bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O sector do viño en Valdeorras
No sector do viño acontecen cousas que serían impensables en calquera outro sector económico deste país: calquera persoa allea ao sector ten opción a interferir, un intervencionismo esaxerado das administracións no funcionamento do sector, teñen o mesmo peso no sector os afeccionados que os profesionais, etc.

O sector do viño é ante todo un sector económico, certamente ten tamén unha grande importancia social e cultural, non é un instrumento de control de poder ou de captación de voto.

No abandono do medio rural teñen moita culpa as seculares estructuras caciquís do poder, no abandono da agricultura –da que a viticultura non é allea- tamén. Se nos paramos a analizar o que está acontecendo no rural dámonos conta que cando mais merman as aldeas mais enfrontamentos e crispación política hai, mudando os comportamentos solidarios de anos atrás pola metodoloxía de cegar dun ollo para que outros ceguen de dous.

Somos un sector en crise pero a saída desta crise só se dará con debates de estratexia, con colaboración e mellorando en todo o posible o sector; as patadas e os empuxóns non serven para nada.

Non comparto e non me gusta o xeito como se destituíu a Losada como Presidente do Consello Regulador de Valdeorras. Non entendo o porque a nivel social, político e sindical se lle dá ao C.R. unha consideración de organismo público, cando é privado. Tamén resulta chamativo que os que mais falan son sempre os que menos se xogan no sector, o 90% do debate existente se dá nos medios de comunicación, estando a inmensa maioría do sector de meros espectadores.

O Consello Regulador de Valdeorras é un freo para o sector, é a personificación da mala imaxe que a D.O. Valdeorras ten nos mercados, teñen mellor imaxe os viños de Valdeorras que a D.O.. Esto non é culpa dos Presidentes que pasaron polo Consello, tampouco dos empregados, esto é culpa do sector por agachar a orella cando os políticos poñían nunha man as axudas e noutra o pau, e culpa dos políticos, mais preocupados en controlar que en que as cousas vaian ben.

A maior parte das veces que o viño de Valdeorras sae nos medios de comunicación o fai por conflictos. Cando todos os sectores implicados deberíamos estar mais preocupados de que sempre se falara do bos que son os nosos viños, da boa viticultura que temos, das novas experiencias e do futuro prometedor que todos e todas necesitamos que teña o sector.

Necesitamos unha maior profesioalización do sector; manter a Mesa do Viño como un mecanismo estable de intercomunicación dos diferentes actores do sector (productores, adegas, cooperativas, asociacións profesionais, sindicatos e administración); Sacar canto antes o Regulamento da Lei de Calidade coa participación do sector no debate; Que desde o Consello Regulador se dediquen a “vender” viño, a “vender” a comarca; que exista maior responsabilidade dos productores para os elaboradores coa máxima calidade de uva e das adegas cos viticultores cun bo prezo, concretada esta mutua responsabilidade en contratos homologados; que a administración sexa menos intervencionista e que faga funcionar as Axencias de Extensión Agraria. Podemos estar seguros que si todo o sector nos centramos nas nosas necesidades, e se nos deixan, seremos capaces de facer de Valdeorras unha comarca punteira no sector do viño en Galiza e no mundo.
Comentarios (1) - Categoría: Debates sector do viño - Publicado o 07-05-2006 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 E que me dis dos da ribeira S#blgtk08#acra, estano a facer mellor?
Comentario por juan (17-05-2006 15:11)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal