bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xornadas de Agricultura Ecolóxica, IES
Onte martes participei como relator nunhas xornadas de Agricultura Ecolóxica no IES “A Granxa” en Ponteareas. Para mín foi unha experiencia moi constructiva e quedei moi satisfeito. A pesar de comezar ás 15’30, despois de comer, e de falar mais dunha hora sen soporte informático ninguén se durmiu e percibín moito interese, moita complicidade e boas vibracións. Faleille da miña experiencia como viticultor e productor de viño ecolóxico, das miñas motivacións e das miñas reflexións sobre o sector; os mozos e mozas (estudiantes de viticultura-enoloxía, e horta principalmente) fixeron preguntas e ao rematar achegáronse a mín con apetencia de seguir falando.
Nunca dubidei de que o futuro está no ecolóxico, pero hoxe estou mais seguro porque vin nas caras de futuros viticultores e enólogos complicidade e ganas de compromiso.
Por outra parte a acollida por parte do profesorado foi marabillosa, teñen moita finca, unha adega moi ben equipada, e fan uns viños bos, quedei sorprendido cun de Loureira 100%. Non me desagradaría que algún fillo/filla meu estudiara nese centro.
Esperemos que a Dirección do Centro quedase satisfeita das xornadas e as repita, a producción ecolóxica necesita mais presencia na sociedade.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2006 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
NORMATIVA QUE VIRÁ
Vai uns día chegaronme en formato PDF: O moi esperado Anteproxecto de Lei do Banco de Terras,unha proposta de Decreto sobre o INGACAL (instituto galego de calidade alimentar),e outra proposta de Decreto sobre os Consellos Reguladores.Se alguén ten interese en coñecer estes documentos só tedes que mandarme unha mensaxe ao meu correo:
manueldocampo@valdeorras.com
Comentarios (0) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 17-05-2006 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
información da TVGaita
O venres pasado pola mañá estiven escarbando, pola mañá hai orballo (había dous anos que non orballaba como este) polo que medran moito ás herbas, tamén a vexetación das cepas. A mediodía fun comer e estiven vendo a TVG para ver se saían as alumnas e alumnos de 4ºA do instituto Lauro Olmo que gañaron por segundo ano consecutivo o concurso de matemáticas (entre elas a miña filla Berta). Quedei moi sorprendido ao ver que daban información de pragas e enfermidades do agro entre elas das viñas, e recoñezo que no momento me pareceu positivo, ata que deron como conclusión para todo o País: dar un tratamento con cobre sistémico para o Mildiu.
Que barbaridade, na época da viticultura de precisión, da procura da calidade, recomendase dar tratamento contra un fungo que en varias D.O. como Valdeorras non é necesario porque non choveu (recordar que para que se inicie o ciclo e preciso dúas horas de choiva en ausencia de luz) e de existir risco nalgunha zona veríase a típica mancha de aceite e se podería combater cun tratamento preventivo de contacto, un Caldo Bordelés. Seguro que o sábado se venderon moitas toneladas de sistémico e que as multinacionais do fármaco estaranlle moi agradecidas a TVG.
Non saben ben o dano que están a facer.
Comentarios (6) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 16-05-2006 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
Visita do OSO a Serra
Estes día visitounos un oso pardo, estes animais vense esporádicamente nos Ancares e ata no Caurel, vai uns anos comeu mel nas colmeas do Mazo, e nesta ocasión tocoulle ás do Paco Martinez Velasco no Porto.
Comentarios (1) - Categoría: do Parque Natural SERRA DA ENCIÑA DA LASTRA - Publicado o 16-05-2006 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
ECOGOURMETS
Os días 9 e 10 estivemos en Madrid na Feira GOURMETS, no pavillón dedicado a Producción Ecolóxica, ECOGOURMETS.
Ao meu entender esta é sobre todo unha feira mediática dedicada a restauración, a restauración é a protagonista (concursos e premios varios, presencia dos grandes da cociña mundial,...) polo que toda a organización está centrada neste aspecto deixando moito que desexar para os que expoñiamos producto -falla de conexión a internet ata na sala de prensa, desorganización total no Punto de Encontro (sala de contactos cos comerciais estranxeiros), deficiente sinalización do noso pavillón,...-.
A pesar de todo Remedios Gacio conseguiu contactos no Punto de Encontro con alemáns, franceses, chineses e xaponeses; mentres eu atendín o posto, tiven unha entrevista cunha productora de televisións locais, e un contacto cun grande ecomercado que se está a instalar en Madrid. Xa veremos en que dá este asunto.
Cando alguén me pregunta sobre a rendibilidade de estar ou non neste tipo de eventos, eu contesto: estando pode que non fagas negocio, pero moita xente viu e algunha catou o teu producto, e esas cousas que estran polos sentidos recórdanse cando se ve o viño nun estante ou nunha carta; si estás podes sementar.
Comentarios (1) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 11-05-2006 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
xofre
posta de sol en Lamas
A pesar de ser domingo, día da nai,e visperas do Patrono de Biobra, San Miguel, fun pola mañán a dar xofre no Godello.
Si o ano pasado o Godello estaba bastante equilibrado de carga, cousa que non me aconteceu coa Mencía e o Tempranillo que tiñan demasiados acios, este ano está esaxerado. Se non se torce haberá que quitarlle aproximadamente a metade da producción.
Comentarios (1) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 07-05-2006 23:23
# Ligazón permanente a este artigo
unha Bubela
Bubela común (Upupa epops)Este día vin unha bubela en Biobra,preciosa, voou até unha impresionante nogueira que teño fronte a adega e deixouse observar -pena dunha cámara de fotos-Din por alí que había anos que non se vian bubelas. Espero que sigan vindo.
Comentarios (1) - Categoría: do Parque Natural SERRA DA ENCIÑA DA LASTRA - Publicado o 07-05-2006 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
O sector do viño en Valdeorras
No sector do viño acontecen cousas que serían impensables en calquera outro sector económico deste país: calquera persoa allea ao sector ten opción a interferir, un intervencionismo esaxerado das administracións no funcionamento do sector, teñen o mesmo peso no sector os afeccionados que os profesionais, etc.

O sector do viño é ante todo un sector económico, certamente ten tamén unha grande importancia social e cultural, non é un instrumento de control de poder ou de captación de voto.

No abandono do medio rural teñen moita culpa as seculares estructuras caciquís do poder, no abandono da agricultura –da que a viticultura non é allea- tamén. Se nos paramos a analizar o que está acontecendo no rural dámonos conta que cando mais merman as aldeas mais enfrontamentos e crispación política hai, mudando os comportamentos solidarios de anos atrás pola metodoloxía de cegar dun ollo para que outros ceguen de dous.

Somos un sector en crise pero a saída desta crise só se dará con debates de estratexia, con colaboración e mellorando en todo o posible o sector; as patadas e os empuxóns non serven para nada.

Non comparto e non me gusta o xeito como se destituíu a Losada como Presidente do Consello Regulador de Valdeorras. Non entendo o porque a nivel social, político e sindical se lle dá ao C.R. unha consideración de organismo público, cando é privado. Tamén resulta chamativo que os que mais falan son sempre os que menos se xogan no sector, o 90% do debate existente se dá nos medios de comunicación, estando a inmensa maioría do sector de meros espectadores.

O Consello Regulador de Valdeorras é un freo para o sector, é a personificación da mala imaxe que a D.O. Valdeorras ten nos mercados, teñen mellor imaxe os viños de Valdeorras que a D.O.. Esto non é culpa dos Presidentes que pasaron polo Consello, tampouco dos empregados, esto é culpa do sector por agachar a orella cando os políticos poñían nunha man as axudas e noutra o pau, e culpa dos políticos, mais preocupados en controlar que en que as cousas vaian ben.

A maior parte das veces que o viño de Valdeorras sae nos medios de comunicación o fai por conflictos. Cando todos os sectores implicados deberíamos estar mais preocupados de que sempre se falara do bos que son os nosos viños, da boa viticultura que temos, das novas experiencias e do futuro prometedor que todos e todas necesitamos que teña o sector.

Necesitamos unha maior profesioalización do sector; manter a Mesa do Viño como un mecanismo estable de intercomunicación dos diferentes actores do sector (productores, adegas, cooperativas, asociacións profesionais, sindicatos e administración); Sacar canto antes o Regulamento da Lei de Calidade coa participación do sector no debate; Que desde o Consello Regulador se dediquen a “vender” viño, a “vender” a comarca; que exista maior responsabilidade dos productores para os elaboradores coa máxima calidade de uva e das adegas cos viticultores cun bo prezo, concretada esta mutua responsabilidade en contratos homologados; que a administración sexa menos intervencionista e que faga funcionar as Axencias de Extensión Agraria. Podemos estar seguros que si todo o sector nos centramos nas nosas necesidades, e se nos deixan, seremos capaces de facer de Valdeorras unha comarca punteira no sector do viño en Galiza e no mundo.
Comentarios (1) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 07-05-2006 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre a feira do viño de Valdeorras
Parto da base de considerar que calquera evento que un sector programe debe ter fixados uns obxectivos previos, eu entendo que os obxectivos mais importantes dunha feira do viño son a promoción e a venta do producto.
Na edición do 95 tivemos por unha parte os actos do 60 aniversario da D.O. e por outra a feira propiamente dita que cara afora foron separados a propósito polo presidente -el mesmo manifestou que na feira non tiña nada que ver que o del era o 60 aniversario-. Os actos do 60 aniversario que noutros anos eran as xornadas, estaban preparadas para o lucimento do Presidente e os seus amigos, preside todos os actos e se reserva un espacio para a súa conferencia. Na feira o protagonismo é das adegas.

Na teoría, nestes días viñeron a Valdeorras sumillers e periodistas especializados, convidados polo Consello Regulador, os adegueiros non tivemos ningún tipo de contacto con eles, nin incluso sabemos que revistas estiveron, a que restaurantes representan eses sumiliers,...Polo comportamento desta xente da a impresión que viñeron a pasar unha semana de vacacións pagadas.

As datas non son nada boas para facer contactos profesionais, a restauración no verán é cando mais traballa e os seus responsables non se poden desprazar a Valdeorras. As épocas boas de venta de viño son o verán (xullo e agosto) e o Nadal, esto fai que a época de presentar o viño nunha feira sexa antes de calquera destas dúas campañas, e se o que se presenta é o viño novo o normal sería antes do verán. As adegas non lle ven mal vender uns estuches polo que non se pode facer a fin de mes que as economías familiares están mais resentidas.

A feira debe ter unha convocatoria para profesionais e outra para o público en xeral.
-Na dos profesionais débense mandar invitacións a todos os hostaleiros da comarca (que son grandes vendedores do noso viño) e a hostaleiros de fora, comerciais, sector da alimentación e diversos medios de comunicación (especializados ou non), todas as persoas deben estar identificadas e cada adega terá un representante que se presentará a cada un dos convidados/as presentes.
-Na do público debe estar mais ligada ao tema gastronómico da comarca (posto de polbo, de empanadas de embutidos da comarca dentro do recinto con mesas e bancos).

Para que unha convocatoria destas características funcione o Presidente ten que repartir responsabilidades entre algúns membros do Consello e solicitar apoio a Asociación de Adegas, aos Concellos, aos sindicatos do sector.. Á maior participación e implicación maior éxito, e menos erros.

Antes dunha feira debería haber unha asemblea de todo o sector, onde se debata e se reciban suxerencias, deste xeito haberá maior implicación das adegas. Despois da feira o pleno do C.R. debería facer balance (mirar si se cubriron os obxectivos e os erros e acertos da organización) e pasalo por escrito a todos os axentes do sector.

Pódese valorar a posibilidade de facer uns días antes unha presentación oficial da feira nunha cidade, poñendo cada ano unha diferente, invitando a hostelería, medios de comunicación, etc. –Esto faino o Ribeiro e ten unha boa repercusión mediática-.

Fágase o que se faga debería ser coa maior implicación posible das adegas, e de todo o sector.
Comentarios (0) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 06-05-2006 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
adegas Docampo-Gacio,c.b.
Adegas Docampo-Gacio, C.B. é unha pequena explotación familiar que produce viño de Denominación de Orixe Valdeorras e de producción ecolóxica. Atópase enclavada en Galiza ao pé do río Sil no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
As viñas están en ladeira, nunha altitude de 650 a 700 metros, cunha orientación Nordeste-Suroeste. O clima é de transición entre continental e oceánico, as temperaturas son extremas con medias de 15 graos e a pluviometría duns 600 mm.
Tódolos traballos na viña e na adega fanse seguindo o ritmo cósmico favorable, e con total respecto pola natureza
Baixo a marca Bacelos de Biobra elaboramos un viño tinto xove coas variedades: Mencía 80% e Tempranillo 20%, e un viño branco con Godello 100%. Os nosos viños destacan polo aroma froital e pola súa suavidade.O noso é un proxecto comprometido coa defensa do medio ambiente, potenciador da cultura vitivinícola tradicional de Valdeorras e pola supervivencia da economía rural labrega.
O noso fin é producir viños sans e de calidade.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2006 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal