|
|
|
|
|
|
|
| O Quinto Pino |
|
¿Cal dos piñeiros que vemos na foto da dereita será o quinto piñeiro?. Poderiamos denominar a cada piñeiro cun número para ordenalos e relacionalos, pero aínda así, ¿sería transcendente que a un lle tocase o cinco en vez do nove?. Non parece, ¿verdade?. O "quinto pino" no sentido da cousa lonxana é unha característica que pode ser atribuída a calquera sempre dende un punto de vista relativo e subxectivo.
Na foto da dereita agora vemos unha fraga de persoas e podemos dicir o mesmo ca na foto anterior.
Nesta terceira foto, tomada en Amoeiro, vemos un piñero a cabalo dun carballo e aquí atopamos a excepción. O carballo soporta o peso do piñeiro estoicamente perdendo o porte natural da súa raza e desprendendose así da súa identidade. O piñeiro parasita no carballo crendose a si mesmo coma o auténtico "quinto pino", e non lle falta razón. Ámbalas duas árbores realmente alonxadas do sentir e da forma de ser das súas semellantes.
A seguinte foto colócoa debaixo destas liñas porque na dereita xa non cabía. Podemos dicir o mesmo ca na foto anterior. Son casos estranos que de ningún xeito nos poden facer esquecer que a vida e a frescura son caracteristicas reais das árbores.
 |
|
|
|
|
| VOO TRANSATLANTICO |
|
 Extinguida a tormenta, contra o formigón da pista aínda arremuiñaba a calor húmida, mesturanza metereolóxica tropical. Ráfagas de trebón inconsciente persistían asperxendo a través dos elementos móviles do avión. A tormenta ensoñaba xa, levitando sobre o crepúsculo, erguendo os seus vértices eléctricos sobre a torre de control do rumoroso aeroporto internacional José Martí.
Preparábase o despegue do voo 1063 con destino Madrid, a cidade remexía perto sen saberse onde, permanecía con tódolos ollos atentos mais sen sorpresa, non había ansiedade naquela ollada. A tripulación acomodada á rutina intercambiaba ramos de camaradería, os pasaxeiros agardaban, ou quebrantaban, ou fuxían, ou retornaban, increndo nas posibilidades dun aparato tan pesado sobre unha noite tan lixeira.
- Pois de verdade contaba con facer esta viaxe só, señora Elena.
- Señorita se non lle importa, cruzámonos tódolos días cos obxetos máis variados, vivos ou non vivos. Materialmente sempre nos atopamos a carón de algo e o único que de xeito infalible nos desagrada é a compañía dun semellante.
- Non me sinto molesto pola proximidade que me vincula a vostede, simplemente non a facía aquí comigo.
- Xa se move o avión, non sei que me dá.
- ¿É a primeira vez que viaxa en avión?
- Sí. E a última, supoño.
- Non o supoña Elena, parece vostede insegura, será a última viaxe se vostede o afirma.
- Xa. ¿E que pinta vostede aquí?.
- Luis.
- Luis.
- Pois levo a dianteira nunha persecución, é dicir, son o perseguido. Un delito corrente, común, nada doutro mundo.
- ¿Fuxe vostede da xustiza?.
- Da xustiza e da miña esposa, máis ben da miña esposa e coma efecto secundario da xustiza. A xustiza buscame para entregarme á miña muller, nuncia con pescozo de xirafa, ha de estar rabeosa.
- Pero ¿qué delito cometeu entón?.
- Querer verme lonxe da miña muller, agobiábame, entón procurei temporalmente manterme a unha distancia prudente, coma de Madrid a Sevilla, pero ela empeñouse en poñerme detectives porque sospeitaba dunha relación extramatrimonial.
- Non parecía vostede tan estrabagante.
- Ademais, sentía a súa presencia e arrepiaba, a policía chamábame cada dous por tres a declarar, mellor dito, a convencerme do meu retorno. Agora retorno á casa, cumprindo o desexo da lercha, de volta ó fogar, verá vostede que sorpresa lle dou á miña esposa.
- Aterroríza con só pensalo. Pero iso non é delito que lle deba á xustiza, eu por exemplo penso que son máis honrada ca vostede e en cambio eu si cometo delito.
- Bueno, cando eu me sentín acurralado escapei do pais, en principio a Italia, despois de ter problemas coas autoridades en Venecia, a Arxentina, onde me enterei por un porteño coñecedor de toda a miña historia, ameazante e rexedor dun restaurante, que as tarxetas e as contas bancarias a meu nome estaban bloqueadas, entón andiven ó serao da noite decidindo se decidir ata que me decantei por exercitar algún que outro trapicheo. Ó principio enganos simplemente, mais estes na Arxentina non resultan porque os Arxentinos sábenas todas, ía mellor o contrabando de tabaco e alimentos. De Arxentina a México cando me vin outra vez sen saída pola pouca prosperidade do negocio, facendo escala en Colombia para incorporar ó meu estómago unha boa cantidade de fardos de coca que estes si que dan vantaxe. En fin, a xustiza tamén tería que dicir algo sobre min, máis se algún día se me chegase a xuzgar, non lle parece que haberían de tomar en consideración coma atenuante a causa principal do meu vagamundear, esa esposa piraña que teño.
- Pois non llo sei. Vostede vai ilegal entón, está claro, eu tamén pero coa conciencia tranquila, eu fuxo do meu país para sentirme libre, para vivir dignamente.
- Elena, no seu país hai moito mar para fuxir.
- Si, pero limita con máis cantidade de aire ca de mar.
- Eso é certo. ¿Vostede ten esperanza?.
- Si. Ou mellor. Deixome levar, esperanza si, xa que Madrid debe de ser diferente á Habana e tan so por iso merecería a pena chegar a ollala. ¿E vostede?.
- A min espérame a miña muller, chameina dicíndolle que chegaba de inmediato, que me agardase no aeroporto, así e andando, e sorría a pobre, con tódolos detalles.
O avión colle velocidade, apunta ó ceo, parece que non avanza pero xa está no aire. Gaña altura, ruxen as engranaxes cos movementos das ás, suavízase a traxectoria nun ascender fino.
- Que raro se me fai que as azafatas non repartan a cea.
- Deixese de cea, por riba goloso.
- E o xornal, boto de menos o xornal.
- Estamos voando, ¿para que quere xornal?. Luis…, non debería falar tanto. Nin eu tampouco.
- ¿E por que?. Para que me vou a reservar, Elena.
- Non me asuste, a ver se agora se vai a por raro.
- Pero de verdade vostede confía en chegar a Madrid.
- Non sei, non quero pensar, cheguei ata aquí e xa me sinto orgullosa, o que suceda está por ver.
- Si, ten razón Elena, disfrutemos da viaxe, vostede faga o que queira, para min todo transcorrerá máis doce se me durmo.
- Pois durma, non fale tanto.
O avión estabilizaba a súa traxectoria soamente distraído por breves sacudidas de aire e presión.
- Ninguén debera ter poder sobre os demais, verdade Luis?.
- Ninguén debera ter poder nin sobre si mesmo.
Durante uns días o voo 1063 procedente da Habana deu moito que falar, despois a noticia foise apagando. A esposa de Luis, logo do tremendo golpe recibido ó topar por sorpresa co cadabre do seu marido, rematou por aceptar a morte, usou loito e despois alivio. Foi ela a que propuxo que o defunto fose enterrado na mesma tumba ca súa presunta amante, unha cubana xovenciña que morría compartindo con aquel as extrañas circunstancias. Viu entón agradecida a súa tenacidade ó comprobarse a hipótese da terceira persoa na vida do seu desgraciado esposo.
O voo 1063 chegou a Madrid aterrando sen problemas, a tripulación daba conta á compañía das novidades acaecidas durante a viaxe, viaxaran cun pasaxeiro menos da conta, que non chegara a embarcar no aeroporto da Habana, un tal Luis Rábade, e con duas maletas demais, cecais equipaxes perdidos procedentes doutro voo. Situacións extrañas que ocorren no aire.
As maletas sobrantes quedaron dando voltas na cinta transportadora do aeroporto, curiosamente unha delas pertencía ó viaxeiro desaparecido, Luis Rabade, e dela se fixo cargo a súa desencaixada muller quen marchou coa equipaxe ultraxada de novo, aquel desalmado incumprira unha vez máis coa súa promesa. Ó chegar á casa abriu a maleta, dentro xacía o corpo asfixiado do seu marido. Logo das pertinentes inspeccións e comprobacións, vendo as autoridades que ningúen se facía cargo daqueloutra maleta sobrante, decidíronse a abrila, rescatando dela o corpo da xoven Elena de pel tostada igualmente presa da asfixia. Dous destinos que remataron na bodega dun avión, un suspiro de liberdade e outro de serena traición, abrigados os dous contra o alento esmorecente da noite transoceánica.
|
|
|
|
|
| Estudios sobre o esquecemento: A neve |
|
 Acordei chegada a hora de me erguer, máis ben para divisar a procendencia da claridade cisenta que enchía o cuarto. Despois sen dar moito creto fun entendendo que a neve viña de deitarse sobre a nosa aira, onde noutrora se asentara aira e hórreo. A felicidade transformárase en luz e de feito non se me deu por outra cousa que por sorrir, alleo ás antigas cores da herba, ás ferramentas esquecidas no chan, á terra recén remexida dos allos. Nin veciños nin casas, todo fuxira de súpeto, agora soamente permanecía para sosegarme aquela única capa de neve que me cravaba ferros fríos no corpo pero que me mantiña atento e vagando sen fin sobre todo aquelo que nunca máis puidera existir. Recordei entón á Señora Maruxa, un supoñer, e comprendín o que puidera sentir despois de esquecer a súa vida e a ollada xélida que pacíficamente deixaba escapar, sen querer, un refrexo de bágoas, cando o neurólogo lle preguntaba polo nome do seu marido e ela respostaba "o pacestea". |
|
|
|
|
| CHINO |
|
A través do blogue de rr coñecín esta curta.
Cantos políticos queren facernos crer que son chinos. Nembargantes este home é chino, aínda que exista tanto hipócrita que practique a modo de tecnica para o engano a súa maneira de expresarse.
|
|
|
|
|
| Carta do apóstolo Crisanto ós Corintios |
|
 As mozas senten pesar polo verán case consumido e cardaron o pelo, unha frialdade cruzoulles a face, coma para reter no pensamento cousas acarameladas, conversas mornas, instantes de ruxir follas en silencio. Ollan cara min trala fiestra, as dúas mozas (polo menos) do lugar de Guillabre, mentres eu practico o ritual de atracción trazando ferrolanas no chan, camiñando poucos pasos para non estraviarme.
A aira está baleira, comeza a orballar, un home sae da casa, as mozas acomódanse para o paseo diante do espello, seguramente, pois o fume non sae pola cheminea. O tío home cubre con chapas de uralita o tesouro, para que a humidade non penetre na sofisticada ferraxe de sete naves espaciais que garda na aira.
O tío home non pode nin debe traballar a terra, esforzos duros demais para un vello, súmense entón as vacas na corte e as silvas debuxan borranchóns nas leiras. Pero o vello pronto había de atopar solución e aproveitando o seu vagar pensionado, adicouse a construír varios foguetes espaciais adaptando para eles todo tipo de maquinaria agrícola coa intención de prepararse para unha inminente viaxe ó ceo.
Chove demais agora e o home repara na miña presencia, olla cara a choiva e azanea, pídeme calma innecesariamente pois eu non poño en dúbida as suas ideas. O tío home cre firmemente no cambio climático, afirma que antes do que a ciencia supón o tempo trocará do revés e dun día para o outro romperá a chover de abaixo para arriba, contra o ceo e o lostrego. E canto máis e máis vaia chovendo gradualmente sobre o ceo, aquel mudará en terreo fértil, terreo dócil sen outeiro, sen camiños, sen congostras nin costas nin balados; nun terreo propio para o faenar dun vello, dun tío home coma este, preparado co seu foguete tractor e con toda a maquinaria agrícola para sementar patacas, collerlle as cimas ó millo, limpar os arredores e para segarlle ó ceo o outonizo, me cago na mai que me pariu.
Din que vai ben unha copa de coñá para estes días, o vello recóllese, a aira queda novamente deserta. Achégome ata a cantina, un bo lugar para cavilar nas mozas, con este tempo do demo cecais esta tarde queden na casa xogando á brisca ou brincando cos recordos do domingo, non sei, en todo caso cómpre ter paciencia e agardar. E esa copa de coñá que non chega, arrímome a un lado da barra, engrúñome, e a copa non chega, cousa normal por outra banda, pois a cantina non ten teito e a botella está baleira. En todo caso se te desesperas o frío e a humidade acábante tullindo e os cachos de tella taladrando os calcaños, por iso cómpre agardar, con paciencia. |
|
|
|
|
| Crise |
|

O problema será que recúe, pois se fai forza cos cornos estamos perdidos.
O problema está no gas, no fume e na malavida.
O problema é que os corvos pican o plástico do silo.
O problema levouno con el.
Agora os pozos son un problema.
O problema vén na segunda trasfega.
O problema é o dólar e as importacións.
O problema vai ser cando os fillos dos fillos teñan fillos.
O problema son as avionetas que botan pestes, bechos e vermes, eu esoutrodía aínda vin un.
O problema somos ti e mais eu. |
|
|
|
|
| O home que reescribiu o almanaque |
|
 Crisanto estaba no paro, decepcionado, coa autoestima baixa. Se ninguén merece permanecer involuntariamente desocupado el tampouco o merecería porque en espabilación adiantaba a moitos da súa idade. Pero tampouco caía na conta da súa valía pois de ningunha maneira vía posibilidade de atopar traballo e demostrala.
Así entregouse un pouco a ver pasar as horas e á boa vida, e como de vagar dispuña, empregouse na desinteresada tarefa de reescribir o almanaque poñendo os santos e as lúas segundo o seu gosto lle dictaba.
Pero resultou que o almanaque obtivo éxito en pouco tempo por ter a letra un pouco máis grande do habitual e o seu uso pronto foi extendido.
Crisanto tan só cometeu un erro, ó trocar luas e santos segundo o seu capricho, aqueles, desconcertados, non souberon coma actuar sobre as continxencias da labranza ou fixérono ó chou, resultando que as colleitas dese ano perdéronse cáseque por completo diante da ollada estupefacta dos labregos guiados polo almanaque Crisanto. Pero iso non impediu que o home fose erixido coma gran sabio contemporáneo e proposto ó cargo de ministro, cargo que ocupou deseguida laureado polas voces dos seus adeptos.
Crisanto, no seu recén estreado posto, dispuña de aínda máis vagar ca en ningún tempo e deulle por reescribir os rótulos das portas dos despachos do ministerio, así onde antes puña “ministro” Crisanto escribiu “señora de la limpieza” e o feito foi dado por bo ó dicir das voces dos seus apaixoados seguidores, quenes rapidamente lle esixiron as responsabilidades propias do seu novo cargo. E dese xeito foi coma Crisanto, gracias ás súas ocurrencias, terminou por atopar un posto de traballo digno e honrado, á medida das suas necesidades, limpando a imaxe, as paredes, chan e cristais, dun flamante ministerio.
|
|
|
|
|
| Noite abrasadora |
|
| Ana, unha cobra bufa no cuarto das nenas. |
|
|
|
|
| O avión das oito |
|
 Os mortos de hoxe opóñense tanto estética coma espiritualmente ós mortos de antano.
Aqueles defuntos semellaban máis vivarachos, seguros de si mesmos, cheos de razón sobre a súa morte; agora únicamente se desvelan apampanados coma se aquelo de non existir non fora con eles ou coma se andiveran musando no ultramundo, eso é, musando, hoxe vivimos na época do morto incauto, pasota, que non atopa obxetivos na vida.
Recordo o tempo no que os mortos mudaran o xeito. Daquela finaba o señor Enrique, home que viña de durmir toda a vida sobre conchóns de palla de millo e que un bo día pola mañá espertou sobresaltado polo estrondo desafiante dunha alimaña inimaxinable, o avión das oito. O señor Enrique erguíase enfurecido, coa picaña na man apuntando ó infinito, enfrontándose a aquel intruso que tódalas mañás rompía a plácida tranquilidade do lugar de Santestevo, deixando un ronsel de peste no ceo, de néboas malignas que habían de estragar as colleitas e avinagrar o viño.
O señor Enrique morreu sen que ningún xuíz admitise a trámite a denuncia que pretendía interpoñer contra o avión das oito e así no primeiro día do velorio a estampa do finado traducía inconformismo e carraxe a cada momento. O señor Enrique fíxose morto no tempo do lanerocolchonero, cando a máxia do altofalante invadía as aldeas e a xente aireaba os íntimos conchóns, facendo negocios irreparables a cambio de muelles, escuma tanto de noventa coma de un cincuenta e dous. E cando no velorio do señor Enrique alguén decidiu que en tódolos aspectos da vida e da morte habería que avanzar nos tempos do lanerocolchonero, trouxeron en peso unha plancha de vidro do tamaño da caixa e con ela cubriron o leito mortuorio, coma nunca se vira, deixando ó defunto sen palabras, apenas asomado trala fiestra. Todos quedamos atemorizados pois alimesmo reparamos na actitude introspectiva que o corpo sen vida adoptaba a cada paso, coma o sentir se engruñaba e coma non podía ocultar a indefensión. E así cando foran as oito da mañá o avión das oito sentiuse bruar e tremeron a táboas do piso e na plancha de vidro me pareceu ver refrexado o ronsel maligno do aparato voador, vingativo, e o señor Enrique coma fumando en pipa pero ó fin estranamente distraído, resignado coma tódolos mortos que na parroquia se viran despois.
Eu esta noite durmía saudablemente sobre as frebas do meu colchón flés científicamente probado, ata que un ácaro me espertou, cos seus minúsculos dentes ameaza con introducirme non sei cal enfermidade paralizante e letal. Asumida a miña morte non trato de fuxir, tan só penso dende hai media hora nos meus proxectos coma morto, en atoparlle un sentido á miña morte, e pasan por min os refrexos de tódolos mortos, e xa temo ter perdido o senso dereito e xa cecais os mortos de hoxe e os de onte foran os mesmos, marcados se tal según a moda, non sei, e penso esto e máis aínda, mentres o ácaro avanza percorrendo, dende os pes da cama ata min, a enruga perfecta do flés, deixando un xélido ronsel envelenado sobre a superficie aséptica do meu colchón.
|
|
|
|
|
| Da terra á cesta |
|
boas noites a todos. Despois dunha eternidade sen muiño hoxe comezamos muiñadas novas. Foron días con mal xeito, hospitalización de nenas, tensión no traballo, en fin. Desexo frescura, de verdura e ensalada, de alimentos autenticos e honrados, desexo comer da horta tal e como o juanjo rodicio apresenta no seu documental. Ollade.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|