bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ollo cos fungos nos bacelos
Esta primavera está a ser atípica, choiva e frio, con ratos de sol e temperaturas suaves. No godello xa vin o inicio do ciclo do Mildeu, mañán toca dar Cobre mesturado con Aceite de Salvia. No Tempranillo (arauxa, castellana...)non se vei enfermidade ningunha pero está moi retrasado o nacemento dos acios, non tanto a vexetación. A méncia está fermosa, un bo equilibrio de acios por planta, un crecemento vexetativo moi regular (hai xente que se queixa que este ano o medre da vexetración é irregular)e non vexo nada de enfermidade. De momento só apliquei esa tempada de atrás Xofre en pó, posiblemente volte a aplicalo na semán que ven.
En Valdeorras o grande problema que hai é o Black Rot (peste negra), eu non teño, pero vin viñas con moitas manchas desta enfermidade nas follas.O fastidiado é que a única solución é que mude o tempo e veñan temperaturas altas sen choiva.
Necesitamos calor e que pare de chover para ter unha boa colleita.
Comentarios (2) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 30-05-2008 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
O EXTERMINIO DO CAMPESIÑADO
Permitideme que reproduza este artigo de XM Beiras publicado no Galicia Hoxe.

Galicia Hoxe 04/05/2008
XOSÉ MANUEL BEIRAS

É talmente iso, un exterminio. Calquera outro vocábulo cun valor significante menos rotundamente terminal viría ser un eufemismo. E non valen eufemismos para expresar a traxedia que está a padecer o campesiñado galego. Non valen moralmente, porque o simples feito de utilizalos convirtiríanos en cómplices encubridores dos poderes e forzas económicas que están a consumar esa falcatruada. E máis constituiría tamén unha treizón á traxectoria secular do nacionalismo galego e, portanto, ao cerne da conciencia social do noso povo e á fonte máis limpa das suas enerxías para a loita pola propria existencia colectiva. Para a revolta, se é ise o vieiro que compre escoller para exercermos a dignidade, para conseguirmos o benestar social, para sermos un povo ceibe, para liberármonos de calquer caste de tiranía que coute as nosas mans e tolla o noso esprito. Mais tampouco non valen os eufemismos semánticamente, porque só ao dicirmos exterminio empregamos a verba que define certeiramente o resultado dun proceso de extinción desencadeado e consumado a mantenta por un axente exterminador doadamente identificábel: o voraz capital depredador.
* * * * *
Se o poder político non impediu, primeiro, nen atallou, até agora, ese proceso exterminador, non foi por falla de diagnoses, pronósticos e terapias enunciadas e postas ao seu dispor dende o seo da sociedade civil galega. Diagnoses acertadas da patoloxía socioeconómica do sistema agrario labrego, elaboradas no ámbito das ciencias sociais polo pensamento galeguista dende ben antes de que se encetase a destrución -que non modernización- dese sistema e que o campesiñado galego fose abocado a un proceso de extinción. Pronósticos abesulladores da previsíbel evolución do conflito de clase e de culturas entre o campesiñado indíxena e o capitalismo colonial nesta periferia fisterrán peninsuar e europea. Terapias de posíbel e necesaria aplicación polas elites dirixentes e o poder político para sandar o maltreito corpo social labrego, rexenerar as estruturas e fontes enerxéticas da economía agraria e abrirlle o camiño ao desenvolvemento endóxeno e autocentrado do mundo rural galego. Non foi, repito, por non disporen a clase dirixente e o poder político do noso país de cadros diagnósticos solventes, prognoses certeiras e terapias acaidas de probada eficacia noutras latitudes de fasquía socieconómica agraria análoga á nosa.
Non, non foi por nada diso. Foi por treizón e deserción. Unha clase dirixente que reiteradamente atreizoóu á xente do común labrega. Un poder político que reiteradamente desertou da fundamental obriga contraida cos cidadáns labregos que o elixiran para representárenos na defensa dos seus dereitos e intereses. Nen a clase dirixente foi lúcida e solidaria verbo do país e do común cidadán: foi estúpidamente pitoña e insolidaria. Nen o poder político cumpliu o contrato de fideicomiso asinado cos eleitores: esgazouno para non molestar ao poder económico depredador da economía labrega.
* * * * *
Se o poder non impediu nen atallou o proceso de exterminio dos labregos tampouco foi por pasividade do campesiñado. Non val ese tópico como coartada: a clase labrega loitou arreo pola sua emancipación ao longo da nosa historia. Primeiro, hai máis de cinco séculos xa, contra os magnates feudais tanto civís coma eclesiásticos. Logo, durante douscentos anos, contra os donos da terra, foristas e señores medianeiros: ao cabo o movemento agrarista conqueriu, en 1926, non a abolición, mais cando menos a redención dos foros -pagada cos cartos dos que emigraran e o endebedamento dos que ficaran acó. Despois, durante a República, co liderado do Partido Galeguista, a aposta pola Frente Popular e a masiva votación do Estatuto do 36 "para que acabe esta vergoña" -como reclamaba o cartaz de Castelao da vaca coas manxadoiras na Galiza e os tetos munxidos en Madrid. Máis logo, baixo a tiranía do franquismo, coa cobertura paisana ao maquis antifascista, con epopeias como a de Castrelo de Miño, coa constitución clandestina das Comisións Labregas e co comezo da loita contra a infame, e infamante, "cuota empresarial" agraria -imposta pola forza aos mesmos cidadáns labregos que os banqueiros, os economistas do réxime e os señoritos do sindicato vertical alcuñaban de pailáns e acusaban de careceren de "esprito empresarial". Ainda virían, no enguedello fraudulento da chamada transición, líderes coma Moncho Valcárcel, o cura de Sésamo -difamado nas listas negras do 23F coa falaz acusación de ter un arsenal de armas na sua sacristía- e xestas como a das Encrobas contra a expoliación das terras onde hoxe se queima o lixo de toda a Galiza urbán -agás o que mora en despachos oficiáis. E finalmente, xa en "democracía" constitucional, a protesta labrega contra as condicións de ingreso no Mercado Común Europeo, "ruina do povo galego", e o comenzo das loitas en auto-defensa fronte á PAC, as cotas e prezos do leite e demáis pauliñas aturadas en premio por convirtírmonos en europeus de carné -que ainda duran, poisque nen sequer o cambio climático famoso mudou en nada o de cair pedra de saraiba arreo sobre as costas dos labregos galegos neste exterminador proceso de extinción como clase, como cultura e,ao cabo, como povo. É que xa esquencimos tudo isto? É que o Bloque actual esquenceuno tamén il? É que o esquenceron os antigos combatentes das Labregas, hoxe en postos apendiculares da Administración autonómica, que arremeten contra os gandeiros que se arrepoñen fronte ao capital invasor que os extermina? Sabido é que a ideloxía ultraliberal, esa metamorfose presente do fascismo, ten eliminado do escenario sociopolítico a noción mesma de conflito social: reconvírtea en cuestión de orde pública. Pura e simplesmente. A disidencia criminalízase, a autodefensa das clases explotadas e expoliadas convírtese nun ataque ás institucións políticas, o exercizo dos dereitos esmagados nunha agresión á autoridade dos gobernos. Vai o poder autonómico galego botarse a camiñar por ese vieiro choído, vaise convirtir en espolique do apátrida capital industrial e financeiro que expolía ao campesiñado galego?
Os labregos galegos non están a arrepoñerse ainda contra o goberno da Xunta: só reclaman dil que os defenda dos lobos e xabarins que, coa dentamia e os fuciños do capital depredador, andan a destragar a sua facenda. Son iles, os labregos, os seres humáns, os paisáns, os cidadáns galegos -non as alimañas do poder económico forasteiro. Son iles os exterminados -non a fera exterminadora. A custión é abruptamente simples e diáfanamente dilemática: cómprelle ao goberno escoller, decidir ao servizo de quen está, se dos cidadáns agredidos ou do malandro agresor. E non é un problema sectorial que atinxa só a un departamento do goberno: é unha cuestión de Estado galega, un asunto de dignidade política, de dereitos cidadáns, de intereses sociais colectivos, que implica e compromete á Xunta como goberno ao completo -e portanto, en primeira liña de fogo, ao seu Presidente. Non val pasarse a pelota de uns a outros. Porque non é unha pelota: é a cabeza sanguenta do campesiñado malferido. Do campesiñado que defenderon outrora Rosalía, Basilio, Bóveda, Castelao, e tamén Moncho Valcárcel e as Labregas. Que o nacionalismo galego de hoxe ten que seguir a defender. Sen vacilacións, sen arrodeos. O poder está para exercelo, non para ser presa dil.
* * * * *
Obrigádesme a recordárvolo, compañeiros e compañeiras concidadáns meus: se falla o aparello de estado do poder político, terá que termar do choio a nación, con Estado ou sen il. E a nación somos nós, todos nós, sexamos ou non labregas e labregos: somosvolo nós, ou sexa, os cidadáns, é dicir, o povo civil e socialmente vertebrado e orgaizado nunha rede solidaria de democracia participativa horizontal. Eis o noso reto. Eis a nosa forza. Eis o envite no que compre comprometérmonos todos a apostar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2008 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal