Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Festa nacionalista en Arcade
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 16-07-2010 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
XI Festival Folk... de raiz (Callobre- A Estrada)
O Xoves 15 e Venres 16 de Xullo, celébrase en Callobre [A Estrada], o Festival Folk... de raíz.

Xoves 15 de xullo:

- GalegoZ
- Trioliro
- Regato de Matamulleres


Venres 16 de xullo:

- Noitarega
- Os Ke Hai
- Alvariza
- Pradairo


A festa está organizada pola Asociación Regatos, e haberá sitio para acampada, pulpeiro e exposicións de artesáns.
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 15-07-2010 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
'The Crass' gaña o Proxecto Runas do Festival de Ortigueira
O grupo nobel 'The Crass', de Vigo, gañou o concurso de novos valores Proxecto Runas desta edición. O Festival Internacional do Mundo Celta, organizado polo Concello de Ortigueira, resistiu a crise. A súa edición número 26 que concluíu o pasado domingo, congregou a 95.000 persoas, unha cifra similar a de edicións anteriores.

O Proxecto Runas que organiza o Festival de Ortigueira para promocionar e dar a coñecer a novos grupos do panorama folk xa ten gañador. A edición do 2010 foi para o grupo The Crass, formación de Vigo que chegou á final xunto a o trikilitari de Portugalete, Xabi Aburruzaga, e á formación madrileña Celtic Maze.

The Crass recibiu como recompensa un premio de 3.500 euros e unha actuación no cartel dos grupos consagrados para a edición do ano que vén do festival que terá lugar entre o 7 e o 10 de xullo do 2011.

Boa entrada

Un ano máis Ortigueira foi durante 96 horas o “encontro multicultural por excelencia do verán a pesar da competencia frontal de outros festivais”. Segundo explicaron os seus organizadores, as primeiras estimacións feitas cifran o número de visitantes en 95.000, cifra similar á rexistrada nas últimas edicións.

No eido musical destacaron pola súa conexión co público a proposta de Celtas Cortos, xunto a outras máis celtas como a de Anxo Lorenzo Band, Gaelic Storm ou Shooglenifty, os tres cabezas de cartel do sábado.

A organización valorou o resultado do apartado adicado en exclusiva ao folk-rock, que abriu a súa oferta musical coa actuación dos bretóns Kêposuk o pasado venres

www.anosaterra.org


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-07-2010 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Uxía Senlle
A cantante galega Uxía Senlle ofreceu onte un concerto en Lugo baixo o título Vintecinco anos con Uxía , e nel contou co acompañamento musical das guitarras de Sergio Tannus e Alejandro Luzardo.

-Veu a Lugo a presentar un novo proxecto, «Uxía Trío», e afirma que é o seu traballo máis íntimo e persoal, ¿por que?
-O trío é unha formación que permite unha maior liberdade sobre o escenario e tamén unha maior aproximación ao público. A guitarra é a protagonista, xunto coa voz, desta nova etapa, e ademais trátase dunha viaxe iniciática onde pretendo depurar a voz o máis posible para que recupere o seu sentido orixinal.

-Cun guitarrista brasileiro e outro uruguaio, supoño que a multiculturalidade é fundamental.

-Efectivamente. Os dous teñen experiencia coa música do seu país e o que facemos é mesturar todos eses estilos. Teño moita influencia de Brasil, fixen moitas xiras por alí e penso que na lusofonía está o futuro.

-¿Que caracteriza o seu novo disco, «Eterno navegar»?

-É un proxecto que percorre sonoridades atlánticas, de territorios moi importantes para a nosa terra e a nosa cultura, como Brasil, Portugal ou a África lusófona. Tamén é un disco de contrastes e sonoridades múltiples porque tanto podes atopar un alalá como unha berenguela.

-E en xeral, ¿como definiría a súa música?
-Trato de facer miña a música que escoitei desde sempre, pasándoa polo meu tamiz, polo meu xeito de cantar. Eu trato de investigar e experimentar permanentemente partindo das cores e dos sabores da terra.

-Está celebrando xa 25 anos de carreira musical. ¿Houbo unha evolución ao longo deste tempo?
-Desde o primeiro disco ata agora, evidentemente, si. E no meu caso, como me gusta experimentar, esa evolución ten que existir. E non só nas composicións, senón tamén na forma de cantar, xa que a voz vai perdendo flexibilidade, pero gaña en profundidade e en personalidade.

Os seus concertos caracterízanse pola proximidade e pola participación activa do público. Uxía asegura que «ao longo dos anos fomos creando unha gran familia».
-Seguramente esa proximidade ten moito que ver co seu éxito.

-Eu creo que si, que á xente lle gusta sentirse como na casa nun concerto, estar disposta a sacar os zapatos e instalarse na proximidade.

-¿Séntese vostede a gusto en Lugo?
-Si, moi a gusto. Lugo é unha cidade onde aínda se conserva a fala dun xeito moi puro. E é unha cidade moi musical.

La Voz de Galicia

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-07-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Sés en Carballo
Hoxe xoves 15 de xullo, a partir das 22.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo con entrada de balde, María Xosé Silvar chega á súa terra natal co seu novo proxecto, unha aposta en feminino polo blues, o rock clásico e a mistura doutros ritmos como a música latina ou mesmo ska, todo iso acompañada dunha formación inigualable, con sección de ventos, teclado e coristas, ademáis de guitarras, baixo e batería.


