bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Congreso do Viño do SLG
Onti tivo lugar en Ribadavia o Congreso Sectorial do Viño do SLG, que forma parte do VIII Congreso do SLG. Para resumir a miña sensación, dicir que tanto as asembleas comarcais que precederon este congreso como o acto de onte, reflexan que existe moita vida, moito debate e moitas gañas de traballar na defensa do sector Todo foi sumar, aportar e puntualizar para entre todos e todas ir definindo o camiño polo que seguiremos a traballar nos vindeiros catro anos. Sinceiramente atopome satisfeito do bo ambente, do nivel de debate, e de compromiso acadado.

A continuación transcribo a crónica do compañeiro xornalista Xosé:

Comunicado de
prensa do SLG
29-1-2011

O SLG renovou no Congreso do Viño a súa aposta por unha viticultura social e de calidade


Manuel Docampo, viticultor de Valdeorras, foi reelixido responsábel do sector
O Sindicato Labrego Galego celebrou hoxe, 29 de xaneiro, en Ribadavia (Ourense), o
seu Congreso do Viño para definir as bases do seu traballo para os vindeiros catro anos e, a
maiores, para elixir ao novo responsábel e Dirección Nacional do sector. Respecto disto
último, saíu reelixido Manuel Docampo, viticultor de Valdeorras que desempeñou esta
responsabilidade durante os últimos catro anos. Xunto a el, a Dirección Nacional do Viño do
SLG escolleu como vicerresponsábel a unha viticultora do Salnés: Elisa Buceta Domínguez.
Se houbese que resumir nunha soa frase as directrices programáticas aprobadas pola
afiliación do SLG para o sector do viño, esta sería a aposta firme por “unha vitivinicultura
social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria
como sustentadoras do sector”.
No Congreso fíxose fincapé, precisamente, en defender esa viticultura social ligada ás
persoas, xa que “este é o único modelo que traballa no sentido da boa calidade diferenciada,
onde os viticultores e viticultoras son peza fundamental para proporcionar uvas de calidade,
imprescindibles para conseguir un bo viño. Este modelo social fixa poboación activa no rural,
que actúa como mantedora do medio”. Esta vitivinicultura de calidade contraponse a outra
practicada por grandes empresas de corte industrial “cunha estratexia depredadora, que
tenta rematar cos pequenos e medianos produtores e produtoras”.
Unha das principais reivindicacións do Sindicato Labrego para defender este modelo
de viticultura é a necesidade de que se manteñan uns prezos mínimos para a uva que cubran
todos os custes de produción, un salario digno, e dea estabilidade no tempo ás explotacións.
Neste senso, os textos aprobados no Congreso do Viño do SLG defenden a existencia de
contratos homologados, pois “obrigan e dan estabilidade, por varios anos, á parte produtora
e ás adegas que os asinan e serven como referencia de prezo ao resto do sector”.
Nembargante, a realidade é que este tipo de contratos, impulsados pola anterior Consellaría
de Medio Rural, non son aínda a tónica dominante no sector: En Rías Baixas e no Ribeiro
comercialízanse con contrato o 50 % das uvas amparadas, cantidade que baixa ao 20% en
Valdeorras. Na Ribeira Sacra, este ano non houbo contratos, do mesmo xeito que en
Monterrei, onde nunca chegou a habelos.
Outra das apostas do sector do viño do SLG ten que ver coa calidade. Precisamente,
apostouse por “un modelo de viticultura de calidade dentro das denominacións de orixe e
das tres indicacións xeográficas protexidas, pero tamén na viticultura non amparada por
estas figuras”.
• Non á incineradora no Ribeiro
Non faltou a crítica política neste congreso. Foron numerosas as voces que se
queixaron da excesiva burocracia e esixencias sanitarias que, de cotío, supoñen un grande
atranco para as pequenas e medianas explotacións. A isto habería que engadir as queixas
polas numerosas infraestruturas e obras prometidas para o sector, sobre todo en períodos
electorais, que nunca se levan a cabo; e o reparto inxusto das axudas públicas que,
habitualmente, acaban no meirande en mans de grandes proxectos adegueiros de tipo
industrial, deixando sen cartos ao resto do sector que é o que máis necesita as subvencións.
No eido local, a afiliación do SLG acordou oporse á construción dunha incineradora
de lixo no Ribeiro polo enorme impacto contaminante que pode ter sobre unha
denominación de orixe que, nos últimos anos, estaba a recuperar o prestixio perdido.
Clausurou o congreso a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, que animou aos e ás
asistentes a manter o espírito participativo e de debate demostrado ao longo das asembleas
que precederon a este congreso como elemento diferenciador desta organización sindical.
Comentarios (0) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 30-01-2011 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal