bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A inquisición contra o viño
Hoxe pola mañan fun a Vigo para intervir na gravación dun debate sobre o viño para o programa da TVG Centro de Saúde, interviñamos un médico de atención primaria chamado Jacinto Mosquera mais eu como viticultor e adegueiro. Esperaba que ia ser unha conversa en positivo sobre a importancia da moderación no consumo de viño e os efectos positivos que esto produce na saúde, pero atopeime con un debate contra un inquisidor da liga antialcoholica que non atende nin a aspectos culturais nin a sensacións espirituais nin a que o problema non é o viño, O VIÑO NON SE METE CON NINGUÉN, o problema é a falla de educación e da cultura da xente, eso que hai que ter para ser prudentes e moderados no consumo. A represión e a prohibición non é en ningún caso unha solución para nada, a cultura en xeral e a cultura do viño en particular é a que nos debe facer mudar a calidade pola cantidade, beber para embriagarse por beber para o deleite dos sentidos e na procura de mais datos sobre o que encerra ese viño ( variedade, terra, comarca, metodo de elaboracvión...).
Creo que a estas alturas da democracia non podemos aguantar inquisidores sexan da ideoloxía que sexan e teñan o cargo quer teñan.
Vai resultar que durante mais de 7000 anos as civilizacións estiveron erradas cando consideraban ao viño un alimento para o corpo e a alma porque o dice algún espabilado destes que están por riba do ben e do mal.
Dionisio, Baco sí que era un Diós.
Comentarios (1) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 28-02-2007 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
Os fertilizantes do Ostedijk.
Pareceme interesante reproducir eiquí este comunicado do Sindicato Labrego Galego.
Estes días, a cidadanía galega anda ocupada e preocupada co destino incerto dun barco mercante que fumega vapores perigosos. Non é por acaso, un dos ingredientes da temida carga do Ostedijk é o nitrato amónico, que non debemos esquecer que pertence á familia dos compoñentes básicos dos explosivos modernos.
Sendo isto preocupante, debemos facer un pouco de memoria histórica sobre o papel dosfertilizantes químicos na consolidación do modelo agroquímico actual. Os químicos alemáns Haber e Bosch descubriron en 1910 a síntese do amoníaco e, alén de valerlles o premio Nobel, este acontecemento foi a pedra chave do desenvolvemento armamentístico da primeira Grande Guerra Mundial, coa súa conseguinte estela de devastación e morte.
Nunha lóxica análoga, pódese ver o papel dos fertilizantes NPK (nitróxeno, fósforo e
potasio). O Estado español importa grandes cantidades de fertilizante, xa que a súa elaboración “in situ” supón enormes deseconomías sociais, ambientais e económicas. De certo, a síntese do amoníaco e os seus derivados nitroxenados é un proceso caro, ineficiente e nauseabundo; e non ten en conta estes custes en comparación con outros procesos para a obtención de nitróxeno máis naturais e sostíbeis como a plantación de leguminosas -que fixan nitróxeno da atmosfera con custe ambiental e enerxético case 0-, ou a recuperación de esterco e refugallos domésticos de orixe urbana. É dicir, estamos a pagar por importar adobos e pagamos por queimar nitróxeno doméstico.
Seguindo co fío do nitróxeno, non existe ningún tipo de responsabilidade no transporte
marítimo de produtos agroalimentarios. Importamos leite, adobos, sementes; exportamos viño, carne, e tamén leite e sementes, etcétera. As consignatarias marítimas non responden por accidentes marítimos e explotan brutalmente ás tripulacións de orixe asiática que precisan. É por
esta razón que resulta “vendible” o modelo da agricultura industrial, a pesares de supor unha
catástrofe alimentaria, ambiental e social en termos de falta de soberanía e dependencia dunhas
pouquísimas variedades de plantas que son cultivadas con dependencia aditiva en agroquímicos
NPK.
O popular 15-15-15 do saco vermello estrágase nun mínimo do 50% nada máis botalo na terra por mor das primeiras choivas, o que provoca a eutrofización de regueiros e lagoas,
modalidade de contaminación que xa supón un problema grave de saúde ambiental nalgunhas
comarcas galegas. Tamén é sabido é que os fertilizantes NPK aumentan a cantidade das
producións, aínda que resultan pésimos á hora de achegar calidades nutritivas e gustativas aos
alimentos vexetais e animais. Por se non abondase, os NPK favorecen o ataque de pragas e
doenzas nos cultivos, e maior dependencia doutros agroquímicos de procedencia máis preocupante e, como non, transportados en buques mercantes que bordean as nosas costas.
Finalmente, os fertilizantes NPK está a producir un dano difícil de corrixir en canto á perda de
fertilidade e degradación dos nosos solos, que son un ben prezado e de difícil rexeneración no tempo.
Despois do devandito, poderiamos facernos a seguinte pregunta: quen paga isto?
Poderiamos pensar que os pobres cidadáns e cidadás afectad@s polas emanacións das fábricas de
amoníaco ou potasa; tamén estarían a pagar os mariñeiros filipinos dos mercantes; e tamén os
labregos e labregas que se ven na obriga de producir cantidade en troques calidade, xa que o
mercado non ofrece outra posibilidade; se cadra tamén pagan a súa parte @s nos@s sufridos
consumidores/as e contribuíntes que mercan alimentos pésimos, beben augas contaminadas e,
por riba, pagan, sen sabelo, subsidios ás industrias agroquímicas.
Xa se ve que a agroindustrialización pon estes días a súa faciana máis cheirenta e nociva
nas nosas costas; pero todos os días estamos padecendo o dano menos visible das outras ameazas
nos nosos cultivos e nos nosos alimentos, sen necesidade de que nolas pase por diante dos ollos o Ostedijk.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2007 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
A elaboración de viños ecolóxicos no debate sindical



En Europa a producción de uvas de producción ecolóxica está regulamentada CE 2092/91 pero a transformación destas uvas en viño non está regulada. Non existe por tanto ningún texto oficial que conteña os tratamentos e as prácticas vinícolas que podan ser utilizadas, por contra os organismos certificadores propoñen aos seus adherentes a súa propia carta de vinificación e de coidados, en consecuencia todos os viños elaborados e comercializados baixo a denominación viños procedentes de uvas de producción ecolóxica non foron elaborados baixo as mesmas regras, incluso cando elas non son fundamentalmente diferentes as unhas das outras. Esta diversidade non serve nin aos productores nin aos consumidores, Ante esta situación a Federación Nacional Interprofesional dos Viños de Agricultura Ecolóxica (Francia) redactou baixo a cobertura de l´Office National Interprofessionnel des Vins, coa colaboración do l´Institut Thechnique de l´Agriculture Biologique, unha carta para a elaboración de viños a partir de uvas producidas pola viticultura biolóxica. Con relación aos tratamentos e practicas vinícolas autorizadas polo regulamento CE 1493/99 a carta difire no seguinte:
1.Pola prohibición de utilizar microorganismos procedentes de enxeñería xenética.
2.Productos derivados de materiais procedentes de enxeñería xenética.
3.Productos químicos de síntese.
4.Pola obriga de:
Privilexiar os procedementos físicos en lugar dos químicos
Poñer no mercado viños onde as cantidades en SO2 total sexan mais baixas.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado leva dende o ano 2005 intentando redactar unhas normas para a elaboración de viños procedentes de agricultura ecolóxica, Podemos estar de acordo en que a elaboración de viños procedentes de uvas ecolóxicas depende mais do cultivo da uva que da elaboración en si, xa que, como se deduce das normas técnicas, permítense a maioría das practicas enolóxicas dunha elaboración convencional, pero só con productos de orixe natural e a dose limitada. De todos xeitos temos que tender a usar o mínimo dos productos posibles e só si son necesarios.

O debate sindical/político amais de fixar criterio sobre os diferentes productos e cantidades a utilizar, debe procurar dar solución as seguintes cuestións:
1.Reclamamos unha normativa galega de elaboración de viño ecolóxico?
2.Debese poder vinificar en ecolóxico e en convencional na mesma adega?
3.Tipo de recipientes para a vinificación.
4.Maquinaria e procesos físicos a permitir.
5.Embases para a comercialización, capsulas, tapóns...

Ao meu entender neste debate debe participar todo o sector do viño, non só os productores de ecolóxico, e non estaría de mais contar coa participación dos productores de ecolóxico doutros sectores e das asociacións de consumidores, hai moito que facer e está ben que todos/as nos sintamos implicados
Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 20-02-2007 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
o VIÑO e a "lei do botellón"


O desenrolo da cultura do viño é o desenrolo da nosa civilización. Xa polo ano 7000 antes da nosa era existía consumo de viño, dende o neolítico pasando polas culturas mesopotámicas, de Exipto, dos fenicios, os gregos, os romanos, na idade media, ata chegar aos nosos días o viño foi considerado unha menciña –para o corpo e para a alma-, un alimento e ata un instrumento de goberno.

Se repasamos o papel que xogou o viño ao longo da historia darémonos conta que criminalizar o consumo de viño é un erro. O historiador grego Tucídides (s.V a.e.) dicía “os pobos do mediterráneo emerxeron do barbarismo cando comezaron a cultivar a vide e as oliveiras”. Na medicina de Hipócrates (450-370 a.e.) o viño ocupaba un lugar importante, tanto no tratamento das feridas como para reducir as febres, purgante e como diurético. Os romanos ademais de considerar o cultivo da vide como un elemento civilizador (“os galos aprenderon dos gregos un xeito civilizado de vida, cultivando as oliveiras e a vide” dicía Xustiniano), o consideraban unha parte fundamental na dieta (Asclepíades, medico de Cicerón recomendaba para manterse sans unha dieta con froitas, exercicio ao aire libre e viño), unha menciña (“a saúde está no viño” dicía Plinio, Aurelius Cornelius Celsius no seu “Tratado de Medicina” e Dioscórides na súa obra “de universa Medicina” dan conta dos usos médicos do viño), e tamén un fenómeno asentador de poboación e cultura (moitos autores romanos como Virxilio, Plinio, Marcial, Séneca e Horacio nos falan moito do viño). Durante o Medievo, a Igrexa foi a depositaria dos coñecementos da civilización, entre eles do cultivo das videiras e a elaboración de viño, a consideración do viño como “sangue de Cristo” afonda aínda máis na súa consideración espiritual. Os mosteiros, os hospitais e as universidades convertéronse en centros de producción, distribución e divulgación de viño, chegando a ser considerado como un alimento indispensable na alimentación humana.

O viño no longo da historia vai ligado ao progreso, a cultura e ao benestar, tomar simplemente viño polos efectos estimulantes e embriagantes era e ten que seguir sendo indigno.
O que pretende facer a Ministra de Agricultura xa o fixo o emperador Domiciano aló polo ano 92 da nosa era emitindo un decreto prohibindo a plantación de novos viñedos, ordenando a destrucción da metade e a subida dos impostos. Estas medidas foron o comezo do declive na producción de viño tanto na Galia como en Hispania, non desaparecendo gracias aos mosteiros.

A día de hoxe, a degradación social do consumo de viño, xunto coa maior carga impositiva, pode facer desaparecer un bo número de explotacións galegas.
Ademais das consideracións culturais, históricas e dos aspectos positivos para a saúde documentados en moitos traballos científicos de actualidade, temos que ter en conta a importancia dos viticultores e viticultoras como mantedores da paisaxe de ribeira, como ferramenta para asentar poboación no rural galego e a importancia económica que este sector ten para o País.

Incluir o viño na “lei do botellón”, a denominación específica “vinos de las tierras de españa” ou as axudas para o arranque de viñedo, son medidas moi lesivas para as pequenas e medianas explotacións ligadas ao territorio. As multinacionais do sector serán as únicas beneficiadas da longa crise que se aveciña, xa que estas enormes empresas teñen abondosos mecanismos para facerlle fronte.

O viño non pode ser considerado como unha bebida agresiva, o seu consumo sempre se asocia a gastronomía, polo que nada ten que ver cos alcohois duros asociados só a procura da embriaguez.

A cultura do viño fixo do seu consumo un arte, no que o importante non é o beber (como quen o fai para quitar a sede ou para embriagarse) senón a apreciación da maior parte das sensacións posibles (visuais, olfactivas e gustativas) para o disfrute dos sentidos. Este factor fai que en países como Francia existan terapias de rehabilitación de alcohólicos baseadas na cata de viños (a importancia da calidade e da riqueza de matices contra a cantidade e o consumo compulsivo).

Os problemas sociais e de orden público non poden ser atribuídos ao viño xa que a maior parte dos consumidores superan os 40 anos de idade. Os mozos e mozas que ingresan os fins de semana nas urxencias dos hospitais con intoxicación por consumo de alcohol e outras sustancias, non son consumidores de viño.

A solución de futuro contra a barbarie non pode ser a represión, é a cultura, e o viño é cultura.
Precisamente desde o sector do viño se teñen feito esforzos para ensinar a beber (catar) e iso leva implicito a moderación e saber ver que é o que hai detrás dese viño (variedade, sistemas de elaboración, zona de procedencia...)

O viño é un alimento que forma parte da nosa identidade e cultura, e debese seguir tratando como tal.

Comentarios (0) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 10-02-2007 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal