bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os fertilizantes do Ostedijk.
Pareceme interesante reproducir eiquí este comunicado do Sindicato Labrego Galego.
Estes días, a cidadanía galega anda ocupada e preocupada co destino incerto dun barco mercante que fumega vapores perigosos. Non é por acaso, un dos ingredientes da temida carga do Ostedijk é o nitrato amónico, que non debemos esquecer que pertence á familia dos compoñentes básicos dos explosivos modernos.
Sendo isto preocupante, debemos facer un pouco de memoria histórica sobre o papel dosfertilizantes químicos na consolidación do modelo agroquímico actual. Os químicos alemáns Haber e Bosch descubriron en 1910 a síntese do amoníaco e, alén de valerlles o premio Nobel, este acontecemento foi a pedra chave do desenvolvemento armamentístico da primeira Grande Guerra Mundial, coa súa conseguinte estela de devastación e morte.
Nunha lóxica análoga, pódese ver o papel dos fertilizantes NPK (nitróxeno, fósforo e
potasio). O Estado español importa grandes cantidades de fertilizante, xa que a súa elaboración “in situ” supón enormes deseconomías sociais, ambientais e económicas. De certo, a síntese do amoníaco e os seus derivados nitroxenados é un proceso caro, ineficiente e nauseabundo; e non ten en conta estes custes en comparación con outros procesos para a obtención de nitróxeno máis naturais e sostíbeis como a plantación de leguminosas -que fixan nitróxeno da atmosfera con custe ambiental e enerxético case 0-, ou a recuperación de esterco e refugallos domésticos de orixe urbana. É dicir, estamos a pagar por importar adobos e pagamos por queimar nitróxeno doméstico.
Seguindo co fío do nitróxeno, non existe ningún tipo de responsabilidade no transporte
marítimo de produtos agroalimentarios. Importamos leite, adobos, sementes; exportamos viño, carne, e tamén leite e sementes, etcétera. As consignatarias marítimas non responden por accidentes marítimos e explotan brutalmente ás tripulacións de orixe asiática que precisan. É por
esta razón que resulta “vendible” o modelo da agricultura industrial, a pesares de supor unha
catástrofe alimentaria, ambiental e social en termos de falta de soberanía e dependencia dunhas
pouquísimas variedades de plantas que son cultivadas con dependencia aditiva en agroquímicos
NPK.
O popular 15-15-15 do saco vermello estrágase nun mínimo do 50% nada máis botalo na terra por mor das primeiras choivas, o que provoca a eutrofización de regueiros e lagoas,
modalidade de contaminación que xa supón un problema grave de saúde ambiental nalgunhas
comarcas galegas. Tamén é sabido é que os fertilizantes NPK aumentan a cantidade das
producións, aínda que resultan pésimos á hora de achegar calidades nutritivas e gustativas aos
alimentos vexetais e animais. Por se non abondase, os NPK favorecen o ataque de pragas e
doenzas nos cultivos, e maior dependencia doutros agroquímicos de procedencia máis preocupante e, como non, transportados en buques mercantes que bordean as nosas costas.
Finalmente, os fertilizantes NPK está a producir un dano difícil de corrixir en canto á perda de
fertilidade e degradación dos nosos solos, que son un ben prezado e de difícil rexeneración no tempo.
Despois do devandito, poderiamos facernos a seguinte pregunta: quen paga isto?
Poderiamos pensar que os pobres cidadáns e cidadás afectad@s polas emanacións das fábricas de
amoníaco ou potasa; tamén estarían a pagar os mariñeiros filipinos dos mercantes; e tamén os
labregos e labregas que se ven na obriga de producir cantidade en troques calidade, xa que o
mercado non ofrece outra posibilidade; se cadra tamén pagan a súa parte @s nos@s sufridos
consumidores/as e contribuíntes que mercan alimentos pésimos, beben augas contaminadas e,
por riba, pagan, sen sabelo, subsidios ás industrias agroquímicas.
Xa se ve que a agroindustrialización pon estes días a súa faciana máis cheirenta e nociva
nas nosas costas; pero todos os días estamos padecendo o dano menos visible das outras ameazas
nos nosos cultivos e nos nosos alimentos, sen necesidade de que nolas pase por diante dos ollos o Ostedijk.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2007 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
A elaboración de viños ecolóxicos no debate sindical



En Europa a producción de uvas de producción ecolóxica está regulamentada CE 2092/91 pero a transformación destas uvas en viño non está regulada. Non existe por tanto ningún texto oficial que conteña os tratamentos e as prácticas vinícolas que podan ser utilizadas, por contra os organismos certificadores propoñen aos seus adherentes a súa propia carta de vinificación e de coidados, en consecuencia todos os viños elaborados e comercializados baixo a denominación viños procedentes de uvas de producción ecolóxica non foron elaborados baixo as mesmas regras, incluso cando elas non son fundamentalmente diferentes as unhas das outras. Esta diversidade non serve nin aos productores nin aos consumidores, Ante esta situación a Federación Nacional Interprofesional dos Viños de Agricultura Ecolóxica (Francia) redactou baixo a cobertura de l´Office National Interprofessionnel des Vins, coa colaboración do l´Institut Thechnique de l´Agriculture Biologique, unha carta para a elaboración de viños a partir de uvas producidas pola viticultura biolóxica. Con relación aos tratamentos e practicas vinícolas autorizadas polo regulamento CE 1493/99 a carta difire no seguinte:
1.Pola prohibición de utilizar microorganismos procedentes de enxeñería xenética.
2.Productos derivados de materiais procedentes de enxeñería xenética.
3.Productos químicos de síntese.
4.Pola obriga de:
Privilexiar os procedementos físicos en lugar dos químicos
Poñer no mercado viños onde as cantidades en SO2 total sexan mais baixas.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado leva dende o ano 2005 intentando redactar unhas normas para a elaboración de viños procedentes de agricultura ecolóxica, Podemos estar de acordo en que a elaboración de viños procedentes de uvas ecolóxicas depende mais do cultivo da uva que da elaboración en si, xa que, como se deduce das normas técnicas, permítense a maioría das practicas enolóxicas dunha elaboración convencional, pero só con productos de orixe natural e a dose limitada. De todos xeitos temos que tender a usar o mínimo dos productos posibles e só si son necesarios.

O debate sindical/político amais de fixar criterio sobre os diferentes productos e cantidades a utilizar, debe procurar dar solución as seguintes cuestións:
1.Reclamamos unha normativa galega de elaboración de viño ecolóxico?
2.Debese poder vinificar en ecolóxico e en convencional na mesma adega?
3.Tipo de recipientes para a vinificación.
4.Maquinaria e procesos físicos a permitir.
5.Embases para a comercialización, capsulas, tapóns...

Ao meu entender neste debate debe participar todo o sector do viño, non só os productores de ecolóxico, e non estaría de mais contar coa participación dos productores de ecolóxico doutros sectores e das asociacións de consumidores, hai moito que facer e está ben que todos/as nos sintamos implicados
Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 20-02-2007 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
o VIÑO e a "lei do botellón"


O desenrolo da cultura do viño é o desenrolo da nosa civilización. Xa polo ano 7000 antes da nosa era existía consumo de viño, dende o neolítico pasando polas culturas mesopotámicas, de Exipto, dos fenicios, os gregos, os romanos, na idade media, ata chegar aos nosos días o viño foi considerado unha menciña –para o corpo e para a alma-, un alimento e ata un instrumento de goberno.

Se repasamos o papel que xogou o viño ao longo da historia darémonos conta que criminalizar o consumo de viño é un erro. O historiador grego Tucídides (s.V a.e.) dicía “os pobos do mediterráneo emerxeron do barbarismo cando comezaron a cultivar a vide e as oliveiras”. Na medicina de Hipócrates (450-370 a.e.) o viño ocupaba un lugar importante, tanto no tratamento das feridas como para reducir as febres, purgante e como diurético. Os romanos ademais de considerar o cultivo da vide como un elemento civilizador (“os galos aprenderon dos gregos un xeito civilizado de vida, cultivando as oliveiras e a vide” dicía Xustiniano), o consideraban unha parte fundamental na dieta (Asclepíades, medico de Cicerón recomendaba para manterse sans unha dieta con froitas, exercicio ao aire libre e viño), unha menciña (“a saúde está no viño” dicía Plinio, Aurelius Cornelius Celsius no seu “Tratado de Medicina” e Dioscórides na súa obra “de universa Medicina” dan conta dos usos médicos do viño), e tamén un fenómeno asentador de poboación e cultura (moitos autores romanos como Virxilio, Plinio, Marcial, Séneca e Horacio nos falan moito do viño). Durante o Medievo, a Igrexa foi a depositaria dos coñecementos da civilización, entre eles do cultivo das videiras e a elaboración de viño, a consideración do viño como “sangue de Cristo” afonda aínda máis na súa consideración espiritual. Os mosteiros, os hospitais e as universidades convertéronse en centros de producción, distribución e divulgación de viño, chegando a ser considerado como un alimento indispensable na alimentación humana.

O viño no longo da historia vai ligado ao progreso, a cultura e ao benestar, tomar simplemente viño polos efectos estimulantes e embriagantes era e ten que seguir sendo indigno.
O que pretende facer a Ministra de Agricultura xa o fixo o emperador Domiciano aló polo ano 92 da nosa era emitindo un decreto prohibindo a plantación de novos viñedos, ordenando a destrucción da metade e a subida dos impostos. Estas medidas foron o comezo do declive na producción de viño tanto na Galia como en Hispania, non desaparecendo gracias aos mosteiros.

A día de hoxe, a degradación social do consumo de viño, xunto coa maior carga impositiva, pode facer desaparecer un bo número de explotacións galegas.
Ademais das consideracións culturais, históricas e dos aspectos positivos para a saúde documentados en moitos traballos científicos de actualidade, temos que ter en conta a importancia dos viticultores e viticultoras como mantedores da paisaxe de ribeira, como ferramenta para asentar poboación no rural galego e a importancia económica que este sector ten para o País.

Incluir o viño na “lei do botellón”, a denominación específica “vinos de las tierras de españa” ou as axudas para o arranque de viñedo, son medidas moi lesivas para as pequenas e medianas explotacións ligadas ao territorio. As multinacionais do sector serán as únicas beneficiadas da longa crise que se aveciña, xa que estas enormes empresas teñen abondosos mecanismos para facerlle fronte.

O viño non pode ser considerado como unha bebida agresiva, o seu consumo sempre se asocia a gastronomía, polo que nada ten que ver cos alcohois duros asociados só a procura da embriaguez.

A cultura do viño fixo do seu consumo un arte, no que o importante non é o beber (como quen o fai para quitar a sede ou para embriagarse) senón a apreciación da maior parte das sensacións posibles (visuais, olfactivas e gustativas) para o disfrute dos sentidos. Este factor fai que en países como Francia existan terapias de rehabilitación de alcohólicos baseadas na cata de viños (a importancia da calidade e da riqueza de matices contra a cantidade e o consumo compulsivo).

Os problemas sociais e de orden público non poden ser atribuídos ao viño xa que a maior parte dos consumidores superan os 40 anos de idade. Os mozos e mozas que ingresan os fins de semana nas urxencias dos hospitais con intoxicación por consumo de alcohol e outras sustancias, non son consumidores de viño.

A solución de futuro contra a barbarie non pode ser a represión, é a cultura, e o viño é cultura.
Precisamente desde o sector do viño se teñen feito esforzos para ensinar a beber (catar) e iso leva implicito a moderación e saber ver que é o que hai detrás dese viño (variedade, sistemas de elaboración, zona de procedencia...)

O viño é un alimento que forma parte da nosa identidade e cultura, e debese seguir tratando como tal.

Comentarios (0) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 10-02-2007 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
festa-feira do cogumelo en Soutelo de Montes
Este domingo pasado fun convidado por Victoria e Yolanda a 8ª edición desta feira, e quedei encantado. Dende que coñezo a Victoria e Yolanda penso: que si en cada aldea ou vila do noso País houvese dúas persoas como elas, poderíamos afirmar que Galiza sería o país mais dinámico de Europa. Alimentos Amorodo é algo mais que unha envasadora de productos ecolóxicos, é unha solución para moita xente de horta que non sabe facer cos excedentes, é un elemento dinamizador do noso rural, é a posibilidade de poñer no mercado alguns dos excelentes productos ecolóxicos do noso país...
Pois unha vez mais estas señoras, deixáronme impresionado co seu ben facer na feira/festa do cogumelo. A organización moi ben, a comida boísima e o ambente encantador.
Sirban estas liñas para animarvos a seguir traballando en positivo polo país e pola agricultura ecolóxica.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-11-2006 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
Elaboración do GODELLO
No artigo de onte había un comentario de si sería o cambio climático o que probocou a rareza desta colleita de uvas, non o sei, pero este clima deste fin de veran non foi normal.
Falando cun parente meu onte diciamos aquelo de que ningún cociñeiro revela o segredos das súas receitas, nin cando as publica nun libro. No mundo do viño a metade é unha pose e a outra e mentira, de todos xeitos eu vouvos contar como elaboro o meu viño branco de GODELLO.
Prensanse as uvas, sen pasarse, sulfítanse con 5/6 gr. de SO2 por Hl., desfangase as 18/24 horas, quitandolle esas lias que apousan, engadeselle o pé de cuba para iniciar a fermentación e a densidade 1.050 bótaselle 60 gr. de bentonita por Hl., unha vez rematada a fermentación trasfégase e mantense en depósitos herméticamente pechados até o embotellado onde engadiremos ácido ascórbico (bitamina C).
Digolles a de verdade non hai mais segredo, o que marca a diferenza é o microclima, a carga por cepa, o momento da vendima,a saude da viña e a terra que teña cada un.
Comentarios (2) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 16-09-2006 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
RARA colleita de uvas
Ano atípico: demasiado calor na última semana de agosto e primeira quincena de setembro, adiantase 15 días a vendima, as sementes están estranamente maduras, a pel grosa e verde, a pulpa ten mais de 13 grados probabeis, a pedra (granizo)mermou a colleita a menos da metade, problemas de cuallado no tempranillo, os páxaros e os xabaríns fixeron as súas,...
Dificilmente preveer o resultado.
A uva entrou na adega de mañá, fresca -por baixo dos 20º-, polo que os mostos atopanse nos depósitos a moi boa temperatura.
A fermentación comezou no Godello moi ben e entre 19º e 21º de temperatura. Nesta variedade temos 13 grados de alcohol probable e unha boa acidez total de 7'75, PH=3'13.
A mencía atópase sin iniciar a fermentación, a unha temperatura de 15 a 17 grados. Cun alcohol probable de 13 grados. E sorprendentemente con muito color, quedei sorprendido, xa que o ano pasado con mais temperatura na pasta e cos vagos aparentemente mais negros e a pel mais madura, o mosto estaba moito mais branco antes de comezar a fermentación, polo que fixemos fortes remontados para extraer color.
Aparentemente o viño ten que sair ben, pero é un ano raro. Tentarei buscar unha explicación a estas cuestións e por suporto estar moi vixiante da evolución da fermentación e do acabado do viño.
Comentarios (1) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 15-09-2006 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
Contratos Homologados para a uva
Hoxe pola tarde tivo lugar en Valdeorras unha xuntanza da Mesa do Viño, tratabase de fixar criterios e compromisos para establecer unhas relacións contractuais entre os productores de uva e as adegas elaboradoras cun compromiso de prezo -ligado loxicamente a calidade da uva- e un compromiso de facer un esforzo por parte das adegas para mercar uva e que no posible non queden viñas con uvas de calidade sin vendimar. Non sei o resultado desta xuntanza, pero o que non soporto é a falla de sentido común e seriedade amosado por Unións Agrarias facendo bandeira da consigna de que a administración ten que garantizar a compra de todas as uvas. Esto tamén foi defendido por Xovenes Agricultores noutras mesas do viño anteriores.
A administración non se adica a facer viño. As adegas teñen moito viño nos depósitos, e non son ONGs. Entendo que é imprescindible pola supervivencia do sector, que se pague ben a uva; tamén entendo que as adegas na medida do posible teñen que facer un esforzo para meter mais uva, pero non toda, a boa. Con uvas malas é imposible facer un bo viño e sen un bo viño escusamos ir ao mercado. Esto é o que os sindicatos deben meterlle na cabeza aos viticultores en lugar de regalarlle os oídos aos que defenden a cantidade por riba da calidade.
Neste sentido celebro que ate o de agora o SLG (as Labregas) manteñan o sentidiño e a responsabilidade.
Comentarios (0) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 07-09-2006 00:57
# Ligazón permanente a este artigo
A vendima está enriba
Asombrado quedei cando onte despois de tomarlle o grado as uvas en todas as viñas e despois de catalas puden apreciar que este é o único ano que eu saiba que en Valdeorras as pibidas das uvas están maduras.Por se non lle sona esto direi que un dos problemas que temos na Galiza é que polas condicións climáticas as sementes da uva non maduraban ben -nin nas variedades de ciclo corto- polo que non podíamos macerar moito para evitar os taninos verdes que dan sabores herbáceos e astrinxencia o viño.
Pois "grazas" ao cambio climático amais de adiantarse a vendima, podemos prescindir de mercar unha despepitadora ou de facer delestaxe. Non quero decir que esto sexa bo, xa que a ausencia de orballo e choiva acarrexará a perda de aromas e a perda de acidez, dúas características fundamentais e que dada vez se están a demandar mais no mercado do viño.
Teremos que ir pensando nas D.O. de interior de Galiza en permitir o rego en anos como este para manter o perfil e a calidade dos nosos viños.
Comentarios (0) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 07-09-2006 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
a fecha da vendima
A mais dunha boa sanidade da uva é moi importante para obter viños de calidade fixar ben a data da vendima. O estado de maduración da uva non só condiciona a calidade, tamén o tipo de viño polo que o temos que considerar como un dos principais factores de vinificación. Neste sentido é importante para o viticultor/a e elaborador/a saber o que acontece no proceso da maduración da uva. O traballo do enólogo comeza co control de maduración da uva. (Manuel Rodríguez Jimenez)

Comparación de maduración entre uva ecolóxica/uva convencional
( Manuel Ruiz Hernández)

A través dun estudio con asociación Bio-Lur (Navarra) de viños ecolóxicos podemos deducir:
1-A maduración da uva ecolóxica supón un abrandamento mais rápido da pel.
2-Non existe diferencia entre cultivo e peso ou grado.
3-Apenas inflúe o cultivo en intensidade colorante aínda que pode intuírse mais retraso no ecolóxico para acumular color.
4-As ceras da pelexa son niveles similares pero na última etapa da maduración caen no convencional e mantéñense no ecolóxico.
5-mantense no cultivo ecolóxico un maior nivel de polifenolosidasa. Pode ser consecuencia de botrytis incipiente.
6-A riqueza microbiana da alteración global do mosto de uva ecolóxica é superior ao de uvas convencionais. Esta infección estudiada o é, sobre mosto conxelado-desconxelado. Mostrase así un valor biótico superior na uva ecolóxica.
7-A infección posible en mosto ecolóxico é ampla entre mofos, levaduras e bacterias. A potenciación microbiana en uva convencional impide levaduras e bacterias e propicia mofos.
8-Existe unha superioridade biótica na uva ecolóxica que non se xustifica claramente a través dos estudios de ceras, pesticidas nin aminoácidos, con respecto aos testigos convencionais.

A partir dos vinte días seguintes do inicio do envero (primeira cor que colle o froito) recóllense mostras de acios escollidos ao azar para determinar a densidade e a acidez, para seguir o proceso de maduración, non vale con coller dos mellores acios, nin tampouco sempre dos ombreiros do acio. Debemos facer unha recollida que poida representar o termo medio da colleita.

Cóllense 100 vagos de 100 plantas dunha plantación, un vago de cada planta, faise unha vez pola dereita e outra pola esquerda, é importante collelos ao azar. Pésanse os vagos, estrúllanse e determinamos o grado e a acidez. Estas tres valoracións complétanse coas observacións sobre a cor e o estado sanitario, tamén coa cata da pel e das sementes. Estas operacións teñen que ser semanais e débense ir anotando os resultados.

A uva verde ten unha baixa concentración de antocianos que ademais serán de difícil extracción e darán lugar a viños con pouca estructura e no caso de que se force a maceración terán taninos agresivos, pola contra, a uva madura terá unha alta concentración de antocianos facilmente extraíbles e dará lugar a viños con corpo e taninos suaves. É polo que, o grado de madurez das sementes e da pel son os factores mais determinantes da calidade da uva destinada a vinificación en tinto. (Fernando Zamora)

A madurez da polpa pode ser perfectamente válida para a determinación da fecha de vendima para elaboración de viños brancos. (Fernando Zamora)

Unha vez o acio se atopa maduro, este caracterízase por ter peles ricas en taninos e antocianos e pepitas relativamente pobres en taninos. (R. Martinez Valero e outros)
Comentarios (1) - Categoría: Diario dun Viticultor - Publicado o 04-09-2006 16:33
# Ligazón permanente a este artigo
FESTA DA AUGARDENTE EN ARBO
Onte estiven en Sela (Arbo) falando de producción ecolóxica e de augardente.
Estase a celebrar a 35 edición da festa da augardente, polo que fun convidado por Xavier Simón quen nunha das comunicacións previas dicíame:...con estes cambios políticos, tentamos apoiar iniciativas que no marco festivo popular introduzan elementos de desenvolvemento...
Mentras me dirixia o punto de encontro vin a desfeita do lume moi perto das vivendas ao mesmo que o taxista explicaba o terribles que foran eses días anteriores e como as xentes se defenderon do inferno coas sulfatadoras.
Hoxe mais que nunca temos que pensar no futuro do noso País, e Galiza non ten futuro se non somos capaces de recuperar e por en valor o noso rural.
Moi ben pola xente de Arbo.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2006 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal