bioviticultor de valdeorras


Este é o Blog personal dun viticultor, nel podes atopar reflexións para o debate do sector do viño e da Agricultura Ecolóxica, tamén apuntamentos sobre viticultura, enoloxía ...

O meu perfil
manueldocampo@valdeorras.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Bernardo Estevez Villar

Permitome colgar esta entrevista publicada en La voz de Galicia e felicitar dende este modesto blog ao compañeiro Bernardo, ánimo e sorte.


«O viño non dá para luxos»


Un mecánico reconvertido en viticultor e investigador ecolóxico

Autor:
fina ulloa
Localidad:
OURENSE / LA VOZ
Fecha de publicación:
1/8/2011

Criouse en Vigo. Estudou mecánica do automóbil e traballou no taller de seu pai nesa cidade ata que el se xubilou hai tres anos. Nin pensou seguir co negocio porque Bernardo Estévez xa tiña claro -e a súa familia asumido- que o seu futuro estaba no campo, máis concretamente nas viñas de Arnoia, lugar de nacemento da súa nai. Alí empezou a crear unha plantación hai once anos e alí investiu tódolos seus aforros e practicamente tamén todo o seu tempo libre dende hai unha década. Se o esforzo feito -e o que queda por facer, segundo el mesmo recoñece- merece a pena, diráo o tempo. De momento xa ten o orgullo de ter o seu propio viño, feito na vella adega do seu avó, e para esta vendima bautizará a súa propia.

-¿Tivo tempo de arrepentirse e dar a razón a quen di que adicarse ao campo é unha tolemia?

-Aínda que me criei nunha cidade nunca deixei de estar en contacto con isto. Viñamos moitas fins de semana e meus pais son os dous do rural, así que eu xa sabía que con isto non te fas rico, non dá para luxos pero vives. Entre outras cousas porque aquí gastas pouco en alimentación, vas cultivando para ti e non é como ter que ir ao supermercado tódolos días. Non me arrepinto, a pesar de que houbo colleitas malas. O pasado ano tivemos moito mildeu e este tamén se presenta complicado pola sequía.

-¿Xa tivo que pedir créditos para cubrir eses malos anos?

-Non, nin se me ocurriría. Tería que estar tolo para meterme en créditos. Hai que ter conta e sentidiño. Eu o que fago é comprar cando teño aforrado, e si non teño para comprar e necesito algo, pedilo prestado.

-Aínda por riba deulle pola viña ecolóxica. ¿É máis rendible?

-Non todo se mide en cuestión de rendibilidade económica. É un xeito de entender a agricultura, pero por exemplo eu non solicitei certificado porque, por desgraza, algo que debería de facilitarche as cousas, aínda as complica, aparte do custe que supón. Nós concretamente usamos técnicas de biodinámica.

-¿En que consisten?

-Basicamente no coñecemento da terra e de todo o que se move nela, e en incorporarlle só produtos naturais: restos de poda e da propia cuberta vexetal da parcela e extractos de plantas que ou ben xa crecen salvaxes ou ben cultivamos.

-¿Como sabe de extractos vexetais un mecánico?

-Aprendendo. Non foi sinxelo ao principio porque non está moi espallado por aquí. Pero dimos cun técnico de Portugal, fixemos alí un curso de varias fins de semana e agora participamos co seu equipo na investigación de eses extractos e a aplicación na viña.

-¿Que lle din os outros viticultores veteráns?

-A xente maior é reacia, aínda que o que facemos é algo que se fixo sempre: observar para detectalo problema o antes posible, estar atentos aos ciclos da terra, á lúa. Antes tíñanse en conta se era cuarto minguante ou crecente para facer según que cousas. Agora a xente prefire asegurar e comprar un tratamento químico e aplicalo.

-¿Que é o máis difícil de apostar pola terra?

-Precisamente conquerir as terras. Parece mentira que con tanto abandono, cando te plantexas comprar custe tanto atopar unha parcela. Eu empecei comprando nunha zona de viñas abandonadas a primeira hectárea. Agora traballo, entre miñas e da familia, dúas hectáreas e media nos vales de San Vicente e San Amaro.

Naceu en Pontebarxas (Padrenda) en 1971. É técnico de automoción, viticultor e adegueiro.

O ciclismo é outra das súas pasión. Estivo nos equipos Pescanova e Consevas Cortizo como afeccionado, aínda que agora ten pouco tempo para a bicicleta.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-08-2011 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal