consellos da miseria fórano empurrando cara a escravitude (Castelao).
Este adxectivo aplicado a tantas cousas que teñen algún defecto tamén se aplica ós ollos que están torcidos, que son defectuosos, estrábicos, birollos, etc., pero pasou con el o mesmo que con chosco, é dicir, que se especializou pola maioría dos falantes en aplicalo ó ollo que non ve ou a quen ten un ollo nesas condicións.
Son moitos os falantes que o empregan nesta significación que está loxicamente recollida en tódolos dicionarios. No de Eladio Rodríguez aparecen varios refráns: Cando pases pola terra dos tortos, pecha un ollo, máis val ser torto dun ollo que cego dos dous... E naturalmente é moi usado polos escritores: quedara torto do ollo esquerdo (Cunqueiro), a besta xa era moi vella e torta do ollo dereito (Fole).
Quen ten un ollo sen vista é chamado por algúns falantes da provincia de Ourense breco, adxectivo que é recollido en bastantes diccionarios, pero que non é tan corrente como torto ou chosco nos diferentes niveis da lingua. Sen embargo con esta voz pasa como coas outras citadas. Non sei se na vida real ocorre o que din algúns diccionarios que lle dan tamén a significación de “que ten a vista torcida”...
Non teño idea clara de onde procede esta palabra. De todas formas quero sinalar que Fr. Martín Sarmiento nos fala así de breque: “Llaman en Galicia a un tuerto ollo breque. La Academia, en breca, trae la expresión... y significa el ollomol gallego... así ollo-breque o ojo de breca corresponde a los ojos de besugo...”
Talvez poidamos pensar tamén na voz breca “contracción involuntaria dalgún músculo, que produce dor”, é dicir, cambra. Un ollo que sofre brecas puido ser chamado ollo breco e despois breco pasou a ser sinónimo de torto ou chosco...
Citemos por último a voz meco que serve como nome para chamar a ese personaxe lexendario ó que lle botan as culpas de todo, ou para denominar certas máscaras do entroido en certos espantallos.
E como adxectivo pasou a ser sinónimo das palabras citadas, segundo aparece recollido en bastantes diccionarios.
En fin, para denominar a quen está falto da vista dun ollo temos en galego varias voces: chosco e torto moi correntes e breco e meco pouco usuais. E repetimos: na fala popular todas estas voces aplícanse tamén para denominar outros defectos da vista.
Como corre o tempo. Acaban de coller o camiño de Oriente os Magos, aínda non acabamos de pasar as primeiras fases do último xogo da Nintendo que o Apalpador nos deixou no Nadal e xa estamos dentro doutra festa tradicional. O noso entroido.
Xa noutras ocasións temos falado deste tema tan interesante no noso blogue. Lembramos estas vellas entradas polo seu interese: Tempo de entroido, antroido, entrudo, antrueju... ou estoutra: O Entrudo do norte portugués ou o do sul da Galiça?.
Imos meternos en fariña con achegas de colexios de diversos centros escolares que, a ben seguro, vos darán ideas para este tempo de troula e imaxinación. Mais antes uns pequenos apuntamentos sobre o ciclo do entroido galego (sacado integramente da Wikipedia):
O CICLO DO ENTROIDO
O ciclo do entroido é o período de tempo relacionado coa festividade do entroido. Non ten datas fixas, ó depender da pascua e a coresma.
O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda, ademais de na realidade non ser o ciclo máis longo pois este é en Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as campadas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións mais longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo da comezo o día de San Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo da comezo o día de Candelas (2 de febreiro).
Estas son, por orde, as súas principais datas en Galiza.
• o domingo fareleiro. Os rapaces emporcallan a xente, sobre todo as rapazas e as mulleres, con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes.
• o domingo oleiro. Os homes xogan a guindarse uns aos outros unhas olas de arxila sen que lles rompan.
• o xoves de compadres. Ten lugar unha simbólica guerra de sexos: as mozas fan bonecos ("compadres") e quéimanos loitando cos mozos, que para impedilo bótanlles ás mozas auga, borralla...
• o domingo corredoiro os rapaces e mozos botan auga, ovos podres, borralla, lama e mesmo formigas á xente. Celébrase tamén a corrida do galo, onde os mozos teñen que tentar arrincarlle a cabeza á ave cun pau ou coas mans. O que consegue matar o galo lévao. Na versión infantil, soltábase o galo nun recinto e os rapaces corríano ata esgotalo. Logo faise unha gran comida co mellor da matanza.
• o xoves de comadres. Ao xoves seguinte repítese o ritual do xoves de compadres pero o revés. Neste caso son as comadres, as mozas, as queimadas.
• o domingo, o luns e mais o martes de entroido son os tres días grandes desta festividade, se ben conforme as distintas vilas pode ser máis importante o domingo, o luns (Laza) ou o martes. Neles fanse as grandes esmorgas, os desfiles de máscaras polas rúas ou polas corredoiras e os bailes de disfraces.
• o mércores de cinza, cando se celebra o enterro da sardiña. Á noite sae a xente envolveita nunha saba e levando botafumeiros feitos de folla de lata nos que arden zapatos vellos, goma de pneumático e todo que cheire mal. Imitan a procesión de enterro dunha criatura, a sardiña, que representa a diversión e a felicidade. Noutras localidades prodúcese a queima do meco do entroido, cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xexún en que os católicos teñen prohibido comer carne.
• o domingo de piñata ten un carácter netamente urbano e moderno. A piñata é un xogo traído de Italia no século XVIII, e que consiste en romper cun pau, levando os ollos tapados, unha ola que pende dunha corda, chea de confetti, auga, fariña ou incluso cun pombo vivo.
Nun relato do libro Cousas fala Castelao de Baltasara, unha rapaza criada pola caridá de todos, que aparecerá dentro dun queipo, a carón dun cruceiro, que non tiña pai nin nai...
Probablemente algúns lectores coñecen ben a verba queipo ou a súa variante queipa porque a usan na súa fala familiar. Queipo é voz coñecida no norte da provincia de Ourense, no sur da de Lugo e nalgún outro lugar illado para denomina-lo que en moitos máis sitios chaman carabel ou carabela, é dicir, un cesto pequeno. Normalmente o queipo leva unha asa para podelo pendurar do brazo.
Resulta mesmo moi difícil distinguir ben o significado concreto das voces correntes cesta e cesto e moito máis doutras palabras sinónimas como azafate, nego, paxe, paxeta, goxa, goxo, canastro, etc. porque son distintas as súas formas e os seus usos segundo os lugares. Hai palabras como barreleiro, culeiro e vendino, que son cestos para recolle-la uva, ou como patela, que é usada para levar peixes, que teñen sempre esa significación. E aínda poderiamos citar máis voces con que se coñecen outros tipos de cestas e cestos. Volvendo ó noso queipo de hoxe, queremos dicir que esta palabra chamou a atención dos etimólogos, que non se poñen de acordo sobre a súa orixe. Parece que o máis doado sería pensar nun étimo do latín vulgar CAPIUM, procedente do verbo CAPERE ‘ter cabida’, que desde un punto de vista de fonética histórica evolucionou normalmente en galego. Pero hai quen pensa que está relacionada coa nosa voz gavia, mentres que algúns coidan que é voz xermánica e outros que céltica.
Queipo é voz exclusivamente galega e non hai formas irmás noutras linguas romances se partimos da idea de que é un descendente de CAPIUM.