bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Verdes e Labregos: sobre o prezo da auga
Permitideme que pegue este artigo escrito por Manoel Santos e publicado no Blog de Altermundo, que sitúa parte dun debate que debe ser superado, a outra parte é mais importante é unha certa mioía do movemento ecoloxista para co fenómeno privatizador.


Verdes e labregos: sobre o prezo da auga
Escrito por Manoel Santos
Luns, 11 Abril 2011 08:24
Share

Nas últimas semanas, co agromar da Plataforma Galega contra a Lei de Augas, xurdiu un desencontro -que non enfrontamento- entre os ecoloxistas e a antedita Plataforma, que ten como integrante ao Sindicato Labrego Galego.

O episodio xira máis que nada ao redor do prezo da auga, isto é, o canon -ou dobre canon- que a Xunta quere establecer xa non só polo fornecemento dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, senón polo uso da auga en si, xa proceda esta de traídas veciñais, de pozos particulares ou do uso da chuvia e do mar. Mentres os ecoloxistas din que "o prezo da auga é unha ferramenta necesaria para evitar o sobreconsumo", na Plataforma apostan pola "gratuidade para o uso da auga como alimento e aseo para as persoas, os animais e a produción de alimentos no marco da soberanía alimentar". Ambos os dous teñen parte de razón.

Dende o pragmatismo é defendíbel, pois falamos dun grave problema ambiental, o posicionamento ecoloxista de que cómpre o "establecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que fomenten un consumo racional da auga, que incentiven o aforro e penalicen o desbaldimento". É máis, o desbaldimento hai que prohibilo máis que penalizalo, pois as tarificacións progresivas, máis xustas socialmente, poden rematar legalizando as desfeitas ambientais. Simplemente as comete quen ten cartos para pagalas. Asemade, para lograr aforros significativos o prezo da auga tería que ser probabelmente bastante elevado.

Porén, é importante salientar que poñer un prezo para racionalizar os recursos -e máis se son vitais- pode responder a unha inconsciente lóxica capitalista. E capitalismo e ecoloxismo non son compatíbeis. O capitalismo tende á mercantilización de calquera dimensión social ou ambiental para procurar novas liñas de negocio, e tamén á socialización dos gastos xerados polas súas propias prácticas depredadoras. Quen é responsábel da crise mundial da auga?

Asemade, habería que abrir un debate tanto sobre a conveniencia de prohibir a xestión privada da auga, para que ninguén se lucre coa base da vida; como sobre a aseveración de que os servizos -os básicos- hai que pagalos a maiores do xa destinado aos impostos. Se a auga é unha necesidade primaria, por que non habiamos de destinar máis gasto social para a súa consecución -non ilimitada- e coidado, como xa facemos coa educación ou a sanidade?

Se moito queda por discutir sobre o prezo, máis aínda ao falarmos do mundo labrego, a anos luz do urbano. Dentro deste sistema de mercado, o manifesto ecoloxista do 22 de marzo -Día Mundial da Auga-, sería intachábel se non esquecese que non todos os usos agrícolas son iguais. Non podemos poñer no mesmo andel a agroindustria ou a gandería intensiva, que son negocios de corporacións, e as prácticas inseridas na soberanía alimentar, defendidas por un colectivo -o labrego, non o agricultor- sometido a unha presión insoportábel polos mercados, que están a lograr o seu exterminio. Verdes e labregos teñen que ir da man, polo que cómpre atoparse para definir unha verdadeira ecoloxía social.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2011 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal