Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Serán do Muiño da Regueira (Matamá-Vigo)
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 03-07-2009 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
IV Conrobla de Boimorto
Serán a xeito de Boimorto

A Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto organiza a IV Romaría da Conrobla o día 4 de xullo na área recreativa da piscina municipal de Boimorto.


A Conrobla: Era unha festa que se celebraba fai anos nesta comarca, unha vez que se acababa de mallar nunha aldea, entre tódolos veciños que participaban nelas facían unha festa na que non faltaba nin gaiteiros nin bailaríns, e por suposto había viño e comida a encher.

Este ano se celebra a partir das 18:00 h, comezando con xogos populares, un obradoiro de baile tradicional: agarrado e suelto (jota e muiñeira), unha cea (callos, churrasco…) e para rematar a partir das 22:00 h unha Foliada á que estades todos convidados, tanto no escenario como na pista.

Abrirá a romaría os grupos MAGHÚA e DONAIRE de A Coruña.
Todos os que queirades participar, gaiteiros/as, cantareiras/os e por suposto bailadores/as disporedes dun tempo no escenario para botar unhas cantas pezas que deberán ser tradicionais.
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 03-07-2009 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
VIII Festa rachada da Baña
O vindeiro 4 de xullo volve a FESTA RACHADA DA BAÑA na súa VIII edicion, e como sempre estades convidados.

Este ano contamos con:

- Xosé Marentes (A Fonsagrada).
- Armadanzas de Laraño.
- A Requinta da Laxeira (Vedra)
- Tanto Nos Ten (Redondela)


Tamén estarán grupos como Os Campantes da Baña, Os Enxebres de Cacheiras, Murga Os Revoltas, A Requinta de Xian, Vai de Roda de Rianxo, Os Pequenos (A Baña)... e moitos máis.


Tamén teremos obradoiros de xogos e baile tradicional e contamos con zona de acampada.
se queredes acompañarnos, a festa comenza ás 13:00 h. na Area Recreativa Agra de Chans, en San Vicente da Baña.

Non esquenzades traelos instrumentos ou moitas ganas de bailar.
Comentarios (2) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 03-07-2009 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Fred Martins abre o Ciclo de Músicas Portuarias
PRESENTADO EN EUROPA O SEU ÚLTIMO TRABALLO "GUANARABA"

O concerto será ás 21.30 h o sábado 4 de xullo no Teatro Jofre e contará en escea con Isaac Palacín na percusión, Sergio Tannus nas cordas e Alfonso Calvo no baixo.

Para abrir o festival mariñeiro, haberá uns paseos de balde en barco pola ría con música ao vivo co dúo Clonmela de zanfona e acordeón diatónico. A viaxe parte do peirao de Curuxeiras ás 18 h.

Fred Martins ofrece o seu 3º concerto na Galiza e con banda completa. Logo de estar en Santiago e Ourense en solitario -coas colaboracións de Ugia Pedreira e Uxía Senlle en palco- agora aproxímase ao seu repertorio con banda completa e nun escenario especial coma o Teatro Jofre.

O brasileiro Fred Martins (Niteroi, 1970) representa unha nova visión da música popular do país de Caetano e Pelé. Gañador do 9º premio Visa de música brasileira en 2006, Martins é compositor de pezas que foron gravadas xa por populares artistas do seu país, como María Rita ou Zélia Duncan. Foi en Niteroi, fronte a Río de Xaneiro, onde coñeceu a Ugia Pedreira, carismática cantante de Marful e Nordestin@s, que fará unha intervención especial xunta Fred no seu concerto.

Esta é a primeira actuación deste artista na súa xira galega onde ten confirmados xa concertos en Ourense -venres 3 de xullo no Auditorio Municipal- e en Ferrol -Ciclo de Músicas Portuarias o sábado 4 de xullo no Teatro Jofre ás 21.30 h.

www.folque.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-07-2009 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Sons da Rapa (Sabucedo-A Estrada)
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-07-2009 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
XII Festival Música na noite (Teo)
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-07-2009 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Festival do Río Castro (Narahio - San Sadurniño))
Programa 2009

Arranca unha nova edición do Festival do Río Castro, un clásico do verán que xa vai pola 16ª edición. SÁBADO, 4 DE XULLO. Apuntade este día na vosa axenda. Agardamos por vós, como sempre, no lugar da Bóla.

12.00 Concurso de merendas.
15.30 Xogos infantís co grupo Sapo Animación de Ferrol
17.00 Peter Punk , pertecente a Coperactiva Cultural mostrando un dos mellores espectáculos do clown galego, premiado como mellor espectáculo polo público do Festival Mundoclown 08. Tratase dun show para todos os públicos, con moi bo nivel de malabares e xogos e cunha divertida participación do público.
Capionato de deporte Popular ,Tiro de corda, serrado con tronzador, chave, etc.

Concertos
22.00 Música Tradicional co grupo BERROS DO CASTRO de Narahio.
23.00 Pesdelán , de Santiago.
00.00 Os Tres Trebóns , de Coruña
02.00 Ultraqans , d'A Coruña.
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-07-2009 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Mostra das Culturas (Boiro)

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-07-2009 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Asalto ao Castelo (Vimianzo)
XIV Asalto ao Castelo

Sábado 4 de xullo

PROGRAMA

18:00. Actividades infantís.

20:30. Apertura da cociña
Panceta á Grella- Chourizos–Empanadillas-
Bocatas e viño.

22:30. Comezo do concerto
DUPLO SON
THE TURRE’S BAND
PINCHA/DJ Freando a esteso


MEDIA NOITE: ASALTO AO CASTELO

-Entrada de balde
-Zona de acampada Libre
-Servizo de Cociña
-Carpa
-TRAXES PARA ALUGAR OU MERCAR
-II XORNADA DE PINCHOS IRMANDIÑOS
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-07-2009 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Hardcore galego en Pontevedra
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-07-2009 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
Revoltosa Rock (Ordes)
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 03-07-2009 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
Nicrarock (Negreira)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-07-2009 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
XXVI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo en Cangas
Do 3 o 11 de xullo vai ter lugar a XXVI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo en Cangas

Dentro do programa da Mostra o domingo 5 de xullo Teatro de Ningures vai representar, abrindo esta mostra, a obra "Desembarco dos Turcos. María Soliño", combinando música, teatro, danza e loita escénica. Comenzará as 22:30 hs no peirao, e se desenvolverá polas rúas do casco vello da vila.

A música orixinal é de Xosé Pumar, e os músicos que participan son:

- Xosé Pumar
- Cristobal Prieto
- Fernando Valladares (Os Tebras)
- Emilio Pichel
- Pilar Gonçalves (Os Carunchos)
- Xosé Maceda (Quempallou)
- Sara Malvido

Programación completa
www.mostrateatrocangas.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-07-2009 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
Gañadores do Proxecto Runas
Na programación do Festival de Ortigueira os gañadores do Concurso Runas 2009 e que abrirán o festival son:

- Tiruleque,
- Qui hi ha?
- Pablo Seoane Grupo


Todo isto despois de moitas polémicas polo método de votación...
Comentarios (1) - Categoría: Festivais - Publicado o 02-07-2009 11:11
# Ligazón permanente a este artigo
Monográficos de verám Associaçom Cultural O Tear de Llerena

Monográficos de verám Associaçom Cultural O Tear de Llerena

Os cursos impartirám-se cada Quarta-feira dos meses de Julho e Agosto, de 19:30 a 22:00, no antigo Conservatório de Música de Ponte Vedra (3º andar).

Cada aula terá umha temática própia, que se pode consultar na távoa de abaixo.

O preço será de 20€ para sóci@s, 30 € para nom sóci@s, por cada quatro aulas matriculadas; ou de 10€ para sóci@s
e 15€ para nom sóci@s por cada duas.

As aulas distribuirám-se conforme ao seguinte calendário:

Mês de Julho:
01/07/09: Lata de pementom. História, zonas, ritmos, técnicas e repertório.
08/07/09: Baile tradicional (maneo)
15/07/09: Pandeireta e canto tradicional (ribeirana, muinheira velha)
22/07/09: Tijola, cunchas, culheres... e a sua presência nas formaçons tradicionais.
29/07/09: Baile tradicional (Serra do Suído - Aviom)

Mês de Agosto:
12/08/09: Pandeira. História, morfologia, técnicas, repertório e zonas.
19/08/09: Pandeiro quadrado. História, morfologia, técnicas, repertório... e a sua presência nas formaçons tradicionais.
26/08/09: Introduçom ao repertório de Astúries e Miranda de l Douro.

Lembrai que podedes apuntar-vos a 2, 4, 6 ou 8 aulas.

A inscriçom realizará-se via e-mail, (teardellerena@hotmail.com) enviando a este mesmo correio as aulas seleiçoadas e indicando nome e apelidos.
* indicar no "assunto" do e-mail monográficos.

Graças de antemám pola difusom e participaçom nos cursos.
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 02-07-2009 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Dous grandes amigos
Especial programa Pieces da TPA adicado ao noso grande amigo Ambás, e no que participa outro grande amigo, Guillerme de Quempallou.



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
Camín de Cantares en Oscos
E falando de Ambás, había tempo que non colocabamos algún video de Camín de Cantares, do que é presentador na TPA, así que vai outro, desta vez en Vilanova d'Ozcos.
O protagonista é Costante, un dos vellos gaiteiros da zona.


O repertorio de Costante está formado por jotas, muiñeiras, agarrados, polka voltiada, ... ademais Constante ten un dedo de madeira e utiliza barquín ás veces para non soplar.







Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Videos sobre Ovay
"Ovay" é o primeiro espectáculo da QUIQUE PEÓN CÍA., concebido coma unha especie de musical no que se fusionan a música (da man de Xose Lois Romero e Suso Vaamonde), o canto, o baile, a percusión e o teatro, e no que se mestura a linguaxe corporal co baile tradicional galego e a danza moderna.



Comentarios (5) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Os terribles xa teñen disco
A obra editada por Pai Música e gravada en casa de Tolos inclúe un libro escrito polo profesor Santiago Veloso

Entre promocionar a feira de abril e apoiar ao mítico grupo miñorano "Os Terribles", o alcalde nacionalista de Gondomar, Antonio Araúxo, tíñao claro. Así, viu a luz o primeiro traballo discográfico da charanga de Doas, logo de décadas levando alegría a todos os recunchos de Galicia. Abrollido , chámase a obra, que ademais inclúe un libro escrito polo profesor do IES Terra de Turonio, Santiago Veloso, preocupado pola recuperación do patrimonio inmaterial que, como no caso da arte dos Terribles, transmítese de xeración en xeración.

O disco foi editado polo selo Pai Música. Os compoñentes da banda recordaron onte con Segundo Grandío os bos momentos que pasaron gravando os temas nos estudos da Casa de Tolos de Mañufe. Trátase dun produto feito cento por cento en Gondomar cuxa presentación oficial apadriñou onte ao mediodía o alcalde nacionalista na Casa da Cultura.

A estrea terá lugar o 24 de xullo cun concerto na Alameda e en setembro presentarase en Paredes de Coura.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 02-07-2009 09:09
# Ligazón permanente a este artigo
Adianto do novo disco de Dios que te Crew (descarga directa)


www.diosketecrew.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 02-07-2009 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
A cultura que se escoita
Ponse en funcionamento a web do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade que dixitalizará até 600 pezas sonoras recollidas por Mini e Mero durante 35 anos de traballo

Música, xeitos de interpretar, alalás, pregos de cordel de cegos, contos, tipos curiosos, xogos populares, gastronomía, arquitectura popular, chistografía galega ou bailes... Toda a cultura popular que, por inmaterial, corre o risco de desaparecer polo devir histórico forma parte do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), centrado na recollida, catalogación e difusión do material recollido no Instituto de Estudos das Identidades, creado no Museo do Pobo Galego en 2007. "É fundamental arquivos como este, que serven para coñecernos mellor en tempos de tanto odio contra nós e dende nós. Se cadra, iniciativas como esta poden contribuír a refacer esta nación". Así expresou onte o celme de APOI o músico Xosé Luis Rivas, Mini, que xunto con Baldomero Iglesias, Mero, puxeron a disposición deste proxecto até 600 cintas que recolleron durante os últimos 35 anos na Galicia rural.

O Museo do Pobo en Compostela acolleu onte a presentación da páxina web do Arquivo -www.apoi-mpg.org- que entrou en funcionamento como unha "inmensa" base de datos do patrimonio oral galego, no que até agora xa se poden buscar 37 pezas sonoras con cadansúa información sobre a persoa informante, o compilador, o concello onde foi recollido, a partitura musical e unha ficha completa sobre a transcrición e dixitalización. "Somos un pobo tan pobre que temos que aventurarnos a saber como fomos. Cando eramos nenos preocupábanos que nos deran máis valor cultural fóra que dentro do país. Decidimos finalmente que fose o Museo do Pobo quen albergase este arquivo porque non está pendente de vaivéns políticos. Aquí vai un todo cultural, incluída a lingua, que demostra que somos un pobo con historia", incidiu Mero.

O APOI está a levar adiante un proceso de tratamento das gravacións orixinais, algunhas deterioradas pola fraxilidade dos soportes nos que foron recollidas -cintas magnéticas- así como a transcrición de música e cancións ás que se pode ter acceso a través da súa web, de xeito totalmente público e accesible dende calquera parte do mundo. Máis adiante, mesmo será posible visualizar vídeos das persoas que interpretan as pezas, gravados nas súas vilas de procedencia.

O director do Museo do Pobo, Carlos García, puxo en valor o traballo "constante e militante" de Mini e Mero na recollida de cultura inmaterial. O APOI rematou o proceso de dixitallización dos arquivos achegados por estes profesores e cultivadores do folclore e, a día de hoxe, comezou o traballlo técnico de recuperación do arquivo do crego Xesús Mato que tamén ofreceu o seu fondo persoal de materiais recollidos no territorio de Lugo. Á vez, estanse dixitalizando os fondos de cintas magnéticas existentes no Museo do Pobo Galego: os materiais recollidos no proxecto Recupera-la tradición oral, e os resultantes do traballo de investigación sobre saúde comunitaria no concello de Santa Comba dirixido por Marcial Gondar.

Pola súa parte, o coordinador do Instituto de Estudos das Identidades, Xosé Manuel González Reboredo, destacou que, malia teren comezado polas pezas musicais, tamén se incluirán "narracións orais, teatro popular, saberes asociados a oficios, narracións sobre crenzas ou medicina popular". Este arquivo terá así unha fonda importancia para os investigadores e estudosos do patrimonio inmaterial galego.

COLABORADORES "Isto é un traballo en equipo"

"Isto só é posible grazas a que estamos diante dun traballo en equipo", destacou onte Mero na presentación do arquivo. Un traballo no que participan tamén César Martínez Fernández, técnico de Sons da Vila, ao cargo da dixitalización, edición e arquivo inicial dos materiais; Sergio de la Ossa, etnomusicólogo, que se ocupa de transcribir e estudar as gravacións con contido musical; Concha Losada, profesora de psicobioloxía e estudosa do traxe tradicional, patroa do Museo do Pobo Galego, responsable, xunto con Sergio de la Ossa, da arquitectura da base de datos e finalmente, Felipe Seoane e Xosé Ramón Varela, físicos e socios do MPG, asesoran na elección das solucións tecnolóxicas.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:06
# Ligazón permanente a este artigo
Mini e Mero promoven o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade no Museo do Pobo Galego
“Ofrecemos o son colectivo ás novas xeracións”

“Levamos case corenta anos nisto”. O traballo dunha vida. A frase é de Baldomero Iglesias, alias Mero, un dos cofundadores de Fuxan os Ventos, que xunto co seu compañeiro Mini, nome tras o que se agocha Xosé Luís Rivas, leva a estudar a música tradicional galega toda a súa vida.


Refírese desta volta á compilación dunhas 600 cintas que compoñen o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que estará localizado no Museo do Pobo Galego en Santiago e que presentaron onte, con dixitalización incluída. “Usáronse filtros que non alteren a sonoridade orixinal”, explica Mero, porque “a intención é que a xente coñeza as gravacións o máis puramente posible”, engade Mini.

A idea é “ofrecer o son colectivo ás novas xeracións”, explica este, de maneira que se faga a aproximación ás gravacións “dende o tempo no que foron vividas”. Isto, loxicamente, conleva unha “contextualización enorme”, para a cal trouxeron ao proxecto “transcritores, entendidos en contos, informantes para tratar o contexto e técnicos”, destaca Mero. Eles foron os encargados de clasificar en carpetas os contidos que dende hoxe se poden consultar na páxina web www.apoi-mpg.org, que está clasificada en “arquitectura popular, contos, recitativos, ditos, adiviñas, lendas...”, indica Mero, facendo gala da heteroxeneidade dun proxecto que recolle “de forma autodidacta” as narracións populares do país, “algunhas de músicos populares que xa non vivían, pero que quedan na memoria”.

Nese elemento incide Mini, no de “devolver á xente o que é da xente” e “sen dixerir”. “Escoitar unha interpretación libre dunha canción popular hoxe como ‘Un adiós a Mariquiña’, que ten un significado profundísimo na época da emigración é lexítimo, pero doe”, explica, sendo el máis partidario de preservar a tradición do país antes que de introducir “perturbacións”.



Os inicios do proxecto

É así, a través da tradición oral, como eles entraron en contacto coa música e o proxecto. “Nos tempos de Fuxan os Ventos foi un cura o que nos meteu o veleno no corpo. Recuperamos o interese cultural pola música, e decidimos que había que recompilalo todo”, explica Mero, que recorda cómo botaron a andar esta iniciativa os dous sós, sen apoios de ningunha institución.

“Empezamos gravando todo o material nas cintas da época, despois pasámonos ao casete, e tamén hai algunhas fotografías e algo de cine, aínda que ao principio era moi difícil acceder a unha cámara”, indica Mero, que tamén recorda que “había que dixitalizar todo isto rápido porque a humidade deteriorara moito a calidade das gravacións”.

O estudoso indica que das 600 cintas, a información en doce delas perdeuse por completo, mentres que en 250 había imperfeccións. Logo do traballo de remasterización, pódense consultar con calidade na web do proxecto.

www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:04
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Carlos Nuñez
‘Brasil é un país menos portugués ca galaico’
Mar Barros . Despois de pescudar nos ritmos peninsulares, nos contactos co mundo flamenco e o árabe e de afondar no diálogo entre a gaita e a guitarra, Carlos Núñez (Vigo, 1971) vén de aventurarse en 'Alborada do Brasil' na busca das conexións entre Galiza e o país americano.


O músico Carlos Núñez. Daniela Dacorso
Por que Brasil?

Teño unha relación familiar co Brasil. Meu bisavó, tamén músico, marchou para alá hai cen anos. Sempre se dixo que o mataran por ciúmes profesionais, pero nunca acreditei neste misterio. Hai dez anos din unha xira alí e quedei absolutamente namorado. Brasil é moi grande, con moitas músicas mesturadas que naquel momento non estaba preparado para afrontar.

Ademais de música entón, este disco agocha outras cousas.
No Brasil topei un país menos portugués e moito máis galaico do que imaxinaba. Sucede que Portugal engloba dúas culturas: Lusitania e Gallaecia. Cando Portugal chegou ao Brasil hai 500 anos tiña un carácter diferente ao actual, maioritariamente era máis galaico. De feito, o primeiro instrumento que se levou alá foi a gaita e non o violão (guitarra). Ese Portugal do norte emigrou cara o Brasil e cos miñotos viaxaron aspectos culturais agora presentes no interior deste gran país americano. O Brasil está cheo de fogueiras de San Xoán, de noites de luar, de orballo, de lusco fusco, de arcos da vella e de lobishomes. Descubrín alí unha sorte de Galiza que vive feliz, mesturada e cool. Os países europeos coñecemos só o samba, o carnaval e fútbol, o Brasil das grandes cidades que adora os símbolos do poder, gusta de relacionarse con Madrid e Barcelona e do mundo dos reis. En cambio existe outro Brasil maioritario, interior, que non consegue ter protagonismo internacional, probabelmente máis galego, no que ficou escondida a Gallaecia medieval. Por iso creo máis na galecidade de Brasil que na lusofonía.

Por que tanta cultura galaica no Brasil?
Houbo tres ondas de galecidade cara o Brasil. A primeira produciuse hai 500 anos co desembarco dos portugueses na outra beira do Atlántico. Aquel Portugal levou a cultura medieval que viña da Gallaecia. É certo que en Portugal se experimentaba tamén o despertar renacentista urbano da nova burguesía lisboeta, pero era minoritario. A seguinte onda tivo lugar no Barroco coa febre do ouro e dos diamantes, que provocou unha importante emigración cara Minas Gerais, de miñotos novamente e tamén de galegos. Por iso en Minas Gerais topamos unha musica máis barroca chea de terceiras moi semellantes ás dos nosos dúos de gaitas e coros. A terceira onda viviuse a finais do século XIX e principios do XX, xa só de galegos, que, como o meu avó, participaron na creación das novas músicas urbanas do Brasil, nas que se mestura a melodía europea co ritmo africano e a malicia indíxena.

Segue presente alí a gaita?
Como instrumento desapareceu pero tivo moito peso na tradición e a súa alma permanece. Hai moitas referencias de xefes indíxenas que ofrecían os seus fillos para que os evanxelizadores lles permitisen tocar a gaita ou de gaiteiros negros tocando en harmonía. A pesar de todo, a gaita desapareceu e transformouse noutros instrumentos e, por exemplo, o acordeón pasouse a chamar no sur gaita e no norte sanfona, é dicir, colleu o nome de instrumentos medievais que non resistiron o paso do tempo.

Onde acaba o Carlos Núñez etnógrafo e empeza o músico?

Está todo conectado. Este disco é unha investigación, pero sobre todo ten o obxectivo de tender a primeira ponte de moitas outras que virán. Espero que moitos galegos sintan que Brasil é unha prolongación de Galiza e que serva para aprendermos algo deles. Gustaríame que os nosos arquivos e os nosos investigadores estivesen tan ben organizados coma alí. Teñen en marcha ademais unha lei de incentivo fiscal pola que todas as empresas que invisten en cultura desgravan. É unha sorte de Xacobeo perenne. Seguramente a meirande parte dos discos culturais son froito desa lexislación.

Como foi o proceso de documentación?
Estiven un ano gravando e tres investigando. Foi fundamental internet para poñerme en contacto con músicos nese país tan grande. Hai unha teoría que explica por que Brasil, a diferenza dos países veciños, non se fragmentou. Cando o avance das tropas napoleónicas, o rei de Portugal escapou e trasladou a corte a Bahia e despois a Rio de Janeiro, dende onde aplacou os intentos separatistas das diferentes comunidades. Dese xeito mantívose pola forza como unha gran potencia que, curiosamente, buscou como filosofía que os identificase a da mestura. Nesa fusión os estudosos sempre lle deron prioridade ao africanismo do mesmo xeito que en Europa se primou o celtismo como explicación última da cultura e da identidade. Estes modernistas brasileiros que crearon a identidade nacional tamén tiveron contacto coa Xeración Nós. Nese sentido cabe destacar a viaxe de Guilherme de Almeida, interesado polas orixes das cantigas galaico portuguesas, e o seu contacto con Valentín Paz Andrade e Castelao. No seu discurso de entrada na Academia da Lingua Brasileira titulado Galliza patria da canção sostiña que todo o mundo trobadoresco lles chegara a través de Galiza. Agora cabe preguntarse que tería acontecido dese contacto entre modernistas e a Xeración Nós de non estoupar a guerra civil.

Contou no disco con voces destacadas do panorama brasileiro.
Foron xurdindo a medida que a aventura transcorría e con eles tratei de reflectir as diferentes culturas que existen. Está o Brasil baiano de Carlinhos Brown, un músico que pertence ao clan dos negros baianos que tivo moita relación cos galegos. Nada ten que ver co Brasil de Adriana Calcanhoto, que representa o dos trobadores urbanos contemporáneos. Tamén está reflectido no disco Minas Gerais ou a súa cara máis nordestina. Descobren en Galiza cousas deles que non coñecían ou que nunca lles contaran. A grande diferencia entre o Brasil e Galiza é que nos temos un espírito romántico no que a lingua e a cultura se refire. Seguimos mirando as artes como fillos da Xeración Nós. Pero eles son tamén animais de comercio. Alí é lingua de cultura pero tamén de negocio. Fáltanos esa percepción.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
Uns Pechan...
Pecha en Vigo un dos maiores centros de gravación de toda Galicia

Os estudos Areamáster de Vigo, un dos maiores centros galegos dedicados ás gravacións musicais, acaban de pechar as súas instalacións, angustiados polas débedas que acumulan. O peche coincide coa publicación do último gran traballo realizado pola empresa que dirixía Anxo Maciel, o deuvedé en directo da Vargas Blues Band. O traballo foi gravado a finais do pasado ano na sala de concertos que tiña incorporada a sala. Xunto a Javier Vargas tamén interviñeron naquel disco Raimundo Amador e Devon Allman, entre outros músicos.


Areamáster naceu en 1992, pero non deu o gran salto ata 1997, ano no que inauguraron os novos estudos deseñados polo enxeñeiro británico Philip Newell, un dos homes do selo Virgin cando comezaba a conformarse como a gran empresa discográfica que máis tarde foi. Nos últimos tempos, Areamáster non só era un estudo de gravación de primeira liña. Era un complexo musical integral, de máis de 1.500 metros cadrados, que contaba con dous estudos de gravación, dez salas de ensaio, seis aulas de formación musical con numerosas especialidades, sala de concertos con aforamento para 500 persoas, tenda de música, cibercafé, selo discográfico e un gabinete especializado en atender e asesorar aos músicos máis esixentes.
O oco deixado en Vigo por este estudo xa foi cuberto polos estudos Metrópolis, un espazo aberto fai dous anos, que tamén contou co deseño de Philip Newell. «Os grupos que queren contar cunha boa audición teñen que pasar por uns bos estudos», afirma Paulino, un dos propietarios do estudo. Aínda que é certo que os grupos musicais gravan con maior frecuencia cos seus propios medios, «despois ven obrigados a pasar por uns estudos para realizar o proceso de mesturas e masterización». A moza cantante viguesa Wöyza ou Juan Rivas empregaron estes estudos para finalizar os seus recentes traballos musicais.
Tanto Areamáster como Metrópolis víronse prexudicados nos últimos tempos polos servizos gratuítos que ofrece o Concello de Vigo aos grupos musicais da cidade. A través do departamento de Mocidade, o Concello pon a disposición dos mozos músicos locais de ensaio, que nas empresas privadas teñen unha tarifa de uso.

Bandas sonoras
Actualmente en Galicia, o sector dedicado ás gravacións comeza a realizar un xira cara a outro tipo de rexistros, especialmente enfocados cara ao audiovisual. é o caso dos estudos coruñeses Mans, tutelados pola Fundación Paideia. As grandes dimensións do seu estudo, máis de 240 metros cadrados, permiten que unha orquestra poida interpretar músicas destinadas ás bandas sonoras de películas. Heroína , O próximo oriente ou, máis recentemente, Castelos de cartón son algunhas das películas cuxas bandas sonoras foron gravadas nos estudos, situados no polígono industrial de Pocomaco.
Seguindo este ronsel, xa se preparan novos proxectos de similares características en chan galego.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Outros abren...
En setembro abrirá en Lugo un centro de 3.000 metros cadrados
O próximo mes de setembro inaugurarase en Lugo Cas d'Oleiro Media, «ou maior centro dedicado á industria cultural do país», segundo os promotores dunha iniciativa que gozará dos últimos adiantos audiovisuais.


En máis de tres mil metros cadrados de superficie, este centro prestará unha especial atención ás gravacións dirixidas cara ao audiovisual e, para iso, preparan un #estudio de televisión de mil metros cadrados de superficie. Contará tamén cun estudo de cen metros cadrados e seis metros de altura, dotado dunha sala de control de sesenta metros cadrados. O deseño deste novo proxecto foi asinado polo brasileiro Marcelo Tavares, enxeñeiro que recentemente deseñou os estudos da poderosa produtora portuguesa EP Produçoes. «Ou proxecto ten unha visión máis de conxunto para que a xente poida facer producións non audiovisual», explica Eloi Caleiro.
Macrocentro
Este macrocentro pretende diversificar a simple gravación de traballos de grupos musicais. «É un mal momento, e por iso é importante entrar non audiovisual para poder realizar producións ou tamén alugar ou espazo», engade o fundador de Sons Galiza, empresa que desaparecerá cando naza o futuro centro cultural.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-07-2009 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Susana Seivane
Comentarios (2) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Pito de Pikasso
No mes de maio de 2009 o grupo de Compostela meteuse nos Estudios Pousada Sons de Bertamiráns, para gravar o que o seu primeiro disco: KRAKSH!¡! (2009)

O grupo atual, composto por Luko (voz e guitarra), "Aceite Johnson" Spinelli (guitarra pajillera e coros), Marco Schaal (baixo e coros) e Milo (batería e coros) leva desde o 2004 en activo e con 2 maquetas ás súas costas, sacarán a principios de xullo o seu primeiro disco, no que ademais de recoller as cancións da súa segunda maqueta, engaden novos temas, ata completar un disco de 12 cancións que se poñerá á venda en diversas tendas, a traves da sua paxina web e tamén nos seus concertos.

A isto se engadirá unha presentación de KRAKSH!¡! que os levará por Galiza adiante, que dará comezo en setembro e coas primeiras datas xa pechadas. Podedes escoitar un adianto do disco no seu espazo de Nsaio

www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
"Haique" o novo disco de Coanhadeira

Ola a todos, este sábado dia 4 de Xullo, é a presentación do 1º disco do grupo "Coanhadeira".

Será as 22:00, no bar A Grándola, (praza de san Marcial - Ourense

Quedades todos convidados a vir


(http://coanhadeira.com)

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Nova Galega de Danza presenta o CD 'Tradicción'
ANT TV achégase á terceira entrega das músicas da Nova Galega de Danza, unha compañía que leva máis dunha década fusionando ao vivo a danza e a música de raíz galega, tradición e vangarda con vocación universal.

A triloxía comezou no 2003 co espectáculo Alento, que foi finalista dos Premios MAX como Mellor Espectáculo Revelación, mentres que a edición en CD da música ao vivo fíxose merecente do Premio Opinión ao Mellor Disco Galego do ano 2005, e da distinción de Mellor Disco de Folk do ano para a revista Efe-eme (nº 75).

Engado chegou catro anos despois, e estivo presente na XIV Feira das Artes Escénicas de Galicia, o Festival de Ortigueira 2006, Festival Madrid en Danza 2006, Festival de Danza ESCENA 2007 de Navarra, Festival de Paredes de Coura (Portugal), Festival Internacional Meet in Beijing 2007 (Beixín), a Expo Zaragoza no 2008, ou a apertura da pasarela Gaudí de Barcelona.

Agora chega Tradicción, que recibiu o Premio de Ciencias e Artes da Representación 2009 outorgado pola Fundación Premios da Crítica–Galicia. Este merecemento consolida a arriscada aposta realizada por Nova Galega de Danza. A banda sonora creada por Pedro Lamas para os sete bailaríns e bailarinas do espectáculo pode adquirirse nas tendas dende o 16 de xuño.

Pedro Lamas asume a composición e dirección musical, coa achega de dous temas de Jacobo de Miguel. Na gravación do proxecto están Xabier Díaz e Toño Domínguez (voz, gaita e percusión tradicional), Suso Iglesias (acordeón), Ricardo Rozas (guitarra), Juan Collazo (vibráfono e percusión tradicional), Miguel Queixas (batería e percusións) e o propio Pedro Lamas (saxo soprano, gaita e percusión tradicional). As mesturas e a masterización corren por cargo de Guillerme Fernández.

www.anosaterra.org

Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Nova Galega de Danza
O seu é sen dúbida un caso aparte, porque tratándose dun grupo musical suxeito a cambios na súa formación e cuxa principal misión é en realidade poñerse ao servizo dun espectáculo de danza (da compañía Nova Galega), sucede que converte cada un dos seus discos nunha boa noticia para a nosa música tradicional, reelaborada desde un punto de vista vanguardístico.

Fixérono con "Alento", repetírono con "Engado" e vólveno a conseguir con leste ?Tradicción? co que nuevamente un non pode por máis que deterse e escoitar atentamente un repertorio de pezas interpretadas cunha pulcritud, cunha exquisitez e, á vez, cunha modernidad e unha frescura que non se recordan desde os primeiros tempos de Milladoiro.

Faro de Vigo// S.R.
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Pancho Alvarez
O ex compoñente de Na Lúa e actual membro da banda de Carlos Núñez, Pancho Álvarez, configura paso a paso unha discografía propia en solitario que alcanza a súa terceira entrega con este "Sólidos Galicianos", peculiar título inspirado nunhas moedas acuñadas na época do antigo Reino de Galicia.

Serio e coherente á hora de afrontar os seus traballos, Pancho Álvarez aposta por un enfoque da música tradicional no que o acústico adquire especial protagonismo a través de instrumentos como o bouzouki, as guitarras ou a viola dá gamba. Trátase dunha interesante liña que deu tan excelentes froitos como os de "Entre Trastes" ou o trío Lizgairo. Acompáñalle á voz nesta ocasión unha excelente María Solleiro.

Salvador Rodríguez
Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Guadi Galego
E chegou o momento.
Este era o disco que o que máis e o que menos esperaba de Guadi Galego desde o seu debut en Berrogüetto e trala súa participación en varias experiencias nas que se algo quedou moi abofé iso era que nos achabamos ante a voz feminina galega máis prometedora e seguramente con maior proxección.

?Benzón?, ese paso adiante esta vez en solitario e asumindo todas as responsabilidades, confirma
todos cantos bos augurios prevíanse.
Estamos ante un álbum, se non perfecto porque para iso aínda lle quedan quilómetros por diante, si representativo da onde pode chegar esta cantante dotada cuns excelentes rexistros vocais e un duende provinte diso que en @flamenco chámase jondura.

S.R
Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-07-2009 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
Sonora Introterra
Ritmos de Pepe Vaamonde Grupo

O pasado mes de maio presentouse na cidade da Coruña o novo traballo de Pepe Vaamonde
Grupo, Introterra. O disco composto por once temas segue a liña marcada nos traballos
anteriores desta formación, Aviouga, a súa esstrea no ano 2002 que foi sinalado polo xornal
La Opinión da Coruña como un dos mellores discos folc do ano e Onde nace o vento, segundo traballo que chegou no 2006.


De novo unha mestura de pezas tradicionais con composicións do propio Pepe Vaamonde, outra volta pezas instrumentais acarón de temas cantados e a presenza dun dos elementos que compuñan a natureza segundo a civilización grega como leit motiv da obra. Se en Aviouga foi a auga quen funcionou de elemento unificador dos doce temas que compuñan o disco, en Onde nace o vento o aire, a forza do vento galaico era onde a formación procuraba a inspiración para as composicións, agora é a quenda da terra. Unha terra onde furan con silente paciencia as raíces esculcadoras de Pepe Vaamonde Grupo para seguir a lle dar xeito a súa forma de entender a música tradicional.

Choutando por riba do século XX, apenas representado por unha polca, todas as composicións de Introterra, tradicionais ou
non, apuntan cara ao século XIX. Non vai atopar quen escoita nin rumbas nin pasodobres, nin case ningunha referencia ou chiscadela ás achegas que a música galega foi recibindo ao longo do pasado século. O reto marcado por Pepe Vaamonde Grupo era facer música do século XXI a partir das sonoridades do XIX, na liña de folc clásico que vén acompañando á formación nos seus oito anos de vida, incidindo -como eles mesmos teñen manifestado- na procura do concepto de música galega máis no xeito que a formación lle dá a súa música ca no formato.

Abofé que o conseguen e incluso nos temas propios os padróns melódicos e rítmicos fan que as pezas se asemellen moito ao repertorio tradicional do século XIX. De todos os xeitos, non se debe confundir este desexo por pescudaren no pasado coa intención de querer trasladar unha foto fixa daqueles tempos á actualidade. Esa querencia pola música de hai máis de cen anos non é máis que o alicerce, a guía que sinala o camiño a seguir pero que en ningún intre impide ter claro o obxectivo: facer música contemporánea.

A meirande diferenza entre Introterra e os anteriores discos da banda dáse nas colaboracións.
Desta volta, todos os convidados e convidadas a participar na gravación son galegos. Se noutras gravacións a presenza de músicos foráneos, nomeadamente irlandeses, era notoria, neste novo disco todos son, como o propio disco, da terra. Xavier Feijoo, “Chisco”, e as pandereteiras As Vilarachas poñen a voz nos tres temas cantados; o primeiro en Toutón e “Ollos”, as segundas, en Laracha. Tamén colaboran o trompetista Abraham Cupeiro, o baterista Carlos Bastón e mais o gaiteiro Brais Monxardín que interpreta maxistralmente ao piano a derradeira peza do traballo acompañando a gaita de Pepe Vaamonde.

É precisamente esta canción, a fermosa “Dúas olladas”, a que dunha maneira máis precisa amosa a intencionalidade do grupo de crear música contemporánea dende a esencia do tradicional.
Achegándose á música clásica na estrutura, co latexo consistente do tradicional embaixo, mais a soar definitivamente actual. Dende logo un magnífico peche para toda a emoción sonora que estoupa sobre o ritmo do pandeiro xa no primeiro corte, o que lle dá nome ao disco, e se mantén ao longo dos 48 minutos de música que encerra Introterra.

Por outra banda, ademais das colaboracións devanditas, participaron na gravación do disco a formación habitual de Pepe Vaamonde Grupo: Pepe Vaamonde, gaitas galegas, frauta e whistle; Nacho Tobío, Acordeón; Pipo Alvariño, guitarras acústica e española e mais Xesús Vidal no baixo. A gravación, por vez primeira na súa andaina, realizouse fóra da Galiza. Estudios PKO de Madrid, foi o lugar escolleito para o proceso de gravación dun disco autoeditado pola banda e distribuído por Lonxa Cultural, a terceira achega na súa andaina á procura da quintaesencia musical que se atopa nalgures agachada tras a auga, o aire e a terra. Ficamos á espera do lume mentres gozamos con Introterra.

A importancia da música galega

Moitas voces teñen dito xa que a calidade da música que se fai no país neste comezo do século XXI é realmente impresionante.
Abonda con se achegar a calquera das poucas tendas que aínda venden música nas nosas cidades ou vilas e escoller ao chou catro ou cinco discos feitos na Galiza.
A sorpresa que nos levariamos sería moi grata. Por riba, o abano de grupos abrangue por vez primeira na nosa historia musical moito máis estilos ca o folc. O rock, xa dende hai anos presente, o hip-hop de formacións como Dios Ke Te Crew ou Os Trasnos de Moscoso, o jazz de Alberto Conde ou Abe Rábade, a exploración alén do eido folc de Ugia Pedreira e Guadi Galego e mais unha longa listaxe de grupos que medra día a día. En definitiva, a proba significativa dunha cultura que se mantén viva e vizosa no seu devir, interrelacionándose en pé de igualdade coas diferentes culturas coas que ten, dun xeito ou outro, contacto. A música galega pode perfectamente colocarse acarón da música brasileira, da irlandesa, da latina ou da anglosaxoa e, de mirármola cos ollos do capitalismo escangallado que nos toca arestora vivir, incluso converternos en importantes exportadores de cultura.

Xa que logo, decisións como a adoptada na recente reestruturación da radio pública galega de modificar os contidos e a liña do seu programa Aberto por reformas, que deixa de estar centrado na música de noso para dar cabida a outras músicas que teñen cumprida presenza ao longo do dial sorprendeu e até deu lugar a un manifesto en contra que recolleu en apenas unha semana o apoio de 2 000 persoas, 50 grupos musicais e máis de 100 asociacións culturais na rede. Persoas e colectivos que pensan que o apoio á nosa produción cultural, á nosa música, é fundamental para nos entender a nós mesmos.

DANIEL LAVESEDO
www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-07-2009 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer