bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VII Congreso do SLG
A principios do ano 2007 comezou o proceso congresual do VII Congreso do Sindicato Labrego Galego, cos congresos sectoriais de horta, pataca, vacún de carne, vacún de leite e viño, transcorreron con toda normalidade tanto no relativo ao debate sindical como a elección dos órganos de dirección.

O feito de que Lidia Senra, líder indiscutible e Secretaria Xeral durante 18 anos, anunciara –xa no VI congreso- a súa intención de non optar a reelección, fixo que algúns dos afiliados e traballadores próximos a Consellería do Medio Rural viran a oportunidade de mudar o rumbo do SLG cara uns postulados que puideran ser asumibles pola Consellería, ou que non crearan grandes contradiccións.

Toda organización política cando chega ao goberno, queira que non, modifica as súas prioridades concretas e debe reaxustar as súas relacións coas organizacións sociais en xeral e coas do seu entorno ideolóxico en particular. Dentro do nacionalismo hai quen pensa que ter o control das organizacións sociais, das súas direccións, supón unha axuda para a gobernabilidade, chegando a sacrificar a necesaria autonomía por mor da desconfianza. Os feitos acontecidos en ADEGA ilustran ese tipo de prácticas. Se cadra eses sectores pensaron poder facer outro tanto no SLG.

O SLG non é só un grupo de militantes ideoloxizados, é unha organización para a defensa do sector da nosa sociedade que mais ten sufrido nos últimos anos, os labregos e labregas ven no sindicalismo labrego unha solución para parte dos seus males e unha corda a que agarrarse para que non os leve a forza do neoliberalismo global. As multinacionais controlan cada vez mais a producción, a distribución e a venta de alimentos, tendo os labregos/as que producir cada vez mais para gañar menos, con maiores inversións e cunha maior dependencia tamén de agrotóxicos e insumos.

O modelo agrario baseado na “revolución verde” está esgotado, só permitiu que a maior parte das explotacións desapareceran, polo que é o momento de presionar a administración para poñerse a traballar na procura de practicas sustentables, extensivas, con base territorial, baseadas nas experiencias dos labregos e labregas, que teñan como obxectivo principal da investigación a saúde das persoas e vaia reducindo a dependencia das multinacionais: esto é a agroecoloxía.
Desde a óptica política, das diferentes familias do nacionalismo, non se entende este tan alto grado de unidade dentro do SLG na defensa duns postulados “tan utópicos” sen pararse a pensar que a perspectiva das cousas non é igual dende unha posición de resistencia e supervivencia -que están a vivir a maior parte das explotacións labregas galegas, situadas nun rural a piques de desaparecer- que dende a do resto da sociedade. Conceptos como agroecoloxía ou soberanía alimentar créalle mais problemas aos políticos gobernantes que aos labregos e labregas.

As relacións internas, no SLG, baséanse na toma de decisións colectivas de abaixo arriba, nas direccións sectoriais, nas asembleas e consellos comarcais, na Dirección Nacional, e nunha forte confianza para cos seus dirixentes e órganos executivos (Executiva Nacional, secretarías, responsables dos locais, dos sectores...), cuestión esta, que de non xestionarse ben, pode quedar tocada a raíz dos enfrontamentos deste proceso congresual.

O indiscutible liderazgo de Lidia ten as súas raíces nas súas cualidades persoais e no seu empeño por fomentar a participación das mulleres en todos os órganos de dirección, tamén en saber delegar e rodearse dun gran equipo de traballo, e na procura dunha maior implicación dos labregos e labregas en todas as decisións. A paridade de xénero, o traballo da Secretaría da Muller, o feito de que tres das cinco responsables de sectores sexan mulleres, non sería posible si a Secretaria Xeral non fose unha muller. Este conxunto de circunstancias imprime no SLG unha grande frescura e dinamismo que o converten nunha organización pouco común no panorama galego e mundial, posibilitando ir por diante no tratamento dos problemas do agro.

A imaxe de inmobilismo que dende sempre tiveron os labregos e as labregas de Galiza só foi rota polo grande traballo desenvolvido polo SLG en toda esta etapa liderada por Lidia Senra, conformando unha organización forte, de cerca de 6.000 familias afiliadas, e que medra a pesar do masivo peche de explotacións nos últimos anos.

Este VII Congreso supuxo a autoafirmación sobre a independencia do SLG, nun momento delicado marcado pola presencia dun nacionalista na Consellería do Medio Rural. Esto non quere dicir que existan moitas contradiccións co novo Goberno Galego, nin que o SLG non valore positivo moitas medidas xeradas pola Consellería de Suárez Canal como: o Banco de Terras, o Consello Agrario Galego, os contratos homologados, as mesas sectoriais, etc.

Tamén supuxo un avance na procura dunha maior estabilidade nas relacións coa COAG (Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras ) no ámbito do Estado, quedando aberto un proceso de achegamento e de negociación cara a entrada como organización independente e autónoma dentro desta coordinadora.
A pesar de atoparse dentro da COAG outras organizacións nacionalistas (vasca e catalana), un porcentaxe nada desprezable do SLG é reticente a entrada, sen por outra parte atreverse a propoñer a rotura do convenio existente por medio do cal -malia non ter voto- temos aceso a participar nos debates, a información, e a un bo número de cursos de formación.

A pesar das tensións, presións e descualificacións vividas na recta final do proceso congresual, esta situación supuxo unha maior implicación de un bo número de labregas e labregos que non están dispostos ao retroceso en ningún dos postulados sindicais nin dos avances organizativos. Neste sentido, a pesar do lamentable desta situación, o SLG pode quedar fortalecido de ser capaces de aprender dos erros, de seguir traballando nunha maior participación e responsabilidade dos labregos e sobre todo das labregas.

Carme Freire é unha moi boa opción de renovación, amais das súas cualidades persoais, está apoiada por un gran equipo de traballo -incluída Lidia Senra-, e goza da confianza da maior parte da afiliación, de todos os/as responsables de sector, e a maioría das traballadoras/es. Este pode ser un bo inicio de etapa, falta ver se os disidentes reflexionan e se poñen a traballar en positivo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2007 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal