O muiñeiro do tempo


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Ciberirmandade da FalaAdd to Technorati Favorites



Contos, forras, chemineas e curtametraxes.
manel766@yahoo.com
 CATEGORÍAS
 ANTERIORES
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 FOTOBLOGOTECA
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

A flor máis grande do mundo
Despois de falar de xirasois, continuemos con flores pero coa intención de aportar un grao de esperanza diante de tantas comedias tráxicas. Unha historia de José Saramago levada ó cine, animada por Juan Pablo Etcheberry.


Comentarios (7) - Categoría: Curtas - Publicado o 09-05-2008 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O bar da esquina. (2)
Continuamos coa miña homenaxe á burocracia, á "estatalización quística" e á axilidade demostrada por algunhas administracions.

Naquel momento crin imposible saír do bar da esquina sen o sabor salgado na boca e a necesidade automática de cuspir, por iso foi que diante da imposibilidade de comunicación con aquel fiel camarero sumiso á amarga norma colgada do falso teito e vendo á miña esquerda e á miña disposición sete ventanillas con candanseu funcionario, dirixínme a elas co afán de realizar unha reclamación en toda regra, unha xestión eficaz para conformar a miña sede de pipas.
As ventanillas eran sete, unha detrás da outra, aínda que os ocos na parede eran nove, iniciándose na máquina tragaperras, a través dos dous últimos accedíase ó vater de home e de mulleres respectivamente.
Dirixíndome ó primeiro dos funcionarios e este adheríndose á miña presencia conseguín encher cun rosario de datos a instancia correspondente para a solicitude de dispensa interna administrativa autorizando o uso da palabra pipas con fins comerciais, seguidamente o atento servidor publico advertiume que debía acudir no prazo de sete días á ventanilla numero dous para que o funcionario correspondente selase as catro copias da instancia.
Ese día a ventanilla dous por non sei que razóns estaba pechada, agardei, ó día seguinte selei as instancias que había de entregar nas ventanillas tres, catro, cinco e seis, pero por unha serie de casualidades desgraciadas ó completar o trámite en cada ventanilla a seguinte xa rematara o seu horario e permanecería pechada ata o día seguinte. Pero eu agardei no bar, a clientela era sempre a mesma, ó septimo día eu facía cola diante da séptima ventanilla onde debía recibir resposta á miña petición..
O séptimo funcionario tosía o pobre, cunha face conxestionada pola máis fonda das preocupacions examinaba o meu expedente:

- Agora as peticións do uso da palabra pipas non se tramitan deste xeito meu amigo. Vostede debe solicitar permiso ó Consello de anciáns formado polos catro avós do propietario do local para poder dirixirse por escrito ó dependente do bar e realizar a demanda do debandito producto. Vaia á ventanilla número un e cubra as instancias pertinentes.

Na ventanilla número un de novo, despois de oito días, cursaba a nova solicitude, que debía selar na ventanilla dous para despois entregar cada unha das copias dirixidas a cada ancián nas ventanillas tres, catro, cinco e seis e na séptima agardar a resolución do Consello.
A ventanilla número dous permaneceu pechada durante un ano xa que o funcionario da número sete foi trasladado para a dous e logo do traslado, debido á fría corrente de aire dos pasillos, agarrou unha gripe que acabou de agravar a bronquite crónica que padecía, costándolle un ano de convalecencia. Eu, pedín outra cervexa e agardei no bar. Por fin despois deste tempo selei os papeis, tras dun guiño de complicidade brindado polo brillante pero feble funcionario número sete.
Xa entregaba a instancia na ventanilla tres cando me informaron que debía facelo no día do cumpreanos de cada un dos anciáns, mala sorte foi a miña cando me enterei que os catro cumprían anos na mesma data polo que como nunca conseguía dar o paso de ventanilla a ventanilla no mesmo día debería agardar catro anos para formalizar o meu rogo. Pero no cuarto ano, no día do cumpreanos do cuarto avó, apareceu no bar un lazo negro colgado do teito, a miña ansia pola bolsa das pipas existía aínda con máis forza pero debía esperar a que tralo falecemento do cuarto avó, quenpazestea, se cubrise a praza vacante no consello de anciáns. Dous anos despois convocáronse eleccións ó Consello, votaron o propietario, os avós, os clientes, o dependente e os sete funcionarios saíndo elexido un tío avó dun curmán do propietario que tomou posesión do seu cargo ó ano seguinte, dous días despois do seu cumpreanos.
Mais eu agardei, agora sentado nun taburete do bar, o paso de trescentos sesenta e seis días por ser aquel ano bisiesto. Agardei e entreguei a cuarta instancia. Dende ese momento ata a entrega da resolución pasaron oito anos, pois os anciáns padecían de demencia senil e sempre se esquecían de enviar o papel á séptima ventanilla, tanto foi así que só se recuperou a autorización cando despois dunha forte dor abdominal, a un dos anciáns, a vida ou morte, houbo que extirparlle-lo apéndice vermiforme, entón o cirurxián de garda descubriu a existencia dun obxeto estrano nos intestinos do doente que non era outra cousa que o papel escrito co fallo do consello de anciáns sobre o meu caso.
Cando souben da decisión positiva dos avós autorizándome a pedir as pipas por escrito, agarrei lapiz e papel e redactei a seguinte nota:

QUERÍA UNHA BOLSA DE PIPAS, POR FAVOR.
¿CANTO É?
GRACIAS.

En breves segundos fixenllo chegar ás mans do camareiro xunto coa autorización legal, quen con aceno de fastidio e mirándome de lado díxome:

- Síntoo señor non lle podo vender as pipas porque acaban de caducar hai tres días , acabámolas de tirar todas ó lixo.

Foi nese intre cando me decatei de que non sairía do bar da esquina comendo pipas. Recorrín as sete ventanillas unha por unha, sen pararme e sen ollar cara elas, entrei no vater, mexei, saín do bar e dirixinme cara a casa donde me agardaba a miña muller.
Entrei pola porta sentindo o calor do fogar, medio mosqueado, mentres ceabamos conteille a Ana o caso que me sucedera. Ela, atragantándose coa sopa, deu en rir coma se dentro dunha bola de fideos atopase a fonte das cóxegas. Cando se tivo calmado contoume que o bar da esquina era un bar conductista, eu non concebía que poidesen existir bares dese xeito, e o seu dono era un psiquiatra ou psicólogo que ademais dirixía unha coñecida envasadora de pistachos.
Ó rematar a cea levanteime da cadeira sen encontrarlle aínda ningunha gracia ó asunto do bar da esquina. Despois de dezaseis anos e pico traspasei a porta que dá ó xardín coa mesma fixación que levaría o can de Paulov apretado polas necesidades fisiolóxicas de eliminación e logo de estarricarme un par de veces, pensando no nugallao que me estaba volvendo ultimamente, abrin a billa para encher o cubo de auga e darlle unha boa rega ós meus amados xirasoles que esta noite parecíanme moito máis tristes e decaídos ca de costume.

Comentarios (3) - Categoría: Contos - Publicado o 08-05-2008 01:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Reciclaxe


Coma tódolos días saín da casa disposto a desfacerme da bolsa do lixo. Mentres me achegaba ó contedor reparei melancólico na bolsa entreaberta. Alí ían os meus zoquiños estragados, os primeiros poemas, a camiseta a raias que xa fora do meu curmán, un billete de duas mil pesetas, as gafas de cerca, a boina, o reloxo de peto, unha pistola e o rosario que levaba envolto nas mans o día do meu enterro.
O contedor estaba baleiro e o estrondo da bolsa ó caer fíxome tremer.
Comentarios (5) - Categoría: Contos - Publicado o 06-05-2008 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O bar da esquina. (1)
Continúo na liña de ir amosando textos escritos hai xa anos. Hoxe fágovos a primeira entrega do bar da esquina.


En certa ocasión, cruzando o parque de volta á casa, camiñando as lousas ocultas polos excrementos das pombas, antoxóuseme unha bolsa de pipas. Levaba presa, pois a tardiña caera coa intención de causar sorpresa, coma tódalas tardes do outono. O bar da esquina quedaba a un paso, foi por iso que decidín entrar no local para facerme co meu antoxo.
No bar tres homes de cabelo moi liso mollado apegado ó pescozo xiraron media volta nos seus taburetes con tal de ollar cara min, estrano transeunte na hora da cea. O dependente metía unha culler nunha bandexa chea de zorza e sete funcionarios atrincheirados detrás de sete ventanillas xiraron media volta, cabizbaixos mergullandose nos seus asuntos, entoando un ruxir de papeis que sonoramente ambientaba as labouras do bar.
Poderíamos definir o bar da esquina coma un establecemento apropiado, en consoancia coa normativa vixente, avantaxado dentro dos locais do seu xénero. Un bar coma outros cen mil se non fose polo inmenso cartel que rodeado de moscas penduraba do teito, un cartel tremendamente opresivo que entre signos de admiración dicía:

“QUEDA PROHIBIDO NESTE BAR PRONUNCIAR A PALABRA PIPAS”

Preguntábame eu se tal norma puidera ser aplicable, en tal caso o que si me parecía era de moi mal gusto pois as pipas agardaban a un lado da barra por algún comprador, alleas a toda regulación xurídica. Decepcionado pero co anceio aínda máis latente, pedín unha cervexa e reflexionei, tomei un trago e decidido ollei cara o dependente.

- Está prohibido, meu amigo.- respondeume.
Comentarios (1) - Categoría: Contos - Publicado o 05-05-2008 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Empantanados proxéctase en sada.

Este sábado proxectase a nosa curta empantanados no Festival Galego de Curtas de Sada, pois será na casa da cultura Pintor Lloréns ás sete da tarde. Para nós sempre é unha satisfacción o poder compartir a nosa visión sobre o mundo e dende logo afondar na aprendizaxe dos xeitos que nos faciliten unha relación íntima coa persoa que entre en contacto coas nosas creacións.
Sobre o festival podedes atopar toda a información nesta ligazón.
Comentarios (3) - Categoría: Curtas - Publicado o 01-05-2008 02:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
No linde
Caso número tres. Silencio por favor. Vexamos. Ben. Un voluntario ou voluntaria. Si, un, calquera de vós.

Toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc, toc,

No amencer da noite de San Xoan din que o sol brinca disposto a conceder un desexo. Levaba toda a noite agardando pero cando a primeira raiola me deslumbrara dende o horizonte, o meu impulso non podía obrar máis ca apartando a vista aterrorizado. Gosto dos amenceres pero nunca puiden comprobar se o sol brincaba na noite de San Xoan.

Toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc., toc.,

Mercaba cereixas da onza, vendéndoas a prezo de ouro, debido a unha estraña escasez. Propietario de sete factorías para o envasado, duas transformadoras de zume e licor de cereixa. Destacado coma empresario do ano. Inmensamente rico, incriblemente rico a maiores se casualmente triunfasen os plans de expansión en Norteamérica. Pero no intre de culminar a fazaña, no intre de acadar a maior fortuna do mundo, sentín terror ó ver realizable o meu último obxectivo, entón fun pechando unha por unha as miñas fábricas, liquidando a cada un dos meus traballadores.

Toc….., toc……., toc………., toc……….., toc……………toc, toc………….., toc,

Puidera casar coa muller da miña vida. Todo preparado para a cerimonia, o mellor convite, a mellor igrexa, os mellores padriños. Sentíame colmado de satisfacción. Pero xa chegado o momento decisivo, dous minutos antes do “si quiero”, non puiden evitar a fuxida e arrastrandome coma un miserable lanzeime en estampida fóra da igrexa, fóra da miña vida.

Toc……………, toc…………………., toc………………………, toc………………….

Nunca conseguín chegar ó orgasmo. Toc……………………………, toc………………
Xogo á lotería pero antes do sorteo sempre racho co boleto, non soportaría ser o agraciado. Toc……………………………., toc………………………………., toc

O mestre de educación física atounos unha corda de goma á cintura, o outro cabo preso a unha columna de cemento e aquello foi a causa de todo. O exercicio consistía en camiñar en contra da resistencia que ofrecia aquela goma. Ó principio resultaba doado avanzar, despois a corda turraba de medo cara atrás e había que desistir. Eu seica fora dos que máis lonxe chegara, non o recordo. Procurei xuntar tódalas forzas posibles por superarme a min mesmo, por lograr o ansiado fin de chegar tan lonxe coma ninguén. Pero semella que me fallaron as pernas e a goma turrou de min con violencia estampándome contra o poste de formigón. Nunca peor me sentín da cabeza. Vaia golpe levei. Dende aquel intre nunca máis intentei culminar os meus desexos, chegar ata o fin.

Toc……………………………………toc…………………………………toc……………………………….
toc……………………………………………………………….toc…………………………………………………….
Piiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii.

Veleí señores. A corda que o ataba á vida acaba de romper.
Veña, o voluntario, vostede mesmo. Anote: Hora da morte doce e cincuenta e cinco. Causa: Hemorraxia cerebral masiva por rotura dunha deformidade da arteria cerebral media, orixinada posiblemente a partir dun traumatismo craneal antigo. Cubran entre todos o certificado de defunción, han de afacerse tamén a manexar o papeleo.
Comentarios (6) - Categoría: Contos - Publicado o 28-04-2008 02:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A man ou a máquina.






A máquina borgiana puidera ser realidade, os soportes informáticos cada vez máis rápidos e potentes facilitan o soño.
Unha base de datos, un idioma, e a máquina a funcionar, a resolver a cantidade infinita de combinacións entre palabras, a crear novelas, contos, poemas, leis físicas,...
Certamente cunha máquina deste tipo o editor non ten máis que adicarse á escolla, tódolos libros están escritos. O sector superindustrialízase, os escritores pasan a mañá mergullados nun ambiente idílico, musando sobre o movemento dos insectos. Logo reúnense todos para o xantar gozando da dieta máis apropiada para o esforzo de lectura e revisión. Seguidamente e trala orde metálica do editor, as cabezas quedan trabadas, inmersas no proceso de selección daqueles productos máis interesantes, dos elaborados polo si e polo non da máquina.
Non lembraremos aquelas épocas, cando os libros se tecían a man.
Comentarios (3) - Categoría: Chemineas - Publicado o 25-04-2008 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Helio
Helio. Ollos redondos incrustados en cerebelos forzadamente lustrosos, zume de tinta china. Cor de cancións en paredes indecoradas, son de mofo sublime, alcohólico, copias especulares, especulativas de individuos incandescentes e a certas horas tamén inventores da romana ou da balanza, quen sabe. Intereses de por que me mira, por que me está mirando, perturbadores da inlexislada entropía. Amarguras, vivires espetados na codia das convencións, vibran escurecidas pola sombra das bandas de paxaros, acicaladas, enxoitas de caramelo. Honrosa botánica, botánica das lagañas sen pao, sen folla, sen case margaritas, sen nada.
Helio. Así é o Helio pola noite, na súa inextrema veteranía.
Amo as ringleiras paralelas, as tapadeiras suicidas, o ronroneo das luras petroleadas. Entretanto edredóns recuperando o sono, meritorios acenos de nostalxia, algún indicio de lúa na miña habitación de regadío.

Aposto que nalgún intre descubrirei a secuencia cíclica da máquina tragaperras, e contaréivola en raiapunto e vós decidiredes sobre cuestións estéticas, as luces as fresas, o apagón fortuíto e o xiro indistinto. Aqueloutras andan a remollo para facer delas un colar e pousalas rebuldeiras no medio da palla e unha especialmente recrúa na idea de trono detrás de lostrego, porque semella espiritualmente un cambio de lúa, un morcego en posición erecta, pensativo, ollando trala fiestra.
Helio, noite. En realidade recorro millas, camiños, o ron disólveme en pulpa abrazatoria querendo encher as esquinas de azucre. O pouso da consciencia fai que os meus pes rocen contra as beirarruas ou contra as pistas de baile, en cambio, a inconsciencia revolotea arredor da bola cristalina coma bolboreta picando nas luces, escarabellando nos dentes cun palillo.
Reconfórtame a chegada dun mañizo de momentos cruciais, daqueles que explican rápidamente as súas razóns e desaparecen sen réplica, coma efectos colaterais de cervexa amarga enchendo de trámites o cauce dos sumidoiros. Lugar para berrar con propiedade, para descender suplicante ata as encías dos dentes de serra, cerrote coa cara descosida, tribulacións para tripulacións perdidas na aira, mal sabor de boca, ovacións dirixidas a pilotos en parrilla de saída, cos depósitos cheos de azucenas.
Helio, helio, helio. Cortan a carne con apócemas químicas reversibles. Helio. Esta é a hora dos amigos, as formigas semellan querer destruir o formigueiro, o medo empapa o campo da festa, o rubor perfectamente interiorizado, e as formigas patinan na lama remexendo nos petos, enseñando as chaves na palma da man. Todos criamos que a noite tiña pezoña e por iso procuramos axeonllarnos nos cristais, agora, indistintos asumimos de mala gaña as nosas curacións. Non haberá moito máis que dicir, un certo desasosego, pois ninguén contaba cun resultado tan pobre en frases intelexibles. Mellor pechar pola vía administrativa, veña, chegou a hora, a recollerse.
Así eu me libero do pluscuamperfecto e do condicional, busco a chaqueta, copia compulsada dos novos avatares, das novas estampas, recursos e demandas cara aquelas molestias gástricas, toxos encefálicos, e recollo os últimos efectos persoais accionando o manubrio enferruxado da miña inspiral. Rápidamente cubrir o formulario de volta á casa, revisar a data de caducidade da miña tarxeta de resistencia, dar media volta e quedarme durmido.
Helio. Descarto a mañá, sinto detonadores por riba das pálpebras, nalgún momento percibo que o perigo xa ten pasado e abro os ollos. No Helio os movementos sempre son os mesmos. Dous ou tres vasos de auga, o xantar frío repousa na mesa da cociña, un día enteiro desfacéndome destas dores, destes oídos. Detéñome a mirar a copia ampliada da táboa periódica dos elementos que noutrora sustituíra ás follas do almanaque detrás da porta da cociña. Mañá é Litio, a retomar a monótona xornada laboral, mais esta semana é corta, a fin de semana xa se ve no horizonte. Neon, neon pola noite, un par de amigos unhas copas e a empezar outra vez.
Comentarios (2) - Categoría: Contos - Publicado o 20-04-2008 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Columpiarse
Ningún neno completaría a súa formación se durante os primeiros meses de vida non aprendese a columpiarse. Semella tan necesario coma chupar, columpiarse canto antes para continuar columpiandose durante toda a vida.

Coma nesta curta, o columpio de Alvaro Fernandez Armero. Continuaremos columpiándonos durante esta semana, semana adicada no muiñeiro do tempo ó columpio e á arte de columpiarse.


Comentarios (5) - Categoría: Curtas - Publicado o 16-04-2008 02:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os cans que non existen







O can, chamado Lorment, nunca entraba na casa de boa gana, mais o pretérito sempre se replicaba idéntico unha e outra vez e o can remataba por atravesar a porta e afacerse ás duras características da liberdade dun animal doméstico. Lorment non entraba na casa de boa gana porque coma tódolos días aínda non puidera satisfacer as súas necesidades fisiolóxicas máis básicas ou máis demonizadas, caendo en desvantaxe diante do resto dos cans que aproveitaban estes paseos prenocturnos para aliviar as contraccións do instinto e baleirar de materia os seus compartimentos residuais. Pero certo era que tampouco importaba en absoluto que o can Lorment non cagara nin mexara, pois o can Lorment era un can que non existe, unha das razas máis harmónicas das que o creador ten soltado no mundo. Nin cazaba, nin tornaba da casa, nin deleitaba ó seu amo con carantoñas, non existía, por iso tan só podía ofrecer boa compaña.
Comentarios (4) - Categoría: Forras - Publicado o 13-04-2008 04:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
Creative Commons License

Esta obra está bajo una
licencia de Creative Commons
Top Blogs galicia


Tracked by Histats.com







Site Meter


Blogalaxia