O concerto de Sés é unha das actividades do curso de verán de Dinamización Lingüística organizado pola Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo que se celebrará os días 14, 15 e 16 de xullo en Carballo, impartido por grandes nomes da cultura galega como Ana Romaní ou Sechu Sende, entre outros. E é que a lingua e a literatura son dous ingredientes fundamentais nas cancións de Sés, compostas todas elas por Xosé Silvar, que ademáis de música é licenciada en Filoloxía Galega. De feito, a propia María Xosé Silvar participará como relatora no curso, no que falará da súa experiencia ao conxugar lingua e música.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-07-2010 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Rosalía de Castro
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 15-07-2010 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
ACentral Folque aborda Moaña
aCentral aBorda Moaña
Concerto único e actividades infantís


Os vindeiros 14 e 15 de xullo, aCentral Folque atraca no peirao de pasaxeiros de Moaña. Alí estará durante dous días o pailebote Neves no que se organizarán unha festa/concerto moi especial e unha viaxe musical imaxinaria para os máis pequenos.

O mércores 14 a partires das 22 h faremos un concerto inédito con artistas de recoñecida traxectoria coma Iván Costa, Edelmiro Fernández, Manolo Maseda e Lola de Ribeira que estarán acompañados de tres das mellores voces do folque galego: Sonia Lebedinsky, Guadi Galego e Ugia Pedreira. Por suposto, haberá unha taberna a bordo.A entrada é de tan só 6 €.

O xoves 15 a partir das 12 h, os mestres da AFI, Pepa Yáñez e Xurxo Troncoso, levarán aos máis pequenos nunha viaxe imaxinaria polos diferentes portos do mundo. Está orientada a idades de 6 a 12 anos e é de balde.

aCentral aBorda está promovida polo Concello de Moaña, aCentral Folque e ArousaVela.
En colaboración co aCF organiza este evento único e irrepetíbel.

aCentral Folque celebra neste 2010 o seu X aniversario e un dos xeitos de celebralo será esta serie de concerto/festa aBordo do Pailebote Neves, o único pailebote feito en Galiza que se conserva e está en activo. Ante a ameaza titánica da velocidade e do consumo rápido de ideas e productos, escóllese o tempo e o ritmo do mar.

aCentral aBorda é un proxecto lindo e especial que consiste en organizar unha velada con música ao vivo dentro do barco atracado en tres portos das Rías Baixas, ofrecer un noite alternativa acompañado dun entretido espectáculo cos nosos artistas, tomar unha copa e cheirar a salitre desde un pailebote. Haberá un pase continuo a partir das 22 horas e até que o corpo ature.

Para máis información, chamar ao +881 031 829 ou escribir un mail a info@folque.com.

Tamén en www.folque.com



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-07-2010 15:11
# Ligazón permanente a este artigo
Festival de Folk Internacional (Dodro)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-07-2010 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Segunda feira 12(luns)

Terza feira 13 (Martes)
• Barlovento e Ludovaina en Cangas

Corta feira 14 (Mércores)
• BellónMaceiras Quinteto en Dodro (A Coruña)
• ACentral aborda Moaña: Guadi Galego, Ugia Pedreira, Sonia Lebedinsky, Manolo Maseda, Iván Costa, Lola de Ribeira e Edelmiro Fernández...
• Uxía en Lugo ás 21:00 no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro

Quinta feira 15 (Xoves)
• Pito de Pikasso na Final do Concurso sala TheStar (Carral)
• Chotokoeu no bar de Juan (Vigo)
• Festival Folc de Callobre (A Estrada): Galegoz, Trioliro, Regato de matamulleres,...

Sexta feira 16 (Venres)
• Os Cuchufellos en Tomiño
• Astarot en Marín
• Mamá Cabra no Campo das Redes (Nigrán) ás 20.00
• Donicelas en Salceda de Caselas
• Recambios Tucho en Taragoña
• Festival Folc de Callobre (A Estrada): Noitarega, Pradairo, Alvariza, Os ke hai, ...

Sábado 17
• XI Memorial Ricardo Portela en Pontevedra
• Sobre Rodas no XI Memorial Ricardo Portela ás 20:00 na Praza da Peregrina de Pontevedra
• Festival Homenaxe a Suso Vaamonde: Marcos Campos, O Leo Arremecaghona, Tino Baz e A Quenlla ás 22:00 na praia de Arealonga (Chapela)
• Regueifeiros de Galicia en Cabana de Bergantiños ás 22.30
• Sonoro Maxín no Tarabela (Lalín)
• Ultraquans en Malpica
• Treixadura en Cambados
• Festicultores en Salceda de Caselas á 01:00
• Esquíos no Pub O Foso (Santa Comba)
• Malvela en Soutomaior
• Mutenrohi na Veiga (Ourense)
• Os Residuos Atractivas na Guarda
• Festival das Mariñas (Xove): Quempallou e Tanto Nos Ten
• Festival Sons do Vento (Melón-Ourense): Ruxe-Ruxe, Alantre, Ness, Bastards on parade,...
• Festival Arreaocabo (Celeiro-Lugo): Zenzar, Tonhito de Poi, Jabón Blue, Segismundo Toxicómano,...
• Festival Revenidas (Vilaxoán de Arousa): A Tuna Rastafari, Funky Style Brass, La Pegatina, O Leo i Arremecághona, Combo Mariñeiro de Vilaxoán, Bloquinho Aperta,...
• Festival da Chaira (A Pastoriza): Kogito, UlträQäns, Zootropa,Chotokoeu,La Limoncello, ...
• Festival Serra da Queixa: Lamatumbá, Os Perqtores, Ergom, Manteca de Macao...
• XI Romaría Galega na Pontraga (Tordoia): Flor da maquía, Os Estoupapozas, Bouba, Muxarega…
• I Serán do Monte da Pedrada (entre os concellos de Tomiño e Oia)

Domingo 18
• VII Festival Folclórico Carneiro ó Espetoás 20:00 na Casa de Cultura A.D.R. Castelao (Moraña)
• Ruote e Linho do Cuco no XI Memorial Ricardo Portela ás 20:00 na Praza da Peregrina de Pontevedra
• Festival Folk de Oleiros: Muxarega,...
• Festival Folk de Narón: Mercedes Peón e Berroguetto
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 12-07-2010 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
Festa nacionalista en Goián

Galiza Nova na comarca do Baixo Miño organiza, en colaboración co BNG, a XII Festa Nacionalista. Terá lugar o vindeiro sábado día 10 a partir das 20:00 horas na Alameda de Goián. Neste acto contaremos coas intervencións políticas de Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Méndez, responsábel comarcal do BNG na comarca do Baixo Miño e Sandra González, alcaldesa de Tomiño. Ademáis haberá animación musical a cargo do grupo “Tanto nos ten”, xogos populares e moitas cousas máis. Ánimate a acudir!
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Sexta feira 9 (Venres)
• Tiruleque na escalinata da Domus (A Coruña)
• Mamá Cabra en Carballo
• Recambios Tucho no Pub Gatos (Melide)
• Festa da lingua en Salceda de Caselas: Zurrumalla + Renato Spencer e Café Caxaça na Praza do Concello ás 22:30
• Festival de Ortigueira: Marful, a Escola de gaitas de Ortigueira, Cristina Pato, Afterhours e Qui Hi Ha?

Sábado 10
• Quempallou en Sandiás (Ourense)
• Berrogüetto en Xinzo de Limia na Praza Carlos Casares ás 22:30
• De outra margem no Auditorio de Arbo ás 22:30
• Os Residuos Atractivas en Manzaneda
• Murga Os Campantes da Baña na Carballeira do Ramón (A Merca) ás 17:00
• Bonovo en Muros
• Karraskal Rock (Vigo): Zenzar, Rosendo, Sinkope e Baldosa Amarilla...
• Festival de Ortigueira: Leilía, Anxo Lorenzo Band, Gaelic Storm, Shooglenifty e Rare Folk
• Raiba, Os Tres trebóns, Aid e Rojo2 na Carballeira da Guia (Vigo) ás 22:00
• Foliada en Amorín (Tomiño)
• Serán en Chapela (Redondela) na baixada a Pescanova(na pista polideportiva)

Domingo 11
• Festaberta do BNG no Parque do Eume na Fraga (As Pontes): Os Trevillas, No Combaro, Os Suplentes e Muxarega
• Fía na Roca en Mosteiro-Meis (Pontevedra)
• Projecto ['trepia] en Marín na Alameda ás 23:00
• Festival de Ortigueira: Proxecto Runas: Celtic Maze, Xabi Aburruzaga, The Crass
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
VI Xornadas de Cultura Mariñeira (Muros)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Retrouso en Cela (Bueu)
Este sábado, 10 de xullo, a partir das 20.30h, no eirado de Cela (Bueu), actuarán o grupo de gaitas Retrouso, Cravos e Rosas (Portugal), Vai de Roda (Rianxo), o grupo de baile Retrouso e dous grupos folk: o dúo Pumar e Prieto e o cuarteto Os Cochenos.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
Romaría de San Bieito (Callobre-A Estrada)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
Son da noite: Concertos na Coruña
"Son de Noite" levará a música ás rúas da Coruña
Tiruleque, Omar Souleyman, Emilio Rúa, Fran Pérez e Manecas Costa actúan este mes


A concelleira de Cultura do concello da Coruña, María Xosé Bravo , presentou onte a III Edición do ciclo de concertos Son de Noite que leva a música a lugares singulares da cidade.

Nesta terceira edición celebraranse catro concertos, un por semana durante todo o mes de xullo arrancando o vindeiro venres 9 de xullo coa actuación de Tiruleque na Escalinata da Domus ás 21.00 horas. Este grupo coruñés naceu como proxecto na primavera do 2002, consecuencia das inquedanzas musicais de seis rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional. Beben nas fontes desa tradición musical galega -tanto a través de recollidas como recorrendo aos cancioneiros- pero teñen tamén presentes outras moitas influencias.

A seguinte semana, o mércores, os Xardíns de Méndez Núñez serán o escenario no que Omar Souleyman ofrecerá unha actuación moi especial grazas a colaboración do Festival Sinsal. Este artista sirio con miles de seguidores no seu país achegará a nosa cidade a música tradicional do seu pais.

O Castelo de San Antón será o lugar elixido para os dous seguintes concertos cambiando a hora ás 22.30 horas e para acoller propostas máis intimistas con Manecas Costa e Fran Pérez e o seu espectáculo Aló irmao (o día 23) no que apostan pola mestura entre a música galega e a africana, e tamén un concerto do cantautor ourensán Emilio Rúa (o día 30) que presentará un disco gravado e mesturado en Casa de Tolos e producido pola cantante galega Uxía e o músico grasileiro Sergio Tannus onde se exploran novos rexistros nunca antes empregados por Rúa.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:17
# Ligazón permanente a este artigo
Festa nacionalista en Sarria
O vindeiro sábado día 10 de xullo, a partir das 22:00 horas no Paseo do Malecón de Sarria, terá lugar a Festa da Patria Galega, organizada por Galiza Nova na comarca de Lugo centro. Na mesma contaremos coas actuacións de músicos locais que amenizarán a xornada cunha foliada para posteriormente pasar á actuación do grupo “Os Miñotos”. Ademáis, desde a nosa organización aproveitaremos para difundir material e para facer un chamamento á mocidade da comarca a asistir ao FESTIGAL e aos festexos do Día da Patria en Compostela. Non o perdas!
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
Festa comarcal do BNG nas Pontes
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:12
# Ligazón permanente a este artigo
Adiantando o día da patria en Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-07-2010 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
Karrascal Rock (Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 09-07-2010 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza o Festival de Ortigueira 2010
Xoves 8 de xullo
22 h- Noite de folk rock
Escenario Estrella Galicia
Krêposuk (Bretaña)
Celtas Cortos (Castela León)
Oysterband (Reino Unido)


17 h- Feira de artesanía
Paseo marítimo
Apertura das casetas do feiral

18 h- Universo Crebinsky
Teatro de Beneficencia
Estrea do film (5 €), e despois, actuación da Banda Crebinsky na Praza Isabel II

20 h- Inauguración exposicións:
Casa do Concello
"Carácter Celta"

"Olladas no Camiño de Santiago"

20:15 h- Inauguración musical
Praza de Isabel II e Alameda
Escola de Gaitas de Ortigueira (Galicia), Johnston Pipe Band (Bretaña), Banda de Gaitas Viana - Manzaneda (Galicia), Dúo zanfona e voz (Óscar Fernández e Cristina Pico) e cuarteto de gaitas escocesas.

Venres 9 de xullo
20 h- Sesión de concertos
Escenario Estrella Galicia
Marful (Galicia)
Escola de Gaitas de Ortigueira (Galicia)
Orion (Bélxica/Bretaña/Irlanda)
Cristina Pato + convidados (Galicia)
Afterhours, "The bothy band tribute" (Irlanda)
Qui hi ha? (Cataluña)


12 h- Pasarrúas
Biblioteca - Praza de Isabel II
Johnstone pipe band (Escocia)

17 h- Universo Crebinsky
Praza de Isabel II + Teatro
Banda Crebinsky + película (5 €)

18 h- Pasarrúas
Biblioteca- Campo San Roque
Bagad Karreg An Tan (Bretaña), Banda de gaitas Viana- Manzaneda e corpo de baile da Asociación Gamela e Anduriñas (Galicia)

18:30 h Mostra bandas e baile
Campo de San Roque
Coas agrupacións do desfile previo

20 h- Universo Crebinsky
Praza de Isabel II + Teatro
Banda Crebinsky + película (5 €)

Sábado 10 de xullo
20 h- Sesión de concertos
Escenario Estrella Galicia
Bagad Karreg An Tan (Bretaña)
Chirlomirlo (Galicia)
Leilía (Galicia)
Anxo Lorenzo Band (Galicia)
Gaelic Storm (EE.UU.)
Shooglenifty (Escocia)
Rare folk (Andalucía)


12 h- Pasarrúas
Praza de Isabel II- Avda. da Penela
Banda de gaitas El Enxambre (Asturias)

12 h- Concerto didáctico
Claustro da Casa do Concello
Molard Brothers

16 h- Radio en directo
Teatro de Beneficencia
Lume na palleira de Radio Galega

17:30 h- Pasarrúas
Praza de Isabel II- Avda. da Penela
Johnstone pipe band (Escocia), Banda de gaitas Celturia (Valencia) e Banda de gaitas Mazikandú (Murcia)

18 h- Mostra de baile
Avda. da Penela
Coas agrupacións do desfile previo.

18 h- Concerto na rúa
Praza de Isabel II
Molard Brothers

Domingo 11 de xullo
17 h- Proxecto Runas 2010
Escenario Estrella Galicia
Celtic Maze (Madrid)
Xabi Aburruzaga(Euskadi)
The Crass (Galicia)


12 h- Desfile de bandas
Saída dende explanada de concertos
Escola de Gaitas de Ortigueira, Banda de gaitas de Ladrido, Banda de gaitas de AC Malante de Malpica, Banda de gaitas Viana- Manzaneda, Cuarteto Os Viqueiras (Galicia), Johnstone pipe band (Escocia), Bagad Karreg An Tan (Bretaña), Banda de gaitas El Enxambre (Asturias), Banda de gaitas Celturia (Valencia), Banda de gaitas mazikandú (Murcia)

14 h- Radio en directo
Teatro de Beneficencia
Lume na palleira de Radio Galega

19 h- Universo Crebinsky
Teatro de Beneficencia
Último pase de "Os Crebinsky" (5 €)

www.festivaldeortigueira.com
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 08-07-2010 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Milenio Noitarega: Alfaias do repertorio tradicional
O Fórum Metropolitanoda cidade da Coruña foi o lugar escolleito o pasado venres 25 de xuño polos Noitarega para facer a presentación “oficial” do seu novo traballo, (XXI,Autoeditado, 2010).

Gravado nos Muu! Estudios por Pedro Feijoo e distribuído por Lonxa Cultural, XXI supuxo rachar dez anos de silencio discográfico, os que pasaron dende a publicación da súa achega á colección “Os Nosos Gaiteiros” de edicións do Cumio, o seu anterior traballo. Porén, o silencio foi dende logo “relativo”, pois se ben os Noitarega non pasaran dende aquela polo estudio de gravación, calados, o que se di calados nunca estiveron; neste tempo seguiron a subir nos escenarios de innumerables festivais, tanto no país como fóra, e non hai torreiro, serán ou foliada que non coñecesen xa o oficio deste quinteto tradicional.

Iso si, ao contrario do que lle aconteceu a moitos grupos, Noitarega non entrou nunca na dinámica da produción industrial que obriga a visitas cíclicas ao estudio de gravación para tirar material novo, facer xiras, etc. Non é ese o estilo desta formación que,para alén de circunstancias persoais e proxectos alternativos dos seus membros,entra a gravar só cando llo pide o corpo. E claro, iso nótase. Porque a volta ao estudio deu un froito excelente.

Vinte pezas, vinte alfaias que beben do repertorio tradicional do sur da provincia de Pontevedra, bisbarras de sempre senlleiras no número e calidade de formacións tradicionais que aló nacen.Deste xeito, vellas melodías que a gaita de Henrique Otero ou a de Moxenas popularizaron, hai xa trinta, corenta anos, son reinterpretadas por Noitarega. E aínda que a presenza das pezas de Moxenas e Otero ocupan, como sempre, un lugar predominante no repertorio, non só os únicos aos que acoden os Noitarega para se fornecer de novos temas; así, nos créditos podemos atopar pezas tradicionais recollidas nos repertorios dos Morenos de Lavadores, de Ricardo Portela ou de Rique o Salueira acarón doutras pezas de autor, asinadas por nomes coñecidos no eido tradicional como Luis Correa“O Caruncho”, Juanjo Fernández, Ernesto Campos ou Carlos Justo.
En definitiva, unha coidada escolma da música tradicional que se toca e se baila no sur do país, que agradará aos seareiros,pero que tamén pode supor unha magnífica porta de entrada para quen queira afondar no coñecemento do que bole nos fervedoiros musicais de Vigo e mais das comarcas do seu redor.

Musicalmente, o primeiro que rechama neste novo traballo de Noitarega é a mestura de gaitas afinadas en distintas tonalidades nunha mesma peza. Xeito de tocar pouco empregado dentro da música tradicional, -nalgún traballo de Muxicas, na estrea dos propios Noitarega ou no histórico dos alumnos de Corral na Escola de Artes e Oficios de Vigo-, o resultado de empatar cornamusas en Re, Do e Sol, a carón de requintas e pitos, tamén en diferentes tonalidades, permite acadar sonoridades novidosas. Por riba, a percusión tamén é coidada con esmero.Ademais da habitual mestría de Manuel Alonso, ao tambor, e Xosé María Gutiérrez, ao bombo, unha das parellas percutivas máis compenetradas do país, salientan o protagonismo que lles conceden aos instrumentos de percusión menor que levan o peso do acompañamento en varios temas, nomeadamente nas muiñeiras que enfían no segundo corte do disco, levadas en exclusiva por cunchas,culleres e pandeiretas, sobre as que camiñan gaitas en Sol e Dó.

Na alínea rítmica, XXI non depara moitas sorpresas. Malia abriren coas rumbas do Salueiro, logo volven ao rego máis de noso e é de muiñeiras e de xotas do que se nos van enchendo os ouvidos, -e o corazón-, a medida que imos debullando as cancións que compoñen o disco, sen apenas deixar oco para outras estruturas rítmicas: unha alborada, -a de Veiga- acó, un pasacorredoiras acolá, pero realmente só a versión do “Valseadiño”, a piano e gaita, racha co atmosfera que percorre o presente traballo e que fai que, de pecharmos un momento os ollos, nos transportemos con facilidade á sombra dun carballo en calquera das mil e unha romaxes do verán galego, na que descansamos o longo xantar mentres os gaiteiros tocan e tocan para o noso lecer.

Daniel Lavesedo
www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-07-2010 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao disco de Aló irmao!
Título: Aló irmao
Artista: Aló irmao


Podería tratarse dun chiste do tipo van un galego e un guineano e collen uns instrumentos…, mais a unión de Manecas Costa e Narf é unha cousa moi seria e o sorriso de satisfacción no receptor está conseguido por mor do traballo ben feito.

O guineano ten un potencial enorme e o galego soubo estar á altura do seu parceiro porque é un músico intelixente e receptivo. Dous artistas sensibles cos ouvidos ben abertos cara ao mundo achégannos un belo álbum.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 08-07-2010 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao disco de Cores do Atlántico
Título: Cores do Atlántico
Artista: Socorro Lira


Voluntarioso esforzo o da brasileira Socorro Lira para realizar unhas adaptacións musicais das valiosas cantigas medievais galego-portuguesas.

A idea considéroa fermosa, mais os resultados acadados, malia a axuda de diversos convidados do mundo galego e lusófono, non pasan de discretos. A artista non soubo captar o espírito luso e galego e perdeuse por outros estilos que non deron demasiado resultado, e no apartado vogal tampouco sobrancea.


www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 08-07-2010 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao disco de Bellón Maceiras quinteto
Título: Folkfusión
Artista: Bellón Maceiras quinteto


Este grupo rompe moldes nalgunha das pezas incluídas na obra e resulta estimulante escoitar como un blues pode casar perfectamente co clásico Unha noite na eira do trigo.
Falamos dun traballo desprexuizado no que a fusión musical está feita con criterio e solvencia. A chata que lle podemos pór é que deberían coidar a excesiva duración dalgún tema, pero no conxunto percibimos a unha banda sólida que transita por territorios musicais moi interesantes.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 08-07-2010 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica ao disco de Lulavai
Título: Cor das verbas
Artista: Lulavai


As catro arpistas xa tiñan experiencia á hora de tocar conxuntamente ese instrumento e aí se sentían cómodas. Logo deberon engadir as súas voces e a verdade é que os resultados nese apartado tamén son positivos.
As harmoniosas arpas e as melodiosas voces están encadradas dentro dun colectivo que amosa posuír elegancia e sensibilidade á hora de realizar os arranxos das pezas elixidas para este bonito debut.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 08-07-2010 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica do novo disco de Ophiusa
Título: Sen planeta
Artista: Ophiusa


Neste segundo disco da banda existe unha diferenza substancial co seu debut ao entrar na formación o baixo e a batería para se converter nun sexteto onde os instrumentos de corda seguen a marcar bastante o paso no son global do conxunto. Son un grupo con inquedanzas e ideas e van deixando apuntes de interese, aínda que deban definir máis o estilo, onde salienta unha aposta por un folk co selo Shooglenifty que pode chegar a dar bo resultado.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 08-07-2010 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
Novo video de Xil Ríos
Xa está aquí o novo videoclip de Xil Ríos, Maruxa baila conmigo, o tema deste verán en todas as festas de Galicia. Un vídeo gravado polos estudios de Casa de Tolos no torreiro de festas de Mañufe.

Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 08-07-2010 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
Música como factor de ilusión
Central Folque e Concello seguen pensando en novos proxectos

Desde que o Concello de Vilagarcía puxésese en contacto coa Central Folque para encargarlles un proxecto de recompilación das cancións mariñeiras das zonas de Carril e Vilaxoán, o traballo de reactivación sociocultural realizado polos membros do centro nesta última localidade non cesou, e segue dando novos froitos.

O traballo de reactivación sociocultural que os membros da Central Folque realizan desde o ano pasado en Vilaxoán segue dando os seus froitos. Desde que o departamento municipal de Xestión do Territorio de Vilagarcía puxésese en contacto con esta entidade para encargarlle un traballo de recompilación das cancións mariñeiras das zonas de Vilaxoán e Carril, os membros da Central non deixaron de insistir no seu labor de dignificación social deste antigo concello, actualmente integrado na demarcación territorial vilagarciá.

O historiador da música e membro da Central, Ramom Pinheiro, asegura que o traballo realizado cos veciños de Vilaxoán serviu para lograr unha certa reactivación da localidade, xerando "certo espírito de barrio" e moita "ilusión".
Froito desa organización veciñal realizada en colaboracion coa Central é o Combo Mariñeiro de Vilaxoán, proxecto que Pinheiro considera "importantísimo" e que, segundo asegura, máis aló do impacto local obtido xerou unha gran expectación nos foros especializados de música tradicional.

O Combo Mariñeiro de Vilaxoán reúne a trece músicos profesionais e afeccionados, pero sempre cun nivel alto de coñecementos e compromiso co proxecto e que, segundo explica Pinheiro, nútrense do repertorio de músicas portuarias da zona.

O historiador asegura que o mundo da música folk mira con atención cara a Vilaxoán, e destaca a importancia dunha agrupación que explota o repertorio musical mariñeiro, moi "permeable e moderno" e que supón un nicho aínda por explorar na música galega. Nese sentido, valora o traballo realizado polo Combo como colectivo revalorizador do patrimonio inmaterial marítimo.
A festa das Revenidas, que se celebra o próximo 17 de xullo, será a presentación oficial do Combo Mariñeiro de Vilaxoán.

Por outra banda, segundo relata o profesor de historia da música da Central Folque, o traballo de investigación realizado en Vilaxoán serviu para que membros do departamento de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela interésense polo municipio. Así, aínda que o acordo aínda non está pechado, Universidade e Central están de acordo na futura realización dun curso de verán sobre desenvolvemento económico alternativo que traería á localidade a profesionais do turismo.
Ramom Pinheiro indica que os contactos da Central Folque co Concello de Vilagarcía continúan, e asegura que ambas as partes seguen traballando para "ver que liñas de actuación poderíanse articular" para seguir avanzando na reactivación socioeconómica e cultural de Vilaxoán. Pinheiro asegura que desde a Central están moi "ilusionados" e "implicados" cos logros conseguidos ata o momento, e destaca o insólito de que un goberno local entenda a música como un factor de desenvolvemento.
O historiador considera que aínda queda moito por facer na localidade, que necesita de intervención sociocultural e económica.

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-07-2010 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Ugia Pedreira
Unha das mellores voces do panorama musical galego, Ugia Pedreira é, ademais, a cara máis coñecida do grupo Marful. A súa mestura de ritmos tradicionais galegos con músicas máis americanas fixo deste conxunto un grupo apreciado entre o público galego
Marful fica vencellado á cultura galega por nacemento e non por compromiso e así o conta a súa vocalista, Ugia Pedreira, nunha conversa curta pero intensa. O conxunto galego actuará este venres 9 de xullo ás 8 da tarde no Festival de Ortigueira.

Pregunta: Ugia, como se compaxina o seu labor como directora da Central Folque, os seus múltiples proxectos musicais e as súas facetas de compositora e cantante en Marful?

Resposta: Pois a verdade é que non sei como. Vouno facendo, andando pasiño a pasiño e con calma. As miñas diferentes facetas permÍtenme estar en contacto con todo o mundo musical. Así tamén coñezo todos os pasos do proceso e estou un pouco máis informada antes de chegar ó palco. Digamos que unha cousa complementa á outra.

P: Marful non é un grupo folque convencional. Que supuxo este grupo na túa traxectoria profesional?
R: Depende ó que se lle chame folque e ó que se lle chame convencional. Para min folclore é todo aquilo que teña que ver coas músicas populares do mundo, é dicir, o jazz, as músicas de raíz, as músicas tradicionais... e aí entra tamén o rock.

Cando empezamos con Marful, tanto Pedro Pascual e Pablo Pascual coma min, vimos unha opción de búsqueda musical posible e aí estamos. Ao final non somos tan diferentes como pode ser 'Deolinda' ou 'Oquestrada' en Portugal ou 'Paris Cope' en Francia. Este estilo de música no que xuntas tanto o popular do rural como o urbano é bastante habitual.

P: Como se acolleu esa fusión de diferentes músicas, esa mestura da música popular galega co jazz, entre o público galego?

R: Temos bastante sorte. Para ter un só disco, andamos moitos escenarios, temos un clube de fans e eu penso que é un grupo querido. Son moitos os ingredientes para que a un grupo o vaia buscando a xente. Creo que é máis importante o que mostras que demostrar, máis importante mostrar o que ti fas e es que andar demostrando nada. Máis natural, alomenos.

P: A título persoal, como intérprete, supúxolle algún problema cantar en galego?

R: (Risos) Non, non me supuxo ningún problema cantar en galego, ao contrario, sempre me deu máis beneficios. Sei perfectamente que o galego é o pai e a mai da lingua portuguesa, polo tanto é o pai e a mai do brasileiro e do angolano. Grazas a este idioma o único que se me foron abrindo son portas. Fóronse cerrando, eso sí, as portas da ignorancia.

P: Canto hai en Marful de compromiso coa cultura galega?
R: Digamos que non nos puxemos ningún anel de voda coa cultura galega, non hai ningún matrimonio. É unha naturalidade, é o noso ambiente, é a nosa paisaxe, somos coñecedores tamén da nosa música. Entón, cando entra o coñecemento na túa vida, digamos que hai unhas fiestras que se che abren que non se che volven pechar. Moitas veces falamos de que non estamos nun país normalizado. Non sei o que significa esa frase, pero do que si estou encantada é de que o país sexa tremendamente esperpento e tremendamente surreal porque dá moito de si. Aquí, o grande lobo está na ignorancia, tanto política como cultural.

P: Estivo algunha vez en Ortigueira como espectadora?
R: Eu crieime en Foz, entón ir ó Festival de Ortigueira na adolescencia era habitual (risos). Mais teño que dicir que é a primeira vez que estou cantando, e é unha pena que sexa así. Tanto Guadi Galego coma min, que somos as dúas da zona, coñecemos moi ben a cultura musical de alí. Dos músicos galegos que pasaron por el, penso que tanto a miña compañeira Guadi coma min, deberiamos abrir o festival case todos os días.

P: Que opinas das voces que din que Ortigueira se está a convertir nun macrobotellón? Que queda da música entre o alcol?
R: Eu creo que pasa en moitos festivais, non só en Ortigueira. Hai un público cívico, xente que gosta de escoitar a música, e outro que prefire estar na praia e darse a substancias varias. A paisaxe de Ortigueira dache para vivires o festival doutra maneira. É un lugar ben fermoso. Entón, haberá xente á que lle interese a música e outra á que lle interesen máis outras cousas. Non lle dou moita importancia aos comentarios que din que se está a convertir nun macrobotellón. Nós comezamos ás 8 da tarde, paréceme unha hora moi europea. O público de Marful irá ver a Marful. Creo que o festival ten moitas posibilidades, e non só tendo en conta o xénero celta.

P: Cóntasnos que significa Ortigueira para ti en tres palabras?
R: Unha volta á casa. Marful facemos moita música que ten que ver co mundo indiano. Entón, digamos que, no noso caso, sacámoslle a etiqueta celta ao festival e poñémoslle a indiana; alomenos, por unha hora.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 08-07-2010 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
O novo de Budiño xa está nas tendas
En Volta Xosé Manuel Budiño destila a esencia dunha xira por catro continentes

O gaiteiro de Moaña xa ten nas tendas o CD e DVD Volta un traballo que, en verbas do propio Budiño, “non é exactamente un disco en directo nin un recopilatorio. É un experimento”.


Nesta edición limitada “experimental” Budiño ofrece por unha parte un documental realizado con dirección de Enrique Otero (director de Crebinsky) e no que se recolle a esencia dunha xira por catro continentes culminada coa actuación no Festival de Ortigueira 2009, gravación realizada sen escatimar medios que constitúe ao longo da metraxe o peso forte do documental malia achegar tamén declaracións de outros artistas como Kepa Junkera, Mercedes Peón, Xoel López e pequenas pezas audiovisuais sobre a xira mundial feita coa anterior traballo Home (Falcatruada, 2007) así coma a actuación con Deluxe na sala la Riviera de Madrid e un concerto sorpresa na Praza das Praterías de Santiago . O disco recolle dous temas de nova gravación, o que da título ao disco - Volta- e Tradi. Os 16 temas foron gravados en directo no Festival de Ortigueira o 11 de xuño do pasado ano. O libreto ofrece tamén diversas anotacións do artistas feita sobre cada un dos sitios nos que estivo coa xira. Para a presentación que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos o gaiteiro estivo arroupado polo alcalde de Ortigueira Rafael Girón, que adiantou que Budiño volverá subir ao escenario alí no 2012. A primeira presentación en directo de Volta tivo lugar en Ribadavia o pasado 3 de xullo coa colaboración de Xoel López, tras diso comezará unha xira que volverá a levar ao gaiteiro e a súa banda ata Escocia, Bos Aires, México, etc.

www.culturagalega.org
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 07-07-2010 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ábrese o prazo de preinscrición na E-trad (Vigo)

ÁBRESE O PRAZO DE PREINSCRICIÓN CORRESPONDENTE AO PRÓXIMO CURSO 2010-2011

A Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, a E-Trad, oferta 243 novas prazas para todas e todos os que desexen estudar algunha das 9 especialidades instrumentais, incluíndo o canto, no ámbito de música tradicional de Galicia.

Profesionais de recoñecido prestixio nas súas especialidades conforman a plantiña da primeira escola de música tradicional e folk de Galicia. A oferta educativa da escola para este ano presenta dúas modalidades diferentes: unha para afeccionados e público en xeral (219 prazas) e outra para preparación a estudos profesionais e superiores (24 prazas).

O itinerario Básico correspondente á primeira modalidade será accesible a todos os que o desexen, mentres que o itinerario Profesional vai esixir a superación dunha proba de acceso. Neste curso 2010-11 a inscrición é gratuíta e pódese facer en liña na dirección web: www.e-trad.org.

A idade mínima para admisión de alumnado é de 9 anos. O prazo permanecerá aberto ata o 10 de setembro.
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 06-07-2010 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Lucía Pérez aposta pola lingua galega no novo disco
Descuberta artisticamente no ano 2002 cando gañou o certame de canción “Canteira de cantareiros” do programa Luar na Televisión de Galicia Lucía Pérez xa vai polo seu cuarto disco.

A cantante do Incio presenta agora Dígocho en galego, un álbum integro na súa lingua materna con temas que xa foron publicados nos anteriores tres discos, algúns deles inicialmente en castelán e agora adaptados ao galego. Entre os doce temas deste disco destacan por novidade un tema dedicado á súa localidade, O Incio, unha versión do Himno Galego e unha nova versión da súa canción Torres de Compostela dedicada ao Camiño de Santiago e na que conta coa colaboración especial de Bieito Romero, gaiteiro e líder de Luar na Lubre.

www.culturagalega.org

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 06-07-2010 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Suspéndese o Constantino Bellón de gaitas
Os recortes orzamentarios e o abandono do apoio da Xunta deixan o mundo da gaita sen o certame máis prestixioso, con vinte anos de traxectoria

A vixésima edición do premio para gaita Constantino Bellón non se celebrará en 2010. O Ateneo Ferrolán, entidade que promove o certame dende 1991, decidiu suspender este ano o premio ante “os recortes orzamentarios” e “o abandono dalgúns apoios institucionais”. Con esta medida, o sector da música tradicional fica sen o concurso de gaiteiro solista máis emblemático do país, unha decisión que lamentan tanto promotores como músicos e que deixa entrever, en opinión de Daniel Bellón, o desleixo das institucións públicas ante a música galega.

Como explica Eliseo Zaera, presidente do Ateneo Ferrolán, trátase dun paso máis na deriva que veu sufrindo o certame. O pasado ano, o Constantino Bellón celebrouse a marchas forzadas en dúas datas diferentes, unha en outubro e outra en marzo, sorteando os recortes nas axudas públicas. A Secretaría Xeral de Emigración suprimiu no 2009 a partida destinada a sufragar a participación de gaiteiros do exterior, un dos apartados destacados do certame. “As axudas e colaboracións institucionais non responderon nin o pasado ano nin este”, sinala Eliseo Zaera, aínda que recoñece que o apoio do Concello de Ferrol foi “determinante” para poder realizar a edición do 2009. “Agora estamos buscando solucións por outras vías para poder relanzalo en 2011”, engade.

O Constantino Bellón creouse en 1991 como plataforma de expresión dos gaiteiros novos e de presentación de composicións inéditas. Naceu nun momento de revalorización da música tradicional, que coincidiu co aproveitamento comercial do denominado boom das gaitas e a aparición doutros concursos. En pouco tempo o Constantino Bellón conseguiu situarse á cabeza de todos eles marcando as distancias non só pola contía económica senón, fundamentalmente, por premiar a composición, fomentar a creatividade e situar a gaita ao mesmo nivel que calquera outro instrumento.

Así o entende o gaiteiro Daniel Bellón, gañador do concurso en 2001, 2005 e 2006, membro ademais do proxecto musical Bellón Maceiras, que acaba de publicar o seu traballo debut Folkfusión. Ao seu ver, este é un premio que goza dun “prestixio” recoñecido, “marca unha meta anual” para intérpretes e compositores e tense convertido na “gran desculpa para poder expoñer sobre o escenario do Teatro Jofre o que nunca se deixa ver: un gaiteiro tocando só”.

Proxección profesional

Eliseo Zaera destaca que as últimas edicións do certame convertéronse nunha superación permanente dos gaiteiros, tanto como intérpretes solistas como en concerto sinfónico. Entre os premiados figuran nomes como o de Iván Costa, Pepe Vaamonde ou o propio Daniel Bellón, gaiteiros que na actualidade gozan de recoñecemento na escena musical galega e que no seu momento contaron co impulso que imprime a catapulta do Constantino Bellón.

Fronte o recorte da Xunta, Eliseo Zaera remarca a colaboración desinteresada de músicos e de entidades privadas, como o obradoiro de gaitas Seivane que anualmente dona unha gaita para un dos gañadores, que fixeron posíbel que o certame chegase a súa 19 edición como cita de referencia no calendario galego.

“A gaita é un emblema de Galiza,” sinala Daniel Bellón “se non se apoia a saída de novas promesas a través de concursos coma este, estaremos dalgunha maneira volvendo ao pasado, cando non había oportunidades para os gaiteiros

www.anosaterra.org
Comentarios (1) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 06-07-2010 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a semana
Segunda feira 5(luns)

Terza feira 6 (Martes)

Corta feira 7 (Mércores)

Quinta feira 8 (Xoves)
• Festival de Ortigueira: Kreposuk, Oysterband e Celtas Cortos

Sexta feira 9 (Venres)
• Tiruleque na escalinata da Domus (A Coruña)
• Mamá Cabra en Carballo
• Recambios Tucho no Pub Gatos (Melide)
• Festival de Ortigueira: Marful, a Escola de gaitas de Ortigueira, Cristina Pato, Afterhours e Qui Hi Ha?

Sábado 10
• Quempallou en Sandiás (Ourense)
• Berrogüetto en Xinzo de Limia na Praza Carlos Casares ás 22:30
• Bonovo en Muros
• Karraskal Rock (Vigo): Zenzar, Rosendo, Sinkope e Baldosa Amarilla...
• Festival de Ortigueira: Leilía, Anxo Lorenzo Band, Gaelic Storm, Shooglenifty e Rare Folk
• Raiba, Os Tres trebóns, Aid e Rojo2 na Carballeira da Guia (Vigo) ás 22:00
• Foliada en Amorín (Tomiño)
• Serán en Chapela (Redondela) na baixada a Pescanova(na pista polideportiva)

Domingo 11
• Festaberta do BNG no Parque do Eume na Fraga (As Pontes): Os Trevillas, No Combaro, Os Suplentes e Muxarega
• Fía na Roca en Mosteiro-Meis (Pontevedra)
• Festival de Ortigueira: Proxecto Runas: Celtic Maze, Xabi Aburruzaga, The Crass
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 05-07-2010 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
II Festival de Pandereteiras Adultas
II Festival de Pandereteiras Adultas, que organiza a Sociedade Recreativa San Xoán de Calo no campo de Rebordelo, en Calo.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-07-2010 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer