| QUE ELES/ELAS POIDAN |
|
Blogue destinado ao intercambio de experiencias, ideas, lecturas, preocupacións, satisfaccións, inquedanzas, etc. da CMEI (Coordinadora de mestras/es de Educación Infantil)
|
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Contos de ida e volta |
|

Contos de Ida e Volta é unha escolma de contos coordinada polo Proxecto Ronsel traducido a tres idiomas, Inglés, Francés e Español. A coordinación foi levada a cabo por Pablo Carpintero e Anxo Fernández Ocampo e realizada e reescrita por Xabier Xil Xardón. A obra foi patrocinada pola Universidade de Vigo e o Proxecto Ronsel de inventario, salvagarda e posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia, financiado pola Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Innovación e Industria e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Esta publicación foi cofinanciada con fondos da Unión Europea para o programa LLP-Erasmus. Se queres desfrutar deste libro, preme enriba do título que aparece a continuacón: CONTOS DE IDA E VOLTA |
|
|
|
|
| 13 lúas. O ciclo anual da tradición galega |
|

A Asociación de Gaiteiros Galegos presenta un traballo audiovisual que leva por nome "Trece Lúas". As lúas que compoñen o ciclo do ano, ou os doce meses do calendario; as lúas que dende tempos ancestrais foron guía da vida; as lúas que puxeron data aos traballos e tamén ás festas; as lúas que levan aparelladas unha fonda tradición cultural que chega ate os nosos días e agora queremos lembrar. Convidámosvos a facer unha viaxe no tempo, unha viaxe de doce meses con cadansúa canción, co ciclo do ano como fondo da escena.
"Trece Lúas" é unha proposta de lecer, para gustar da nosa música, aquela que sempre estivo aí e que neste disco presenta dun xeito actualizado. Pero esta proposta vai moito máis alá. Como continuación da liña seguida en traballos editados anteriormente "O Quiquiriquí" e "Pelo Gato 24", trátase dun material didáctico que pretende axude en boa medida á difusión da nosa cultura.
Unha ferramenta pensada para facer chegar, sobre todo aos máis novos, un anaco do que somos e do que queremos seguir sendo.
1.- Marzo - "Pascua"
Música: Tradicional
Letra: Comba Campoy
Arranxos e adaptación: Bernardo Martínez
VOCES DE NEN@S:
Alba Maceira, Claudia de los Santos, Celtia Louzao, Alejandro
Pombo, Salvador Rendo, Catuxa Gontá, Uxía Rey, Iria Levoso,
Malena AlarcÓn.
TEÑO FLORES AMARELAS
TÉÑOAS BRANCAS E VIOLETAS
TEÑO UN CRAVO ENCARNADO
PRA FACER UNHA PEINETA
POLO MEDIO DESAS SEBES
AGOCHEI UN OVO BRANCO
PRA TI MEU PEQUERRECHIÑO
SE O QUERES TES QUE ATOPALO
NUN RECUNCHO DO TELLADO
FIXO O NIÑO UNHA ANDURIÑA
FOI XUNTANDO PALLA E TERRA
CONSTRUíU UNHA CASIÑA
TEÑO UNHA ROSCA BEN GRANDE
FEITA CON OVOS MARELOS
VOUNA CORTAR EN ANACOS
PRA DELA TODOS COMERMOS
DEBAIXO DUN AMENEIRO
ATOPEI UNHA XOANIÑA
CANTOS ANOS HEI VIVIRE?
O REI REI VOOU AXIÑA
O DÍA E MAIS A NOITE
HOXE FORON IGUALIÑOS
NON TEÑAS MEDO AO ESCURO
VéN O SOL COS PAXARIÑOS |
|
|
|
|
| Rosalía hoxe e sempre |
|

Onte, 24 de febreiro cumpríronse 173 anos dende o nacemento de Rosalía de Castro e, neste mesmo ano, celebramos o 125 cabodano do seu pasamento. A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) realizou este mércores a lectura simultánea dun manifesto en varias cidades do país "Manifesto do día de Rosalía. 24 de febreiro de 2010".Reproducimos aquí o seu manifesto.
Tamén aproveitamos para convidar a todas as mestras e mestres de educación infantil a achegar a figura da escritora aos máis cativos, coa lectura dalgúns poemas. Sorprenderavos como gustan e como prestan atención.
Manifesto no día de Rosalía
Noutro 24 de febreiro nacías, Rosalía, no Camiño Novo, nas inmediacións de Santiago de Compostela, a poucos quilómetros de onde se escribe esta lembranza. Hoxe celebramos o teu nacemento unicamente por termos así un punto de referencia para te homenaxearmos porque, para actuarmos con propiedade, deberiamos celebrar o día en que escribiches tal ou cal poema, o día en que decidías dar ao prelo o poemario inaugural do primeiro Renacemento, o día en que remataches o prólogo de Follas Novas, ou tantos outros días decisivos para a escrita en galego cuxa data exacta descoñecemos e que, daquela, non podemos conmemorar.
Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país -o país "en que me eu criei", como ti dirías-, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo e dos moitos cambios que operaron no mundo. Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquinas. Con toda seguranza, celebrarías o progreso económico, que nos libra de ver por toda a parte, como ti viches, a miseria e os padecementos dunha sociedade empobrecida que queremos deixar atrás, aínda que seguramente o teu ollar, atento aos detalles, se decataría con precisión de que o luxo consumista en que nos bambeamos non ten nada a ver coa xustiza nin abrangue toda a poboación. Porque ti, Rosalía, non escribías poemas para exercer de delicada nin de dama triste e mexeriqueira, senón coa intención de condensares na escrita a forza revolucionaria que levan as palabras dentro. "Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres", escribiches hai case cento trinta anos e, con todos os matices que cumpra introducir, este texto segue a nos conmover pola reivindicación das clases traballadoras e da situación especial das mulleres. Non importa se os labregos e mariñeiros non representan xa a maioría dos galegos porque a preocupación social dos teus versos podería aplicarse por igual ás masas proletarias, separadas da sociedade do benestar por marxinación social ou desemprego, e se nos teus poemas os mozos labregos emigran á Habana, na actualidade marchan a Canarias ou xogan a seren cidadáns de ningures nun sistema capitalista que non sabe de patrias.
Se puideses saber como vén sendo interpretada a túa obra, -como punto de arranque, como peza chave, como exemplo dunha rara lucidez-, ti que non fuches vaidosa, descansarías en paz. Aínda que para iso habería que evitarche o coñecemento de seres tamén malinterpretada, manipulada e lida en certos círculos, sobre todo fóra da Galiza, como soñadora melancólica, como intimista romántica, todo por teres dedicado algúns poemas á infinita dor da existencia, o que parece convertelos en material máis doce, menos atrevido que a maioría da túa escrita. Sen dúbida, fuches tan adiantada ao teu tempo que militaches en causas que aínda non se recoñecían como tales, nin tiñan quen as defendese. Así se explica que o que hoxe chamamos violencia de xénero e aparece nos medios de comunicación como un asunto actual, como un problema acabado de detectar, estivese xa naqueles versos de Follas novas: "Que hai uns negros amores de índole pezoñenta/ que privan os espritos, que turban as concencias,/ que morden si acariñan, que cando miran queiman,/ que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan./ Máis val morrer de friaxen/ que quentarse á súa fogueira". Seguro que se vivises hoxe entre nós os seminaristas volvían apedrear as túas xanelas, aínda que se cadra só te insultaban por blogue: as formas poden variar mais, con toda probabilidade, seguirías estando nas barricadas. Por iso o pouso da túa obra fica ao fondo. Por iso, neste día de homenaxe, sobre todas as cuestións que espertaron o teu interese, quizais deberiamos atender especialmente o teu compromiso coa lingua. "As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles" porque hoxe eses versos son xa accesíbeis a quen os causou. Nunca na historia precedente tivemos a totalidade da poboación alfabetizada e coa posibilidade de frecuentar libros (de os sobar, de os ler, de os aprender, de os adquirir, de os comentar, de se impregnar deles). Daquela estamos xa na época en que as multitudes dos nosos campos poden coñecer sen mediadores o que ti dixeches só en certa forma para elas. Mais esta situación feliz foi producirse nunha época en que todo vai ás présas. Ti dicías que dez anos son moitos a xulgar pola présa con que hoxe se vive e nin te imaxinabas canto máis apurado se pode andar, como andamos agora, correndo sen sabermos onde nin detrás de que. Porque cando tiñamos todo para nos envolvermos como sarillo na historia pasada e comezar a florecer, os ánimos afrouxan. Dixéronnos que o mundo era todo igual e que se expresaba en inglés e moitos acreditan en tal desatino, volvendo as costas ao que é de seu e soñando con vestiren coma outros, con falaren coma outros, con seren coma outros... E como non sería cousa de chamares as xentes á guerra para logo desertar da bandeira que ti mesma levantaras, Rosalía, se estiveres entre nós, estarás en aberta oposición aos sectores da sociedade que reclaman a súa liberdade a non seren galegos, a non se construíren como tales. Como tantos libros enganosos, que só din medias verdades, contan que eras unha dama do XIX, de non fitarmos en profundidade, podemos esquecer que eras -e es, que a túa obra vive- unha activista comprometida, que non andabas con florituras nin escribías de pombas e flores por teres alma de muller, que o teu compromiso coa nación e coa lingua foi tan alto que todo o que tivo un eco por leve que fose, con tal que chegase a te conmover, todo isto ousaches cantar para declarar perante os que sen razón nin coñecemento ningún nos desprezan "que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que [...] demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que se pode facer dunha provincia a outra provincia irmá por probe que esta sexa". Contigo aprendemos a ser elos dunha cadea, a non renegarmos, a recoñecermos que só sendo galegas e galegos podemos ser universais. Que o peso da terra sexa leve, compañeira! |
|
|
|
|
| En galego, proba e verás |
|
Coñecéronse en Nova York. Ela é galega e el brasileiro e entendéronse perfectamente porque co galego se chega a todo o mundo. |
|
|
|
|
| Orgullos@s do galego |
|
|
|
|
|
|
| As aulas e o despacho |
|
30-xaneiro-2010, IES Ás Fontiñas de Santiago de Compostela. Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010. Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) remata a súa ponencia. Este é un extracto do debate posterior. O enfrontamento entre os/as docentes e o responsábel de política lingüística é palpábel.
Grazas a X.V.G. polo enlace. |
|
|
|
|
| O Entrudo do norte portugués ou o do sul da Galiça? |
|
ENERXÍA INAGOTÁBEL DOS CARETOS
Despiden o inverno e saúdan a Primavera, para os Caretos o Carnaval é un ritual entre o pagán e o relixioso, tan natural como o paso do tempo e a renovación das estacións. En Podence, concello de Macedo de Cavaleiros, tódolos anos é así. Chegado o mes de febreiro, os homes poñen os traxes coloridos (elaborados con colchas franxeadas de la ou de liño, en teares caseiros) esconden a cabeza dentro dunha máscara de lata, prenden unha fileira de chocas ( chocalhos) no cinto e bandoleiras de campaíñas e despenden toda a enerxía do mundo para recibir o calor e os días maiores que se presten a chegar. Normalmente, contan cos favores do Sol, magnánimo para quen louba o seu reino con tanto fervor. Relixioso tamén, pois así se marca, cos últimos estertores da festa ( a folía) o inicio da Coresma. Período de calma, reflexión e contención do calendario relixioso. A cansar no Carnaval para acalmar até à Páscoa!
Din algunhas fontes que a festa de Podence se perde na orixe dos tempos até as antigas Saturnais Romanas – celebración na honra de Saturno, Deus das sementeiras. Procúrase acalmar a ira dos ceos e garantir favores dunha boa colleita. Neses tempos, por fortuna idos, da agricultura de subsistencia, a diferenza entre a vida e a morte case se cinxía á dimensión da labranza. E a dupla máscara acentúa a relación, ao lembrar unha das dúas importantes divindades romanas: Xano Deus do pasado e do futuro e tamén do presente, señor das portas e entrada, da guerra e da paz e dono de todos os principios.
O fillo de Apolo, que un día partillou o trono con Saturno e conxuntamente civilizaron aos habitantes de Italia, levándoos a tal prosperidade que ao reinado chamaron de ouro, é xeralmente representado con dúas caras por ser do pasado e do futuro, e principalmente, por ser símbolo do SOL, que aparece pola mañá e se esconde pola noite. Pasados á parte, en Podence aínda hoxe a agricultura é a principal actividade da poboación. Da terra extráense cereais e castañas, aínda que nos últimos anos, ten aumentado a produción de aceite.
A aldea de Podence parece ter forza suficiente para manter a tradición e garantir a vida a estas figuras, recheos de homes endiañados, armados de choca e rédea solta para as tropelías. Nos anos 70, estivo a tradición por perderse, á conta dos últimos anos de ditadura e do fenómeno da emigración. Recuperada unha década máis tarde, cando algunha prosperidade fixo respirar un pouco o interior, que abrazou tamén o regreso dalgúns dos que tiñan ido á aventura. Hoxe serán corenta decenas os homes con fatos de Carreto e enerxía para invadir a praza na aldea o domingo e martes (terça feira) de Entrudo.
E o futuro está garantido, pois hai moitos Facanitos (nenos con fatos idénticos aos mais vellos), dispostos a tomar a testemuña. Os outros, abren as adegas para apagar a sede os folgazáns. A inmunidade conferida pola máscara, permite aos Caretos mergullarse nos excesos. Sendo as mulleres solteiras as vítimas preferentes. Péganse a elas e ensaian estrañas danzas con contido erótico, axitando a cintura e batendo cos “chocalhos” nas ancas das vítimas que para ben do corpo acompañan a danza. Danza chamada “chocalhar”. Entre o barullo festivo, a risotada e o alarido lémbranse outros tempos en que as mulleres se escondían na casa pois os folións ían moito máis alá dos “chocalhos”, lanzando cinza e bosta e fustrigando as incautas con pel de coello seca ou vexiga de porco afumada. Para non falar no baño de formigas, broma pesada e cruel con especímenes selvaxens recollidos nos campos durante meses.
Adaptados ou non a tempos de mais brandos costumes o Carnaval de Podence mantén o clima fantástico de antes. Sedutores e misteriosos, os Caretos gardan a maxia dos tempos en que as historias xunto á lareira franqueaban a entrada en mundos de soño. A eles permíteselles todo; o anonimato dálles prerrogativas, dálles poder. Por dous días no ano os homes son “crianças” e quen máis brinca máis poder ten.
|
|
|
|
|
| Tempo de entroido, antroido, entrudo, antrueju... |
|

"Días nos que está permitido o que non o está no resto do ano... en que se poden facer cousas que noutro tempo parecerían moi mal, serían faltas graves contra da boa crianza e aínda contra as mesmas leis… O entroido presenta certo aspecto de "o mundo ao revés"
Vicente Risco
Nestas datas ben seguro que andas a argallar os disfraces dos nenos e nenas do teu cole. A buscar o xeito de que con pouquiños cartos saian as criaturiñas ben feitiñas e vistosas para as fotos de mamás, papás e avós. Un saquiño de plástico por aquí, unhas fitas de cores por alí e uns enrediños do todo a cen por acolá e xa temos un exército de bolboretas, indios, pallasos ou policías; as cartas da baralla francesa ou fichas enormes do parchís.
É, quizais, a actividade escolar que máis gusta ás famílias, agás a festa fin de curso cando participan os seus.
Mais non debemos esquecer as raiceiras destas datas, as orixes da festa e as súas representacións máis auténticas e ancestrais se non queremos converter o Entroido nun simple carnaval no que prime tan só a beleza do traxe morrendo o espírito e as razóns da auténtica antroidada. Porque o Entroido, Antroido, Entrudo (no veciña Portugal), Antrueju (en Xamora), etc., é algo máis que un disfraz, son milleiros de tradicións, tanto gastronómicas como musicais, de rebeldía diante da opresión, de desafíos entre parroquias...
Para que os nosos nenos e nenas, amais de porse tan guapos, poidan entender o verdadeiro significado da festa aconsellámosche esta páxina do Siega: Especial de Entroido, onde se nos conta, entre outras cousas, as orixes do Entroido, os costumes asociados á data e as diferentes formas de representar o Entroido tanto en Galicia como noutras partes do mundo. |
|
|
|
|
| Para animar en galego. Sen escusas nin atrancos |
|

A Comisión Xalgarete presenta o mércores 10 ás 20:00 h, na Livraría Torga de Ourense, a súa última publicación: Para animar en galego, sen escusas nen atrancos.
" ...No verán do 2008, catro compoñentes da Comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense, iniciamos un modesto estudo sobre o idioma empregado normalmente na animación do tempo libre para dirixírmonos aos nosos destinatarios e destinatarias...."
Nesta publicación poderemos ler como a comisión Xalgarete desmonta os prexuizos e argumenta as razóns para facer un uso normalizado do galego.
Estamos todos convidados a participar no acto de presentación que será na Livraría Torga (na Rúa da Paz, 12).
Os intervintes serán: Adrián Rodríguez Cruz, María Xesús Sánchez García, Carlos Hermida Corbal, Pablo Sobrino Novoa e Xulio C.Iglesias Blanco. |
|
|
|
|
| Ríndonos coa lingua. Non da lingua (5) |
|
 Pepe Carreiro, Vigo (1954)
Ilustrador e deseñador de BD, comezou en 1977 coa banda "O fillo de Breogán" no voceiro comunista "A Voz do Pobo". Foi un dos fundadores de " Can sen Dono", revista que chegou a dirixir, e ten colaborado con publicacións como "Teima", "El Pueblo Gallego", "Hoja del Lunes de Vigo", " Faro de Vigo", " A Peneira", " La Voz de Galicia", " A Nosa Terra" ou " La Codorniz". Publicou a saga "A retirada de Sir John Moore" na revista primeira etapa da revista "Golfiño", que despois foi recompilada en formato álbum por Xerais. Outras creacións súas inclúen "O curral de Don Mundo", "Maxistérico", "O galo Camilo" e "Robinson". Como ilustrador para nenos ten acadado moita fama, asinando a serie " Os Bolechas". Ten desenvolvido a publicación infantil "Bule bule" e publicou o álbum "Compostela, historia dunha lenda" (ed. Toxosoutos, 2003) da que se tiraron dez mil exemplares. Na mesma editora viu a luz a súa serie de álbumes "Os Barbanzóns" (2003), unha revisitación asterixiana.
Premios
Por toda a súa traxectoria recibiu en 2003 o Premio Ourense de Banda Deseñada, que recoñece cada ano unha iniciativa ou persoeiro relevante da novena arte en Galicia.
(Biografía sacada da web culturagalega.org) |
|
|
|
|
|
|
|
|
|