Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Seguen os seráns
5 de xuño
- Serán do Remuiño (Paraños-Covelo)
- IV Serán do Gaiteirinho de Aldán (Cangas do Morrazo)

11 de xuño
- Serán no Alto do Viso-Redondela (a estrada que sobe A Peneda)
- Ruada na Carballeira dos Prados de Pigarzos (Xesta - A Lama)

12 de xuño
- Serán en Ribadelouro (Tui) no torreiro da festa
- Foliada na casa de veciños de Baíña (Baiona) (no antigo torreiro da festa, ó lado da autoestrada)
- Serán en Freaza (Fornelos de Montes) organizado por Eugenio da Pedra Quetiña de Touton.

19 de xuño
- Serán da "Noite da Moura" no campo da festa de Rebordechán (Crecente)
- Serán do mar de Baiona

20 de xuño
- Foliada de lembranza na Ponte de Mourentán (Arbo)

26 de xuño
- Serán en Fornelos de Montes

3 de xullo
- Serán das Meghallas en Pereiras (Mos)

10 de xullo
- Foliada en Amorín (Tomiño)

7 de agosto
- Serán en Valadares (Vigo) no monte dos pozos
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 04-06-2010 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
Serán e Festa do Chourizo de Paraños (Covelo)
O 5 e 6 de xuño en Paraños (Covelo), VII Festa do chourizo tradicional, onde poderedes degustar o chourizo tradicional galego en todalas súas variedades.

Non vos perdades esta festa coñecida en toda galicia. Vide, pasaremolo ven.
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 04-06-2010 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
XI Encontros de Música Tradicional de Carboeiro
Xa temos programa para o XI Encontros de Música Tradicional
5 de xuño de 2010 no mosteiro de carboeiro (silleda)


13.00. Sesión vermú a cargo dos grupos da bisbarra
•subasta das andas e procesión da santa ferreña (acompañada polos cabezudos de viravolta)

-apertura das exposicións:
• "respirar na punta dos dedos" . Conversas, tocatas e acordeóns diatónicos.
• museo da marioneta, casa do títere (lalín)

-feira de artesanía:
coiro, prata, abalorios, cerámica, madeira...

15:00- xantar popular (empanada, carne ao caldeiro, queixo con marmelo, pan, viño/auga, café e ghotas -12€)

Durante a tarde:

• xogos tradicionais para cativos/as e maiores
• "buscando milagres" con celsiño fndez. Sanmartín
• conversas, tocatas e acordeóns diatónicos

E ao que se vaia facendo de noite…
foliada ata que o corpo aghuante!

Acampada á beira do río deza
Telf info: 658 62 82 39

Viva a xuventude e a xente vella que non morra!!
Comentarios (3) - Categoría: Festivais - Publicado o 04-06-2010 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
V Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste

Os vindeiros 5 e 6 de xuño terá lugar o "V Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste". Este ano non se poderá celebrar a actividade central do "Encontro", a VII edición do "Concurso de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA", agardando que o vindeiro ano se lle poida seguir dando continuidade, as actividades que se levarán a cabo este ano son as seguintes:

Sábado 5 de xuño
CASAL DE FERREIRÓS (San Salvador de Poio)
11:30 h RELATORIO
Las edades de la gaita. Dr. Javier Campos Calvo-Sotelo

12:30 h PRESENTACIÓN
Presentación CD VI Concurso de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA.
Actuación de Albor (Pedro Álvarez, Ramón Corral e Miguel Souto), conxunto gañador da VI edición

13:30 h EXPOSICIÓN DE PINTURA
Inauguración da exposición Manuel Villanueva, o Gaiteiro de Poio, do pintor e gaiteiro Álvaro Novegil "Alvarellos" coa intervención de Manuel Orío Ávila, escritor, crítico, periodista e músico.

ESCOLA DO CAMPO (Combarro - Poio)

17 h -20 h CURSO DE GAITA
A gaita moderna: técnica e interpretación
Paulo González. Licenciado en Música Antiga e profesor de gaita no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa

DOMINGO 6 de xuño
CASAL DE FERREIRÓS (San Salvador de Poio)

11 h -14 h e de 17 h - 20 h CURSO DE GAITA
A gaita moderna: técnica e interpretación
Paulo González. Licenciado en Música Antiga e profesor de gaita no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa


Máis información:
- Concello de Poio / 986 77 00 01www.concellodepoio.es
- Asociación Cultural Pai da Cana www.paidacana.com / 626 82 54 42
Comentarios (0) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 04-06-2010 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
II Festival de acordeón (Bueu)
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-06-2010 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
Ruxe-Ruxe presenta novo disco na Coruña

O concerto terá lugar o vindeiro Sábado 5 de Xuño a partir das 21:30hs. na Sala O Túnel (Coliseum) da Coruña.

A entrada anticipada (Servinova) ten un prezo de 5€ e 7€ na taquilla o día do concerto. Ademáis para facilitar o desprazamento dos asistentes haberá autobuses ao remate.

Acompañarán a RUXE-RUXE as bandas coruñesas Fracasados de Antemano, presentando o seu disco homónimo e Loretta Martin que voltan aos escenarios despois de dous anos de parón.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-06-2010 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Lamatumbá en Melide
LAMATUMBÁ
PRESENTADO O SEU DERRADEIRO DISCO " A ORBITA DA BANDA HIPNÓTICA"


Sábado 5 xuño 23:59H.
SALA 600 de Melide


ENTRADAS: 6€ ANTICIPADA, 8€ TAQUILLA
A VENDA:
- ARZÚA: PEDRITO
- LALIN: BARRIGA VERDE
- MELIDE: O LAR, PINOCHO, SALA 600
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 04-06-2010 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Todos paramos o Galicia Spirit (Ferrol)
Comentarios (1) - Categoría: Festivais - Publicado o 04-06-2010 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Festinao (A Estrada)
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 04-06-2010 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Teresa dos Cucos no Alala

Hoxe, xoves, día 03/06/2010

Teresa "dos cucos" canta, canta todo o día e faino desde que era ben pequeniña, pois non deixou de cantar nunca, a pesar dos traballos e dos atrancos que a vida lle ía poñendo diante. Porque esta muller traballou moito no campo, na casa e ata facendo encofrados para axudar a seu home, que era albanel. Esta muller ten xenio, é alegre e faladora e sabe moitas coplas, as que soaban por Malpica cando ela era unha nena e que hoxe só lembran algúns maiores tan cantareiros e festeiros coma ela.


Hoxe, con 62 anos, dous fillos e catro netos, e con un xeonllo lesionado desde que hai dez anos caeu da bicicleta, segue a traballar na casa, axudando o home cando vai ao monte a buscar toxo e dando o seu paseo diario con Lucía, veciña e amiga da alma con quen comparte contos e cantares. E o que non perde nin cando trona é o ensaio dos martes coas pandereteiras de Limiñoa, a quen acompaña nas actuacións e coas que pasa os momentos máis divertidos.
Comentarios (0) - Categoría: Alalá / No bico un cantar - Publicado o 03-06-2010 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
Gala Benéfica Asociación de loita contra o Cancro
O 3 de xuño ás 21:00 h celébrase no Local de cine e teatro A Xuventude de Cecebre unha Gala Benéfica Asociación de Loita contra o Cancro.

Na Gala participarán:

SUSANA SEIVANE
PEDRO LAMAS
CANTAREIRAS DE ARDEBULLO (MUCHA E NUCHA)
E OUTROS -surprise, surprise...- ;)


Para a venta anticipada de entradas (PREZO: 10 €):
CARMEN: 981 672 517
AMELIA: 981 676 655
Mª JESÚS: 653 796 821
MERCHE: EN "REMERSAN" ( A CARÓN DA FARMACIA DE CAMBRE)

NON FALTEDES! COLABORADE COA CAUSA.
www.frouma.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-06-2010 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
Carta do Colectivo en Defensa da Gaita (CDG)

A Real Banda non nos representa

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere de novo manifestar a súa total indignación e malestar ante o que está a contecer coa serie de novas publicadas en distintos medios de comunicación con relación a última xira da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense por terras chinesas, onde participou representando, segundo din eles, aos galegos dentro da Semana de Galicia da Expo Universal de Shanghái á conta de todos nós.

É un erro moi grave e unha falta de respecto dicir nestas novas que a instrumentación e estética que emprega esta formación é galega e que os traxes e a súa música representan a nosa cultura. Simplemente temos que observar un pouco a agrupacións deste tipo para decatarnos que son todo menos galegas. Levamos anos e anos sendo partícipes desta gran farsa, desta manipulación total e absoluta por parte de Xosé Lois Foxo (Director desta agrupación e da Escola de Gaitas ourensá) e de tódolos organismos públicos e privados (Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Caixa Galicia, Caixanova, etc.) que apoian esta copia mal feita do modelo escocés nas bandas de gaitas e que presumen de defender a nosa terra. Xa vemos. E máis cando institucionalmente esta agrupación presume de representar a Galicia co beneplácito dos nosos gobernantes. Porque o Señor Foxo sabe de sobra e é consciente de todo o dano que está a facer. E ese máis que repetido argumento de que hai que evolucionar cae polo seu propio peso porque o que se está a facer é copiar directamente: gaitas cos roncos cara arriba (imitando ás escocesas), bastón de mando militar, tambores e bombos de alta tensión (os mesmos que os das bandas escocesas), pezas manipuladas ao seu antollo, malabarismos e desfiles espectaculares. Todo moi galego segundo eles.

O CDG limítase a informar e concienciar á cidadanía desta inxusta situación que estamos a vivir na nosa música dende hai xa case vinte anos. Esta confusión fai que o pobo asuma como propio algo que non é de aquí. E o máis triste é, sen dúbida, que os espectadores que presenciaron á Real Banda neses concertos pensan que a música galega é así e identifican iso como o que non é. Lamentable e vengoñento. Basta xa de mentiras e enganos.

Colectivo en Defensa da Gaita (CDG)
www.cdg.es.vg
colectivoendefensadagaita@yahoo.es
A ÚNICA LOITA QUE SE PERDE É A QUE SE ABANDONA
Comentarios (13) - Categoría: Novas - Publicado o 02-06-2010 14:42
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do novo disco de Pradairo
Dous anos despois de presentar o seu primeiro traballo, Pradairo volta cunha nova proposta chea de tradición e innovación, sentimento e creatividade na que se mesturan sen complexos o mellor da música de raíz e do folk actual.

Pateado é a reafirmación das nosas músicas como punto de partida irrenunciable para chegar a unha proposta musical diferente coa que nos poidamos sentir identificados.

Dez músicos, dez temas, dez realidades sonoras que flúen sen esforzo por todas as tímbricas dos nosos instrumentos coloreados con tinguiduras doutras terras. Ritmo e creatividade cos pés na terra. Pateado.

A presentación terá lugar ás 21h o xoves 3 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-06-2010 14:36
# Ligazón permanente a este artigo
Susana Seivane ofrecerá o xoves en Cambre un concerto benéfico
A recadación destinarase á Asociación Española Contra el Cáncer e durante o recital participarán o dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo e o director da compañía Nova Galega de Danza.

A gaiteira Susana Seivane ofrecerá o xoves ás nove da noite no Centro Cultural de Cecebre en Cambre (A Coruña), un concerto benéfico cuxa recadación se destinará integramente a financiar as actividades da Asociación Española Contra el Cáncer.

Segundo informou hoxe a Xunta Provincial da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) na Coruña, con ela estarán as Cantareiras de Ardebullo, o dúo cómico formado por Marcos Pereiro e Xosé Touriñán, famoso polas súas aparicións na Televisión de Galicia. Tamén actuará o músico Pedro Lamas, actual director da compañía Nova Galega de Danza.

O concerto está organizado pola Xunta Local de Cambre da Asociación Española Contra el Cáncer, en colaboración co concello. As entradas estarán dispoñibles ao prezo de 10 euros e poden adquirirse nas instalacións do propio Centro Cultural, antes da actuación.

Susana Seivane presentou a finais do ano pasado Vos soños que volven, o cuarto disco da súa carreira. Trátase dunha viaxe nostálxica aos seus inicios na música tradicional galega, coa que celebrou o seu décimo aniversario como profesional da gaita. Neste ano Xacobeo, participa no libro-disco oficial do Camiño de Santiago, titulado Cantigas do Camiño, que mostran unha visión da música das rutas compostelanas.

www.xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 02-06-2010 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Berrogüetto lanza un concurso de nanocontos
O grupo de folk Berrogüetto vén de lanzar a través da plataforma Facebook un concurso de nanocontos na que poden participar os seus máis de 6.000 seareiros como escritores e xurado.

A raíz da publicación do seu último traballo, Kosmogonías, Berrogüetto organiza un concurso de nanocontos. 100 palabras, cun título, formulación, nó e desenlace é o necesario para presentarse a este certame co que o grupo quere presentar un reto aos seus seguidores.

O prazo de presentación das propostas remata o 15 de xuño que se organiza a través da rede social Facebook que terá como agasallo asistir ao último concerto da xira de presentación que o grupo está a realizar en Galiza, que terá lugar o 22 de xuño en Ourense e un disco firmado.

Os seareiros serán os que ditaminarán o nanoconto gañador, que terá que ser unha historia en si mesma e non o resumo dun texto máis longo, ambientada no kosmos, tema central de Kosmogonías.

www.anosaterra.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-06-2010 14:47
# Ligazón permanente a este artigo
As "burras" buscan substitución
A Concellaría de Cultura non atopa candidatas para substituír ás danzantes que portan ás "penliñas" no tradicional baile do Corpus

A danza das "penlas", unha das tradicións máis arraigadas das Festas da Coca de Redondela, podería desaparecer en próximas edicións. A falta de candidatas para unha substitución xeracional das "burras", as mulleres que portan ás nenas sobre os seus ombreiros, pon en perigo este orixinal baile que cada ano acompaña á Danza de Espadas na procesión do Corpus.

"Levamos tempo buscando a voluntarias para relevar a unha delas, pero ninguén quere", asegura o concelleiro de Cultura, Eduardo Reguera, que admite que non é fácil atopar a unha muller coa preparación física necesaria para este baile, que require de dous meses de duro traballo entre a selección das nenas e os ensaios. "Hai que ter en conta que debe bailar cunha nena duns quince quilos sobre os ombreiros durante quince minutos, que non é nada sinxelo e ademais supón unha gran responsabilidade", apunta Reguera.

Este problema, con todo, non se da entre as "penlas" e os danzantes de espadas, para os que hai mesmo lista de espera. "Para calquera redondelano supón un prestixio participar nesta tradición, pero coas ´burras´ custa atopar voluntarias, quizais pola condición física que require", xustifica.

A substitución das "burras" iniciouse o pasado ano por un problema de saúde dunha delas, Isabel Veiga, que levaba máis dunha década realizando este labor. A danzante foi substituída pola moza Sonia Ferreira, de 32 anos. Con todo, nesta edición pediu a substitución a outra bailarina veterana, María Dores Otero, aínda que a falta se candidatas obrigaralle a aprazar a súa "xubilación" para o próximo ano.
Ademais, o departamento de Cultura tamén desexa ter a unha terceira "burra" preparada por se ocorrese algún imprevisto de última hora.

As Festas dá Coca comezan mañá coa lectura do pregón a cargo do etnógrafo e historiador Clodio González Pérez, autor do libro "A coca e o mito do dragón", no que fai referencia á lenda do Corpus redondelano.
O día grande será o xoves, coa tradicional procesión polas rúas da vila, decoradas con alfombras florais.
A contorna da Casa da Torre transformarase nun mercado medieval durante o fin de semana con distintos grupos de animación durante todas as xornadas. A principal novidade será o espectáculo "A lenda da Coca", representado pola compañía valenciana Carros de Foc, cun gran dragón de 21 metros.

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-06-2010 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
Un músico de Pazos patenta unha máquina para crear pezas de gaitas
Polas veas de Xaquín Míguez corre sangue de músico, que el foi mesturando coa súa alma de artesán e o enxeño dun inventor. Esta mestura de artista, como non podía ser doutro xeito, desembocou nunha novidade que podería revolucionar o mundo da fabricación do instrumento galego por antonomasia. O pequeno tesouro atópase no taller que este popular músico, coñecido como Xocas, ten na súa casa de Pazos de Borbén. Un verde brillante ao fondo da sala e un papel de instrucións á fronte son as súas armas para sacar de anacos de cana pezas de gaita: as palletas.

Este pequeno fragmento está situado no punteiro e é o responsable de darlle o son ao instrumento. «Segundo a tonalidade con que se faga a gaita leva unha palleta diferente. Por exemplo, para unha en Do, debe afinar en Sol sostido», recorda o experto, mentres fai unha demostración.

Todos os pasos do proceso están contemplados no pequeno instrumento. Nun lateral dáselle o tamaño adecuado ao pedazo de madeira, restándolle os sobrantes para lograr as medidas adecuadas. Mediante un torno, outórgaselle o grosor necesario. O resultado final debe ser unha peza duns poucos milímetros. Para evitar que rompa durante o proceso, o aparello inclúe uns ganchos de suxección e aspersión por aire para evitar que caia mentres se púe.

Unha vez que se dobra á metade, chega o momento de adecuar a base da palleta. As medidas están tamén contempladas na máquina. Colocar a peza nunhas ranuras da parte esquerda é o mellor método para despois restar cunha navalla os pedazos saíntes. Un saínte do amasillo de ferros verdes serve tamén para colocar o fío que terá na base a pequena peza. Con mimo e coidado Xocas coloca un arandel e remata o cordel negro. O último paso, xa depende da artesanía e o enxeño. Unha navalla ben afiada e a maña do autor serven para dar o ton necesario á palleta e deixala lista para o seu uso, logo de estampar a firma.
«O proceso de facelo de xeito artesán leva moitísimo máis tempo. Hai que ter moito coidado para que non rompa mentres se traballa. Deste xeito pódese facer moitas máis en menos tempo», apunta este gaiteiro.

Tan ilusionado está co seu invento, que xa iniciou os trámites para patentalo. No seu obradoiro xa conta con toda a documentación necesaria que enviou a Madrid co obxectivo de que a mecánica da súa máquina quede rexistrada. «Non o fago con fins lucrativos, pero quero que quede constancia», apunta este artesán, cuxo invento espertou xa o interese de moitos outros compañeiros de paixón musical.

A súa inventiva non só queda nas palletas. Aínda que non é experto en composición, animouse a crear seis pezas. Parte da inspiración para facelo naceu da súa primeira neta, a pequena Antía, que con ano e medio xa pode presumir de ter unha xota co seu nome.
Mentres espera para rexistrar estes traballos, a súa cabeza non para. Facilitar o traballo dos gaiteiros coa súa inventiva, facer de xurado en concursos musicais, cantar nunha coral e actuar coa súa gaita por toda a provincia son algunhas das súas tarefas habituais.

La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-06-2010 11:24
# Ligazón permanente a este artigo
The Homes cumpren cinco anos
O cantante, guitarrista e letrista Martin Wü, o baixista Roi Fernández, o batería Xocas López e o teclista Cristovo convertéronse nunha das bandas máis estábeis do panorama galego. Power pop con pegada pegada punk ou, como lles gusta denominalo a eles, pop extremo, que o vindeiro xoves cumprirá un lustro sobre o escenario das Crechas.

Mamaban do post-core de Hüsker Dü ou Fugazi, cantaban como os grupos da nova onda británica de finais dos setenta, falaban igual que Andrés do Barro, e apenas sobresaían un metro e medio do chan. The Homens transitan desde a infancia o underground. No verán de 2005 autoeditaron o seu primeiro disco, cheo de refráns de intensidade bailábel. Logo de percorrer escenarios e outra serie de taboados, na primavera de 2006 sacan á rúa o segundo EP, con máis pop, máis intenso e no que as súas influencias se suman con forza ás de Teenage Fanclub, Barracudas, os Pixies, os Shins e os grupos de post punk. Hai quen di que con Cuarta Potencia (Lixo Urbano, 2009), o seu último disco, se abrandaron. Basta unha charla con eles e dúas voltas ao LP para desmentilo. O responsábel do último son é Santi García, dos estudios Ultramarinos Costa Brava de Sant Feliu de Guíxols, polo que pasaron grupos como Nueva Vulcano, Tokio Sex Destruction ou Delorean. "A idea que levabamos antes de facer o disco era un pouco diferente do que finalmente saíu –di Roi Fernandez, baixista de The Homens–. Queriamos ser algo máis rupturistas, pero somos o que somos e estamos moi contentos co resultado. Tamén estivo Santi, a quen lle gusta moito o guitarreo e ten moito talento para facer arranxos por aí, o que en parte nos acabou levando por ese camiño, do que gostamos". Sobre a última incorporación á banda, o teclista Cristovo, The Homens xa non imaxina a vida sen el: "O que fai dálle un punto melódico chulísimo e xa se volveu fundamental no sonido do grupo".

O vindeiro xoves tres de xuño celebrarán cinco anos de unión cun directo –o seu mellor estado– na Casa das Crechas de Santiago. Pouco espazo para tanta furia dunha banda que non fixo máis que empezar.

A que vén celebrar cinco anos xuntos? Nos tempos efémeros da sociedade do divorcio en que vivirmos hai que se apurar nestes
festexos?

Martin Wü: En realidade cadrou un pouco así. Nunca tocaramos nas Crechas e como coincide que facemos cinco anos por estas datas, tiñamos ganas de facer algo distinto. Temos que variar, porque se non tamén nos aburrimos.

É ese o segredo da súa sólida relación?
M.W.: O segredo é que somos bos amigos pero non nos metemos en exceso nas vidas dos outros, o que é dificil porque incluso algúns, como Xocas e eu, traballamos xuntos. Acho que en cinco anos non nos enfadamos nin unha soa vez.

Con razón se aburren.
M.W.:E nin sequera nos poñemos podres ás costas.

Está seguro?
M.W.:Unha cousa é o mobbing, que si que practicamos habitualmente entre nosoutros, e outra cousa é rajar, que nunca o
facemos.

Roi Fernández: Nunca (ri). O tempo pasounos moi rápido, pero nós considerámonos corredores de longa distancia, algo que na inmediatez da música actual talvez soe estraño.

Quere dicir que hai Homes para tempo?
R.F.: Nunca sabes onde te pode colocar a vida, pero as cousas están a ir moi ben e mentres sigamos todos por aquí e teñamos ganas farémolo.

Xocas López: A verdade que o tema das celebracións nos grupos sempre chega cando comezan a estar acabados e xa non lles queda moito por dicir. Creo que non é o noso caso, pero igual si que nos serve para pechar unha etapa. Aínda que cinco anos non son nada, para nós, como grupo e como persoas, pasaron moitas cousa e se botas a vista atrás si que temos que celebrar. Imaxine catro tipos da periferia europea que conseguiron gravar
dous discos nun dos mellores estudos da Península, estar case un mes en San Feliu de Guíxols, tocar en todo o país en salas cheas, tocar en Barcelona no mesmo escenario onde teño visto a ídolos meus, editar catro discos, ir de xira a Alemaña e cruzar Europa en 15 días, comer en lugares fantásticos e sobre todo facer moitos colegas. E todo isto sen poñer un peso do peto particular de cada un. Aínda que nos leváramos coma o can e o gato compensaría aguantar.

Pero ningún de vostedes vive da música. É algo imposíbel hoxe en día?
M.W.: Totalmente imposíbel facendo o que nós facemos. Xente que viva da música exclusivamente hai moi pouquiña.

R.F.: E nós para vivir disto temos certas limitacións para entrar na industria musical comercial. Non facemos música comercial, cantamos en galego...

Pero se o galego é o tema de moda, até teñen decreto ad hoc.
R.F.:Con respecto diso, gustaríame reivindicar que nos deixen extinguir en paz. Que máis lles ten, para que acelerar o proceso, se nos imos extinguir igual.

X.L.: Tampouco é que cantar en galego sexa un acto arriscado. Arriscado hoxe en día é intentar pagar o piso a fin de mes e atopar traballo, iso si que é un deporte de risco. Facemos o que nos apetece e imos seguir facéndoo.

E como se ven cinco anos despois?
R.F.:Á parte de ser cinco anos máis vellos, cos conseguintes cambios físicos, cambiamos algunhas cousas na banda. Por exemplo, quitamos as camisolas de raias.

Por que agora son máis maduros?
R.F.: Non, é que se nos empezaban a notar as lorzas. As cousas están ben cando che parece divertido, pero levar un uniforme por levar, non ten sentido. Pero, ben, tampouco somos un grupo que vaia pola vida sacando conclusións.

E xa non conta chistes no escenario?
R.F.:Algunha vez, cando tarda moito Martiño en afinar, pero a tradición do chiste do baixista a verdade é que esmoreceu.

Eu que quería que me contase o do batería.
R.F.:O de como se sabe que un escenario está nivelado?

E porqué?
R.F.:Porque cando pasa unha tía cachonda ao batería caelle a baba polos dous lados da boca.

X.L.: Claro, sempre queda ben meterse cos baterías que non teñen voz, en cinco anos non me deixaron ter un micrófono en directo para poder contrarrestrar estes ataques...
O día que levanten a prohibición o público pasarao moito mellor e ademais poderá gozar coa miña fantástica voz...

Non se queixe, o batería está detrás porque é o que máis ocupa, pero ten unha posición privilexiada en escena, visualízao todo.
X.L.:Si, teño unha posición moi priviliexiada, teño composto na miña cabeza o mapa perfecto das cachas dos meus compañeiros. É o peor lugar, é onde menos te ven e moitas veces onde peor se escoita, pero no fondo gústame, prefiro pasar desapercibido, onde se nota máis a miña presenza é despois na barra dos bares, en escena son máis tímido.

Por certo, na portada da web de The Homens (www.thehomens.com) hai catro tipos estraños coa imaxe de vostedes reflectidda. É así como se senten ou que significa tanta fealdade?

R.F.: Como fealdade? Somos nós.

De feito, Roi, xa que fala, o máis desagradábel á vista é vostede.
R.F.: Pois trátase en realidade das nosas caras mesturadas.

Non reparara. É dicir, que vostedes mesturados son así de feos.
R.F.: Totalmente. E fíxese en Xocas, que son case eu pero calvo.

Que espanto. Foi un día que non tiña moito máis que facer e dediqueime a experimentar con nós e co concepto de unidade, de unión. Na vida real, mesturámonos o xusto.

Visto o resultado non é de estrañar. Con que nos sorprenderán no concerto aniversario?

M.W.: Imos tocar a maioría das cancións que non son nosas que fixemos durante estes cinco anos. As que fomos facendo nos concertos e algunha máis que fixemos no local e nunca nos saíu, que faciamos e seguimos facendo mal. Unha dos Samesugas, unha dos Beat, dúas dos Beatles, unha de Kiss, tentaremos tocar unha de Nueva Vulcano.

En pleno proceso compositivo, foi pai Martiño, que a parte de vocalista é guitarra electrista. Iso nótase no resultado?

M.W.: Penso que si. Din que cando te fas pai vólveste máis conservador, pero a min pasoume ao contrario, volvinme moito máis furón. Dáme a impresión de que os nosos fillos van vivir moito peor ca nós por primeira vez en moito tempo e é algo que me preocupa moito. En cuestión dun mes estanse a tombar logros sociais de ducias de anos, e é inevitábel, porque se non vai o mundo abaixo. É a doutrina do shock na túa puta cara.

Diso fala nas letras de Cuarta Potencia. En À la Guillotine!, Alba Nuclear ou incluso Crocanti. Pensaron que as cousas se ían pór tan mal?
M.W.:Non.

Van ter que sacar un disco corrosivo de urxencia.
M.W.:Nós queriamos facer agora un disco con temas alegres e luminosos e positivas, pero non ten pinta de que nos vaian saír. Haberá que drogarse máis para ver as cousas doutro xeito.

Casa Xurásica, o fervedoiro punk galego do Castiñeiriño“Cando non era moi común ver a rapaces novos tocar en grupos punks e isto se asociaba coa drogadicción e a alcoolemia, o barrio do Castiñeiriño acolleu un grupo de pioneiros do punkrock galego, con Soni dos Redullos á cabeza (ao que nunca lle daremos agradecido o seu entusiasmo e a súa vitalidade) comezaron a ensaiar, alá por comezos dos 90”. Cóntao Xocas López, o batería de The Homens, que brega desde hai anos entre as paredes dun local de ensaio bastante singular.

No Castiñeiriño se erguían as dúas primeiras Casas Xurásicas, auténticos fervedoiros do punkrock galego, onde se criaron musicalmente as mellores bandas do underground do país. Samesugas, Fame Neghra, Redullos, Dirty Barriguitas, Por teléfono ou Street Fighters pasaron polas sucesivas paredes.“Tamén ensaiaba alí ocasionalmente todo grupo compostelán que estivese na mesma onda cós Fulsomes”, puntualiza Xocas e alí se atopa aínda a Asociación homónima. A Casa Xurásica, xa vai pola terceira localización. “Agora cambiamos para Meixonfrío”, conta Alberte Lixo. “Na primeira era a que máis vida tiña, estaban os Street Fighters que eran do barrio, rapaces máis novos, e agora é como calquera outro local de ensaio, cun ambiente fluído, de prestarnos materiais, de facermos cousas xuntos”. Alberte non é outro que o editor de Cuarta Potencia, a través do veterano selo Lixo Urbano, do que é fundador canda Mario Couceiro, alias Mario Calexa, motor do underground en Compostela.

Segundo Xocas, “a deterioración da casa, que hai tres anos xa era xurásica de máis, motivou o traslado a outro local veciño no mesmo barrio. Para daquela xa estaban ensaiando Samesugas, pasaran os Street Fighter, Os Lorchas e nós. Pero como o “progreso” se desatou de forma frenética, esta segunda Casa Xurásica veuse afectada polas obras de entrada do AVE en Compostela, e igual que algúns dos veciños, fomos obrigados a cambiar de barrio, xa que a especulación urbanística apenas deixou espazo para nós no amado Castiñeiriño –onde continúa a Asociación Xurásica–. O feito é que despois de 15 anos segue a ser un referente na escena, somos os grupos da Xurásica e en moitos lugares coñécennos por formar parte deste colectivo que, tamén se dedicou a máis cousas, pero iso é outra historia”.

Nesa contorna, entende Alberte como “natural” a edición do último do Homens “porque son amigos, compartimos local de ensaio, estamos vencellados á Asociación Xurásica e xa no último ano xa lle levaba os concertos con Morcego management”, conta o tamén baixista de Samesugas. E engade: “Polos meus gustos punks, eu era máis fan do que facían ao principio, máis power pop, que é algo que manteñen totalmente nos directos, onde se poñen máis bravos, máis punks, máis garaxeiros”.

Roi Fernández discrepa da tendencia: “A cuestión do punk non é estritamente musical, senón que ten que ver moito cunha actitude de cara ás cousas que a un o rodean e nós, nese sentido,
seguimos a nos considerar bastante punks. A nosa visión do pop, ou o que sexa que facemos, garda ese espírito. É certo, e iso verase no concerto das Crechas, que nos primeiros temas había unha influencia moi grande do power pop clásico dos oitenta. Tamén que cando nacimos na Casa Xurásica ao comezar a probar a tocar xuntos Martiño, Xocas e máis eu, nos conformamos supostamente como grupo punk”.

Debería haber máis locais de ensaio ‘oficiais’ as bandas viven ben na clandestinidade? “Nós estamos ben como estamos –responde Xocas–, non cambiariamos pero si que está moi ben que haxa locais que apoien a xente nova para comezar a ensaiar. Iso fomenta a creatividade e da pé a que os rapaces teñan unha alternativa de ocio na que están a facer o que lles gusta e ao mesmo tempo desenvolven as súas capacidades creativas. Nunca hai dabondos, a demanda é moi alta e deberíase intentar cubrila na medida do posíbel”.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 01-06-2010 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer